político español From Wikipedia, the free encyclopedia
José Bono Martínez, nado en Salobre (Albacete) o 14 de decembro de 1950, é un avogado e político español do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE). Foi presidente da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha entre 1983 e 2004, ministro de Defensa do Goberno de España entre 2004 e 2006 e presidente do Congreso dos Deputados entre 2008 e 2011.
Presidiu Castela-A Mancha durante 21 anos e seis lexislaturas consecutivas, vencendo sempre por maioría absoluta. Considerado un dos pesos pesados do Partido Socialista, no 2000 perdeu as eleccións á Secretaría Xeral do PSOE fronte a José Luís Rodríguez Zapatero por nove votos. En 2004 foi nomeado por este último ministro de Defensa do Goberno de España, deixando desta forma de ser presidente da autonomía.
En 2008, foi elixido presidente do Congreso dos Deputados para a IX Lexislatura, sendo a terceira máxima autoridade do Estado até 2011. En 2004 recibiu a Medalla de Ouro de Castela-A Mancha. Tamén foi recoñecido coa Gran Cruz do Mérito Militar con distintivo branco en 2004, a Gran Cruz da Orde de Carlos III en 2006 e a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil en 2016.
Naceu en Salobre (Albacete) no seo dunha familia adiñeirada. O seu pai, José Bono Pretel, un comerciante de tecidos, foi alcalde falanxista do seu pobo natal durante a ditadura franquista de 1957 a 1974, casou con súa nai, Amelia Martínez Soria, quen descendía dunha familia de propietarios o 25 de febreiro de 1950.[1]
A súa nai, faleceu o 18 de marzo de 1967 durante un embarazo, cando Bono só tiña dezaseis anos.[2][3] Seu pai morreu nun accidente de tráfico, o 20 de abril de 1981 en Salobre, tras golpear un Land Rover da Garda Civil, caendo o coche por un precipicio.[4] Mentres recuperaba os seus obxectos persoais, descubriu que seu pai se afiliara ao Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e á Unión General de Trabajadores (UGT) tralo intento de golpe de Estado do tenente coronel Tejero sen lle dicir nada.[5]
Estudou o nivel elemental en Alcaraz e seguidamente o bacharelato no Colexio Inmaculada Xesuítas de Alacant. Posteriormente, ingresou en ICADE (dependente entón da Universidade de Deusto), para licenciarse en Dereito e en Ciencias Económicas.[6]
Bono, militou no Partido Socialista do Interior (PSI, logo Partido Socialista Popular ou PSP) en 1969, licenciouse en 1970 na Universidade de Deusto.[7] Empezou a traballar como avogado laboralista. Desde 1972, foi tamén profesor de dereito político na Universidade Complutense de Madrid. En 1977 actuou como avogado dunha das vítimas, Luís Javier Benavides, no xuízo pola matanza de Atocha de 1977. Entre 1979, ano en que o PSP se integrou no PSOE, e 1983 foi deputado a Cortes por Albacete.[8]
Ocupou o cargo de Presidente da comunidade autónoma de Castela-A Mancha durante seis lexislaturas consecutivas (1983-2004), vencendo sempre por maioría absoluta. De xeito informal, considerábaselle entón como un dos tres baróns do PSOE, xunto a Juan Carlos Rodríguez Ibarra e Manuel Chaves, tamén presidentes autonómicos.[9] Nas últimas eleccións para a Secretaría Xeral do PSOE perdeu fronte a José Luís Rodríguez Zapatero por nove votos. Durante as Eleccións xerais españolas (2004), Zapatero asegurou que José Bono ocuparía o Ministerio de Interior, aínda que finalmente ocupou o Ministerio de Defensa.[10]
Foi Ministro de Defensa (2004-2006) no goberno presidido por José Luís Rodríguez Zapatero.
