escritor estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
John Ernst Steinbeck, Jr., nado en Salinas (California) o 27 de febreiro de 1902 e finado en Nova York o 20 de decembro de 1968, foi un dos escritores americanos de maior sona no século XX. Gañador do Premio Pulitzer en 1940 e obsequiado co Premio Nobel de Literatura en 1962, adquiriu popularidade como novelista con De ratos e homes (1937) e The Grapes of Wrath (1939), nas que examina as vidas da clase traballadora durante a Gran Depresión, e sobre todo pola súa novela East of Eden (1952), protagonizada por James Dean na versión cinematográfica de Elia Kazan.
John Steinbeck era fillo de John Ernst Steinbeck II, o tesoureiro do Condado de Monterey, e de Olive Hamilton Steinbeck, mestra de carácter firme. John tivo unha infancia tranquila coas súas dúas irmás máis vellas Esther (1892) e Elizabeth (1894) e coa máis nova, Mary (1905). Medrou desenvolvendo un forte vencello afectivo co ambiente do val de Salinas e da costa próxima do Pacífico onde a familia adoitaba pasar as fins de semana no verán.
Con 14 anos, cando era un rapaz tímido e esquivo, decidiu ser escritor, e pasou a adolescencia escribindo contos e poesías.
Interesado na bioloxía, en 1919 inicia os estudos universitarios na Universidade Stanford, frecuentando cursos de literatura inglesa e escritura creativa. Do 1919 ó 1925, ano no que abandonou definitivamente a universidade, Steinbeck interrompe os estudos para dedicarse a facer traballos ocasionais e temporais, entrando en contacto cun ambiente que influenciou notablemente as súas novelas. En 1925 trasládase a Nova York pero regresa a California ó ano seguinte.
En Nova York Steinbeck traballou durante un breve período como xornalista para o diario New York American. De volta a California traballou do 1926 ó 1928 como garda dunha residencia estival no lago Tahoe. Esta actividade deixáballe moito tempo libre e no verán de 1929 publica a súa primeira novela Cup of Gold. Foi a única novela histórica do autor, publicada apenas dous meses antes do "xoves negro" de Wall Street. Coma as dúas novelas seguintes, The Pastures of Heaven ("Os prados do ceo", 1932) e To A God Unknown ("A un deus descoñecido", 1933), non obtivo éxito de crítica nin de vendas.
O 14 de xaneiro de 1930 casa con Carol Henning, marxista coa que viviu de cerca a política dos grupos radicais e comunistas americanos, sen nunca chegar a afiliarse, como fai ela, ó Partido Comunista dos Estados Unidos. A parella trasládase a Pacific Grove onde sobreviven co sostén económico da familia de John.
Ese mesmo ano Steinbeck coñece o biólogo mariño e filósofo Edward F. Ricketts, cuxa amizade proporcionaralle un rico intercambio de ideas que influirán de maneira decisiva o seu pensamento.
O primeiro éxito chégalle en 1935 coa publicación de Tortilla Flat. No outono de 1936 ve publicada a novela In Dubious Battle ("En batalla dubidosa"). Con esta novela obtivo o encargo do San Francisco News de escribir unha serie de artigos (intitulados despois The Harvest Gipsy) sobre as condicións de vida dos inmigrantes chegados de Oklahoma a California.
En 1937, utilizando o material recollido para a redacción dos artigos, escribiu a novela De ratos e homes (título orixinal Of Mice and Men), que adaptou a escena para a obra de teatro homónima, representada en Nova York ese mesmo ano. En 1938, a partir dunha recolla de contos breves, compuxo a súa novela máis célebre, The Grapes of Erath ("As uvas da ira"). Non obstante, o éxito da novela viuse parcialmente velado polos ataques políticos violentos a causa das descricións dos conflitos entre os traballadores (asalariados temporais) e os propietarios das terras, da linguaxe vulgar empregada e da orientación ideolóxica, que é atilada de "excesivamente de esquerdas". En todo caso, a novela foi premiada no 1940 co Premio Pulitzer e no 1941 filmouse a película homónima. A pesar das simpatías pola esquerda, Steinbeck era un convencido defensor do New Deal de Franklin D. Roosevelt.
