From Wikipedia, the free encyclopedia
A Legio VII Gemina (Sétima lexión «xemelga») foi unha lexión romana, creada polo emperador Galba en Clunia (Burgos) cando foi proclamado emperador polas súas tropas en contra de Nerón no ano 68.
Legio VII Gemina | |
---|---|
País | Imperio romano |
Tipo | Lexión romana |
Tamaño | Variable. Efectivos teóricos: 5120 infantes e 120 xinetes. |
Mascota(s) | (descoñecida)[1] |
Comandantes | |
Comandantes notables | Traxano |
Esta lexión, nada como Legio VII Galbiana, serviulle para completar os efectivos da Legio VI Victrix e obter así un exército que lle permitise converterse en emperador.[2]
A cidade de León creceu ao redor do lugar onde estaba asentada a Legio VI Victrix até 69, substituída pola Legio VII Gemina en 74 procedente de Pannonia, sendo o nome de León unha evolución do termo Legio (máis exactamente do seu acusativo Legionem), xa que a actual cidade de León naceu como asentamento de lexións romanas.
O 10 de xuño do ano 68, Galba creou a Legio VII co fin de reforzar o seu escaso exército na súa aventura de golpe de estado e destitución do emperador Nerón. A lexión saqueou Roma, ademais de levar a cabo outras operacións.[3] Tras o asasinato de Galba declarouse partidaria do emperador Otón, participando xunto a el no seu enfrontamento con Vitelio, contra cuxo exército combateu na primeira batalla de Bedriacum, na que foi vencida.
Vitelio, unha vez obtida a púrpura, mantivo a Lexión en Italia, onde, como moitas outras unidades que apoiaran a Otón, se declarou partidaria de Vespasiano, quen, unha vez derrotado Vitelio e asegurado no trono, procedeu a refundir os minguados efectivos da VII Galbiana cos restos doutra lexión, posibelmente os da disolta Legio I Germanica, que se pasara ao Imperio Gálico durante a revolta de Civilis, para formar a Legio VII Gemina Felix.[4]
A nova unidade foi enviada a Pannonia, para reforzar a gornición dunha fronteira que resultara debilitada polas perdas sufridas polas súas unidades durante a segunda batalla de Bedríacum.
No ano 74, o emperador Vespasiano decidiu o traslado da Legio VII Gemina Felix á provincia Hispania Tarraconensis, asentándoa no antigo campamento da Legio VI Victrix en Legio, a actual León, onde permanecería até o final da presenza romana en Hispania, de maneira que, xunto coas súas unidades auxiliares, formaba a única gornición de toda a Península Ibérica, permanecendo na mencionada provincia Tarraconensis. Existe a teoría de que a causa do establecemento da Sétima Xémina en León foi para protexer as minas de ouro das Médulas (onde chegaron a traballar 80.000 persoas), e tamén, e principalmente, para controlar a ástures e cántabros.
No ano 89, baixo Domiciano, cando a unidade estaba dirixida polo futuro emperador Traxano, trasladouse até Germania Inferior para colaborar na represión da revolta de L. Antonio Saturnino, aínda que, a pesar de realizar unha marcha forzada de tan só un mes, chegou tarde e non puido participar na supresión desta revolta, polo que non obtivo os epítetos de Pia Fidelis Domitiana, asignados ás lexións e unidades auxiliares que si participaron efectivamente nesta operación.
Pouco despois, por orde de Domiciano, enviou unha vexillatio aos Agri Decumates, recentemente incorporados ao Imperio, colaborando na construción do sistema defensivo do novo limes e das vías de comunicación locais.
Xa baixo Traxano, a Lexión puido enviar un destacamento ao Danubio para participar nas guerras dacias de Traxano. Con Hadriano, enviou unha vexillatio a Britania, colaborando na construción da Muralla de Hadriano. Por orde de Antonino Pío, unha vexillatio da unidade foi transferida á África Proconsular, ao campamento da Legio III Augusta en Lambaesis para combater contra os Mauri, que ameazaban a estabilidade das provincias romanas do Magreb.
Baixo Marco Aurelio, combateu contra eses Mauri na Bética nos anos 171, asentando os seus reais en Itálica, e novamente en 174–175, aínda que a súa participación nesta campaña, dirixida cara á Mauretania Tingitana, non é segura.[5]
Con todo, o seu labor fundamental foi o de colaborar coa administración imperial de Hispania, para o que mantivo destacamentos nas zonas de minas de ouro do Bierzo, Lugo, Salamanca e o Norte de Portugal, facilitou escolta e burócratas aos gobernadores provinciais e os procuradores ecuestres, e, en xeral, encargouse de manter a orde nas tres provincias hispanas. Así, proporcionou persoal ao portorium de Tritium Magallum (Tricio, A Rioxa), ao de Lucus Augusti (Lugo), e á statio de Segisama (Sasamón, Burgos).
Tamén colaborou na construción da ponte sobre o río Támega en Aqua Flaviae (Chaves, Portugal).[6] Así mesmo, colaborou coa Ala II Flavia Hispanorum civium romanorum na construción do seu campamento en Petavonium (Rosinos de Vidriales, Zamora).
A finais do século II, proclamouse partidaria de Clodio Albino e despois de Septimio Severo, que lle outorgou o epíteto de Pia en 196, pasando a chamarse Legio VII Gemina Felix Pia.
As figlinae en materiais de construción do castra de Legio indican que a lexión foi fiel a Carracalla —Leg VII Gem F.P. Antoninianae—, a Alexandre Severo —Leg VII Gem F.P. Severiana—, e a Gordiano III —Leg VII Gem F.P. Gordianae—.
Baixo Aureliano, un destacamento da unidade foi enviado a Oriente para esmagar o Imperio de Palmira, permanecendo desde ese momento na zona.
No século IV, o mencionado destacamento foi integrado no exército de manobra de Oriente e destruído na batalla de Adrianópole, mentres que a unidade de Hispania foi transformada en unidade limitanei. A principios do século V, nos turbulentos anos da usurpación de Constantino III contra Honorio, non lle resultou difícil a Constantino gañar para a súa causa ás provincias hispanas. Con todo, no norte da Península dous curmáns de Honorio, Dídimo e Veriniano mantiveron ao groso das tropas fieis á súa causa ata que foron derrotados por César Constante, fillo de Constantino, e o xeneral Xeroncio á fronte de tropas romanas das Galias e auxiliares bárbaros chamados "honoriaci" nalgún punto da meseta norte próximo a Palencia. Desde entón non volve terse noticia algunha da Legio VII e demais forzas auxiliares de gornición no norte.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.