From Wikipedia, the free encyclopedia
Epipaleolítico, que quere dicir Por Encima do Paleolítico, é un vocábulo acuñado a principios do século XX para definir unha fase da Idade de Pedra que ata entón se denominou Mesolítico. Este novo termo intentaba remarcar a continuidade cultural que se demostrou que existía entre ambos os períodos, moi afastada da percepción de ruptura e decadencia que ata entón se tivo desta época.
O Epipaleolítico non foi aceptado por todo o mundo científico e, actualmente, é un termo utilizado de diferentes xeitos:
O Epipaleolítico comezaría coa transición do Plistoceno ao Holoceno, hai uns 12000 anos, e acabaría coa aparición dos modos de vida produtores/neolíticos, cuxa cronoloxía varía moito dunhas rexións a outras e dun continente a outro. Esta época estivo marcada polo final da era glacial e a implantación dun clima tépedo/cálido que permitiu o aumento dos bosques e a biodiversidade, e provocou a inundación de amplas zonas costeiras. Cambios que influíron necesariamente no comportamento e na cultura material dos humanos da época, que tiveron que adaptarse a novas situacións, realizando modificacións na súa tecnoloxía e estratexias de caza para poder seguir obtendo recursos.
Ao acabar a última glaciación do Plistoceno (a de Würm, que tamén foi a máis dura) comezou un cambio climático, marcado por unha alternancia de fases tépedas e frías, que permitiu a extensión das masas boscosas en Eurasia e Norteamérica, pero provocou tamén a formación de amplas faixas esteparias e/ou semidesérticas ao redor dos trópicos. Como consecuencia destes cambios extinguíronse ou emigraron os grandes mamíferos que formaran a base da dieta do home do Paleolítico Superior: o mamut lanudo e o rinoceronte lanudo, entre outros, desapareceron, e animais como o reno e o bisonte emigraron cara ao norte. Pola contra prosperaron animais de costumes menos gregarias, cuxa caza resultaba máis complexa: cervos, xabarils, corzos, coellos etc. Para cazalos o home utilizou, probablemente, cans, o primeiro animal que domesticó, xa a finais do Paleolítico Superior en Europa occidental.[4] A dieta diversificouse enormemente, incluíndo entón outros pequenos mamíferos e aves como os gansos, tordos, faisáns, gaios, pombas etc. A recolección de froitos e raíces estendeuse, e aumentou espectacularmente o consumo de caracois e cunchas, como o demostran os enormes concheros da vertente atlántica europea e os caracoleiros das covas pirenaicas. Tamén se comezou a desenvolver a pesca fóra da costa, en mar aberto.[5] Fabricáronse zorras, nun principio tiradas por homes e logo por cans, e canoas feitas con peles ou cortizas de árbores.
A industria lítica mostra unha clara tendencia á fabricación de pequenos utensilios adaptados ás novas situacións e usos, moi especializados, os microlitos. Estes eran utilizados para a recolección de moluscos e para a súa apertura, como puntas de frecha, nos arpóns, como raspadores, buriles etc. As armas máis abundantes foron os arcos, feitos de madeira e tendóns animais, con frechas que incorporaban na súa punta microlitos de variadas formas xeométricas: triángulos, trapecios etc. Tamén se usaron frechas e arpóns manufacturados enteiramente en óso, en corno ou en madeira.
Se por algo se caracteriza o Epipaleolítico é polo inicio dunha clara rexionalización que se aprecia na cultura material dos grupos humanos de diferentes zonas. Rexionalización que, posiblemente, foi a consecuencia da redución das súas áreas de captación de recursos e, xa que logo, dos seus "intercambios" culturais con outros grupos. En Europa hanse de diferenciar dúas grandes áreas:
Na área mediterránea ibérica e francesa, foron identificados dous complexos culturais sucesivos: o microlaminar, que deriva do magdaleniano paleolítico, pero sen industria ósea, con menos buriles e máis raspadores; e o xeométrico, con abundantes microlitos de forma triangular e/ou semicircular, primeiro, e trapezoidal despois (este complexo foi identificado e denominado en Francia cos apelativos de sauveterriense e tardenoisiense).
Na costa cantábrica e Pireneo francés destacou inicialmente o aziliense, caracterizado polos seus arpóns, máis ovalados que os anteriores magdalenianos, e polos abundantes cantos rodados pintados interpretados como obxectos máxicos e/ou rituais. Posteriormente na costa desenvolveuse o asturiense cuxos picos de factura arcaica poderían estar relacionados co masivo uso dos moluscos mariños que estas xentes deberon facer, como o proban os abundantes concheiros atribuídos a esta cultura.
No norte de Europa, colonizado tardiamente, destacou o maglemosiense, contemporáneo do complexo xeométrico, caracterizado polos seus microlitos e abundante industria en ósos, cornos e madeira. Despois, mentres o Neolítico estendíase polo continente, apareceu o erteboliense, con grandes concheiros, necrópoles e cerámica, signo evidente de aculturación[1].
Ao terminar o Paleolítico Superior tamén desapareceron con el as súas espléndidas manifestacións artísticas, aparecendo outras novas, influenciadas, inevitablemente, polos cambiantes factores climáticos e os novos hábitos socio-económicos. O problema desta nova arte postpaleolítico é que resulta moi difícil de datar e os investigadores non se pon de acordo acerca da súa periodización. Uns opinan que representacións como as da arte naturalista levantino son xa do Neolítico inicial, outros que é anterior. De calquera xeito a arte non desapareceu e seguímolo atopando en abrigos rochosos (arte parietal) e en obxectos persoais (arte moble).
A arte volveuse conceptual e racionalista, baseado no xeométrico e o abstracto.[6] A cultura aziliense da cornixa cantábrica e do Pireneo francés deparounos abundantes cantos rodados decorados con seriacións de bandas, puntos, ramiformes etc., de carácter abstracto, e aos que se lles outorga un significado máxico/simbólico.
No Levante español grupos humanos deixaron pinturas que mostran unha evolución da arte rupestre cara a modelos máis esquemáticos. Nas paredes dos abrigos, estes homes pintaron complexas escenas de caza, de danzas e ritos máxicos.[7] As figuras están feitas con pigmentos negros ou avermellados, e son moi estilizadas. A pesar diso pódense identificar personaxes como feiticeiros/xamáns, grazas aos tocados que lles cobren a cabeza, aos bastóns que levan e aos adornos que lles colgan de xeonllos e brazos; tamén se aprecian homes con plumaxes e brazaletes en brazos e nocellos, mentres que as mulleres locen longas saias. Hai moito movemento (como contraste coa arte paleolítica) e as loitas entre grupos aparecen con relativa frecuencia, con batallas de arqueiros que ata chegan ao corpo a corpo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.