![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/1b/Erymanthian_Boar_Louvre_G17.jpg/640px-Erymanthian_Boar_Louvre_G17.jpg&w=640&q=50)
Euristeo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Euristeo foi o fillo de Esténelo (fillo de Perseo) e de Nícipe (filla de Pélope). Foi rei da Argólida (rexión que comprendía Micenas, Argos, Midea e Tirinto). Casou con Antímaca, filla de Anfidamante [1].
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/1b/Erymanthian_Boar_Louvre_G17.jpg/640px-Erymanthian_Boar_Louvre_G17.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3f/Heracles_facade_St_Mark%27s_Basilica.jpg/640px-Heracles_facade_St_Mark%27s_Basilica.jpg)
Á vez que Nícipe estaba xestante, tamén o estaba Alcmena, embarazada de Zeus[2]. Durante o embarazo, Zeus prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo, Heracles [3]. Pero Hera, a esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía (deusa dos partos) que o detivese [4], e Ilitía así o fixo, sentando no limiar da porta de Alcmena (do pazo ou da súa habitación) coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos; á vez que aceleraba o parto de Euristeo. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Pero Euristeo xa nacera, setemesiño, e puido facerse co trono de Micenas.
"Cando Lucina [nome romano de Ilitía, deusa dos partos] escoitou os meus laios, sentou naquel altar que está diante da porta, e cruzando a corva dereita sobre o xeonllo esquerdo, e entrelazando os seus dedos en forma de peite, detivo o parto. Musitou tamén algúns conxuros, que frenaron o parto xa iniciado. ... Estaba comigo unha das miñas servas, Galántide ... e veu á deusa sentada no altar, cos brazos sobre os xeonllos e os dedos entrelazados, e dixo: 'Quenquera que sexas, felicita á miña ama. A argólide Alcmena xa librou, xa é nai e ve cumprido o seu desexo'. A deusa... deu un chimpo e, sobresaltada, soltou as mans; soltadas as mans, librei eu tamén".(Ovidio: Metamorfosis, Libro IX, 296-315)