World Trade Center (1973–2001)

From Wikipedia, the free encyclopedia

World Trade Center (1973–2001)map

O World Trade Center (en galego: Centro Mundial de Comercio) foi un complexo de varios edificios no Lower Manhattan, na cidade de Nova York, Estados Unidos, sendo os dous máis altos as emblemáticas Torres Xemelgas (en inglés: Twin Towers). Foron deseñadas polo arquitecto estadounidense de orixe xaponesa Minoru Yamasaki e por Leslie Robertson.

Datos rápidos Torres Xemelgas, Coordenadas ...
Torres Xemelgas
Thumb
O World Trade Center orixinal na cidade de Nova York en marzo de 2001. O edificio de cor vermella (ao fondo á esquerda das Torres Xemelgas) é o World Trade Center 7 orixinal.
Coordenadas40°42′41″N 74°00′45″O
Construción
Inicio5 de agosto de 1966 (alicerces)
Remate1973 (Torres Xemelgas)
Destruído11 de setembro de 2001
Dimensións
AlturaWTC 1: 417 metros
WTC 2: 415,1 metros
WTC 7: 186 m
WTC 3: 76,2 m
WTC 4 e 5: 36,6 m
WTC 6: 33,5 m
Outras dimensiónsAnchura das Torres Xemelgas: 63 m
Pisos110 (Torres Xemelgas)
47 (WTC 7)
22 (WTC 3)
9 (WTC 4 e 5)
8 (WTC 6)
Equipo
Arquitecto(s)Minoru Yamasaki
Leslie Robertson
[ editar datos en Wikidata ]
Pechar

O World Trade Center orixinal era un complexo de sete edificios que, ademais de incluír as Torres Xemelgas, tamén incluía outros 5 edificios de menor altura; entre eles estaban o World Trade Center 7 (un rañaceos de 47 andares) e o WTC 3 (un hotel de 22 andares). As Torres Xemelgas foron inauguradas o 4 de abril de 1973 e destruídas nos atentados do 11 de setembro de 2001, xunto co WTC 7. Os outros edificios do complexo foron moi danados nos ataques e posteriormente demolidos.

O sitio foi reconstruído con cinco novos rañaceos e un monumento ás vítimas dos ataques. O One World Trade Center é o edificio principal do novo complexo, chegando a ter máis de 100 pisos á hora da súa finalización. Unha sexta torre atópase á espera de ser confirmada.

Historia

Construción

Thumb
Esta sección de Cortlandt Street (amosada en 1936) foi adquirida e derruida.

En marzo de 1965, a Autoridade Portuaria de Nova York e Nova Jersey comezou a adquirir propiedades na localización do World Trade Center.[1] Os traballos de demolición comezaron o 21 de marzo de 1966 para despexar trece bloques de edificios de baixa altura en Radio Row para a construción do World Trade Center.[2] A pedra fundamental da construción do complexo foi colocada o 5 de agosto de 1966.[3]

O sitio do World Trade Center atopábase nun recheo sanitario coa base rochosa situada 20 metros por baixo.[4] Para construír o WTC, foi necesario facer unha "bañeira" cun muro pantalla ao redor do lado do sitio que dá a rúa Oeste, para manter fóra a auga do río Hudson.[5] O método de contención, seleccionado por John M. Kyle, Jr., enxeñeiro xefe da Autoridade Portuaria, incluía a escavación dunha gabia, a cal logo foi enchida cunha mestura pastosa composta de bentonita e auga, que tapou os buracos e mantivo fóra a auga subterránea. Cando a gabia foi cavada, inseriuse no lugar unha caixa de aceiro e lanzouse formigón, forzando á mestura a saír. Tomou catorce meses completar o muro pantalla, o cal foi necesario para poder comezar coa escavación de material do interior do sitio.[6] Os 917 000 m³ de material escavado foron utilizados (xunto con outro material de enchido) para expandir a costa de Manhattan a través da rúa Oeste, e poder así formar a Battery Park City.[7][8]

Thumb
O World Trade Center orixinal en construción, en 1971.

En xaneiro de 1967, a Autoridade Portuaria outorgou 74 millóns de dólares en contratos a varios provedores de aceiro, e Karl Koch foi contratado para erixir o aceiro.[9] Tishman Realty & Construction foi contratada en febreiro de 1967 para supervisar a construción do proxecto.[10] O traballo de construción comezou coa Torre Norte en agosto de 1968; a construción da Torre Sur xa estaba en marcha en xaneiro de 1969.[11] Os orixinais Hudson Tubes, que levaban os trens da PATH (Autoridade Portuaria Trans-Hudson) á Hudson Terminal, mantivéronse en servizo como túneles elevados durante o proceso de construción, até 1971, cando abriu unha nova estación PATH.

