escritor israelí From Wikipedia, the free encyclopedia
Abraham Gabriel Yehoshua, nado en Xerusalén o 9 de decembro de 1936 e finado en Tel Aviv o 14 de xuño de 2022, foi un novelista, ensaísta, e dramaturgo israelí. The New York Times denominouno como o "Faulkner israelí".[1] Asinou a súa obra como A. B. Yehoshua.
Avraham ("Boolie") Yehoshua naceu no seo dunha familia sefardí que levaba cinco xeracións instalada en Xerusalén. O seu pai, Yaakov Yehoshua, era un erudito especializado na historia de Xerusalén. A súa nai, Malka Rosilio, inmigrou desde Marrocos en 1932. Medrou no barrio xerosolimitano de Kerem Avraham.[2]
Yehoshua foi paracaidista das Forzas de Defensa de Israel de 1954 a 1957 e cursou estudos no Gymnasia Rehavia, un instituto municipal de Xerusalén.[3] Logo de estudar Literatura e Filosofía na Universidade Hebrea de Xerusalén, empezou a traballar como docente.
Entre 1963 e 1967, Yehoshua morou en París e foi Secretario Xeral da Unión Mundial de Estudantes Xudeus. En 1972, incorporouse á Universidade de Haifa para ensinar Literatura Comparada e Hebrea, pasando a ser profesor titular.[4] En 1975 obtivo unha residencia literaria no Saint Cross College da Universidade de Oxford. Posteriormente, tamén foi un profesor visitante en Harvard (1977), Chicago (1988, 1997, 2000) e Princeton (1992).
Estivo casado con Rivka, psicóloga clínica, ata a súa morte en 2016. Yehoshua morreu de cancro, o 14 de xuño de 2022, deixando unha filla, dous fillos, e seis netos.[5]
Tras rematar o seu servizo militar, Yehoshua empezou a publicar ficción. Foi unha figura senlleira entre a "nova xeración" de escritores israelís. Estes diferían dos seus predecesores por centrarse máis no individuo e no interpersonal que no grupal. Yehoshua sinalou a Franz Kafka, Shmuel Yosef Agnon, e William Faulkner como influencias.[6][7] O seu primeiro libro, Mot Hazaken, foi editado en 1962.
Autor de once novelas, tres libros de relatos, catro obras de teatro, e catro coleccións de ensaios, incluíndo Ahizat Moledet, un libro de reflexións sobre identidade e literatura. A súa novela máis aclamada, Mar Mani, é unha ollada a Israel e á identidade xudía construída a partir de cinco conversacións que cobren douscentos anos de vida xudía en Xerusalén e na cunca mediterránea.[8] Este texto foi adaptado para televisión como serie polo director Ram Loevy.[9]
En 2007, visitou Galicia para recibir o Premio San Clemente pola súa novela Hakalá hameshajreret ("A noiva liberada").[10] Santiago de Compostela inspirouno e empregouna como escenario da súa obra חסד ספרדי, traducida ao inglés como The Retrospective, publicada no ano 2013.[11][12]
Ademais, os seus libros foron traducidos a 28 linguas, sendo algúns deles adaptados ao cinema, televisión, teatro ou á ópera.
Yehoshua foi activista do Movemento pola Paz israelí. Expresou as súas posicións críticas coa ocupación israelí de territorios pero tamén cos políticos palestinos.[13] En 2003 asistiu á presentación da Iniciativa de Xénova, que defende a solución dos dous estados. Nas eleccións de 2009 apoiou, canda a outros intelectuais, o partido de esquerda Meretz.[14][15]
Con todo, durante as operacións militares de Israel en Gaza, tanto na chamada "Chumbo Fundido" de 2008 e 2009, como en 2012, insistiu aos habitantes da Franxa a rematar coa violencia, xustificando a intervención niso.[16]
Yehoshua foi criticado pola comunidade xudía americana pola súa afirmación de que unha "vida xudía plena só podería ser nun estado xudeu". Tamén foron polémicos os seus ditos sobre que os xudeus que vivían fóra de Israel "xogaban co xudaísmo" ou que o "Xudaísmo da diáspora é masturbación".[8][17]
Ao longo da súa dilatada traxectoria literaria, A. B. Yehoshua foi merecente de diversos premios, por exemplo:
Ademais, foi nomeado doutor honoris causa pola Hebrew Union College (1990), a Universidade de Tel Aviv (1998), a Universidade de Turín (1999), Universidade Bar-Ilan (2000), e a Escola Normal Superior de Pisa (2012).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.