EVA Air
From Wikipedia, the free encyclopedia
EVA Air Corporation (chinés: 長榮航空; pinyin: Chángróng Hángkōng) é unha aeroliña taiwanesa baseada no aeroporto internacional de Taiwán Taoyuan preto de Taipei. Opera servizos de pasaxeiros e carga a uns 40 destinos internacionais en Asia, Australia, Europa e Norteamérica.[1] EVA Air é maioritariamente de propiedade privada e opera unha rede de rutas totalmente internacional. É unha aeroliña de 5 estrelas segundo a clasificación de Skytrax.[2] É a segunda aeroliña máis grande de Taiwán, despois de China Airlines.
EVA Air | ||
---|---|---|
IATA BR | OACI EVA | Indicativo EVA |
Fundación | 8 de marzo de 1989 | |
Inicio das operacións | 1 de xullo de 1991 | |
Alianza | Star Alliance | |
Subsidiarias | UNI Air | |
Frota | 74 | |
Destinos | 77 (cos de carga) | |
Holding | Evergreen Group | |
Páxina web: https://www.evaair.com/ |
Dende a súa fundación en 1989 como afiliada do conglomerado do sector do transporte Evergreen Group, EVA Air expandiuse incluíndo ás súas actividades a carga aérea, o cátering de aeroliñas, a asistencia en terra e servizos de enxeñería de aviación. A súa división de carga, EVA Air Cargo, enlaza coa rede de transporte mundial de Evergreen por mar e terra. A súa subsidiaria doméstica e rexional, UNI Air, opera unha rede de medio e curto alcance cara a destinos en Taiwán, Macau e a China tendo o seu prinipal centro de conexións en Kaohsiung.
EVA Air opera unha frota mixta de avións Airbus e Boeing, con Airbus A330, Airbus A321 e Boeing 777 usados principalmente para rutas de pasaxeiros, xunto con Boeing 747-400 e Boeing 777 para rutas de carga. Foi unha das primeiras aeroliñas en introducir a clase "Premium Economy" (chamada Elite Class en EVA Air), que estrearon en 1991 e está dispoñible a bordo dos seus Boeing 777.