A cerimonia de culminación do WTC 1 (Torre Norte) foi o 23 de decembro de 1970, namentres que a cerimonia do WTC 2 (Torre Sur) ocorreu máis tarde, o 19 de xullo de 1971. Os primeiros inquilinos mudáronse á Torre Norte en decembro de 1970; a Torre Sur aceptou inquilinos en xaneiro de 1972. Cando as Torres Xemelgas do World Trade Center foron completadas, os custos totais para a Autoridade Portuaria acadaron os 900 millóns de dólares. A cerimonia de inauguración das torres realizouse o 4 de abril de 1973.[12]

Incendio do 13 de febreiro de 1975

O 13 de febreiro de 1975, desatouse un incendio na Torre Norte do WTC, que se propagou ao longo do andar 11. Este incendio estendeuse a través do núcleo aos andares 9 e 14 após incendiarse o illamento dos cables de teléfono situados nun oco de servizo que corría verticalmente entre os pisos. O lume que chegou a outras áreas foi extinguido case inmediatamente, e o incendio orixinal foi apagado en poucas horas. A maioría dos danos concentráronse no andar 11, debido a que o lume foi alimentado por armarios cheos de papel, líquido a base de alcol para máquinas de oficina e outro material de oficina. Non houbo danos estruturais para a torre, xa que o aceiro estaba recuberto por un material resistente ao lume. Sen ser os danos causados polo lume, algúns andares de abaixo sufriron danos causados pola auga utilizada para a extinción do incendio de arriba. Nesa época, o World Trade Center non tiña sistemas rociadores de incendios.[13][14]

Atentado do 26 de febreiro de 1993

Artigo principal: Atentado ao World Trade Center de 1993.
Thumb
Dano subterráneo polo atentado explosivo de 1993.

O 26 de febreiro de 1993, ás 12:17, un camión da empresa Ryder que contiña 680 quilogramos de explosivos, aparcado por Ramzi Yousef, estoupou no aparcadoiro subterraneo do WTC 1 (Torre Norte).[15] A explosión abriu un enorme burato de 30 metros a través de cinco subniveis, ocorrendo o maior dano nos niveis B1 e B2 e un dano estrutural considerábel no nivel B3.[16] Ao longo dos 110 andares da torre, seis persoas morreron e outros 50 000 traballadores e visitantes ficaron faltos de ar para respirar normalmente. Moitas persoas dentro da Torre Norte foron forzadas a descender a escuras por escaleiras que non contaban con alumamento de emerxencia, algunhas demorando máis de dúas horas para poñerse a salvo.[17][18]

Após o atentado, Yousef fuxiu a Paquistán, mais foi detido en Islamabad en febreiro de 1995 e extraditado aos Estados Unidos para ser sometido a xuízo.[19] O xeque Omar Abdel Rahman foi condenado en 1996 por participar no atentado e noutras conspiracións.[20] Yousef e Eyad Ismoil foron condenados en novembro de 1997 por levar a cabo o atentado.[21] Outras catro persoas foron condenadas en maio de 1994 pola súa participación no mesmo.[22] Segundo un xuíz do Tribunal Supremo, o principal obxectivo do ataque era desestabilizar a Torre Norte e facela caer sobre a Torre Sur, derrubándoa.[23]

Os andares afectados polo atentado deberon ser arranxados para restabelecer o apoio estrutural que brindaban ás columnas.[24] O muro pantalla estaba en perigo após o atentado e perdeu as lousas do chan que proporcionaban o apoio lateral contra a presión exercida do lado oposto polas augas do río Hudson. A planta de refrixeración no subnivel 5, que proporcionaba o servizo de ar acondicionado a todo o complexo World Trade Center, foi seriamente danada.[25] Despois do atentado, a Autoridade Portuaria instalou sinais fotoluminiscentes nas escaleiras.[26] O sistema de alarma contra incendios do complexo enteiro debeu ser substituído como consecuencia de que unha parte importante do cableado e da sinalización do sistema orixinal foi destruído.[27] Construíuse un memorial ás vítimas deste atentado, e instalouse unha fonte de auga cos nomes daquelas persoas que morreron na explosión.[28] Porén, o memorial foi destruído nos atentados do 11 de setembro. Os nomes das vítimas do atentado de 1993 foron incluídos no Museo e Memorial Nacional do 11 de setembro.

