From Wikipedia, the free encyclopedia
As proteínas laminas nucleares, tamén chamadas filamentos intermedios de clase V, son proteínas fibrosas que desempeñan unha función estrutural e unha regulación transcricional no núcleo da célula. As laminas nucleares interaccionan con proteínas asociadas á membrana nuclear interna para formar a lámina nuclear na cara interna da envoltura nuclear (obsérvese a ortografía de lamina e lámina). Están implicadas na rotura e rexeneración da envoltura nuclear durante a mitose, e no posicionamento dos poros nucleares.
Nas células animais existen as laminas A e B, as cales difiren na súa lonxitude e punto isoeléctrico. As células humanas teñen tres xenes regulados diferentemente para codificar estas proteínas.
Estas proteínas localízanse en dúas rexións do núcleo celular, a lámina nuclear (unha capa proteica situada debaixo da cara interna da envoltura nuclear) e no nucleoplasma, no chamado "veo" nucleoplásmico.
Se comparamos as laminas cos filamentos intermedios do citoesqueleto veremos que as laminas teñen uns 42 residuos extra (seis héptadas) na espiral 1b. O dominio da cola C-terminal contén un sinal de localización nuclear (NLS), un dominio cun pregamento de Ig, e en moitos casos unha caixa CAAX carboxilo-terminal que está isoprenilada e carboximetilada (a lamina C non ten a caixa CAAX). A lamina A sofre un procesamento posterior no que se lle eliminan os últimos 15 aminoácidos e a súa cisteína farnesilada.
As laminas A e C forman homodímeros que se asocian cabeza con cola.
Durante a mitose as laminas son fosforiladas por factores promotores da mitose (MPF), o cal orixina a desensamblaxe da lámina nuclear e de toda a envoltura nuclear. Despois da segregación dos cromosomas, a desfosforilación das laminas nucleares provoca a rexeneración da envoltura nuclear.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.