From Wikipedia, the free encyclopedia
A gabita,[2][3], gabita euroasiática,[4] gavita,[5][6][7][8] ou lampareiro,[9] Haematopus ostralegus, é unha especie de ave da orde dos caradriformes e familia dos hematopódidos, unha das doce integrantes do xénero Haematopus.
Gabita, gavita ou lampareiro Haematopus ostralegus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Unha parella fotografada no norte de Noruega | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Haematopus ostralegus Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
Área de distribución de H. ostralegus Amarelo: verán; verde: todo o ano; azul: inverno |
Habita nas costas europeas e asiáticas, sendo a especie do seu xénero con máis ampla área de distribución.
A especie foi descrita en 1758 por Linnaeus na 10ª edición do seu Systema naturae.[10]
O nome científico do xénero, Haematopus, está formado pola unión das voces do grego antigo αἳμα. haíma, "sangue", e πούς poús, "pé", "pata" (de animal).[11] Literalmente: "os de patas de cor do sangue".
O epíteto específico, ostralegus, deriva dos termos do latín clásico ostrea, "ostra", e legere, "coller", "apañar", en refereencia ao hábito da especie de "coller moluscos co bico".[11]
Segundo Alan P. Peterson, en Zoonomen, e máis o ITIS, na especie recoñécense na actualidade as seguintes subespecies:[12][13]
Durante un tempo tamén consideráronse estas outras, pero hoxe están desbotadas:[13]
O único dicionario galego de lingua que recolle o nome gavita para H. ostralegus é o Dicionario de galego de Ir Indo:[5]
Nos outros dicionarios galegos, segundo o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago, non se recolle ningún dos nomes aquí citados para H. ostralegus, agás no Dicionário da língua galega da Editorial Sotelo Blanco, do ano 1995, e no Diccionario de sinónimos da lingua galega da Editorial Galaxia, do ano 1997, que recollero o termo pega mariña, tomado sen dúbida da primeira guía de aves de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López, do ano 1980. Alén diso, no antedito Dicionário da editorial Sotelo Blanco tamén se recolle ostraceiro como nome galego para H. ostralegus, probabelmente tomándoo do portugués.[9]
Por outra parte, Xosé Luís Franco Grande refírese a gavita como «ave palmípede parecida á gaivota pero máis pequena» no seu Diccionario galego-castelán, de 1972; igualmente no Dicionário da língua galega de Sotelo Blanco de 1995, referírese tamén nunha segunda acepción a «aves palmípedes da familia dos láridas». No blog de C. D. Romai Cousido rexistra 'gavita' e 'garavita' como denominacións propias do xénero Sterna na Costa da Morte. Anota tamén o uso de 'gabita' ou 'gavita' tanto na mariña galega como na portuguesa para os paxaros do xénero Sterna. Nalgunha publicación ornitolóxica, como na obra de Fernández de la Cigoña (1969), 'garavita' aparece referida ás aves do xénero Chlidonias, con bastante semellanza ao xénero Sterna na plumaxe de inverno.[9]
A gabita é unha ave limícola incofundíbel por mesturar na súa plumaxe a cor branca (partes inferiores) coa negra (partes superiores), de tal xeito que o contraste é moi aciusado. De tamaño medio, algo maior que unha pomba, de entre 39 e 44 cm de lonxitude nos exemplares adultos, e cun longo, recto e forte peteiro, de cor vermella intensa, de entre 6,5 e 9 cm.[2][6][8]
O peteiro, máis curto e máis groso nos machos que nas femias, de media, está deprimido verticalmente, en forma de daga, e coa punta roma, adaptado a golpear como un matelo para abrir as cunchas dos moluscos bivalvos, ou despegar as lapas das rochas.[8]
As patas, aínda que delgadas, son fortes e non moi logas, e de cor rosa. [2][6][8] Os ollos son de cor vermella intensa,[2] cun anel orbital vermello-alaranxado.[8]
A súa envergadura alar oscila entre os 72 e os 83 cm.[8]
En voo amosa unha rechamante franxa alar branca na parte superior,[2][6] mentres que a plumaxe da parte inferior das ás é totalmente branca, agás no extremo distal, que é negra.[2]
En plumaxe invernal presenta un semicolar branco.[2][8] Os individuos xoves teñen a plumaxe das partes superiores negra apardazada, apagada, non negra, e o peteiro é alaranxado pálido, cunha ampla mancha negra na punta, e as patas son grises; no primeiro ano de vida van semellándose aos adultos, pero distínguense deles pola franxa caudal negra máis estreita, e extensea punta negra do peteiro alaranxado e as patas de cor carne.[8]
As gabitas reprodúcense en marismas costeiras, praias de area e de coios, dunas, acantilados con herba curta e, ocasionalmente, en costas rochosas, así como no interior ao longo das beiras de lagos, encoros e ríos, ou en pasteiros agrícolas e cultivos de cereais, moitas veces a certa distancia da auga.[14][15] Fóra da temporada de reprodución, a especie é principalmente costeira, frecuentando marismas, estuarios e costas areosas e rochosas.[15]
A subespecie presente en todo o litoral Atlántico europeo é H. o. ostralegus.[14] A súa poboación europea, avaliada por Piersma (1986) en 218 000 parellas,[16] aséntase ao longo de todo o litoral Atlántico, desde o norte de Rusia (Nova Zembla e desembocadura do río Pechora) Islandia e Escandinavia até o noroeste de España, pasando polas illas Británicas, o noroeste de Francia (Bretaña), con poboacións illadas no Mediterráneo (delta do Ebro, sur de Francia e Turquía). Algúns espécimes pasan o inverno no norte de África.[17]
