Na mitoloxía grega, Etra foi a filla de Piteo, rei de Trecén (Grecia). Mantivo unha breve relación con Exeo, rei de Atenas, e tivo un fillo, Teseo. O caso é que na mesma noite en que se deitara con el foi á illa de Esferia para realizar un sacrificio [1], e alí foi violada por Poseidón, de xeito que non hai seguridade de que Teseo fose fillo de Exeo ou de Poseidón [2].

Thumb
Etra mostra ó seu fillo Teseo as armas agochadas polo seu pai (Laurent de La Hyre, 1635-1636, Museo de Belas Artes, Budapest)

A tradición conta que Exeo fora a Delfos a consultar a pitia qué tiña que facer para conseguir ter un fillo, pero non soubo interpretar o oráculo: "Non desates o pé que sobresae do odre de viño ata chegar ó máis alto da cidade de Atenas". Ó regreso parou en Trecén e Piteo si que o entendeu [3], polo que o emborrachou e amañou as cousas para que se deitara coa súa filla, Etra [4], sen que Exeo notase a manobra.

Exeo regresou a Atenas pero antes encargou a Etra que, se tiña un fillo seu, o educara sen revelarlle o nome do pai, á vez que lle deixaba unha espada e unhas sandalias agochadas baixo unha gran pedra, para que, cando o meniño chegase a unha idade suficiente como para poder levantar a pedra, atopase neses obxectos a forma de saber quen era o seu pai. Etra criou soa a Teseo na cidade de Trecén e, cando o rapaz cumpriu os dezaseis anos, desveloulle o segredo da súa paternidade e levoulle ata esa pedra. Teseo recuperou a espada e as sandalias e marchou a Atenas para coñecer ó pai.

"Neptuno e Exeo deitáronse a mesma noite con Etra, filla de Piteo, no templo de Minerva. Neptuno concedeu a paternidade a Exeo. Cando este se dispoñía a regresar desde Trecén a Atenas, puxo a súa espada debaixo dunha rocha e ordenou a Etra envialo ó seu lado en canto puidese levantar a rocha e empuñar a espada do seu pai. Así, tería unha proba para recoñecer ó seu fillo"
Hixino 37.1-3 [5]

Teseo e o seu compañeiro Pirítoo raptaron a Helena de Troia cando esta aínda era meniña, con 12 anos de idade [6], aproveitando que estaba soa ofrecendo un sacrificio. Botárona a sortes e correspondeulle a Teseo (ou ben Teseo escolleuna para si) pero os atenienses non a aceptaron na cidade, polo que tivo que levala onda a súa nai, Etra, e confiala ó seu coidado ata que alcanzase a maioría de idade. Pero os irmáns de Helena, os Dióscuros Cástor e Pólux, foron liberala, destruíron a cidade onde a tiñan cativa e, de por parte, capturaron como prisioneira a Etra e a Fisadia (ou Tisiadia), irmá de Pirítoo, e entregáronnas a Helena como escravas. Cando Helena marchou con Paris a Troia -voluntariamente ou non- ía acompañada por Etra. Mesmo algunha fonte di que foi a propia Etra a que aconsellou a Helena abandonar a Menelao e fuxir con Paris [7].

En Troia, Etra recibiu o encargo de criar a Múnito, fillo de Laódice (unha das fillas de Príamo, rei de Troia) e Acamante (un dos fillos de Teseo, é dicir, neto da propia Etra, que loitaba cos gregos contra Troia). Trala conquista e destrución de Troia polos gregos, Etra aproveitou o caos en que estaba a cidade e fuxiu co meniño cara ás naves gregas, e alí atopouse cos seus bisnetos, Acamante e Demofonte, que a recoñeceron e liberaron [8][9]. Demofonte pediu a Agamenón que a liberara da súa condición de escrava e Agamenón pediullo á súa vez a Helena (Etra era escrava de Helena), ó que ela accedeu de grado[10].

A lenda remata coa morte de Etra, que se suicidou ó coñecer a morte de Teseo [11].

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.