especie de paxaro From Wikipedia, the free encyclopedia
O bufo pequeno (Asio otus) é unha especie de moucho que cría en Europa, Asia, e Norteamérica. A estación de cría vai de febreiro a xullo. É parcialmente migratorio: os que viven nas zonas máis o norte móvense cara ó sur no inverno. Adoita vivir en bosques ou fragas preto de campo aberto. Deixase ver con máis dificultades ca outras especies da súa familia. Forma parte da familia Strigidae, que comprende os bufos máis coñecidos.
Bufo pequeno | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Bufo pequeno en Inglaterra. | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Asio otus' (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Distribución do A. otus | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Asio wilsonianus |
O corpo do bufo pequeno uns 36 cm. e a envergadura das súas ás é de 95 cm., o tamaño aproximado da avelaiona común (Strix aluco), aínda que é máis lixeiro, pesando de 220 a 280 gramos os machos e de 250 a 370 gramos as femias. Ten vistosas plumas na cabeza que recordan unhas orellas. O iris dos ollos do bufo pequeno é de cor amarela alaranxada brillante. A cara está dividida por unha liña de plumas elevadas. As ás son relativamente estreitas. A cor da plumaxe do bufo pequeno vai do castaño brillante á cor de terra amarelo ocre, con faixas e listas de cor castaño escuro. Os "antebrazos" son escuros e atravesados por bandas. En xeral nas femias predominan os tons escuros e os machos son algo máis claros. As cores e o debuxo xeral da ave son miméticos: un bufo pequeno e moi difícil de descubrir se está en pousado nunha pola.
A área de distribución da especie estendese dende as illas británicas por Eurasia, incluíndo China e Mongolia ata a illa de Sakhalín e o Xapón. a súa fronteira norte márcaa ó bosque caducifolio boreal. En África aparece nos bosques dos montes Atlas e nos bosques de montaña de Etiopía. Vive tamén nas Canarias e Azores. En América aparece o sur do Canadá e o norte e centro dos Estados Unidos,
O bufo pequeno precisa da presenza de campo aberto con plantas baixas. En Europa é unha ave de terras de cultivo, sobre todo de zonas verde, e zonas preto de pantanos. Ocasionalmente aparece en zonas alpinas, se a abundancia de presas o permite. Os bufos pequenos viven tamén en zonas de bosque só cando dispoñen de áreas despexadas para a caza. En cambio, sonlles moi axeitadas as beiras das zonas boscosas, que lles ofrecen abeiro de día e zonas de cría. Prefiren bosques de coníferas, nos que atopan niños vellos de corvo e pega que utilizan para criar. Se non dispoñen dese tipo de bosques poden utilizar soutos, pequenas agrupacións de árbores e mesmo sebes.Habita mesmo nos límites das cidades, sobre todo se dispón de superficies cultivadas próximas.
O bufo pequeno e territorial só preto da zona de cría, que marca con chíos e con voos de demostración, durante os que fai bater as ás por debaixo do corpo. Se o alimento e suficiente as zonas de cría poden estar moi achegadas unhas ás outras. No inverno os bufos pequenos poden compartir ocasionalmente as zonas de repouso, chegando a xuntarse ata 200 exemplares que nese caso manteñen unha mínima distancia. Neses casos escollen árbores que serven de lugar para durmir durante varios anos. Nalgúns casos comprobouse que unha árbore foi utilizada durante máis de 100 anos como lugar para pasa-lo inverno, e poden chegar a compartilo con outras especies de rapaces nocturnas. De feito o bufo pequeno non adoita ser agresivo con outras especies de estrixiformes.
Durante a época de cría os machos repiten separado por algúns segundos un berro apagado e monótono. A femia responde con outro berro monótono. O repertorio de sons conta tamén con asubíos e ruídos feitos co bico, que se usan principalmente para rexeitar ós intrusos. O repertorio de berros de alarma e moi variado.
As crías que xa deixaron o niño e aínda son alimentadas polos pais poden deixar oír un berro agudo durante horas pola noite, que ten sido usado para comprobar o estado das poboacións da especie.
Cazan ó luscofusco e pola noite. En casos de moita escaseza de alimento poden cazar polo día. Antes de comeza-la caza limpan a plumaxe con moito coidado. O bufo pequeno caza durante períodos de dúas ou tres horas, fai unha pausa e continua a cazar con intensidade outras dúas ou tres horas ata a chegada do amencer.
