familia da aristocracia italiana From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Farnesio, en italiano Farnese, foron unha influente familia da aristocracia italiana que ostentou o ducado de Castro, entre 1537 e 1649, e o ducado de Parma entre 1545 e 1731.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Entre os seus máis importantes membros destacaron o papa Paulo III e os duques de Parma.
O enxalzamento dos Farnesio prodúcese no século XV sendo o seu artífice Ranuccio Farnese o Vello. No ano 1416 Siena nomeouno capitán xeneral do seu exército contra o conde de Pitigliano (un Orsini) e, coa vitoria de 1417, foi nomeado Senador de Roma.
Grazas á súa amizade coa familia Colonna e, en especial, co papa Martiño V, toma posesión do castelo de Piansano; e despois, grazas aos favores do papa Uxío IV, acumula maiores riquezas, inserindo a casa de Farnesio entre as grandes familias romanas. En 1434 o mesmo pontífice lle confire a insignia da Rosa de Ouro e o título de Gonfalone da Igrexa.
Ranuccio casou con Agnese Monaldeschi e, dos moitos fillos que tivo, os máis importantes foron Pier Luigi e Gabriele Francesco. Este último casou con Isabel Orsini e deles vén a rama que continuou as xestas militares da familia, rama que se extinguiu na terceira xeración.
Ranuccio morreu o 10 de agosto de 1450 e, despois da súa morte, a política de proximidade á corte papal non se pechou, senón que aumentou grazas ao matrimonio de Pier Luigi, que foi o continuador da estirpe, con Giovanella Caetani, filla de Honorato, señor de Sermoneta, unha descendente do papa Bonifacio VIII, emparentando así con gran parte da nobreza romana. Deste matrimonio naceron cinco fillos, entre eles Alexandre (o que sería papa Paulo III) e Xulia Farnesio.
Entre os séculos XVI e XVII os Farnesio distinguíronse pola súa protección ás artes, e a eles débese a construción do palacio Farnesio en Roma, da Vila Farnesio en Caprarola, da igrexa de Xesús en Roma e do palacio della Pilotta en Parma, actualmente Galería Nacional de Parma.
En 1580 prodúcese en Portugal a crise sucesoria que daría fin á Casa de Avís (ou Avis, en portugués) sucesora familiar da anterior Dinastía de Borgoña, tras a morte do cardeal-rei Henrique I de Portugal.
Sete pretendentes disputaban o trono portugués, pero só cinco baseaban as súas pretensións con fundamentos aceptábeis:
Os outros dous candidatos, tiñan menos dereitos. Eran Catarina de Medici, raíña de Francia, descendente de Afonso III e a súa primeira esposa, a condesa Matilde de Boloña, e o papa, herdeiro natural dos cardeais.
Os Farnesio desistiron nas súas pretensións porque Ranuccio era aínda un neno (en 1580 tiña apenas 11 anos) pero, sobre todo, porque o seu pai, Alessandro Farnese, duque de Parma era gobernador dos Países Baixos Españois, formalmente un súbdito de Filipe II de España. A pesar diso, os Farnesio colocaron no centro do seu brasón, un escudete coas Armas de Portugal, demostrando o seu dereito inalienable ao trono do país, brasón que pasou a ser o da familia até a morte do último duque Farnesio, Antonio I.
Dos cinco que presentaban importantes títulos, só tres disputaban seriamente a coroa: Filipe II, o prior do Crato e a duquesa de Bragança. Pero realmente competiron só os dous primeiros.
O prior do Crato, que en 1571 fora gobernador da praza norteafricana de Tánxer e en 1578 acompañara ao rei Sebastián na campaña de Marrocos. Tras da morte do rei da batalla de Alcacerquivir (1578), regresou a Portugal e reclamou o trono, pretensión que lle foi negada por non ser recoñecido como fillo lexítimo, acabando por ser aclamado o seu tío o cardeal Henrique. O 23 de novembro de 1579, unha carta rexia retira a Antonio a nacionalidade portuguesa, os seus bens son confiscados e é expulsado do reino. Era coñecida a antipatía do cardeal ao seu sobriño (fora encargado en Évora da súa educación e se empeñara en que seguise a vida eclesiástica).