En 1940 realizou un documental sobre as condicións de vida nas áreas rurais de México, The Forgotten Village ("A aldea esquecida") e tomou parte nunha expedición mariña organizada por Ricketts no Golfo de California. Ó ano seguinte publicaron os dous xuntos The Sea of Cortez ("O mar de Cortés"). En 1941 separouse da súa muller e trasladouse a Nova York coa cantante Gwyndolyn Conger, con quen casa en 1943 tras obter o divorcio de Carol Henning.
Pasa parte da segunda guerra mundial en Europa e en África como correspondente de guerra para o New York Herald Tribune. Escribe un diario de guerra baixo o título de Once there was a War narrando de maneira extensa as vidas dos soldados no seu día a día, sen deterse nin facer fincapé nos episodios de heroísmo senón máis ben no intento de sobrevivir ó perigo da guerra. A crónica foi publicada en 1958.
En 1944 a familia múdase a Monterey, onde nace o seu primeiro fillo, Thom, e en 1946 o segundo, John IV.
En 1947, por encargo do New York Herald Tribune fai unha viaxe á Unión Soviética en compañía do fotógrafo Robert Capa. Ó ano seguinte, no que morre o seu amigo Ricketts, publica o diario de viaxe, A Russian Journal ("Un diario ruso"). Divórciase de Gwyndolyn Conger e en 1950 casa con Elaine Anderson Scott, que será a súa esposa ata a súa morte.
Rematada a guerra e nos anos seguintes Steinbeck repetirá os éxitos do período anterior. As súas novelas Cannery Row e Sweet Thursday ("Tenro xoves") foron axuizadas negativamente por algúns críticos que vían nelas unha replica de Tortilla Flat.
Despois duns anos de viaxes por Europa e África, en 1952 publicará a novela que o consagrará definitivamente, East of Eden ("Ó leste do Edén"). Dese mesmo ano é o guión de Viva Zapata!, filme dirixido por Elia Kazan con Marlon Brando no papel protagonista. Kazan sería tamén o realizador de East of Eden en 1955.
A partir de 1955 Steinbeck vive coa muller en Long Island. En 1960 fai unha viaxe a través dos Estados Unidos co seu can Charley que acabará dando como resultado en 1962 os Travels With Charley in Search of America ("Viaxes con Charley na procura de América"). Ese mesmo ano foille concedido o Premio Nobel de Literatura.
Trala súa morte en decembro de 1968, as súas cinzas foron sepultadas no cemiterio Garden of Memories de Salinas.
Xornalista e cronista de guerra durante a segunda guerra mundial, é autor dunha extensa obra literaria que abrangue dende á novela longa á novela curta, e dende o relato breve ó documental e a adaptación cinematográfica. O estilo de Steinbeck é principalmente naturalista e dotado dunha gran viveza. Ademais do interese persoal por California e as clases traballadoras, a súa produción literaria reflicte un amplo abano de temas que van dende a bioloxía mariña á filosofía, dende o jazz á política, dende os mitos á historia.
Revelador do espírito da súa obra é o símbolo identificativo de que se servía, o "Pigasus" (de "pig", 'porco, cocho' en inglés e Pegasus 'Pegaso, o cabalo alado da mitoloxía grega'), un porco voador, «pegado á terra pero aspirando a voar».
Da súa obra só se traduciron para o galego dúas novelas: A perla en 1990 por Benigno Fernández Salgado e De ratos e homes por Álvaro de Prado en 1997. Ambas foron publicadas pola editorial Galaxia. A lista completa das súas obras inclúe estes títulos:
Unha boa parte das súas novelas, entre elas Cannery Row (1945) e A Perla (1947), foron levadas ó cine. O propio Steinbeck acadou certo éxito en Hollywood como escritor de cine, conseguindo unha candidatura como mellor guionista por Lifeboat de Alfred Hitchcock en 1945.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.