![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/37/Action_Directe.svg/langgl-640px-Action_Directe.svg.png&w=640&q=50)
Action Directe
organización armada de extrema esquerda francesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Action Directe (en galego, Acción Directa) foi un grupo armado francés de extrema esquerda que actuou en Francia durante a década de 1980.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/37/Action_Directe.svg/640px-Action_Directe.svg.png)
Foi fundado en 1977 a partir da unión dos Grupos de Acción Revolucionaria Internacionalista (GARI) e os Noyaux Armés pour l'Autonomie Populaire (NAPAP) (Grupos armados para a autonomía popular), co fin de lograr a «coordinación político-militar do movemento autónomo». En 1979 transformouse nunha organización de guerrilla urbana e executou ataques en nome do antiimperialismo e da defensa do proletariado. O grupo foi prohibido polo goberno francés en agosto de 1982. En 1984 aliouse á Fracción do Exército Vermello alemá, baixo a estratexia da «unión dos revolucionarios de Europa Occidental».
O grupo foi a expresión en Francia dunha corrente autodefinida como marxista que consideraba a acción armada como un medio lexítimo de combater un réxime considerado opresivo. Durante os chamados «anos de chumbo», numerosos grupos retomaron as ideas anarquistas da propaganda polo feito. Entre eles estaban:
- A Fracción do Exército Vermello (ou banda Baader-Meinhof) na República Federal Alemá
- As Brigadas Vermellas (Brigate Rosse) en Italia
- O Exército Vermello Xaponés (ou Nihon Sekigun)
- A Organización Revolucionaria 17 de Novembro (ou N17) en Grecia
- A Weather Underground nos Estados Unidos
- As Cellules Communistes combattantes en Bélxica
Action Directe foi responsábel de máis de 50 ataques, como o asalto con metralladoras ao edificio da Federación de empresarios o 1 de maio de 1979, amais de ataques a edificios gobernamentais e militares, empresas en complexos industrial-militares e mesmo ao estado de Israel. Tamén levaron a cabo roubos ou «expropiacións proletarias» e asasinatos, entre eles o do enxeñeiro René Audran en 1985 e o de Georges Besse, presidente da empresa Renault, en 1986.
O 21 de febreiro de 1987 os principais membros de Action Directe, Jean-Marc Rouillan, Nathalie Ménigon, Joëlle Aubron e Georges Cipriani, foron arrestados e condenados a cadea perpetua. Régis Schleicher fora arrestado xa en 1984. Joëlle Aubron foi liberada en 2004 por motivos de saúde e morreu pouco despois. A Jean-Marc Rouillan concedéuselle a liberdade condicional en 2007. Nathalie Ménigon foi posta en liberdade o 2 de agosto de 2008, afectada dunha doenza coronaria, tras 21 anos no cárcere. O 1 de abril dese ano os xulgados de París acordaron a semi-liberdade para Cipriani.