En xaneiro de 1580, estando reunidas as Cortes en Almeirim, nas cales se esperaba designar un herdeiro para o trono portugués, faleceu o vello cardeal Henrique, e unha Xunta Gobernativa, constituída por cinco gobernadores, asumiu a rexencia do reino. Filipe II empregou diplomacia (e diñeiro) para gañar adeptos ao seu partido. O reino de Portugal quedara entregado a cinco gobernadores dependentes dos Habsburgo, que dubidaban en recoñecer a Filipe como rei, que se dispuxo a conquistar Portugal polas armas.
Pola súa parte, Antonio procurou seducir ao pobo para a súa causa, a semellanza da situación vivida durante a crise de 1383-1385. Tal como nese período, tamén o rei de Castela invocara argumentos de natureza familiar para herdar o trono portugués; tamén entón, Xoán, Mestre de Avís, fillo ilexítimo do rei Pedro I, presentou unha candidatura que acabou por saír vencedora (na batalla de Aljubarrota e nas Cortes de Coímbra de 1385).
O prior do Crato fixérase aclamar en Santarém, pero dispoñía de poucas tropas. Filipe reuniu un exército, entregoullo ao Duque de Alba, e confiou ao Marqués de Santa Cruz o mando da escuadra, e permaneceu próximo da fronteira de Badaxoz. Alba marchou sobre Setúbal, conquistando o Alentejo, subiu até Cascais onde estaba a escuadra do Marqués de Santa Cruz, marchou sobre Lisboa, derrotou ao prior do Crato na batalla de Alcántara o 4 de agosto de 1580, perseguiuno até a provincia do Miño, e preparou o reino para recibir a visita do seu novo soberano.
Filipe atravesou a fronteira o 9 de decembro de 1580, entrou en Elvas, onde se demorou dous meses recibindo os cumprimentos dos novos súbditos (un dos primeiros que o foi saudar foi o duque de Bragança). O 23 de febreiro de 1581 Filipe II saíu de Elvas, atravesou triunfante e demoradamente o país, e o 16 de marzo de 1581 entrou en Tomar, onde convocara cortes. Distribuíu recompensas, ordenou suplicios e confiscacións, e recibiu a noticia de que todas as colonias recoñeceran a súa soberanía, exceptuando a Illa Terceira, Azores, onde se arborara a bandeira do prior do Crato, que foi xurado alí rei de Portugal o 16 de abril de 1581. Filipe mandou de Lisboa tropas que someteran a illa Terceira, na que Antonio fora auxiliado por Francia, e partiu para España despois da vitoria naval de Vila Franca, na que o Marqués de Santa Cruz esnaquizou a escuadra francesa o 26 de xullo de 1582, obtendo a submisión da illa.
Así, á Dinastía de Avís sucedeuna, pola unión persoal entre as coroas de Portugal e de todos os demais reinos de Filipe II, pola Dinastía de Habsburgo, ou Dinastía Filipina, ou Dinastía de Austria.
O último Farnesio soberano de Parma foi Antonio Farnesio (1679- 1731). Ao morrer sen sucesión directa, o ducado pasou ao fillo da súa sobriña Isabel de Farnesio e do monarca español Filipe V, o daquela infante Carlos de Borbón, que posteriormente se convertería en rei de España e que, tras o seu acceso ao Grande Ducado de Toscana, cedeu o ducado o seu irmán Filipe, que reinou en Parma co nome de Filipe I de Parma, e fundou a Casa de Borbón-Parma que gobernaría o ducado até a súa integración nas Provincias Unidas de Italia Central, paso previo á súa integración no reino de Italia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.