antiga moeda do Reino de Iugoslavia From Wikipedia, the free encyclopedia
Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).
Coroa iugoslava † | |
---|---|
Jugoslavenska kruna (croata) Jugoslovanska krona (esloveno) | |
Ámbito: | Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (Reino de Iugoslavia). |
Fracción: | Non. |
Billetes: | 2, 4, 10, 20, 50, 100, 1.000 e 40.000 coroas. |
Emisor: | Goberno do Reino de Iugoslavia. |
A coroa iugoslava foi unha moeda provisional de curta existencia que se utilizou nos anos posteriores á I Guerra Mundial nalgunhas zonas do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos que anteriormente formaran parte do Imperio Austrohúngaro.[1]
Tras a I Guerra Mundial, o Imperio Austrohúngaro, onde circulaba a coroa austrohúngara, desagregouse en diversos estados e a súa parte suroriental pasou a constituír o Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, que logo se fusionou co Reino de Serbia para formar o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que máis tarde pasou a chamarse Reino de Iugoslavia.
Nese territorio instaurouse a coroa iugoslava o 12 de novembro de 1918 cunha taxa de cambio á par coa coroa austrohúngara, e circulou no novo reino en paralelo ao dinar serbio, cunha relación de valor de catro coroas iugoslavas por cada dinar serbio.[2] Esta situación foi transitoria, en tanto que non se adoptase o posterior dinar iugoslavo (1920). A data exacta de cesamento da circulación da coroa iugoslava non se coñece con exactitude e algunhas fontes indican que aínda se mantiña en circulación a finais de 1922.[3]
A primeira emisión provisional da coroa iugoslava produciuse en 1919. A emisión era moi similar á da coroa checoslovaca dese mesmo ano, consistente nunha sobreimpresión cun tampón oval negro de billetes da coroa austrohúngara de 1912 con valores de 10, 20, 50, 100 e 1.000 coroas.[4]
A segunda emisión provisional, tamén en 1919, baseouse nos mesmos valores da coroa austrohúngara emitidos en 1912 mais, en lugar dunha sobreimpresión oval, pegáronse nos billetes austrohúngaros uns adhesivos para a súa validación como coroas iugoslavas. Estes selos adhesivos eran bilingües (serbocroata e esloveno) nos billetes de 10, 20 e 50 coroas, en tanto que os dos billetes de 100 e de 1.000 coroas eran monolingües en tres versións (serbio, croata e esloveno), alternando, segundo os casos, os caracteres latinos e os cirílicos.[4]
O Ministerio de Facenda do Reino dos Serbos, Croatas e Eslovenos introduciu no mesmo 1919 unha serie de billetes propios (xa non sobre os da coroa austrohúngara), co seu valor expresado en dinares e ao mesmo tempo sobreestampados coa súa equivalencia en coroas iugoslavas, a razón de 1 dinar = 4 coroas.[1][5] Os valores emitidos foron os de 2, 4, 20, 40, 80, 400 e 4.000 coroas iugoslavas, con eses valores sobreimpresos sobre, respectivamente, billetes de ½, 1, 5, 10, 20, 100 e 1.000 dinares.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.