Cirene
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Cirene foi unha antiga cidade grega na actual Libia, a máis importante das cinco colonias gregas da rexión, que recibiu o nome de Cirenaica, utilizado aínda hoxe en día. Está situada no val de Djebel Akhdar. Nesta cidade naceron numerosos matemáticos ou filósofos, como Eratóstenes ou Sinesio de Cirene, entre outros.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2017.) |
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Libia | |||
| ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo | |||
Cordilleira | Jebel Akhdar (en) | |||
Características | ||||
Superficie | Patrimonio da Humanidade: 131,675 ha | |||
Patrimonio da Humanidade | ||||
Tipo | Patrimonio cultural → Mundo árabe | |||
Data | 1982 (6ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (ii), (iii) e (vi) | |||
En perigo | 2016 | |||
Identificador | 190 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 630 a. C. | |||
Cronoloxía | ||||
2016- | lista do Patrimonio Mundial en Perigo | |||
As ruínas de Cirene foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1982.
Cirene foi fundada polos gregos vidos de Tera, actual Santorini, seguindo os consellos do Oráculo de Delfos, conducidos por Aristóteles de Tera (posteriormente Bato) sobre o 630 a. C. Bato despois de fundar unha colonia nun illote da costa oriental de Cirenaica (de nome Platea, no golfo de Bomba) trasladouse ao distrito de Azilirs, en terra firme, onde os colonos estiveron seis anos até que encontraron un lugar mellor na rexión de Irasa, onde se fundou Cirene, máis ao interior, no 631 a. C.. Iniciou así Bato a dinastía dos Batiadas, que tivo oito reis (e un usurpador). A cidade foi fundada no territorio da tribo libia dos asbistes (ou asbistis) e dominaba as terras máis fértiles e con auga. A fundación da cidade está explicada detalladamente no libro IV das Historias de Heródoto.[1] A información do historiador de Halicarnaso foi corroborada polo achado dun texto epigráfico do século IV a. C., chamado Estela dos fundadores, que fai mención ao nexo que unía Tera con Cirene.[2]
Cirene tornouse pronto na cidade principal da rexión libia comprendida entre Exipto e Cartago, aumentando as relacións comerciais con todas as cidades gregas. O punto álxido da súa prosperidade tivo lugar baixo os seus propios reis no século V a. C.
A colaboración cos libios foi intensa. Heródoto di que o nome de Bato era unha palabra libia que quería dicir "rei". Os libios estaban excluídos do poder político. Os Batiadas fundaron as colonias de Teucheira, Hespérides e Barca, que conxuntamente coa propia Cirene e o seu porto, Apolonia, formou a orixinal Pentápole Libia.
Bato II invitou os gregos a establecerse na rexión e deulles terras que lle arrebatou aos libios. Isto provocou a revolta dos libios que pediron axuda ao rei de Exipto, que enviou un exército, mais este foi derrotado completamente (o que provocou indirectamente o derrocamento do faraón exipcio Apries). Baixo o faraón Amasis, estableceuse unha alianza entre Cirene e Exipto e o rei casou con Laódice, princesa Batiada.
O fillo de Bato II, Arcesilao II, gobernou como un tirano e provocou a revolta dos gregos dirixidos polos seus irmáns, que se estableceron na cidade de Barca, ademais de rebelarse neste suceso os libios tamén. Para sufocar a rebelión morreron sete mil soldados. Seu irmán Learco matouno e proclamouse rei, mais Bato III conseguiu restaurar a liña lexítima.
Os gregos de Cirene, baixo instrucións do oráculo de Delfos, pediron axuda a Demonax de Mantinea que chegou a Cirene e estableceu unha nova constitución que lle quitou o poder aos reies deixándoos como figuras representativas, con funcións relixiosas, pero conservando os seus dominios privados. O poder político limitado aos descendentes dos colonos orixinais, foi ampliado ao resto do pobo grego que foron divididos en tres tribos: os therenios (coa clase baixa libia agregada), os peloponesios e cretenses; os exeos. Creouse un senado, cuxo presidente era o rei. A constitución tiña similitudes coa de Esparta e existían uns éforos e unha policía de 300 homes armados (similares aos Hippeis de Esparta).
