Johannes Gutenberg
ferreiro, ourive, impresor, e editor alemán que introduciu a impresión en Europa, sendo coñecido polas súas contribucións á tecnoloxía da impresión / From Wikipedia, the free encyclopedia
Johannes Gensfleish zur Laden zum Gutenberg, nado en Maguncia en c. 1398 e finado o 3 de febreiro de 1468, foi un ferreiro, ourive, impresor, e editor alemán que introduciu a impresión en Europa, sendo coñecido polas súas contribucións á tecnoloxía da impresión ao menos en tres dos seus procesos: nas matrices ou pranchas de impresión de tipos móbiles, na prensa e nas tintas para transferir os tipos ao pergamiño ou ao papel. O seu invento fixo posible a publicación de libros en grandes cantidades e foi un dos factores máis decisivos para a difusión das ideas do Renacemento en toda Europa.
Johannes Gensfleish zur Laden zum Gutenberg | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Johannes Gensfleisch zur Laden zum Gutenberg c. 1398 Maguncia Sacro Imperio Romano Xermánico |
Morte | 3 de febreiro de 1468 (70 anos) Maguncia Sacro Imperio Romano Xermánico |
Datos persoais | |
Residencia | Maguncia |
País de nacionalidade | alemán |
Relixión | Cristianismo |
Educación | Universidade de Erfurt (pt) (1418 (Gregoriano)–) |
Actividade | |
Campo de traballo | Inventor |
Lugar de traballo | Maguncia Estrasburgo |
Ocupación | ferreiro, ourive, impresor, e editor |
Lingua | Lingua alemá |
Familia | |
Pais | Friele Gensfleisch zur Laden (en) e Else Wirich (en) |
Irmáns | Friele Gensfleisch (en) e Else Vitztum (en) |
Entre as contribucións específicas á imprenta que se atribúen a Gutenberg está o uso de tipos móbiles metálicos para a confección das formas de impresión, coa loxística que implica (cálculo das cantidades de tipos e de letras que se utilizarán, facilidade para fundilas no momento que se necesitan, uso de matrices e punzóns etc.), o uso da tinta a base de aceite e a utilización dunha prensa de madeira similar ao parafuso das prensas de viño da época. A súa invención verdadeiramente transcendental foi a combinación destes elementos nun sistema práctico.
Gutenberg podería estar familiarizado coa técnica da impresión xilográfica, con bloques de madeira e podería traballar no gravado de ferros de cobre para un artista coñecido como Mestre dos Naipes.[1]
A utilización de tipos móbiles metálicos (no caso de Gutenberg, o chumbo) foi o elemento fundamental do novo proceso de impresión. Ata finais do século XX, pola edición dixital, foi a base do método de produción de libros en todo o mundo.
O sistema tecnolóxico de impresión de Gutenberg propagouse rapidamente por toda Europa e considérase un factor clave na evolución da cultura universal. Gutenberg segue sendo unha figura popular. En 1999, o A&E Network, unha poderosa cadea estadounidense de televisión por cable e satélite, clasificou a Gutenberg co número un na súa lista de "People of the Millennium" (Xente do milenio), e en 1997, a revista Times-Life escolleu o invento de Gutenberg como o máis importante do segundo milenio.