O voo e silencioso e realizase bastante preto do chan e localiza as presas pola vista e o oído. Caza tamén espreitando, sobre todo ratos. Para capturar insectos pousase directamente no chan ou mesmo camiña polas polas.
A súa presa principal son os roedores, xeralmente ratos. Cazan tamén paxaros pequenos, coma os gorrións.
Ó cumpriren o seu primeiro ano de vida os bufos pequenos son xa fértiles. Establecen parellas estacionais. As parellas fanse durante o inverno, no tempo en que os bufos dormen xuntos. E típico, porén, que os machos intenten atraer ó seu territorio ás femias cos seus berros a primeiros da primavera. Durante o cortexo o macho fai voos de demostración, amosando a parte inferior branca das plumas e facendo, ás veces, bater as ás por baixo do corpo. Ese batido das ás faino tamén a femia cando esta preto dunha área potencial de cría..A esta fase pertencen tamén berros de aproximación.
Coma noutras especies de bufos europeos o macho tenta atraer á femia con chamadas en voz baixa. O bufo pequeno diferenciase doutras especies polos movementos de ás, plumas e dos penachos da cabeza moi característicos cos que acompaña as chamadas.
Utilizan niños abandonados de aves rapaces e córvidos, nalgunha rara ocasión, situados no chan. As femias comezan a incubar des. que poñen o primeiro ovo e pon, cunha separación duns dous días, de catro a seis ovos. En caso dunha grande abundancia de alimento poden chegar a poñer excepcionalmente ata oito. Durante a incubación e os primeiros días despois da eclosión a femia deixa o niño so por períodos curtos. Os polos saen do ovo os 27 ou 28 días, e son intensamente alimentados pola mai coas presas fornecidas polo macho. Macho e femia defenden a niñada. A femia non volve a cazar ata que os polos poden saír do niño e poden pousarse nas polas próximas.
Os recentemente saídos do ovo pesan 16 gramos. Ö nacer pode xa adiviñarse a forma das futuras "orellas" que caracterizan á especie. As primeiras penas son substituídas por unha plumaxe de cor castaña brillante e unha máscara facial negra. Os polos deixan o niño as tres semanas e agáchanse nas zonas menos visibles da árbore na que naceron. De noite indican a súa posición cun berro agudo e repetido.As 10 semanas están en condicións de cazar, aínda que son alimentados polo menos unha semana máis.
Os xoves bufos poden desprazarse centos de quilómetros procurando un territorio propio. Bufos centroeuropeos poden viaxar ata Portugal e a distancia máxima recorrida foi nun caso de 2.140 quilómetros. En xeral, porén, os movementos lévanos de 50 a 100 km do punto de partida.
O Asio otus é, en xeral, un emigrante parcial. Os que viven o nordeste de Europa viaxan cara ao suroeste en inverno. Durante á época fría achéganse ós arredores das grandes cidades e áreas habitadas, onde é máis doado atopar alimento. Os exemplares que viven en lugares máis quentes non migran.
O bufo pequeno é unha das presas doutras aves de presa meirandes, entre elas especialmente o bufo. As vítimas máis habituais son femias que incuban. As martas adoitan capturar os polos que non poden aínda voar. O bufo pequeno tente evitar ós inimigos co seu mimetismo, e, no caso das femias que están criando, apertándose o máis posible contra o fondo do niño. A isto engaden unha serie de tácticas coma inchar as plumas finxindo ser de maior tamaño do real batendo co bico a un tempo. En caso de perigo inminente os polos agatuñan ás zonas máis altas das árbores e poden chegara saltar ó chan.
No caso de que persoas ou animais cazadores se acheguen ó niño poden utilizar técnicas de distracción, como finxirse feridos para atraer a atención do posible cazador e afastalo da área de cría.
Só a metade dos Bufos pequenos chegan a pasar do ano de idade. A idade máxima comprobada en condicións naturais son 28 anos.
As poboacións desta especie dependen das de ratos. Un descenso nas taxas de reprodución destes roedores produce un sensible descenso do número de bufos pequenos na área afectada. As poboacións en Europa calcúlanse nunhas 200.000 parellas reprodutoras. Coma no caso doutras rapaces nocturnas o factor máis importante de conservación e manter a presenza de paisaxes naturais. Algúns investigadores suxiren a posibilidade de que a competencia da avelaiona común pode facer retroceder ós bufos pequenos. Estudos feitos nos Países Baixos parecerían demostralo, aínda que outros factores accesorios poderían explicar o descenso de poboación.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.