xornalista e escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Valentín Carrera González, nado en Ponferrada o 22 de marzo de 1958, é un escritor, xornalista, editor, blogueiro, autor de libros de viaxes e de ensaios.
(2020) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de marzo de 1958 (66 anos) Ponferrada, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, cronista |
Premios | |
| |
Traballa desde 1971 en prensa, radio e televisión. Foi cronista da primeira expedición española á Antártida e dirixiu as series Os viaxeiros da luz e Linatakalam, patrocinada pola Alianza de Civilizacións, entre outras.
É doutor en Belas Artes pola Universidade de Salamanca (1998) e licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela (1981). Deu os seus primeiros pasos no xornalismo no desaparecido semanario berciano Aquiana (1971) e no Diario de León. Tamén foi correspondente de La Región e La Vanguardia en Santiago de Compostela, redactor de La Voz de Galicia e colaborador en Viajar, SER, COPE, El País etc. En televisión dirixiu máis de oitenta documentais, series e programas, destacando Os viaxeiros da luz, As viaxeiras da Lúa, emitidas por Televisión de Galicia (TVG); Hanan, emitida por Televisión Española (TVE) e a Sociedade Nacional de Radiodifusión e de Televisión de Marrocos (SNRT). En 2006 dirixiu a coprodución internacional Linatakalam, primeira serie mundial patrocinada pola Alianza de Civilizacións, sobre o diálogo no Mediterráneo, rodada en Exipto, Turquía, Italia, Tunisia, España e Marrocos, con versións en castelán, galego, árabe, francés, inglés, valenciano e italiano; emitida por TVE, Localia, Canle Nou, SNRT, entre outros.
Viaxou como xornalista desde o Xapón á Antártida, onde foi cronista para a Axencia EFE, Axencia Galega de Noticias e El País da primeira expedición científica á Antártida (1986-87), que relata no libro Viaje a los mares de la Antártida (1988). Navegou polo Gran Sol (Riosil), o Nilo, o Danubio e o Amazonas, onde conviviu durante algún tempo no poboado yagua de Brillonuevo. Escribiu crónicas viaxeiras da Bretaña (Viaje al país dos druídas), Portugal (Viaje a Portulicia), Kenya, o Perú e Exipto. Viaxou a pé e dacabalo Lisboa-Santiago, Ourense-Santo André de Teixido, Galicia, Escocia, Brocelianda e o Camiño de Santiago desde Roncesvales (revista Viajar, 1984). Do global ao local, a súa paixón é a súa terra natal, O Bierzo, que percorreu varias veces en globo, a pé, de a cabalo, en tren e en balsa.
Como emprendedor audiovisual, dirixiu a empresa IBISA TV (1988-2010), situada en Santiago de Compostela. Foi presidente da Asociación Galega de Produtores Independentes (AGAPI), e membro do Consello Social da Universidade de Santiago (2006-2008).[1]
Desde 2011, dirixe a editorial Paradiso Gutenberg e o seu selo dixital eBooksBierzo, mentres analiza a actualidade política e parlamentaria no blog Tornarratos, Radio Galega,[2] Galicia Confidencial[3] e o Semanal Digital. Ademais, en abril de 2014 lanzou, como editor, a colección Biblioteca Gil y Carrasco II Centenario 1815-2015,[4] na honra do escritor berciano Enrique Gil y Carrasco, da que tamén é director.
En 1986 embarcou como único xornalista na primeira expedición científico-pesqueira española á Antártida, aventura que abriu a España as portas do Tratado Antártico. Trinta anos despois regresou a bordo dos buques Sarmiento de Gamboa e Hespérides, na expedición número 30, auspiciada polo Comité Polar Español, experiencia recollida en Antártida (2020).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.