deportista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Iván Raña Fuentes, nado o 10 de xuño de 1979 en Ordes, é un exdeportista galego. Competou principalmente en tríatlon, deporte no que gañou dous diplomas olímpicos (2000 e 2008). Foi campión do mundo en 2002 e dúas veces subcampión (2003 e 2004), subcampión da Copa do Mundo en 2002, dúas veces campión de Europa (2002 e 2003) e subcampión en 2001, catro veces campión de España (2001, 2002, 2004 e 2007) e outras catro subcampión (2003, 2006, 2008 e 2012).
(2006) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xuño de 1979 (45 anos) Ordes, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | triatleta |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Deporte | tríatlon ciclismo de competición |
Adestrador | Luc Van Lierde (en) |
Participou en | |
2008 | Xogos Olímpicos de 2008 |
2004 | Xogos Olímpicos de 2004 |
2000 | Xogos Olímpicos de 2000 |
Familia | |
Irmáns | Natalia Raña Fuentes |
Entre 2012 e 2023 competiu en Ironman, onde logrou varias vitorias e conseguiu completar en seis ocasións consecutivas o esixente Mundial de Kona, cunha sexta posición como mellor resultado en 2013.
Ademais foi campión mundial de ácuatlon en 2001, campión de España en 1999 e dúas veces campión de España de dúatlon (1998 e 2002). Foi tamén ciclista profesional nas filas do Xacobeo Galicia, e entre 2007 e 2019 correu rallys, principalmente no Campionato de Galicia.
Comezou de neno no Club Natación Santiago canda a súa irmá máis vella, Natalia,[1] onde gañou as primeiras competicións.[2] Ademais da natación, a mediados dos anos 90 gañou carreiras pedestres nas categorías cadete e xuvenil (As Pontes en 1994 e 1995),[3][4] de ciclismo (Val do Dubra)[5] e algunhas probas de tríatlon (Os Castros, Celeiro, Festas do Rosario e Narón).[6][7][8][9] No campionato de España de tríatlon de 1995 acadou o cuarto posto na categoría de xuvenil.[10] En 1996, co Club Deportivo Universitario de Santiago de Compostela, proclamouse subcampión galego xuvenil na proba de 3000 metros.[11]
En 1996, aínda xuvenil, logrou a súa primeira vitoria absoluta de tríatlon, en Castrelo de Miño, mentres súa irmá Natalia gañaba na categoría feminina.[12][13] En agosto dese ano, tras quedar terceiro na súa categoría na Copa do Rei en Burgos, foi seleccionado para disputar o Campionato do Mundo en Cleveland (Estados Unidos).[14] Quedou cuarto na final B júnior (34º en total).[15] En outubro gañou a terceira edición do Tríatlon de Narón.[16] En 1997 quedou cuarto na categoría júnior no Mundial en Perth (Australia).[17]
En marzo de 1998 proclamouse campión de España de dúatlon en distancia curta.[18] En abril debutou nunha proba da Copa do Mundo no Xapón, e quedou no posto 57.[19] Disputou ese ano dúas probas máis da Copa do Mundo, en Corner Brook (Canadá) e Cancún (México), e en ambas rematou no posto 41 en categoría absoluta).[20][21] Competiu no Campionato Europeo e no Mundial, nos dous casos en categoría júnior, e rematou en 39º e 6º lugar respectivamente.[22][23]
