From Wikipedia, the free encyclopedia
Os mecópteros (Mecoptera), do grego meco- 'longo' e -ptera 'ás', son unha orde de insectos cunhas 550 especies distribuídas en nove familias, que se encontran en practicamente todo o mundo. A maior das súas familias é Panorpidae, cuxos membros se denominan ás veces moscas escorpión, porque os seus xenitais están agrandados e parecen o aguillón dun escorpión, aínda que son inofensivas. Os Bittacidae son outra familia importante de corpos alongados coñecidos polos seus elaborados rituais de apareamento, nos cales as femias elixen os machos baseándose na cantidade de presas de regalo nupcial que lles ofrezan os diversos machos.
Mecópteros Rango fósil: Permiano - Actual (299-0 Ma) | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho de Panorpa communis | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Familias[1] | |||||||||||
|
Aínda que os mecópteros modernos son na súa inmensa maioría predadores ou consumidores de organismos mortos, os primeiros que apareceron na historia deste grupo puideron ter desempeñado un importante papel ecolóxico como polinizadores de extintas ximnospermas antes de que aparecesen outros insectos polinizadores.[2][3]
Os mecópteros son insectos de tamaño pequeno a medio con corpos alongados delgados. Teñen pezas bucais relativamente simples, con longas mandíbulas e palpos carnosos, que lembran ás dos máis primitivos dípteros. Como moitos outros insectos, posúen ollos compostos na parte lateral da cabeza, e tres ocelos na parte superior. A maioría dos mecópteros aliméntanse de vexetación en ambientes húmidos; en climas máis cálidos, só poden estar activos durante curtos períodos do ano.[4]
As ás teñen unha forma estreita, con numerosas veas transversais e con certo parecido ás dos insectos máis primitivos como os efemerópteros. Porén, uns poucos xéneros, teñen ás reducidas ou perdéronas totalmente. O abdome é cilíndrico e cúrvase cara adiante nos machos, que lembran superficialmente a cola dun escorpión, cuxa punta contén unha estrutura agrandada chamada bulbo xenital.
As femias poñen os ovos en estreito contacto coa humidade e os ovos absorben auga e aumentan de tamaño despois de postos. Nas especies que viven en condicións cálidas, os ovos poden tardar en eclosionar varios meses, e as larvas só emerxen cando finalizou a estación seca. Porén, o máis normal é que eclosionen nun curto período de tempo.[4]
As larvas son xeralmente de tipo similar a unha eiruga, con patas verdadeiras curtas con garras e varias propatas abdomninais. Teñen cabezas esclerotizadas con ollos compostos e pezas bucais mandibuladas. O décimo segmento abdominal pode levar un disco de succión ou, menos comunmente, un par de ganchos. Xeralmente comen vexetación ou comen prea de insectos mortos, aínda que se coñecen algunhas larvas predadoras.[4]
As larvas arrástranse polo chan ou a madeira podre para pupar e non tecen un casulo. As pupas son exaratas, o que significa que as extremidades non están pegadas ao corpo e poden moverse, e poden mover as mandíbulas, pero fóra diso son enteiramente inmóbiles. Nos ambientes máis secos, poden pasar varios meses en diapausa, antes de emerxeren como adultos unha vez que as condicións son máis axeitadas.[4]
As análises de ADN indican que as pulgas, tradicionalmente unha orde separada (Siphonaptera), poden considerarse como mecópteros altamente especializados.[5] Os Boreidae son un clado irmán dos Siphonaptera, polo que "Mecoptera" é parafilético, pero hai un clado que contén tanto a Mecoptera coma a Siphonaptera, cunhas 3.000 especies coñecidas.[6] Dúas sinapomorfias son a produción de resilina, un tipo moi flexible e elástico da cutícula e unha reversión a ovaríolas panoísticas.[7]
Os mecópteros teñen especial importancia na evolución dos Insecta. Dúas das máis importantes ordes de insectos, Lepidoptera e Diptera, xunto con Trichoptera, probablemente evolucionaron a partir de antepasados que pertencían (ou estaban estritamente relacionados) aos Mecoptera. Isto faise evidente polas semellanzas anatómicas e bioquímicas, pero, ademais, descubríronse fósiles transicionales, como Permotanyderus e Choristotanyderus, que se encontran a medio camiño entre os Mecoptera e os Diptera.[4]
