deseñador e gravador de moedas estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Frank Gasparro, nado o 26 de agosto de 1909 en Filadelfia e finado o 29 de setembro de 2001 en Havertown, Pensilvania, foi un escultor e deseñador e gravador de moeda estadounidense, que entre 1965 e 1981 ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1][2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de agosto de 1909 Filadelfia, Estados Unidos de América |
Morte | 29 de setembro de 2001 (92 anos) Havertown, Estados Unidos de América (en) |
Educación | Academia de Belas-Artes da Pensilvânia (pt) South Philadelphia High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | artista |
Entre os seus traballos máis significativos están o dólar co busto de Eisenhower (cuñado entre 1971 e 1978), o dólar co busto de Susan B. Anthony (1979-1999), o reverso do centavo que reproduce o Lincoln Memorial (1959-2008) e o reverso do medio dólar Kennedy (desde 1964).[1][2]
A súa marca de gravador, que estampou nas súas moedas e medallas, é FG.[2]
Frank Gasparro naceu en Filadelfia o 26 de agosto de 1909, o maior dos sete fillos dun pai músico que pretendía que el seguise os seus pasos, aínda que acabou por aceptar a verdadeira vocación de Frank cara ás artes plásticas. Aínda na súa adolescencia, entre 1924 e 1929 Gasparro foi aprendiz do escultor Giuseppe Donato, que traballara con anterioridade para Auguste Rodin. Logo de cursar a educación secundaria na South Philadelphia High School, onde se graduou en 1927, ingresou na Pennsylvania Academy of the Fine Arts e viaxou a Europa, coa axuda dunha bolsa de estudos, para perfeccionar as súas habelencias.[1][2]
En decembro de 1942 ingresou como gravador axudante na Casa da Moeda de Filadelfia, da US Mint, baixo os auspicios do daquela gravador xefe, John R. Sinnock. O seu primeiro traballo que acadou un amplo recoñecemento foi o reverso da moeda dun centavo que formaba parte da conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Abraham Lincoln, deseñado en 1958 e cuñado por primeira vez en 1959. O deseño de Gasparro foi seleccionado entre os 23 presentados polos profesionais do departamento de gravado da ceca: nel reprodúcese o monumento Lincoln Memorial cunha imaxe de Lincoln sedente no medio, e na versión finalmente cuñada engadíronse as iniciais FG (Frank Gasparro) á dereita do monumento. A cantidade total de exemplares cuñados desta moeda desde o inicio da súa produción ata a súa substitución en 2008 polo novo modelo, deseñado por Joseph Menna, supera os cen mil millóns.[1][2][3]
Nomeado xa gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (cargo que exerceu de 1965 a 1981), Gasparro creou o deseño de varias moedas que aumentaron o seu recoñecemento profesional, entre as que poden destacarse os seguintes:
A obra artística de Frank Gasparro complétase con outras moitas creacións, entre as que se inclúen medallas dedicadas a personaxes como Winston Churchill, Albert Gallatin, Douglas MacArthur ou mesmo estrelas do béisbol, así como as medallas presidenciais correspondentes a todos os presidentes entre Lyndon B. Johnson e Ronald Reagan. Unha das súas medallas máis populares é a emitida polo Congreso dedicada á figura de John Wayne.[1][7]
Ademais das moedas estadounidenses, Frank Gasparro foi o responsable do deseño de moedas cuxa cuñaxe se produciu na ceca de Filadelfia por encarga doutros estados, como as Bahamas, Filipinas ou Panamá.[3][8]
Gasparro deseñou as súas moedas e medallas partindo, en moitos casos, de motivos, obxectos e personaxes obtidos de reproducións fotográficas e recortes de xornais e revistas. A partir delas reproducíaas coa súa impresora Xerox e utilizaba o papel de calco para trazar a forma e transferir os datos ao papel do bosquexo, que logo completaba co engadido doutros trazos e atributos, como cascos, coroas, frechas etc., alusivos ao tema principal. O resultado era un esbozo final que servise de referencia para a elaboración do molde.[9]
Logo da súa xubilación na Casa da Moeda dos Estados Unidos, Gasparro continuou deseñando medallas tanto por encarga privada como para institucións e entidades públicas, e tamén dedicou parte do seu tempo ao ensino da arte no Philadelphia's Samuel S. Fleisher Art Memorial, ata unhas semanas antes da súa morte. Gasparro faleceu aos 92 anos o 29 de setembro de 2001 en Havertown, Pennsylvania.[1][2]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.