Á morte de Bato, cara ao 530 a. C., seu fillo Arcesilao III ocupou o seu lugar. Este rei tivo boas relacións coa cidade de Barca e casou coa filla do rei Alazir desta cidade, pero xunto coa súa nai Feretima (Pheretime), intentou derrocar a nova constitución e fracasou tendo de marchar ao exilio, pero volveu á fronte dun grupo de mercenarios e emigrantes procedentes de Xonia e entrou en Cirene exercendo unha cruel vinganza sobre os seus opoñentes. Para asegurar o seu poder enviou unha embaixada a Menfis e declarouse vasalo de Cambises II de Persia, e comprometeuse a pagarlle un tributo anual e a facerlle un agasallo; este foi considerado insuficiente polo rei persa que tirou despectivamente aos seus soldados. Arcesilao considerou que rompera as instrucións do oráculo de Delfos, que lle recomendaran moderación na vitoria, e para cumprir os desexos divinos retirouse a Barca, gobernada polo seu sogro Alazir, pero nesta cidade uns exiliados de Cirene, axudados por un partido local, mataron a Arcesilao e a Alazir na praza do mercado. Feretima, a nai de Arcesilao, en vinganza, pediulle axuda a Ariandes, sátrapa persa de Exipto (nomeado por Cambises II e que conservou o cargo baixo Darío I). O sátrapa reuniu un forte exército e unha frota e enviou unha embaixada a Barca preguntando quen fora ou foran os asasinos, pero a xente de Barca asumiu colectivamente a responsabilidade. Ariandes enviou entón o exército e asediou a cidade durante nove meses, e finalmente os persas ocupárona mediante unha estrataxema no 510 a. C. Os cidadáns sospeitosos de simpatizar co asasinato dos reis foron empalados e as murallas enchéronse de xente empalada e entre eles os membros da dinastía Batiada de Barca, dos que se sospeitaba eran culpables. Feretima, que acompañara os persas até Barca, volveu a Exipto co exército persa, pero morreu dunha enfermidade infecciosa.
Desta crise saíu a restauración dos Batiadas en Cirene, que puxo fin á constitución de Demonax e ás súas institucións. Reinaron entón Bato IV o Belo, cun longo reinado, e despois Arcesilao IV, cuxa casta de cabalos libios era célebre e que tiña tendencias tiránicas. Arcesilao quixo destruír a nobreza local e basear o seu apoio nun exército mercenario. Cando morreu proclamouse a república e seu fillo, Bato V, fuxiu a Hespérides onde foi asasinado e a súa cabeza tirada ao mar, como símbolo da extinción da dinastía (cara ao 450 a. C.).
Tras o 460 a. C., Cirene converteuse en República. Do período republicano pouco se sabe; incrementouse o número de tribos e déronselle novas terras aos colonos; o partido democrático foi hexemónico e tivo enfrontamentos con rivais políticos, o que levou ao exercicio da tiranía por algúns, como Aristón e Nicócrates.
En 331 a. C., Cirene fixo un tratado con Alexandre Magno, polo que foi unha dependencia autónoma de Macedonia, e á morte do rei, e despois dun breve goberno de Tibrón de Esparta, pasou ao dominio de Tolomeo I Sóter de Exipto. Ophellas, o xeneral que ocupou a cidade en nome de Ptolomeo I Sóter, gobernou a cidade case de forma independente ata a súa morte, cando o xenro de Ptolomeo Magas recibiu a gobernación do territorio. No 276 a. C. Magas se coroou rei e declarou a independencia de facto, casando coa filla do emperador seléucida e formando con el unha alianza para invadir o Reino Tolemaico.
A invasión non tivo éxito e no 250 a. C., despois da morte de Magas, a cidade foi reabsorbida polo Exipto tolemaico.
Os tolomeos favoreceron o porto de Cirene, Apolonia, por riba da propia Cirene, que entrou en decadencia. Finalmente a rexión foi unha especie de reino láxida separado e á morte do rei no ano 95 a. C., foi legada por testamento a Roma. As cinco cidades da rexión, e entre elas Cirene, continuaron funcionando como repúblicas independentes, baixo protectorado romano, pero houbo loitas con outras cidades e finalmente os romanos anexionaron o territorio e convertérono en provincia (75 a. C.).
En tempos do emperador romano Vespasiano, Cirene foi constituída en colonia romana co nome de Flavia Cirene. Cando chegou ao poder Teodosio I o Grande, Cirene empezou a formar parte do Imperio Romano de Oriente.
Alí naceron: Aristipo, médico e filósofo, fundador dunha escola; Carnéades, fundador da Nova Academia de Atenas, o poeta Calímaco, suposto descendente da dinastía Batiada, Sinesio, que foi bispo de Apolonia, Simón de Cirene, que axudou a Xesús a cargar a cruz cara ao Calvario...
Cando o Imperio Romano de Oriente empezou a chamarse Imperio bizantino, o novo reino dividiuse en diferentes mancomunidades, e Cirene converteuse na segunda cidade máis poboada da mancomunidad de Exipto, por detrás de Alexandría. Pero xa no século VII, Cirene empezou a formar parte do imperio musulmán.
Co tempo, os musulmáns abandonaron Cirene para dirixirse ao oeste e conquistar Hispania. Cirene non estivo habitada durante séculos xa que quedara fóra das rutas comerciais do mar Mediterráneo, polo que acabou desaparecendo do mapa antigo.
As ruínas da cidade son importantes e permiten ver os restos de rúas, o acueduto principal, templos, teatros e tumbas, aínda que quedan tamén algunhas esculturas e pinturas. A vía que unía Cirene coa próxima cidade de Apolonia de Cirene aínda se pode seguir.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.