From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega houbo varias mulleres co nome de Hesíone. A máis coñecida foi a filla de Laomedonte, rei de Troia. Un oráculo dixera que para liberar a cidade de Troia dun monstro mariño enviado por Poseidón[1], Hesíone debía ser dada como sacrificio ó monstro. Laomedonte, disposto a seguir as instrucións do oráculo, encadeou á súa filla fronte ó mar, para que fose comesta e aplacar así a Poseidón. Outra tradición di que Laomedonte intentou evitar o sacrificio da súa filla esixindo que fosen os nobles troianos os que entregasen as súas fillas ó monstro, pero estes alegaron que, sendo Laomedonte o único culpable do que acontecía, era el quen debía sacrificar á súa filla[2]. Hixino conta que os troianos xa levaban tempo entregando as súas fillas ó monstro ata que lle chegou a vez a Hesíone[3].
Pero nese momento recalou na Tróade o heroe Heracles, que regresaba de obter o cinto de Hipólita, a raíña das Amazonas[4]. Heracles quitoulle as cadeas a Hesíone e fixo un pacto con Laomedonte, polo cal, se conseguía matar ó monstro, recibiría como premio unhas eguas sagradas que tiña o rei de Troia, e que Zeus lle regalara a Tros, pai de Laomedonte, en compensación por haber raptado ó seu fillo Ganimedes. Heracles matou o monstro, pero Laomedonte non cumpriu a súa parte do trato, co que o heroe regresou anos despois[5], como represalia, nunha expedición de conquista e saqueo. Pero existe outra versión segundo a cal Laomedonte entregou a Hesíone a Heracles coa condición de que a deixara en Troia (a ela e ás eguas) ata que rematase cos seus traballos, ou ata que regresase da sús expedición cos Argonautas; mesmo se di que intentou enganar ó heroe entregándolle uns cabalos normais en lugar das eguas sagradas. O caso é que logo se arrepintiu e negouse a dar o premio prometido.
Tras esta expedición, Hesíone foi tomada como esposa por Telamón (pai de Áiax o Grande), que tamén participara na operación de castigo e fora o primeiro en atravesar as murallas da cidade. Xa que Heracles lle permitira levar consigo a quen quixese, elixiu o seu irmán Podarces, que a partir de entón foi chamado Príamo[6].
Príamo, por ser o único descendente varón de Laomedonte que quedaba vivo, pasou a ser rei de Troia e logo dalgúns anos decidiu tratar de conseguir o regreso da súa irmá. El pretendía recuperala pola forza pero os conselleiros recomendaron, primeiro, utilizar a vía diplomática. Enviou ó seus conselleiros Anténor e Anquises a Grecia, pero os gregos se negaron á devolución. Segundo algunhas versións, o motivo da viaxe de Paris, fillo de Príamo, a Esparta (que trouxo consigo o rapto de Helena e a conseguinte Guerra de Troia), foi precisamente volver a reclamar o regreso de Hesíone ou castigar ós gregos por negarse a devolvela, mesmo mediante o rapto doutra princesa grega como refén a cambio dela. De feito, cando os embaixadores de Agamenón, nos prolegómenos da Guerra de Troia, esixiron a Príamo a devolución de Helena, el botoulles en cara a negativa dos gregos a devolver a Hesíone.
Hesíone e Telamón foron pais de Teucro, que posteriormente participaría na guerra de Troia, no bando dos aqueos, como arqueiro destacado[7]. Posteriormente fuxiu (o que parece indicar algún sentimento negativo cara Telamón) e foi dar a Mileto, onde a acolleu o rei Arión, e alí deu a luz un fillo de Telamón, chamado Trambelo, que Arión criou como propio.
Hesíone foi tamén o nome dunha ninfa filla de Xapeto e Clímene, ou unha oceánide, filla por tanto de Océano e Tetis, seguindo outras versións.
Segundo Esquilo e Acusilao de Argos, Hesíone foi a esposa de Prometeo, o titán benfeitor dos humanos, co que tivo a Deucalión.
Era o nome tamén da segunda esposa de Nauplio e nai de Palamedes, Éax e Nausimedonte.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.