From Wikipedia, the free encyclopedia
Un labirinto[1] (do latín labyrinthus, e á súa vez do grego λαβύρινθος labýrinzos) é un lugar formado por camiños ou corredores e encrucilladas, intencionadamente complexo para dificultar a orientación e saída a quen se interne nel.
Os labirintos de forma cadrada ou rectangular son os máis antigos que existen; a primeira representación coñecida dun labirinto deste tipo atópase nunha táboa de Pilo e nun selo nas tumbas do antigo Exipto. Os labirintos de forma redonda ou circular, apareceron a finais do século VII a. C. na Italia etrusca; máis tarde aparecen nas moedas de Cnosos, a finais do século III, e pénsase que eran usadas como mapa do famoso Labirinto de Creta[Cómpre referencia].
Os labirintos clasifícanse principalmente en dous grandes grupos segundo a relación entre o centro e a saída do mesmo, diferenciando o labirinto clásico ou univiario do labirinto de mazes.
O labirinto clásico fai percorrer todo o espazo para chegar ao centro mediante unha única vía, sen posibilidade de tomar camiños alternativos e sen bifurcacións, cunha soa porta de saída, que é a mesma pola que se entra ao labirinto. Polo feito de ter un só camiño a seguir a medida que se avanza dentro del, é imposible perderse no seu interior.
Os labirintos de mazes inclúen un camiño correcto e un ou varios incorrectos, que levan ou non á saída do mesmo. Os mazes comezaron a ser usados nos xardíns de sebes en Inglaterra no século XII, xa que eran o lugar propicio para unha cita amorosa; logo fóronse estendendo progresivamente por toda Europa, especialmente en Francia e Italia. Destacan neste sentido, os xardíns labirínticos de Andre le Notre en Versalles e o de Caboni, na Vila Pisani (Italia).
Por outro lado, pódense categorizar os labirintos segundo a forma en que foi construído:
Segundo a mitoloxía grega o labirinto foi deseñado polo inventor Dédalo por encargo do rei Minos de Creta para manter preso o seu fillo Minotauro (monstro metade home, metade touro), que acabou morto por Teseo, quen se internou nos corredores soltando atrás un fío que lle dera a princesa Ariadna, irmá do monstro).
Nunca se chegou a identificar a situación do labirinto do Minotauro, se ben en Cnosos foron atopadas moedas do século -III co símbolo do labirinto. O formato típico durante este período é un circuíto en 7 coñecido coma "labirinto clásico".
Outro elemento da formación do mito do Labirinto puido ser que o palacio de Cnosos —a casa do labrys ou hacha dupla— era un complexo de habitacións e corredores, e que os invasores atenienses tiveron dificultade para encontrar e matar o rei cando o tomaron.
Un espazo aberto diante do palacio estaba ocupado por unha pista de baile cun deseño labiríntico que servía para guiar aos que bailaban unha danza erótica da primavera.
A orixe dese deseño, chamado tamén labirinto, parece ser o labirinto tradicional de arbustos que se utilizaba para atraer ás charrelas cara a un dos seus machos, engaiolado na cerca central, con reclamos de alimento, queixas amorosas e desafíos; e os bailaríns imitarían a danza de amor extática e renqueante das charrelas macho, cuxo destino era que o cazador as golpease na cabeza.
O labirinto do que escaparon Dédalo e o seu fillo Ícaro podería ser o piso de mosaico no que estaba debuxado e que tiñan que seguir na danza da charrela ritual.
En Palestina esa cerimonia, chamada a Pesach ("renqueante") realizábase aínda, segundo San Xerome, en Beth-Hoglah (o templo do Coxo), onde os devotos bailaban en espiral. Beth-Hoglah identifícase coa «era de Atad», na que se choraba a morte do rengo rei Jacob, cuxo nome podería significar Yah Akeb (o deus do talón). O profeta Xeremías advirte aos xudeus que non deben tomar parte neses ritos orxiásticos cananeos, e cita: «A charrela recolle poliños que non pariu».
Segundo o escritor e historiador inglés Robert Graves, a idea do labirinto está relacionada co sistema monárquico da prehistoria: o mellor dos homes dunha tribo era elixido rei, tendo poder absoluto sobre o grupo, pero era asasinado despois dun período de tempo. Só o heroe excepcional —un Dédalo ou un Teseo— volvía vivo do labirinto.
Neste contexto, ten grande importancia o descubrimento na década de 1950 nas proximidades de Bossiney (Cornualla) dun labirinto cretense tallado na superficie dunha rocha. A barranca onde Renton Green descubriu o labirinto é unha das últimas guaridas do corvo chova de Cornualla, que segundo a lenda acolle a alma do rei Artur que perturbou o Inferno, e co que o labirinto de Bosinney está intimamente vencellado na lenda.
Unha danza labiríntica puido ser levada a Bretaña desde o Mediterráneo oriental por agricultores neolíticos hai uns 5.000 anos. Os exemplos coñecidos máis antigos son rudos petróglifos de pedra, análogos aos británicos feitos no céspede, existentes na zona «Beaker B» de Escandinavia e o nordeste de Rusia, así como desde Siria até Irlanda, sen esquecer a grande existencia de petróglifos de Galicia.
As danzas en espiral, nas que a mocidade xiraba en espiral cara a un centro para afastarse despois, seguían sendo moi populares no século XIX.
Os labirintos ingleses feitos no céspede son coñecidos coma «cidade de Troia» (en Gales caer-droia). Probablemente os romanos os chamaban así polo seu Xogo de Troia, unha danza labiríntica executada por mozos aristócratas en honra do antepasado de Augusto, o troiano Eneas. Segundo Plinio tamén a bailaban os nenos na campiña italiana.
Os dous deseños principais son o clásico e o medieval, e malia existiren numerosas variacións, a forma básica é facilmente recoñecible.
En tempos recentes o mito do labirinto foi transformado nunha obra teatral por Ilinka Crvenkovska, na que explora as nocións das habilidades do home para controlar o seu propio destino.
O escritor arxentino Jorge Luis Borges utilizou decote o concepto do labirinto nos seus contos. Outros autores inspirados polos labirintos foron Umberto Eco (en O nome da rosa) ou Agustín Fernández Paz (en O centro do labirinto).
Nos últimos anos houbo un rexurdimento do interese pola simboloxía do labirinto, o que se viu reflectido na construción dos labirintos do Parque Willen (Milton Keynes), a catedral Grace de San Francisco e o Parque Tapton de Chesterfield.
En Galiza, posiblemente o labirinto máis coñecido sexa o dos xardíns do pazo de Oca (A Estrada). En 1999 Robert Morris construíu na illa das Esculturas de Pontevedra o Labirinto de Pontevedra, que recrea a Pedra do Labirinto, dos petróglifos de Mogor.
O significado cultural e a interpretación do labirinto como símbolo é moi rico. Na prehistoria os labirintos debuxados no chan poderían servir coma trampas para os espíritos malevolentes ou quizais coma rotas definidas (coreografías) para danzas rituais.
En varias culturas o labirinto tamén é asociado a ritos de iniciación que implican a superación dalgunha proba.
Durante a época medieval o labirinto teocéntrico simbolizaba o duro camiño até Deus cunha soa entrada (o nacemento) e un centro claramente definido (Deus).
No Renacemento os labirintos perden o centro: a persoa no labirinto é o centro, un reflexo do ensino humanista antropocéntrico.
Na actualidade os labirintos móvense a diferentes estratos da realidade: Internet, cos seus característicos hipertextos, é un bo exemplo. Tamén son aplicados en múltiples videoxogos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.