cultura dos xudeus descendentes das comunidades xudías medievais da Alemaña From Wikipedia, the free encyclopedia
A cultura asquenací,[1] ou asquenasita,[2] (en hebreo: אשכנז) descende das comunidades xudías medievais da Renania, chamada "Ashkenaz", palabra do hebreo medieval coa que se coñecía á Alemaña.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Estas comunidades xudías emigraron cara ao leste e formaron comunidades en Alemaña, Hungría, Polonia, Rusia, e en xeral en toda a Europa central e do leste entre os séculos X e XIX. Dende a Idade Media ata mediados do século XX, a súa lingua franca foi o yiddish- En menor medida, empregaban tamén o Judæo-Francés ou Zarpático, o Canaánico ou Judæo-Checo e o Judæo-Provenzal ou Shuadit, os tres extintos na actualidade.
A cultura asquenací ten importante influencia da liturxia, e en diversos graos das culturas alemá, polaca, checa, eslovaca, caxubia, húngara, ucraína, lituana, letoa, belarusa e rusa.
Aínda que no século XI só supoñía o 3% da poboación xudía mundial, a comunidade asquenací seguiu medrando. Acadou o seu máximo en 1931, ao constituír o 91% da poboación xudía mundial. Na actualidade conforma o 80% da poboación xudía. A maioría das comunidades históricas xudías na Europa son asquenacís, coa excepción das da Europa meridional e mediterránea. Unha significante porción da emigración xudía europea noutros continentes nos pasados dous séculos é asquenací do leste europeo. Destaca a comunidade dos EUA.
Na actualidade existe un debate sobre "quen é un xudeu". Isto fai que sexa difícil dicir quen é asquenací, xa que pode definirse pola relixión, a cultura ou a etnia. Debido a que hoxe en día os xudeus asquenacís xa non viven só na Europa do leste, a súa homoxeneidade e unidade cultural desapareceu. A palabra "asquenací" en si mesma desenvolveu novos significados, sobre todo en Israel, onde adoita empregarse dun xeito diferente ao tradicional.
No sentido relixioso, un xudeu asquenací é aquel cunha familia que practica a liturxia asquenací. Cando a comunidade asquenací comezou a desenvolverse, entre o comezo da Idade Media e o século X, os centros da autoridade relixiosa estaba no mundo islámico, no Bagdad e na España islámica. Ashkenaz (Alemaña) atopábase tan xeograficamente distante que desenvolveu a súa propia minhag (conxunto de tradicións, costumes e oracións do xudaísmo). Tamén desenvolveron a súa propia pronuncia do hebreo empregado na liturxia.
Por tradición, cando unha muller sefardí ou mizrahi casa cun xudeu ortodoxo ou haredi, cría os fillos nas tradicións asquenacís, o mesmo que se un xentil se converte ao xudaísmo e segue as prácticas asquenacís.
A lei xudía, a Halacha, non emprega criterios de fe ou confesionalidade para definir unha persoa xudía. Tampouco ningunha autoridade dentro do xudaísmo, nin a comunidade. Incluso un membro dunha comunidade xudía que non quixese seguir practicando ou considerándose xudeu, segue a ser considerado xudeu pola lei. Segundo a tradición, o status de xudeu hérdase pola liña materna. Aínda que non sexa practicante, sexa doutra relixión ou nin sequera saiba que é xudeu, forma parte da comunidade xudía.
Os seguintes exemplos ilustran os aspectos da identidade xudía:
Coa reintegración dos xudeus de todo o mundo en Israel, Norte América e outros lugares, a definición de xudeu asquenací está a cambiar, especialmente fóra do xudaísmo ortodoxo. Na actualidade, moitos sefardís e mizrahi uníronse ós movementos liberais iniciados nun comezo polo xudaísmo asquenací. Nas últimas décadas, as congregacións ás que se uniron absorberon as súas propias tradicións dentro da minhag asquenací. Os rabinos e cantores de movementos non ortodoxos están comezando a estudar en Israel o hebreo litúrxico sefardí en lugar do tradicional asquenací. Así mesmo, as congregacións asquenacís adoptaron melodías sefardís para as súas oracións e cancións tradicionais. Dende mediados do século XX, estase a producir o sincretismo e a fusión das tradicións, o que está a afectar á minhag e ás congregacións relixiosas máis tradicionais.
As novas tendencias do xudaísmo a miúdo transcenden as diferenzas entre os xudeus asquenacís e sefardís. En cidades de Norte América, tendencias sociais como o movemento chavurah ou o xudaísmo pos-denominacional adoitan xuntar a mocidade xudía de distintas orixes étnicas. Recentemente, aumentou o interese en prácticas como a Kabbalah, a cal se practica en moitos casos fóra da yeshiva (institución do xudaísmo ortodoxo en que se estuda a Torah e o Talmud).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.