![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7b/PaestumBasilika.jpg/640px-PaestumBasilika.jpg&w=640&q=50)
Éntase
From Wikipedia, the free encyclopedia
A éntase é a zona da columna grega cuxa sección posúe maior diámetro, xa sexa dórica, xónica ou corintia. A finalidade da éntase é conseguir unha mellor sensación estética e visual, xa que confire máis harmonía ó fuste e dá a impresión de maior esvelteza ás columnas.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7b/PaestumBasilika.jpg/640px-PaestumBasilika.jpg)
O fuste das columnas gregas non se deseñaba con sección constante, esta aumentaba dende o capitel á éntase, volvendo a diminuír até a base. Polo tanto, a columna é máis ancha na zona situada na metade inferior. A éntase delimita dúas partes no fuste, unha inferior que se chama imóscapo e unha superior chamada sumóscapo.
A orixe deste tipos de correccións que se fixeron coa éntase está na busca da beleza ideal no mundo grego, nun intento de corrixir efectos ópticos que se producían ó ollar os templos na proximidade ou na lonxanía, xa que para o observador canta maior é a distancia, máis desvirtuadas se perciben as columnas e as liñas rectas e paralelas do edificio que tenden a presentar unha certa concavidade.[1] O que consegue a éntase é corrixir esta sensación.