From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Pirítoo era o fillo de Ixión, rei de Tesalia, e Día [1]. Casou con Hipodamía (filla de Butes), coa que tivo un fillo, Polipetes. Na festa do día da voda, os centauros, invitados á mesma, intentaron raptar á noiva. Este feito deu comezo a unha violenta batalla entre centauros e lápitas (os parentes de Pirítoo), na que venceron estes segundos, o que se interpreta como o triunfo da civilización helénica sobre a barbarie.
Pirítoo e Hipodamía invitaron á súa voda ós centauros, cos que ela tiña unha relación de parentesco. Os centauros terminaron emborrachándose [2], e Euritión intentou violar e raptar á propia Hipodamía mentres que o resto deles se abalanzaron sobre as outras invitadas e mesmo sobre os homes mozos presentes. Os compatriotas de Pirítoo, os lápitas, ós que se uniu Teseo, amigo de Pirítoo, saíron en defensa das súas mulleres e comezaron unha forte loita contra os centauros, que foron derrotados[3].
"Porque a ti, o máis bestial dos bestiais centauros, Éurito, ardíache o corazón tanto polo viño como pola visión da noiva, e reinaba unha embriaguez que duplicaba a luxuria. De socato... a acabada de casar é raptada pola forza, agarrada polos cabelos. Éurito colle a Hipódame; os demais, a que cada un gustaba ou podía... Por azar había alí preto unha antiga crátera con altos relevos; lévántaa o fillo de Exeo [é dicir, Teseo] , erguéndose máis enorme do que de por si era, e lánzaa contra o rostro do seu adversario. Este, vomitando pola ferida e pola boca callóns de sangue, miolos e viño, de costas sobre a area enchoupada, pateaba".(Ovidio: Metamorfosis XII 219-239)
A amizade entre os dous heroes xorde dunha proba que Pirítoo quixo someter a Teseo, do que sabía da sona que tiña, para comprobar as capacidades deste. Pirítoo rouboulle os rabaños de gando que Teseo tiña en Maratón (ou, simplememte, atacou Maratón). Cando se atoparon fronte a fronte, quedaron enamorados da beleza do outro, e Pirítoo renunciou ó combate ofrecéndose a reparar os animais roubados e declarándose escravo de Teseo. Este, que non quixo ser menos, declinou a oferta e acordou esquecer todo o pasado. Xuráronse amizade eterna e, desde aquela, compartiron tódalas fazañas.
Pirítoo e Teseo foron dous dos participantes na partida de caza do Xabaril de Calidón que dirixiu Meleagro [4], aínda que non tiveron ningunha actividade relevante.
"... ata que se xuntaron Meleagro e unha escollida presa de mozos ansiosos de gloria: ... Teseo e Pirítoo, feliz parella de amigos...".(Ovidio: Metamorfosis VIII, 303)
Teseo acampañara a Heracles a conseguir o cinto da raíña das amazonas Hipólita, nun dos traballos que tivo que cumprir para Euristeo, e tomou por esposa (ou como escrava) a Antíope, irmá de Hipólita. Pero algunhas fontes engaden que, posteriormente a estes feitos, Teseo e Pirítoo regresaron onda as Amazonas e que foi nesta segunda viaxe cando Teseo raptou a Antíope [5].
Noutro momento, ámbolos dous amigos decidiron tomar por esposas a cadansúa filla de Zeus e, así, Pirítoo tomou parte do rapto de Helena (cando esta era aínda moza), para Teseo, e Teseo acompañou a Pirítoo ata os Infernos, para buscar a Perséfone, esposa de Hades. Pero Hades tendeulles unha trampa: invitounos a un banquete e unha vez que os tivo sentados á mesa, deixounos encadeados ós asentos. Heracles, cando foi polo can Cérbero, conseguiu rescatar a Teseo, pero non puido salvar a Piritoo [6].
"Cerca das portas do Tártaro, Heracles atopou ós seus amigos Teseo e Pirítoo atados a cadeiras de tortura. Liberou a Teseo pero veuse obrigado a deixar alí a Pirítoo".(Robert Graves: Los mitos griegos, 561)
A tradición evemerista converte o mito nunha visita de Teseo e Pirítoo á corte do rei Hedoneo, en Epiro. Este estaba casado cunha Perséfone e tiña unha filla chamada Core. Aínda que a intención daqueles era raptar ás dúas, presentáronse coa excusa de pedir á filla en matrimonio, pero xa fora prometida a quen lograse vencer a un can intratable chamado Cerbero. Hedoneo deuse conta do engano e mandou deter ós dous, entregando a Pirítoo á voracidade de Cerbero, que o comeu dun bocado, e metendo a Teseo na cadea. Co tempo veu Heracles, que era amigo de Hedoneo, e conseguiu que o puxera en liberdade,
A Centauromaquia, como se coñece a loita de centauros e lápitas, foi recollida en numerosas obras clásicas, destacando o frontón occidental do templo de Zeus en Olimpia (c. 460 a.C.) ou as métopas do friso sur do Partenón (c. 445 a.C.).
Tamén é representada na Idade Moderna (Miguel Anxo, Jordaens, Rubens, etc.) e Contemporánea (Giorgio de Chirico), ben en escenas de loita colectivas, ben en escenas individualizadas de Teseo contra un centauro (pouco comúns).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.