Casa da Moeda do Xapón
ceca pública xaponesa From Wikipedia, the free encyclopedia
ceca pública xaponesa From Wikipedia, the free encyclopedia
A Casa da Moeda do Xapón (en xaponés: 独立行政法人造幣局 , Dokuritsu Gyosei Hojin Zoheikyoku) é un organismo autónomo de titularidade pública dependente do Goberno xaponés, responsable da produción de todas as moedas circulantes e conmemorativas do Xapón.[3][4] A axencia ten a súa sede central na cidade de Osaca e conta con dúas sedes sucursais en Saitama (área metropolitana de Toquio) e en Hiroshima.[5]
Casa da Moeda do Xapón –独立行政法人造幣局 – –Dokuritsu Gyosei Hojin Zoheikyoku– | |
---|---|
Sede central en Osaca da Casa da Moeda do Xapón | |
Tipo | Organismo público autónomo. |
Fundación | 1871. |
Matriz | Goberno do Xapón. |
Localización | Osaca Xapón |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas. |
Beneficio operativo | 510.000.000 iens.[1] |
Número de empregados | 843 (abril 2019).[2] |
Na rede | |
https://www.mint.go.jp/ e https://www.mint.go.jp/category/eng | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A ceca xaponesa non produce papel moeda; deste mester, xunto coa impresión de selos postais, ocúpase a Oficina Nacional de Impresión ( 国立印刷局, Kokuritsu Insatsu-kyoku).[6]
En abril de 2019, a compañía tiña 843 empregados.[7] Ese mesmo ano, a súa produción de moeda circulante xaponesa acadou as 336.174.000 unidades.[8] Ademais das moedas nacionais, a Casa da Moeda do Xapón produce moedas circulantes e conmemorativas para diversos estados, entre eles os Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Omán, Laos, Myanmar, Brunei, Camboxa, Bangladesh, Sri Lanka e Nova Celandia.[9]
A Casa da Moeda do Xapón estableceuse en Osaca polo Goberno Meiji coa intención de modernizar a produción monetaria no país. A cerimonia inaugural tivo lugar o 4 de abril de 1871, nunhas instalacións construídas ao estilo occidental, e inmediatamente comezaron a sucederse nelas as novas cuñaxes.[10]
Como a industria pesada aínda non estaba daquela desenvolvida no Xapón, para o establecemento da nova ceca cumpriu importar todo o equipamento e crear industrias auxiliares, ata entón inexistentes, para a produción de produtos como ácido sulfúrico, sosa cáustica ou coque, e para a fabricación de equipamentos lixeiros, como balanzas e diversos utensilios de cuñaxe. Do mesmo xeito, foi necesario o establecemento de sistemas de comunicacións telegráficos e posteriormente telefónicos. Outra das innovacións foi a adopción dun sistema de contabilidade moderno de partida dobre. Así as cousas, a ceca nipona foi pioneira na introdución da cultura industrial occidental no Xapón dos primeiros anos da era era Meiji.[10]
A partir de entón, a Casa da Moeda do Xapón foise expandindo progresivamente para abranguer, ademais da produción de moedas, a fabricación por encarga de medallas de honra, condecoracións e diversos obxectos metálicos, e mesmo outros labores como a análise e a determinación da pureza de metais preciosos, entre outros.[10]
A compañía converteuse en organismo autónomo de titularidade pública o 1 de abril de 2003.[10]
O emperador xaponés contactou o 30 de maio de 1868 co cónsul xeral do Reino Unido no Xapón, Harry Parkes, para lle propor a creación dunha casa de moeda pública no país. A partir de aí, establecéronse contactos para a adquisición de prensas de James Watt, en Londres, e tamén para a incorporación de equipamentos provenientes da Casa da Moeda de Hong Kong, que cesara a súa actividade uns meses antes. O proxecto aprobado precisaba contar con arredor de cen traballadores, para producir cada hora 35.000 moedas de prata de características similares aos reais de oito españois e aos pesos mexicanos que circulaban daquela no país. Para ese propósicto nomeouse como director a Thomas Kinder, que xa dirixira a extinta ceca de Hong Kong.[11]
O 14 de outubro de 1868 chegaron os equipamentos ao porto de Osaca, onde xa se comezara a construír o edificio. As instalacións concluíronse e inauguráronse o 4 de abril de 1871, con todos os cargos de responsabilidade en mans de cidadáns británicos. Os talleres entraron en produción inmediatamente. Entre 1873 e 1874, a nova ceca produciu xa 2.319 millóns de moedas de ouro, 24.532 millóns de prata e 36 millóns de cobre, de alta calidade.[11]
Logo da súa posta en marcha, Kinder deixou a empresa, xunto con sete dos seus directivos, o 31 de xaneiro de 1875, cando esta estaba en óptimo rendemento. Os anos seguintes, o cadro de traballadores aumentou de 380 en 1874 a 556 en 1876. Paralelamente, tamén aumentou a produción da planta, que pasou dos 62 millóns de pezas aos 112 millóns na mesma marxe de anos.[11]
En 1879 abriu unha nova planta en Toquio, establecida no edificio do Ministerio de Finanzas, na que se recollían prata e ouro dos cidadáns para os converter en moeda, a cambio dunha comisión. Mais esta filial pechou as súas portas en 1907.
En xullo de 1929 reabriuse a factoría de Toquio, esta vez situada en Kojimachi, no distrito de Chiyoda, non para a cuñaxe senón destionada á certificación da finura de artigos elaborados en metais preciosos.[12]
Nunha terceira etapa, en novembro de 1939, a planta trasladouse a outro distrito de Toquio, Toshima, para posibilitar a ampliación das súas operacións, que comezaron en 1941.
A partir de setembro de 1943 pasou a considerarse formalmente como unha sucursal da Casa da Moeda de Toquio e o 1 de abril de 2003 pasou a formar parte da estrutura administrativa da axencia estatal.[12]
Desde outubro de 2016, esta sucursal da ceca xaponesa está asentada no barrio de Omiya-ku, en Saitama, un municipio da área metropolitana do Gran Toquio.[12]
A construción dunha nova planta de cuñaxe na prefectura de Hiroshima decidiuse en 1942, co obxectivo de producir moedas por encarga destinadas á súa circulación en diversos países da área do Sueste Asiático. Estas operacións comezaron na planta de Hiroshima enfebreiro de 1945.[12]
Pouco despois do seu establecemento, as operacións desta nova planta víronse obrigadas a suspenderse logo da explisión na cidade dunha bomba atómica, no marco da segunda guerra mundial, aínda que en 1946 logrouse comezar a restablecer a produción e en setembro de 1948 xa se puido realizar o proceso completo de cuñaxe, nas mesmas instalacións. Foi a partir dese momento, coa introdución de novos equipamentos e a racionalización dos procedementros de traballo, cando a planta de cuñaxe de Hiroshima pasou a ser considerada como a segunda sucursal da Casa da Moeda do Xapón.[12]
Do mesmo xeito que a filial de Saitama-Toquio, esta de Hiroshima incorporouse á estrutura administrativa da ceca xaponesa o 1 de abril de 2003.[12]
A Conferencia de Directores de Casas de Moeda (MDC, siglas do inglés Mint Directors Conference) outorga anualmente un premio ás moedas máis fermosas e ás máis avanzadas tecnoloxicamente. Estes son os recoñecementos acadados pola Casa da Moeda do Xapón:[13]
Desde 1984, a editora estadounidense Krause Publications concede o Premio Moeda do Ano, en dez categorías. Estes son os premios acadados por moedas cuñadas pola Casa da Moeda do Xapón.[13][14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.