![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/0e/Peace_dollar.jpg/640px-Peace_dollar.jpg&w=640&q=50)
Dólar Peace
antiga moeda dun dólar estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar Peace ou dólar da paz é unha moeda con valor facial dun dólar estadounidense cuñada entre 1921 e 1928, e novamente en 1934 e 1935, pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, en conmemoración da paz acadada logo da primeira guerra mundial.[2]
Dólar Peace [1][2] | |
---|---|
![]() |
![]() |
A/: Cabeza da Liberdade cara á esquerda, cun diadema de raios.
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. Data |
R/: Aguia en pé cara á dereita sobre unha rocha, coas ás pegadas e unha póla de oliveira nas gadoupas; raios ao fondo.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM /ONE DOLLAR / PEACE. |
O deseño deste dólar, obra de Anthony de Francisci, foi o resultado dun concurso para achar un símbolo emblemático da paz. O seu anverso representa a cabeza de perfil da personificación da Liberdade, e o reverso amosa unha aguia calva en repouso agarrando unha póla de oliveira, coa palabra PEACE ("Paz") no exergo. Foi a derradeira moeda de prata dos Estados Unidos posta en circulación.[2]
Coa aprobación da Lei Pittman en 1918, a US Mint estaba obrigada a cuñar millóns de dólares de prata e comezou a facelo en 1921 utilizando para iso o antigo deseño do dólar Morgan. Os numismáticos comezaron a facer presión na Casa da Moeda para que emitise unha nova moeda en conmemoración da paz acadada logo da primeira guerra mundial. O "dólar da paz" foi aprobado polo secretario do Tesouro, Andrew Mellon, en decembro de 1921, completando así o redeseño do sistema monetario estadounidense, que comezara xa en 1907.
Amplos sectores da poboación crían que o deseño inicialmente previsto e anunciado, que incluía unha espada rota, era ilustrativo da derrota, e a Casa da Moeda actuou axiña para o modificvar, eliminando o motivo da espada. O dólar Peace comezou a súa cuñaxe o 28 de decembro de 1921, cunha produción de pouco máis dun millón de exemplares coa data dese ano. Cando se cumpriron os requisitos da Lei Pittman en 1928, a Casa da Moeda dos EEUU deixou de fabricalas, aínda que durante 1934 e 1935 se retomou a súa produción como resultado de novas disposicións legais.
En 1965, no marco dunha gran controversia, a Casa da Moeda de Denver cuñou máis de 316.000 exemplares do dólar Peace con data de 1964, aínda que non chegaron a entrar en circulación e, segundo a versión oficial, todos eles foron refundidos. Finalmente, en 2021, con motivo do centenario da creación desta moeda, realizouse unha cuñaxe especial de carácter conmemorativo, non circulante, na Casa da Moeda de Filadelfia.