From Wikipedia, the free encyclopedia
O antílope americano[1] (Antilocapra americana), chamado pronghorn en inglés e berrendo polos castelán falantes americanos, é unha especie de mamífero artiodáctilo, a única actual da familia dos antilocápridos e do xénero Antilocapra.[2]
Antilocapra americana Antílope americano | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Antilocapra americana. Macho adulto en Oregón
| |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Antilocapra americana Ord, 1815 | |||||||||||||||||||||
Distribución do antílope americano | |||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||
|
Aínda que hoxe e o único representante da familia, esta contaba até principios do plistoceno con numerosas especies. Co paso do tempo, todas se extinguiron por diversas causas, deixando ao antílope americano actual como único vestixio da súa presenza.
Pese a que se lles chama antílopes americanos non son verdadeiros antílopes.[3] Presenta un marcado dimorfismo sexual, sendo os machos maiores, cun peso de 45 a 60 kg, mentres que as femias pesan entre os 35 e os 45 kg.
Difire do resto dos ruminantes de cornos ocos por ter estoxos córneos caducos. Ambos sexos posúen cornos curvos e dirixidos cara a atrás que mudan cada ano, como os cervos, pero nunca se desprenden da base ósea que hai baixo a superficie córnea.
Estes cornos son máis grandes (de 12,5 a 45 cm) e están ramificados nos machos, mentres que nas femias son curtos (de 2,5 a 15 cm) e sen ramificacións. Tanto as femias como os machos presentan unha coroa de pelo na base dos cornos e unha crina de cor negra.
A lonxitude da cabeza e tronco é de 1,30 a 1,50 m, a altura na cruz de 70 a 80 cm, a cola mide uns 10 cm, e as orellas uns 15 cm.
A forma do corpo recorda aos antílopes xa que, ao igual que eles, teñen o lombo a maior altura que os ombros, e as súas extremidades son delgadas e longas.
A pelaxe é de cor leonada ou pedrés (de dúas cores) no lombo (de onde provén o seu nome en castelán berrendo), aínda que en inverno escurécese lixeiramente. A cor aclárase nas partes inferiores do corpo até volverse branca na cara, garganta, ventre, patas e glúteos. Un elemento característico desta especie é a presenza dunha gran mancha branca ao redor da rexión caudal, que está presente en machos, femias e crías; a pelaxe nesta zona encréspase cando o animal nota algún perigo, o que serve de advertencia a outros membros do grupo. Na parte do pescozo sobresaen dúas bandas brancas localizadas unha á altura da gorxa e outra debaixo dela. Hai bandas de pelo escuro no nariz, na fronte, nas meixelas, nas partes posteriores do pescozo e da cola. As patas teñen catro dedos, aínda que camiñan sobre dous.
O antílope americano é propio de América do Norte, encontrándose desde o sur do Canadá, a través do oeste dos Estados Unidos, até o norte de México (Baixa California, Sonora, Chihuahua e Hidalgo).[4]
O hábitat característico destes animais son os espazos abertos, como chairas herbáceas e semidesertos.
Aliméntanse durante gran parte do día de herbas, arbustos, musgos e, en ocasións, incluso de cactos. Móvense en grandes grupos, á veces en mandas de centos de animais, especialmente no verán. Os integrantes destas mandas son sempre femias coas súas crías e machos novos. Os machos adultos e os vellos adoitan seren solitarios ou viviren en pequenos grupos, aínda que ás veces poden formar tamén rabaños formados unicamente por individuos machos. En outono os machos en idade reprodutora compiten entre si trucando testa con testa co fin de gañar o dereito a reproducirse.
Ao contrario que en moitos outros ungulados, os machos non abandonan as mandas de femias tras a época de celo, senón que permanecen unidos a elas durante todo o inverno seguinte.
Tras 230 días de xestación, as femias paren unha cría (se é o seu primeiro parto) ou dúas no mes de xuño. Estas crías son de cor gris e pesan de 2 a 4 kg. Poucas semanas despois van adquirindo a tonalidade dos adultos.
Inmediatamente despois do parto, as femias separan ás súas crías e escóndenas entre o mato, aínda que se manteñen vixiantes nas zonas próximas e acoden regularmente para amamentalas.
Actualmente os antílopes americanos non contan con auténticos depredadores. Porén, son os mamíferos máis rápidos de América do Norte,[5] podendo correr a 65 km/h durante varios quilómetros, saltando de 3 até case 6 m.[3] A súa velocidade máxima rexistrada é de 98 km/h.[Cómpre referencia]
Debido a iso, é raro que morran presas doutros animais. Os lobos, coiotes, linces vermellos (Lynx rufus), pumas e aguias reais poden matar crías de poucos días, pero incluso isto non é algo común, pois os pequenos antílopes poden pasar horas agochados entre a vexetación e sen realizar ningún movemento que poida delatalos. Ás poucas semanas de nacer deixan de esconderse e seguen á súa nai, sendo xa máis rápidos que os seus potenciais cazadores.
A posíbel causa da velocidade do antílope americano é que até hai á penas 20 milenios si tiña un depredador do que preocuparse. Nas praderías americanas habitaban daquela felinos similares ao guepardo de Asia e África, pertencentes ao xénero extinto Miracinonyx, que probabelmente alcanzaban velocidades similares a este (105 km/h en treitos curtos). A velocidade e a resistencia á carreira desenvolvéronse co fin de escapar deles e, cando os guepardos americanos se extinguiron a finais da última glaciación, os antílopes simplemente seguiron sendo igual de veloces que até entón.
Debido a esta ausencia de depredadores, os antílopes americanos multiplicáronse sen problemas durante o holoceno, e á chegada dos primeiros europeos formaban mandas de millóns de exemplares nas chairas do Canadá, os Estados Unidos e México. Isto cambiou coa chamada "conquista do Oeste". Ao igual que os bisontes, os antílopes americanos foron obxecto dunha brutal matanza a mans dos colonos durante todo o século XIX, morrendo miles cada ano.
A principios dos anos 1800 había probabelmente da orde de máis de 35 millóns de animais. En 1924 críase que a especie estaba cerca da extinción, con só uns 20.000 exemplares. Antes de que a especie diminuíra máis ditáronse leis para protexela a ela e máis ao seu hábitat, polo que o seu número aumentou en dez veces entre 1924 e 1964.[6]
A finais do século XX o número de espécimes estimábase nuns 700.000. A especie xeralmente estaba declinando en México, aínda que era máis estábel no resto da súa área de distribución; porén, o seu número variaba dependendo da severidade das secas e dos invernos.[7] Estimábase que existían menos de 300 individuos de berrendo sonorense nos Estados Unidos e de 200 a 500 individuos en Sonora, México.[8]
Na actualidade a poboación do antílope americano alcanza case os 3 millóns de animais,[Cómpre referencia] sendo especialmente abundantes nas zonas protexidas de Wyoming e Colorado. Nalgunhas zonas a caza volveu ser permitida co fin de controlar o exceso de poboación.
A UICN cualifica a situación da especie como LC (pouco preocupante).[4]
Recoñécense as seguintes subespecies:[2]
Cladograma dos Certartiodactyla[9] existentes segundo Spaulding et al. 2009.[10]
Cetartiodactyla |
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.