Impresión
From Wikipedia, the free encyclopedia
A impresión é o proceso e o resultado de reproducir textos e imaxes, polo xeral con tinta sobre papel. É posible imprimir sobre gran diversidade de materiais, sendo necesario utilizar diferentes sistemas de impresión en cada caso. Pódese realizar de forma doméstica, artesanal, comercial ou industrial a grande escala, e é unha parte esencial da edición de libros e toda clase de publicacións impresas coma xornais, revistas, cartas, documentos etc.
Ata a aparición da impresión dixital todos os métodos utilizaban a técnica do gravado, cuxa característica principal é a utilización dun prelo que transfería mediante un golpe sobre o papel a imaxe dunha matriz untada con tinta. Ao longo da historia houbo diferentes sistemas de gravado, algúns coma a serigrafía ou a litografía fóronse adaptando á evolución da técnica e aínda perduran, outros coma a xilografía que fora amplamente utilizada, perderon vixencia e hoxe só se utilizan para a reprodución de obras de arte. As técnicas de impresión evolucionaron con rapidez, dando lugar a novos procedementos que satisfacían novas necesidades ou respondían a avances técnicos. Así foron aparecendo as técnicas do augaforte, o fotogravado (que apareceu a partir da fotografía), a impresión offset, o rotograbado[1] e a xerografía.
As técnicas modernas de impresión dixital están estreitamente relacionadas co tratamento informático dos datos a imprimir. Os datos son enviados directamente á máquina impresora mediante o uso dun software específico de autoedición. Para executar unha impresión dixital é necesario o uso dunha impresora, aparello electrónico que traslada o aspecto visual a unha superficie física a través de variados recursos. As impresoras máis comúns son as de inxección de tinta, que utilizan cartuchos de tinta, e as láser, nas que a tinta aloxada nun depósito de tóner é modulada e dirixida mediante un feixe de raios láser.
As modernas técnicas de impresión en 3D ofrecen novas aplicacións en diversos campos.