En maio de 1999 disputou unha das probas da Copa de Europa en categoría absoluta, en Graus (España), onde obtivo a 8° posición.[24] En xullo, en Funchal, Madeira (Portugal), proclamouse campión de Europa júnior.[25][26] A seguinte competición foi nunha proba da Copa do Mundo en Tiszaujvaros (Hungría)[27] e en setembro quedou 3° no Campionato do mundo júnior en Montreal (Canadá).[28] En outubro disputou a penúltima proba da Copa do Mundo en Cancún. Logrou o seu primeiro podio internacional como absoluto, ao conseguir o segundo posto.[29] Participou tamén na última proba en Noosa (Nova Zelandia).[30] Ese ano quedou ademais 3° no Campionato de España de Tríatlon e proclamouse campión de España de Ácuatlon.[31][32]
En 2000 disputou catro probas da Copa do Mundo. Nas catro logrou ficar entre os 10 primeiros e logrou dous cuartos postos na Illa de Hawai[33] e en Ixigaqui (Xapón).[34] Rematou no sexto lugar na clasificación xeral da Copa. Disputou ademais o Campionato do Mundo e o Campionato de Europa, nos postos 23 e 20, respectivamente.[35][36] En setembro, con 21 anos, acudiu aos Xogos Olímpicos de Sydney, na primeira ocasión en que o tríatlon era deporte olímpico. Rematou en quinta posición, a 46 segundos do vencedor, o canadense Simon Whitfield, e obtivo así un diploma olímpico.[37][38]
En 2001 fichou polo equipo ciclista Grupo Deportivo Supermercados Froiz, co que comezou a disputar carreiras de afeccionados.[39][40] Disputou tres probas da Copa do Mundo de Tríatlon, e nunha delas, en Ixigaqui (Xapón), logrou a vitoria, o que o converteu no primeiro español en conseguilo.[41][42] En xuño proclamouse subcampión de Europa na cidade checa de Karlovy Vary, só por detrás do local Filip Ospalý.[43][44] O 18 de xullo, na cidade canadense de Edmonton, proclamouse campión do mundo de ácuatlon.[45][46] Catro días despois quedou ás portas do podio no Campionato do mundo de tríatlon, ao finalizar cuarto.[47][48] Ese ano logrou o seu primeiro Campionato de España de Tríatlon.[49]
En abril de 2002 proclamouse de novo campión de España de dúatlon.[50] Participou en tres carreiras da Copa do Mundo de Tríatlon e obtivo o mellor resultado na de Ixigaqui, onde foi medalla de prata por detrás do campión do mundo Peter Robertson.[51] En xuño disputou a Volta á Coruña co Club Ciclista Estradense.[52] Na segunda metade de 2002 encadeou a mellor xeira de resultados da súa carreira. Gañou de xeito consecutivo o Campionato Europeo de Tríatlon en Győr,[53][54] o Campionato de España de Tríatlon en Madrid,[55] (puntuable ademais para a Copa de Europa),[56] unha proba da Copa do Mundo en Funchal, Madeira,[57] outra proba da Copa de Europa en Palermo,[58] e coroóuse campión do mundo de tríatlon en Cancún.[59] Completou a proba mexicana nunha hora, 50 minutos e 40 segundos, 26 segundos menos que o segundo clasificado, o australiano Peter Robertson, vencedor da edición anterior.[60] Na Copa do Mundo quedou segundo na clasificación final.