Na Península Ibérica cría no leste de Asturias, en Galiza, e no delta o Ebro.[3]
En 1914, Willam C. Tait, ornitólogo británico, membro da British Ornithologists' Union e residente no Porto, Portugal,[18] descubriu nas illas Sisargas o único niño de gabita do que se tivo noticia durante moitos anos. Durante lustros houbo incerteza sobre o status nidificante desta ave. Hai 60 ou 70 anos[cando?] criaba con certa regularidade nas illas de San Pedro, segundo un informe dun pescador da zona. A. Bermejo informou de tres niños desta especie descubertos por el en 1984 nos illotes Os Farallóns. Posibelmemte poida seguir criando en illas e illotes, como os citados, ou en Sálvora.[6]
De acordo cos últimos recontos, en Galiza conta cunha poboación invernal de ao redor dunhas 1 000 aves, e outra estival de 200 a 300, composta maioritariamente por espécimes inmaturos. A maioría das aves recuperadas no noroeste Ibérico estaban aneladas en Inglaterra.[3]
Todos os niños localizados en Galiza estaban emprazados en illas ou illotes próximos ao litoral, e situados, xeralmente, na zona límite entre a vexetación e as rochas.[3]
As gabitas on aves costeiras, que se poden internar algúns quilómetros na terra, especialmente para aniñaren. Son relativamente sociais, e poden chegar a formaren grupos de até 30 exemplares cunha grande independencia. Porén, as parellas son estábeis na época de cría e forman equipo á hora de incubar os ovos e alimentar os polos.[Cómpre referencia]
A maioría das poboacións desta especie son migratorias, desprazándose as parellas que crían no interior á costa durante o inverno.[15] A especie reprodúcese de abril a xullo,[14] en parellas solitarias ou en pequenos grupos.[19] Durante o inverno aliméntanse individualmente ou en pequenos grupos de até 10 individuos,[20] aínda que moitas veces forman bandadas máis grandes en baías e estuarios grandes.[14][15][20]
O niño é unha pequena cavidade pouco profunda no chan, ás veces entre pedras, moi ben disimulado,[6] a miúdo en superficies elevadas, en zonas de vexetación abertas ou en terras cultivadas ou non cultivadas, acantilados, afloramentos rochosos ou claros en zonas de vexetación máis alta, incluídos bosques e páramos.[14][15][20]
A postura máis usual é de 2 a 3 ovos de cor amarelado, diversamente manchados e pintados, e tanto o macho como a femia incúbanos durante uns 24-28 días. Os polos, nidífugos, son alimentados polos pais, e voan ao cabo dun mes.[2][6]
Cando se alimentan en substratos intermareais brandos, os bivalvos e os gasterópodos son os alimentos máis importantes para esta especie. Porén, os poliquetos e os crustáceos son os seus alimentos máis frecuentes nos estuarios, mentres que moluscos como os mexillóns, as lapas e as buguinas sonos nas costas rochosas. No interior, tamén capturan presas como miñocas e larvas de insectos, especialmente eirugas.[15]
Viven máis de 30 anos. Sobre a lonxevidade das gabitas hai un dato curioso que demostra que aves, aparentemente fráxiles, soportan as vicisitudes diarias durante longos anos. Unha gabita anelada cando era un polo, no niño, na illa sueca de Oland o 20 de maio de 1934, foi morta por un tiro na praia de Aguda, a 12 km do Porto, no mes de xaneiro de 1968. Entre o anelado e a posterior recuperación pasaron 33 anos, 7 meses e 2 días. Entre o lugar de nacemento e o da morte hai en liña recta 2 550 km, que a ave percorreu 68 veces ao longo da súa vida e, de non atopala un cazador, seguiría varios anos máis nestas viaxes.[21]
A principal ameaza para a especie é a sobrepesca de mariscos bentónicos e a conseguinte desaparición de mexillóns intermareais e os leitos de berberechos.[22][23][24][25] A escavación nas praias para a busca de engados identificouse como unha ameaza para a perda da fauna bentónica.[25] A especie tamén está ameazada pola degradación do seu hábitat nas zonas de invernada debido á recuperación de terras (por exemplo no mar Amarelo),[26] a contaminación, as perturbacións humanas,[27] a construción de instalacións costeiras,[28], o desenvolvemento industrial incluíndo a construcións de portos e a extracción de petróleo, verteduras de petróleo, parques eólicos,[26] e a redución dos caudais de ríos.[27]
O único perigo que pode sobrevir á especie en Galiza é a interferencia humana nas zonas de cría.[3]
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante) porque ten unha área de dispersión moi grande e unha poboación que, aínda que aumentou considerabelmente entre os anos 1960 e 1990, posteriormente diminuíu dun xeito moderadamente rápido. A diminución recente pode ser parte dunha flutuación a máis longo prazo, e debe ser examinada coidadosamente para determinar se mostra signos de estabilización, e case cumpre con varios dos requisitos para a súa inclusión como ameazada. Ningunha das poboacións migratorias aumentou. Existe información nova que suxire que as accións para mellorar a situación da especie, como limitar as operacións mecánicas de pesca de marisco, non están a conducir a recuperación da poboación, polo que a especie pode merecer a inclusión nunha categoría de ameaza máis alta no futuro.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.