O grupo estaba antes moito máis estendido e diversificdado que na actualidade, e tiñan catro subordes durante o Mesozoico.[4]
Propúxose que as especies de Mecoptera extintas foron importantes polinizadores de plantas.[2][3] As plantas con sementes iniciais ximnospermas non anxiospermas durante o Xurásico medio ata a metade do Cretáceo temperán se cría que eran polinizadas principalmente polo vento. Porén, o exame dos mecópteros fósiles mostran que teñen un aparato de alimentación tipo sifón que podería fertilizar as primeiras ximnospermas ao alimentarse do seu néctar e pole. A falta dun enriquecemento en ferro nas súas probóscides fosilizadas descarta o seu uso para chuchar sangue. Unha cuestión que se lle fai a esta proposta é por que ata agora non se atopou pole asociado con estas pezas bucais, o cal é sorprendente en insectos incluídos en ámbar que debería preservar o pole, pero "novos fósiles poderían proporcionar esta información", segundo responden algúns autores.[2]
Identificáronse once especies que pertencían a tres familias, Mesopsychidae, Aneuretopsychidae e Pseudopolycentropodidae para as cales "disponse do nome que as engloba Aneuretopsychina".[3] As súas lonxitudes van de 3 mm en Parapolycentropus burmiticus a 28 mm en Lichnomesopsyche gloriae.[3] A probóscide podía ser de ata 10 mm. A transferencia de pole suxeriuse que puido ocorrer polo transporte na superficie do corpo sobre as pezas bucais e a cabeza, pero non se atoparon asociados co pole, aínda que os insectos foron conservados en ámbar.[3] Crese que polinizaban plantas como as Caytoniaceae, Cheirolepidiaceae, Czekanowskiaceae, Pentoxylaceae e Gnetales, xa que os seus órganos ovulares son pouco axeitados para a polinización polo vento ou teñen estruturas que podían soportar unha alimentación por fluídos por longas probóscides.[3]
Os mecópteros Bittacidae proporcionan unha comida nupcial na forma dunha presa (insecto) capturada. O tamaño da presa está correlacionado co tempo de apareamento que permite a femia:[8]
"Durante a copulación ofrécense para ser comidos alimentos como eirugas, insectos e moscas. A femia é primeiro atraída por unha feromona emitida por unha ou máis vesículas ou bolsas ao final do abdome do macho. Cando a femia está preto, as vesículas están retraídas. A femia examina o regalo mentres que o macho busca os xenitais dela cos seus. Se o regalo é rexeitado, as femias vanse voando. Se o regalo é aceptado, os xenitais do macho acóplase cos da femia, que se baixa ata que ela queda colgando patas arriba. Ela come o regalo durante a copulación. O macho sostén as femias termando das patas dela ou a presa. As observacións de campo mostran que ambos os sexos se aparean varias veces por día. Os regalos pequenos ou inaceptables teñen como resultado ningunha copulación ou unha copulación durante un tempo moi curto. A duración depende do tamaño do regalo. Observouse que se a presa é de 3 a 14 mm de longo proporcionará de 1 a 17 minutos de copulación en Hylobittacus apicalis. H. apicalis máis grandes ofrecen presas do tamaño de moscas domésticas a cambio de 20 a 29 minutos de copulación. Isto resulta nunha transferencia de esperma máxima, incremento da ovoposición e un período refractario."
A entomoloxía forense usa o hábito dos mecópteros de alimentarse dos cadáveres humanos. Os mecópteros foron os primeiros insectos que chegaron a un cadáver doado humano que foi observado polo entomólogo Natalie Lindgren nas instalacións para a ciencia forense en Huntsville, Texas, e permanecían sobre os cadáveres durante un día e media. A presenza de mecópteros indica, pois, que o cadáver é fresco.[9][10]
Os mecópteros son ás veces descritos como de aspecto "sinistro", particularmente pola "cola" elevada do macho (o seu órgano xenital) das moscas escorpión que lembra a cola dun escorpión.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.