Entre maio e xuño de 2003 participou en dúas probas da Copa de Europa, quedando segundo na primeira delas nos Azores, por detrás de Filip Ospalý,[61] e vencendo a outra, en Charleville, Francia.[62] A continuación gañou por segundo ano consecutivo o Campionato Europeo de Tríatlon, en Karlovy Vary, outra vez por diante do checo Ospalý, segundo tamén o ano anterior.[63] A finais de xullo, na vila húngara de Tiszaujvaros, proclamouse subcampión do mundo de relevos por equipos, formando equipo con Clemente Alonso e José Merchán.[64] Participou logo en cinco probas da Copa do Mundo, logrando a vitoria na disputada en Madeira,[65] e quedando segundo na clasificación final da Copa. Ademais a principios de setembro logrou o subcampionato de España de tríatlon, por detrás de Eneko Llanos e xusto por diante de Javier Gómez Noya.[66] Finalmente disputou o Campionato do mundo na vila neozelandesa de Queenstown. Tras facer uns tempos discretos nos sectores de natación e ciclismo, comezou a remontar na carreira a pé e marcou o mellor tempo da sección, o que lle valeu para chegar á meta en segunda posición final, por detrás de Peter Robertson.[67][68]
En abril de 2004 quedou noveno no Campionato Europeo celebrado en Valencia e en maio, en Madeira, revalidou o subcampionato mundial, ao perder o ouro no sprint final fronte ao neozelandés Bevan Docherty.[69][70] A principios de agosto proclamouse campión de España, por diante de Gómez Noya.[71] A continuación viaxou a Atenas, para participar nos seus segundos Xogos Olímpicos. A pesar das altas expectativas e de ser considerado o favorito, quedou moi afastado das medallas e diplomas, chegando á meta na posición 23 despois dunha mala carreira, especialmente na sección de bicicleta.[72][73]
Comezou 2005 con novo adestrador, José Rioseco, adestrador tamén de Gómez Noya,[74] e disputou tres probas da Copa do Mundo con malos resultados: abandonou por molestias físicas en Honolulu, e rematou moi lonxe dos postos de cabeza en Mazatlán (México) e Madrid. Despois de non poder participar no Campionato de España por ter rompido o nariz nunha caída, disputou en agosto o Campionato Europeo, onde só puido ser 11º.[75] En setembro disputou o Campionato do mundo no Xapón, pero non puido rematar a proba debido a numerosos problemas físicos.[76]
Entre e marzo e maio de 2006 competiu en tres probas da Copa do Mundo, mellorando os resultados do ano anterior, e logrando un 6º e un 7º posto. A continuación volveu subir ao máis alto do podio, ao gañar a Copa de Europa de Sanremo.[77] A principios de xuño quedou segundo, só por detrás do seu compañeiro e amigo Gómez Noya,[78] na proba da Copa do Mundo celebrada en Madrid, o seu primeiro podio nun tríatlon mundial en máis de dous anos.[79] A finais de mes, no Campionato de Europa celebrado na vila francesa de Autun, non puido rematar debido a problemas musculares.[80] Correu a mesma sorte no Campionato do mundo celebrado en Lausana, abandonando na última sección.[81] Poucos días despois proclamouse subcampión de España, por detrás de Gómez Noya,[82] e pechou o ano en Cancún, cun noveno posto na proba da Copa do Mundo e un cuarto no Campionato do mundo de relevos por equipos.[83][84]
Comezou 2007 cun sexto posto no prestixioso Dúatlon de Gernika[85] e en maio disputou con pouco éxito a terceira proba da Copa do Mundo, en Lisboa, onde finalizou 26º.[86] Mellorou na seguinte proba da Copa, en Madrid, onde volveu subir ao podio en terceira posición, por detrás de Filip Ospalý e Javier Gómez Noya.[87] Nas seguintes probas da Copa do Mundo quedou 5º (Salford),[88] 6º (Pequín)[89] e 7º (Rodas),[90] mentres que abandonou na de Cancún, rematando o campionato en novena posición. Tamén tivo que abandonar no Campionato de Europa en Copenhague e no Campionato do Mundo en Hamburgo.[91] Con todo, en setembro dese ano gañou o seu cuarto Campionato de España de Tríatlon.[49]
Nas primeiras probas que disputou en 2008 logrou resultados discretos (18º no Europeo,[92][93] abandono na Copa do Mundo en Madrid[94] e 19º no Campionato Mundial),[95][96] pero mellorou o seu rendemento nas seguintes citas da Copa do Mundo, logrando un cuarto posto en Des Moines,[97] un sexto en Hamburgo[98] e a vitoria na cidade tirolesa de Kitzbühel.[99] Foi a súa primeira vitoria na Copa dende 2003 e ocorreu a menos dun mes dos Xogos Olímpicos de Pequín.[100] Tanto el como Gómez Noya acudiron á cita olímpica como claros candidatos a lograr a primeira medalla galega e española en tríatlon. Con todo, quedaron ás portas dos metais, chegando Raña en quinta posición á meta, xusto por detrás do ferrolán e case medio minuto do gañador, o alemán Jan Frodeno.[101][102][103] Rematou a tempada proclamándose subcampión de España de tríatlon[104] e subindo ao terceiro caixón do podio na Copa do Mundo en Lorient, o que lle deu a sétima praza na clasificación final da Copa.
