activista británica From Wikipedia, the free encyclopedia
Camila, nada en Londres (Inglaterra) o 17 de xullo de 1947, é a raíña consorte do Reino Unido e doutros catorce estados independentes que forman a Commonwealth of Nations, debido ao seu matrimonio co rei Carlos III do Reino Unido.
O seu nome de pía é Camilla Rosemary Shand, mais de 1973 a 1995, adoptou o apelido Parker Bowles, debido ao seu primeiro matrimonio co oficial militar Andrew Parker Bowles, co que tivo dous fillos. Logo de casar con Carlos III, entre 2005 e 2022, preferiu empregar o título de duquesa de Cornualla, e non o de princesa de Gales, malia a poder usalo por dereito. Camila tamén ostentaba o título de Duquesa de Rothesay en Escocia e duquesa de Edimburgo despois de que o seu marido herdase o título do seu falecido pai, o príncipe Filipe de Edimburgo.
É canda a Matilde de Bélxica, a única raíña consorte de Europa con ascendencia familiar nobre.
Naceu o 17 de xullo de 1947 no King's College Hospital de Londres. Foi filla do militar retirado e empresario Bruce Shand e Rosalind Shand, a súa familia era de clase alta, con vínculos coa baixa nobreza británica, e a súa bisavoa, Alice Kappel, fora amante do rei Eduardo VII.[1][2]
Medrou entre a casa de campo familiar en Plumpton (East Sussex) e no barrio de Kensington (Londres). Foi alumna da novelista Penelope Fitzgerald no Queen's Gate School, onde ensinaba francés.[3] Non preparou o ingreso á universidade por decisión dos seus pais, que preferiron enviala a Suíza á escola Mon Fertile (Vaud). Logo cursou estudos de francés no Institute Britanique de París.[4]
De regreso a Londres, fixo a súa posta de longo en 1965 e traballou os seguintes anos como secretaria e recepcionista en diferentes empresas.[3] Durante estes anos tamén comezou a cultivar o seu gusto pola equitación, a pintura, a xardinaxe e a horticultura.[5]
Casou en 1973 con Andrew Parker Bowles, militar de profesión, nunha cerimonia católica. Asistiron varios membros da familia real como a propia raíña Isabel II, a raíña nai Isabel e princesa Ana.[3]
O matrimonio tivo dous fillos: Tom, nado o 18 de decembro de 1974, e Laura, nada o 1 de xaneiro de 1976. Os fillos foron educados na relixión católica do pai, mentres que Camila conservou a súa comuñón anglicana. Tom Parker Bowles é xornalista e crítico gastronómico, mentres que Laura, que adoptou o apelido Lopes por matrimonio, é galerista de arte.[6][7]
Logo de múltiples infidelidades, Camila e Andrew Parker Bowles, remataron por divorciarse en 1995.
Coñeceu ao Carlos III do Reino Unido, entón príncipe de Gales, nun partido de polo en 1970. Segundo lembra, foi Camila quen interpelou a Carlos presentándose como a a bisneta da amante do seu tataravó.[8] Dende entón, Camila e Carlos mantiveron unha estreita amizade.
Malia a casaren con Andrew Parker Bowles e Diana de Gales respectivamente, Camila e Carlos mantiveron unha relación sentimental que se prolongou no tempo. A revelación ao público tivo lugar en 1992 coa publicación do libro Diana: Her True Story. A prensa sensacionalista atacou a Camila por esa relación extramatrimonial e, en 1993, algúns xornais publicaron a transcrición dunha conversa íntima gravada en segredo de Camila e Carlos.[9] Carlos de Gales recoñeceu o seu adulterio no documental Charles: The Private Man, the Public Role da cadea ITV en 1994 indicando que Camila era unha "querida amiga".[10] Diana de Gales tamén fixo público o seu coñecemento das relacións do seu home con Camila.[11] O divorcio de Carlos e Diana de Gales foi en 1996, un ano despois do de Camila e Andrew Parker Bowles.[12] A relación entre Carlos e Camila proseguiu nos anos posteriores malia as críticas da prensa sensacionalista.
Paralelamente, Camila asumiu dende 1994 a participación en diferentes iniciativas benéficas. Entre as que destacou o seu traballo na Royal Osteoporosis Society, centrada no combate da osteoporose e a axuda aos seus doentes; o falecemento da súa nai por esta enfermidade marcou a Camila.[13][14]
O 9 de abril de 2005, ás 12.30, Carlos e Camila casaron polo civil no concello de Windsor nun pequeno acto privado no que os fillos máis vellos de ambos cónxuxes foron as testemuñas. Posteriormente, na Capela de San Xurxo do Castelo de Windsor, o arcebispo de Canterbury ofreceulles unha benzón nunha cerimonia relixiosa á que asistiron a raíña Isabel e o príncipe Filipe, así como outros 800 convidados.[15]
Aínda que legalmente foi princesa de Gales, o día do anuncio do compromiso matrimonial, o Palacio de Buckingham anunciou que Camila levaría o título de duquesa de Cornualla, con tratamento de Alteza Real, evitando confusións e brindando respecto á falecida Diana de Gales. Usou este título en todas as partes, agás en Escocia, onde utilizou o título de duquesa de Rothesay.
A axenda pública de Camila foi aumentando conforme pasaron os anos, paralelamente foi gañando popularidade, desbotando a imaxe negativa que moitos británicos tiñan sobre ela se tiña.[16] Dende 2013 ocupa o cargo honorífico de chanceler da Universidade de Aberdeen, en Escocia,[17] e ese mesmo ano acompañou a Carlos de Inglaterra, á raíña Isabel II e ao príncipe Filipe na apertura do Parlamento británico.[18][19] En 2022, durante os festexos do 70 aniversario da chegada ao trono de Isabel II, a propia raíña expresou o seu desexo de que Camila de Cornualla gozara do título de "raíña consorte" cando o seu fixo, Carlos, fose rei.[20][21]
Recoñecida lectora, indicou que tomou este hábito do seu pai.[22] Durante a pandemia de covid-19, gañou popularidade polas súas recomendacións de libros durante os confinamentos.[23] Esta idea acabou por facer un club de lectura en liña con Camila chamado The Reading Room (sala de lectura en galego).[24]
O 8 de setembro de 2022, logo da morte da Isabel II, Carlos III ascendeu o trono, sendo Camila, dende entón, raíña consorte do Reino Unido. Como tal, foi testemuña na proclamación oficial de Carlos como rei o día 10 de setembro de 2022.[25] Ademais, acompañou ao seu home no velorio da raíña defunta en Escocia e nas súas intervencións ante o Parlamento británico e as cámaras lexislativas de Escocia, Gales e Irlanda do Norte.[26][27][28]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.