Ínaco
From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Ínaco foi un deus río da Argólide. Era fillo de Océano e a titánide Tetis. Casou con Melia, filla de Océano e tivo dous fillos: Foroneo e Exialeo; outras fontes engaden tamén a Ío [1], Fegeo e Micena.
Nacera en Argos antes da existencia da raza humana [2], aínda que outras tradicións din que foi contemporáneo de Erictonio e Eumolpo. Tamén se asegura que foi el quen reuniu ós homes tralo diluvio de Deucalión e levounos a vivir xunto a un río ó que chamaron Ínaco no seu honor.
Xunto ós deuses fluviais Cefiso e Asterión, foi nomeado árbitro na disputa entre Hera e Poseidón pola posesión da Argólide, e sentenciaron que se adxudicase a Hera. En vinganza, Poseidón deixounos sen auga salvo na época das chuvias [3].
A súa filla Ío, que era sacerdotisa de Hera, foi seducida ou raptada por Zeus. Ínaco indignouse e perseguiu a Zeus pero este mandou contra el a erinia Tisífone, que o atormentou ata provocarlle a loucura. Ínaco terminou botándose ó río que ata entón se chamara Haliacmón e que desde aquela pasou a chamarse Ínaco. Outras fontes din que Zeus lanzoulle un raio e desde entón o río secou.
"Viuna Xúpiter de volta do río do pai e díxolle: 'Doncela digna de Xúpiter que no teu leito
farías feliz a calquera, diríxete ás sombras destes bosques profundos...
Non fuxas de min' (pois estaba fuxindo) . Xa deixara
os pastos de Lerna e os campos de Lirceo plantados con árbores
cando o deus estendeu a escuridade para ocultar a terra,
detivo a súa fuxida e quitoulle a súa honra".(Ovidio: Metamorfosis I, 590-601)