A finais do 2008 ofreceuse ó equipo ciclista Xacobeo Galicia para formar parte do equipo, e tras estudar a oferta Álvaro Pino, decidiu a súa contratación, co que pasou a formar parte dese equipo profesional[105]. Debutou como ciclista profesional en febreiro de 2009, na Challenge de Mallorca, onde sufriu unha caída na primeira etapa, que lle ocasionou unha luxación de clavícula.[106] Posteriormente disputou varias probas ciclistas, entre elas a Volta a Murcia,[107] a Volta a Portugal,[108] o Gran Premio Paredes,[109] a Volta a Madrid[110] ou a Volta a Chihuahua, en México,[111][112] sen demasiada fortuna. En outubro o Xacobeo anunciou que non lle renovaba o contrato[113] e a finais de ano Raña fixo pública a súa volta ao tríatlon.[114] Con todo, en setembro xa volvera brevemente ao tríatlon para disputar o Campionato de España en Cangas do Morrazo, onde rematou quinto.[115]
Volveu ao tríatlon internacional en marzo de 2010, na proba da Copa do Mundo de Mooloolaba, en Australia, onde rematou en sétima posición, a preto de dous minutos do vencedor, Bradley Kahlefeldt.[116][117] Dúas semanas despois comezou a súa participación no Campionato do mundo, renomeado agora como Series Mundiais, e reconvertido nunha serie de carreiras ao longo do ano, en vez da proba única que se disputaba anteriormente. Disputou as sete carreiras da tempada, sen conseguir chegar á meta entre os 10 primeiros en ningunha delas. En 2011 obtivo resultados similares nas Series Mundiais, mentres que os seus mellores resultados déronse na Copa do Mundo, cun cuarto posto en Ixigaqui,[118] un quinto en Huatulco,[119] un sétimo en Guatapé[120] e un sexto en Auckland.[121]
Na primeira metade de 2012 disputou varias probas da Copa do Mundo e do Campionato do mundo, sen lograr rematar entre os 10 primeiros en ningunha delas. A finais de maio chegou ao tríatlon de Madrid, cuarta proba do Mundial, con posibilidades de lograr unha praza para os que serían os seus cuartos Xogos Olímpicos. Con todo, tras rematar 44º, a praza olímpica española que estaba en xogo foi para José Miguel Pérez, que rematou varios postos por riba de Raña.[122] En setembro proclamouse de novo subcampión de España, en Pontevedra,[123] e en outubro quedou oitavo na derradeira proba do Mundial, a Gran Final de Auckland.[124]
A partir de entón as súas aparicións nas competicións da ITU foron esporádicas, pasando a centrar a súa carreira nas probas de Ironman. En novembro disputou a primeira edición do Medio Ironman de Lanzarote, logrando a vitoria cun tempo de 4:07'36".[125][126] Dúas semanas despois debutou nunha proba de Ironman (longa distancia), en Cozumel, chegando á meta en primeiro lugar, cun tempo de 8:15'07".[127] En abril de 2013 volveu ao Campionato do mundo de tríatlon, para participar na segunda cita, en San Diego, rematando en 17ª posición[128] e ao mes seguinte disputou a terceira, en Huatulco (México), onde remato décimo.