O seu primeiro labor no cargo foi levar a cabo a retirada das tropas españolas de Iraq que se realizou ordenadamente e sen contratempos graves, agás un ataque puntual no que as forzas españolas tiveron que responder con lume real matando a un dos insurxentes. Por esta retirada, o Consello de Ministros outorgoulle semanas despois unha medalla. A concesión foi moi contestada, xa que o propio Bono era ministro, e renunciou á medalla, afirmando que llo pedira seu fillo.[11]
Posteriormente centrouse en compensar as vítimas do accidente do Yakovlev 42 tal e como se comprometeu. En primeiro lugar tratou de esclarecer axeitadamente a identidade dos 62 militares falecidos. A repetición das análises de ADN insistentemente solicitada por moitos dos familiares ao anterior Ministro de Defensa sen que este fixese caso algún revelou que os cadáveres non foran identificados correctamente e achábanse mesturados.[12]
As forzas militares españolas aumentaron a súa presenza en Afganistán. En agosto do 2005, dezasete militares españois faleceron mentres patrullaban en helicópteros Puma 20 quilómetros ao sur de Herat.[13]
Iniciou os trámites para a venda de varias fragatas para vixilancia costeira a Venezuela, decisión á que se opuña Estados Unidos, negando a España o permiso de implantar nas mesmas equipos de tecnoloxía dos Estados Unidos.[14][15]
En xaneiro de 2005, denunciou ser agredido nunha manifestación da Asociación de Vítimas do Terrorismo e tres días máis tarde dous militantes do Partido Popular, que foron identificados en fotografías do diario El País, foron detidos durante unhas horas. Finalmente o xulgado do penal n.º 42 de Madrid arquivou o caso. Con todo posteriormente e en razón a unha denuncia presentada polo PP, a Audiencia de Madrid condenou aos policías responsables por detención ilegal, por falsificar o atestado policial e por coaccións, considerando probado que o Ministro non sufriu agresión algunha. O Delegado do Goberno en Madrid dimitiu tras coñecer dita sentenza, que foi finalmente anulada polo Tribunal Supremo con data de 29 de xuño de 2007.[16]
En xaneiro de 2006 destituíu ao tenente xeneral José Mena Aguado por pronunciarse politicamente sobre os inconvenientes que a aprobación do proxecto de Estatuto de Autonomía de Cataluña tería para o Exército, e sobre a posibilidade de que o exército interviñese, pola súa conta, no caso de que o novo Estatuto non respectase, segundo José Mena, a Constitución Española.[17]
O 7 de abril de 2006 faise pública a súa decisión de abandonar o seu cargo por motivos persoais, ocupando a súa carteira o até entón ministro do Interior, José Antonio Alonso. No momento de deixar o seu cargo, era o cuarto ministro mellor valorado.[18]
En outubro de 2006, o seu nome barallouse como candidato á alcaldía de Madrid e, aínda que en principio non rexeitou tal oferta («A ninguén lle amarga un doce», dixo nesta ocasión), posteriormente declinouna, cando algúns xa daban por feita tal candidatura.[19][20][21]
En marzo de 2015 recoñeceu que saíra do Goberno polo seu desacordo coa aprobación do Estatuto de autonomía de Cataluña de 2006.[22]
O 1 de abril de 2008 foi elixido presidente do Congreso dos Deputados para a IX Lexislatura con 170 votos a favor, o seu último cargo público, sendo o primeiro presidente da democracia elixido por maioría simple na segunda volta, e non por maioría absoluta.[23]
Durante toda a súa carreira José Bono pertenceu á á máis conservadora do PSOE, caracterizándose pola súa moderación ademais do socialismo cristián.[25] É practicante na Igrexa católica.[26]
No referente ao ámbito estritamente militar as súas decisións recibiron críticas e encomios.
En marzo de 2010, o xornal La Gaceta, pertencente ao grupo conservador Intereconomía, publicou unha serie de artigos sobre o patrimonio de José Bono e a súa familia, acusándoo de obter parte del por medios ilícitos. A esta publicación seguiu unha polémica alentada polo Partido Popular. En abril de devandito ano, o PP enviou un escrito á Fiscalía Xeral do Estado achegando as publicacións da Gaceta como proba, para que decidise si era necesaria unha investigación. O 2 de xuño, o Partido Popular presentou unha denuncia acusando a José Bono de "delitos contra a Facenda Pública e contra a Administración Pública".[32] Tras recibir as alegacións de Bono —entre elas, as declaracións de bens del e da súa esposa—, a fiscalía arquivou a denuncia.[32] Paralelamente, o 15 de xuño de 2010, a Comisión do Estatuto do deputado do Congreso, tras recibir a documentación achegada por José Bono, declarouse incompetente para dita investigación coa abstención do Partido Popular.[33]
O 20 de decembro de 1980 casou coa guatemalteca Ana María Albina Rodríguez Mosquera. socióloga de formación, coa que ten catro fillos,[34][35] Amelia, Ana, José e Sofía (adoptada en 2001).[1] O 19 de xullo de 2010, o matrimonio fixo oficial o seu divorcio, catro anos despois de vivir unha grave crise que levou a José Bono a abandonar o goberno español.[36]
Desde outubro de 2020 ten de forma honorífica a dobre nacionalidade dominicana.[37]
A súa filla Ana fundou en 2015 un despacho de avogados. Abandonou o proxecto tras fracasar en xaneiro de 2016 e pasou a unirse a Iberdrola como asesora.[38]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.