Análise matemática
From Wikipedia, the free encyclopedia
A análise matemática (do grego άναλύειν) tivo a súa orixe na formulación rigorosa do cálculo infinitesimal. É a rama da matemática que trata explicitamente a noción de límite, ben sexa o límite dunha sucesión ou o dunha función.[1] Inclúe tamén as teorías de diferenciación, integración e da medida, o estudo das series[2], e o das funcións analíticas. A miúdo estúdanse estas teorías no contexto dos números reais, ou complexos, e das funcións reais e complexas. Agora ben, tamén se poden definir e estudar as nocións e teorías da análise matemática en calquera espazo equipado cunha noción de "proximidade" (nun espazo topolóxico) ou máis especificamente nun espazo dotado cunha noción de "distancia" (isto é, nun espazo métrico).