[129] En xullo disputou o Ironman de Zúrich, logrando e medalla de prata e o pase ao Campionato do Mundo de Ironman, que se celebra anualmente en Hawai.[130] Antes da gran cita, participou no Campionato do Mundo de Medio Ironman de Las Vegas, onde quedou 14º.[131] O Mundial de Hawai celebrouse o 12 de outubro en Kona, e Raña rematou sexto, cun tempo de 8:23'43", a pouco máis de dez minutos do vencedor, o belga Frederik Van Lierde.[132] Tras a competición afirmou que fora a carreira máis dura que correra na súa vida.[133]
En marzo de 2014 rematou en quinta posición no Medio Ironman de Monterrey,[134] e a continuación disputou dúas probas do Mundial de tríatlon, en Auckland e Londres, cuns discretos 24º e 29º lugares respectivamente.[135][136] En xuño venceu no Ironman de Austria, logrando ademais baixar das oito horas, cun tempo de 7:48'43".[137] Como preparación para a cita de Kona, disputou a Volta ciclista a Galicia, nas filas do Club Ciclista Cambre, rematando no posto 43.[138][139] A continuación viaxou a Hawai para disputar o seu segundo Mundial de Ironman. Tras un mal sector de bicicleta rematou 17º.[140]
En 2015 quedou segundo no Ironman de Suráfrica, por detrás de Van Lierde.[141] En abril disputou a Clásica de Pascua, co Club Ciclista Padronés, como preparación para o Ironman[142][143] e en maio competiu no Medio Ironman de Mallorca, onde quedou sexto.[144] Non puido revalidar a vitoria do ano pasado en Austria, tendo que conformarse esta vez co bronce.[145] En setembro disputou a Volta ciclista a Galicia, rematando no mesmo posto que o ano anterior, 43º.[146] En outubro participou no seu terceiro Mundial de Ironman, en Hawai e, aínda que fixo bos tempos na auga e na carreira a pé, a sección de ciclismo volveu ser o seu maior obstáculo, polo que rematou no posto 12º. Completou a proba en 8:34'27", a case 20 minutos do vencedor, Jan Frodeno.[147]
Comezou a tempada 2016 no Brasil, no Medio Ironman de Palmas, onde rematou en quinta posición.[148] En maio volveu disputar un tríatlon de distancia olímpica, na Copa de Europa de Madrid, onde ademais recibiu unha homenaxe de parte da Federación Española de Tríatlon. Correu descalzo a sección a pé e rematou a proba en sexta posición.[149][150] Tamén quinto rematou tres semanas despois no Ironman de Lanzarote, resultado co que logrou o pase Mundial de Hawai.[151] En agosto correu o Medio Ironman de Budapest, obtendo a sétima posición.[152] En outubro disputou o Mundial de Ironman por cuarto ano consecutivo, logrando o 9º posto final tras remontar dende o 23º na sección de carreira a pé.[153] En 2017 quedou décimo no Medio Ironman do Perú,[154] 15º no Ironman de Austria[155] e abandonou no Tríatlon de Rotterdam, última proba das Series Mundiais de 2017 e última vez que Raña competiu na distancia olímpica.[156][157] En agosto quedou cuarto no Medio Ironman de Austria[158] e en outubro disputou de novo o Mundial de Ironman en Kona, logrando o undécimo posto cun tempo de 8:24'43".[159] En novembro quedou terceiro no Ironman de Cozumel, cun tempo de 7:58'39", co que case logrou a clasificación para o Mundial de 2018.[160]
En maio de 2018 quedou segundo no Ironman de Lanzarote, cun tempo de 8:58'37", a seis minutos do italiano Alessandro Degasperi.[161] En xuño participou no prestixioso Tríatlon de Zarautz, pero foi descualificado por cruzar o carril coa bicicleta.[162] En outubro disputou o seu sexto Campionato do mundo de Ironman, logrando completalo de novo, aínda que obtendo a peor posición das súas seis participacións, 25º.[163] Mellorou os seus tempos a nado e en bicicleta respecto ás edicións anteriores pero empeorou no sector do maratón.[164] Cerrou a tempada no Ironman de Cozumel, onde volveu subir ao podio en terceira posición.[165]
En marzo de 2019 disputou o Medio Ironman de Campeche, en México, e en abril o de Marbella, quedando 13º no primeiro e tendo que abandonar no segundo, por unha lesión no tendón de Aquiles.[166][167] Os mesmos problemas co tendón obrigárono a abandonar en maio no Ironman de Lanzarote.[168] En xuño, no día do seu 40º aniversario, volveu disputar un tríatlon en Galicia despois de 8 anos sen facelo. Foi no II Tríatlon Mar de Muros, chamado ese ano Trofeo Iván Raña na súa honra, e logrou a vitoria por diante de Brais Otero e Nico Domínguez.[169] En xullo quedou oitavo no Tríatlon de Austria, un resultado co que non conseguiu o seu obxectivo de clasificarse para o Mundial de Kona.[168] Volveuno tentar dúas semanas despois en Zürich, pero viuse obrigado a sumar un novo abandono.[170] Tras isto, xunto ao seu novo adestrador, o belga Luc van Lierde, decidiu parar de competir uns meses.[171] O 12 de outubro participou en Pontevedra no primeiro ProTour, unha nova competición organizada pola Federación Española de Tríatlon, pero non logrou clasificarse para a final.[172]
Tras facer de "coche cero" o ano anterior, en 2007 disputou o Rally Botafumeiro, tendo como copiloto a seu irmán José Manuel, que xa disputara anteriormente algún rally como copiloto de Antonio, outros dos irmáns. Correron a proba santiaguesa cun Mitsubishi Lancer Evo IX que lles prestou Pedro Burgo[173] e remataron na 17ª posición. Repetiu participación en 2010, chegando á meta en sétimo lugar, a 7 minutos e medio do vencedor, Víctor Senra.[174] Despois de disputar algunha proba do campionato canario, en 2017 competiu cun Ford Fiesta R2T en dúas probas do Campionato de España de Rallys: o Rally Sierra Morena, onde chegou á meta no último lugar con Cándido Carrera como copiloto,[175] e o Rally de Ourense, onde foi excluído por non conseguir cambiar unha ventá rota a tempo.[176]
En 2018 correu o Rally da Coruña e o Rally de Noia, ambos con José Antonio Sánchez como copiloto, e rematando en 28ª e 27ª posición respectivamente. Ao ano seguinte disputou cinco probas da tempada 2019 do Campionato de Galicia de Rally, sendo o seu mellor posto o 10º obtido no Rally San Froilán.[177]
En setembro de 2021 anunciou a súa retirada[178] do deporte profesional, aínda que dixo que seguiría a competir de xeito afeccionado. En setembro de 2023 converteuse no primeiro español en entrar no Hall of Fame do World Triathlon.[179]
Lugar | Posición | Data | Título |
---|---|---|---|
Cleveland | 34 (júnior) | 1996 | |
Perth | 4 (júnior) | 16.09.1997 | |
Lausana | 6 (júnior) | 30.08.1998 | |
Montreal | 3 (júnior) | 12.09.1999 | Bronce |
Perth | 23 | 30.04.2000 | |
Édmonton | 4 | 22.07.2001 | |
Cancún | 1 | 10.11.2002 | Ouro |
Queenstown | 2 | 6.12.2003 | Prata |
Madeira | 2 | 9.5.2004 | Prata |
Lausana | retirouse | 03.09.2006 | |
Hamburgo | retirouse | 02.09.2007 | |
Vancouver | 19 | 08.06.2008 | |
Lugar | Posición | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Tiszaujvaros | 2 | 31.07.2003 | 00:21'34" | Prata |
Cancún | 4 | 01.11.2006 | 00:19'51" | |
Lugar | Posto | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Ixigaqui | 57 | 12.04.1998 | 2:05'54" | |
Corner Brook | 41 | 02.08.1998 | 2:09'35" | |
Cancún | 41 | 27.09.1998 | 2:00'42" | |
Tiszaujvaros | 50 | 08.08.1999 | 1:55'25" | |
Cancún | 2 | 10.10.1999 | 1:48'01" | Prata |
Noosa | 34 | 07.11.1999 | 1:51:40" | |
Río de Xaneiro | 10 | 26.03.2000 | 1:47:00" | |
Hawai | 4 | 01.04.2000 | 1:53:46" | |
Ixigaqui | 4 | 09.04.2000 | 1:48:26" | |
Corner Brook | 5 | 30.07.2000 | 1:56:37" | |
Gamagori | 13 | 15.04.2001 | 1:49:14" | |
Ixigaqui | 1 | 22.04.2001 | 1:46:17" | Ouro |
Rennes | 4 | 13.05.2001 | 1:46:12" | |
San Petesburgo | 13 | 27.04.2002 | 1:54:55" | |
Ixigaqui | 2 | 19.05.2002 | 1:49:44" | Prata |
Gamagori | 6 | 09.06.2002 | 1:50:35" | |
Funchal | 1 | 13.10.2002 | 1:46'11" | Ouro |
San Petesburgo | abandonou | 26.04.2003 | ||
Tiszaujvaros | 38 | 03.08.2003 | 1:51'36" | |
Nova York | 8 | 10.08.2003 | 1:47'32" | |
Madrid | 4 | 21.09.2003 | 1:50'05" | |
Madeira | 1 | 19.10.2003 | 1:46'22" | Ouro |
Atenas | 25 | 25.10.2003 | 1:57'38" | |
Salford | 8 | 25.07.2004 | 1:57'17" | |
Honolulu | abandonou | 16.04.2005 | ||
Mazatlán | 35 | 24.04.2005 | 1:55'11" | |
Madrid | 13 | 05.06.2005 | 1:56'18" | |
Aqaba | 6 | 10.03.2006 | 1:49'09" | |
Mooloolaba | 15 | 26.03.2006 | 1:52'45" | |
Mazatlán | 7 | 07.05.2006 | 1:51'50" | |
Madrid | 2 | 04.06.2006 | 1:53'17" | Prata |
Corner Brook | 5 | 23.07.2006 | 1:55'40" | |
Cancún | 9 | 05.11.2006 | 1:48'29" | |
Lisboa | 26 | 05.05.2007 | 1:55'22" | |
Madrid | 3 | 03.06.2007 | 1:56'08" | Bronce |
Des Moines | 10 | 17.06.2007 | 1:51'51" | |
Salford | 5 | 29.07.2007 | 1:52'33" | |
Pequín | 6 | 16.09.2007 | 1:49'23" | |
Madrid | non rematou | 25.05.2008 | ||
Hamburgo | 6º | 06.07.2008 | 1:48'00" | |
Kitzbühel | 1 | 20.07.2008 | 1:45'23" | Ouro |
Lorient | 3 | 27.09.2008 | 1:51'10" | Bronce |
Mooloolaba | 7 | 27.03.2010 | 1:53'16" | |
Hy-Vee | 17 | 13.06.2010 | 1:51'47" | |
Mooloolaba | 36 | 26.03.2011 | 1:54'05" | |
Ixigaqui | 4 | 17.04.2011 | 1:50'55" | |
Monterrey | 12 | 08.05.2011 | 1:48'04" | |
Tiszaujvaros | 32 | 13.08.2011 | 1:51'13" | |
Huatulco | 5 | 09.10.2011 | 2:02'01" | |
Guatapé | 7 | 06.11.2011 | 57'40" | |
Auckland | 6 | 20.11.2011 | 2:02'14" | |
Mooloolaba | 34 | 24.03.2011 | 1:56'59" | |
Huatulco | 13 | 06.05.2012 | 2:04'22" | |
Huatulco | 10 | 19.05.2013 | 2:05'34" | |
Lugar | Posición | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Velden | 39 (júnior) | 04.08.1998 | 2:02'09" | |
Funchal | 1 (júnior) | 22.05.1999 | 1:00'35" | Ouro |
Stein | 20 | 08.07.2000 | 1:56'47" | |
Karlovy Vary | 2 | 23.06.2001 | 2:04'01" | Prata |
Győr | 1 | 07.07.2002 | 1:47'46" | Ouro |
Karlovy Vary | 1 | 21.06.2003 | 1:56'08" | Ouro |
Valencia | 9 | 18.04.2004 | 1:49'35" | |
Lausana | 11 | 20.08.2005 | 1:57'10" | |
Autun | retirado | 24.06.2006 | ||
Copenhaguen | retirado | 01.07.2007 | ||
Lisboa | 18 | 10.05.2008 | 1:56'00" | |
Pontevedra | 39 | 25.06.2011 | 1:54'04" | |
Eilat | 16 | 21.04.2012 | 1:58'15" | |
Lugar | Posición | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Cozumel | 1 | 25.11.2012 | 8:15'07" | Ouro |
Zürich | 2 | 28.07.2013 | 8:40'55" | Prata |
Klagenfurt | 1 | 29.06.2014 | 7:48'43" | Ouro |
Porto Elizabeth | 2 | 29.03.2015 | 8:30'44" | Prata |
Klagenfurt | 3 | 28.06.2015 | 8:08'25" | Bronce |
Lanzarote | 5 | 21.05.2016 | 8:50'09" | |
Klagenfurt | 15 | 21.05.2017 | 9:03'29" | |
Cozumel | 3 | 26.11.2017 | 7:58'39" | Bronce |
Lanzarote | 2 | 26.05.2018 | 8:58'37" | Prata |
Cozumel | 3 | 18.11.2018 | 8:12'19" | Bronce |
Lanzarote | retirado | 25.05.2019 |
Ano | Lugar | Posto | Data | Marca |
---|---|---|---|---|
2013 | Las Vegas | 14 | 09.09.2013 | 4:03'00" |
Lugar | Posición | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Lanzarote | 1 | 09.11.2013 | 4:07'36" | Ouro |
Monterrey | 5 | 16.03.2014 | 3:55'57" | |
Alcúdia | 6 | 09.05.2015 | 4:02'56" | |
Palmas | 5 | 10.04.2016 | 4:03'13" | |
Budapest | 7 | 30.07.2016 | 3:46'04" | |
Lima | 10 | 23.04.2017 | 4:01'28" | |
Zell am See | 4 | 26.11.2017 | 4:08'10" | |
Campeche | 13 | 17.03.2019 | 4:14'36" | |
Marbella | retirado | 27.04.2019 |
Lugar | Posición | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Edmonton | 1 | 18.07.2001 | 23'09" | Ouro |
Ano | Equipo | Vehículo | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | Posición | Puntos |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2017 | RMC Motorsport | Ford Fiesta R2T | SRM 44 |
CNR | VDD | OUR Ret |
FRR | PRA | VLL | CAN | MED | RCM | - | - |
Ano | Equipo | Vehículo | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | Posición | Puntos |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2007 | Mitsubishi Lancer Evo IX | COC |
RDN | ALB | NAR | CON | LUG | BXL | BOT 17 |
- | - | ||
2010 | Mitsubishi Lancer Evo IX | CDU | COC | RDN | CDN | SDC | LUG | OBL | BOT 7 |
- | - | ||
2018 | PTC Escuela | Mitsubishi Lancer Evo IX | COR 28 |
RDN 27 |
RBX | CDN | SDC | BOT | RBS | LUG | ULL |
- | - |
2019 | PTC Escuela | Mitsubishi Lancer Evo IX | COR 13 |
RDN 18 |
RBX | CDN | SDC | BOT 11 |
RBS 18 |
LUG 10 |
MAL | 69º | 81 |