Eventos destacados

O funambulista francés Philippe Petit camiñou entre as torres sobre unha corda frouxa en 1974, como se amosa na película The Walk. Cruzou oito veces os 43 metros que separaban os dous edificios. En total foi unha aventura de 45 minutos a máis de 410 metros do chan.[29] Tres anos despois, en 1977, George Willing, un fabricante de xoguetes de Brooklyn, escalou o exterior da Torre Sur.[30]

En 1983, no Día dos Caídos, o activista, bombeiro e rescatista de gran altura Dan Goodwin escalou exitosamente o exterior da Torre Norte do WTC. A súa acción estaba destinada a chamar a atención sobre a imposibilidade de rescatar persoas potencialmente atrapadas en pisos superiores de rañaceos.[31][32]

No ano 1995 o xogador de xadrez ruso Garri Kasparov defendeu o seu título de Campión do Mundo versión PCA contra o indio Viswanathan Anand nas Torres Xemelgas.

Roubo do 14 de xaneiro de 1998

En xaneiro de 1998, Ralph Guarino, membro da mafia que obtivera un acceso de mantemento ao World Trade Center, formou unha banda de tres homes para roubar máis de 2 millóns de dólares, que eran trasladados dun camión da empresa Brinks ao andar 11 do WTC.[33]

Arrendamento

En 1998, a Autoridade Portuaria aprobou plans para privatizar o World Trade Center.[34] En 2001, a Autoridade Portuaria buscou arrendar o World Trade Center a unha entidade privada. As ofertas de licitación viñeron de Vornado Realty Trust, dunha proposta conxunta entre Brookfield Properties Corporation e Boston Properties[35] e doutra proposta conxunta entre Silverstein Properties e Westfield Group.[36] A privatización do World Trade Center agregaríao á lista de contribuíntes[36] e outorgaría fondos para outros proxectos da Autoridade Portuaria.[37] O 15 de febreiro de 2001, a Autoridade Portuaria anunciou que Vornado Realty Trust conseguira o contrato de arrendamento do World Trade Center, a través do pagamento de 3,25 mil millóns de dólares polo mesmo, de 99 anos de duración.[38] Vornado Realty ofreceu 600 millóns de dólares máis ca Silverstein, malia que Silverstein aumentou a súa oferta a 3,22 mil millóns. Con todo, Vornado insistiu en realizar cambios de última hora ao acordo, o que incluíu un contrato de arrendamento máis curto, de 39 anos, que a Autoridade Portuaria considerou innegociábel.[39] Posteriormente, Vornado retirouse, e a oferta de Silverstein polo contrato de arrendamento do World Trade Center foi aceptada o 26 de abril de 2001,[40] e pechada o 24 de xullo dese mesmo ano.[41]

Atentados do 11 de setembro de 2001

Thumb
Segundos despois de que o voo 175 de United Airlines se estrelase contra a Torre Sur, unha bóla de lume xurdiu no alto.

O martes 11 de setembro de 2001, un grupo de terroristas, pertencentes á Al Qaida, secuestraron 2 voos comerciais: o voo 11 de American Airlines foi estrelado contra a fachada norte da Torre Norte, ás 8:46:40 h; o avión impactou entre os pisos 93 e 99. 17 minutos despois, ás 9:02:59, un segundo equipo de terroristas estrelaron o tamén secuestrado (e de maneira similar ao anterior) voo 175 de United Airlines contra a Torre Sur; o impacto ocorreu entre os andares 77 e 85.[42] O dano causado á Torre Norte polo voo 11 destruíu toda vía de escape dende arriba da área de impacto, atrapando a 1 344 persoas.[43] O voo 175, en comparación co voo 11, tivo un impacto moito menos centrado, e unha única escaleira ficou intacta; porén, só 18 persoas lograron pasar pola mesma exitosamente iñantes de que a torre se derrubase. Malia que a Torre Sur foi impactada máis abaixo ca a Torre Norte, afectando así a máis pisos, un número menor de persoas, algo menos ca 700, morreron instantaneamente ou ficaron atrapadas.[44] En total morreron 2 763 persoas que se atopaban nas torres no momento do ataque.[45]

O colapso das dúas torres principais tamén supuxo a destrución do World Trade Center 3, un hotel de 22 andares. Na tarde dese mesmo 11 de setembro, ás 17:21, derrubouse o WTC 7 por mor dun incendio e danos estruturais. Os tres edificios restantes do complexo resultaron gravemente danados, tendo que ser derruídos despois.

Descrición do complexo

Torres Norte e Sur

Thumb
Plano do complexo WTC orixinal.

Na década de 1980, coa construción do World Trade Center 7, o World Trade Center tivo un total de sete edificios, pero os máis notábeis foron as dúas torres principais. Cada unha levantábase cunha altura de máis de 410 metros, e ocupaba ao redor dun dos 16 acres (65 000 m²) da terra ocupada polo complexo. Durante unha conferencia de prensa en 1973, un xornalista preguntou a Yamasaki, «Por que dous edificios de 110 andares? Por que non un edificio de 220 andares?». A súa resposta foi: «Non quería perder a escala humana».[46]

Cando en 1972 ficou completo, o World Trade Center 1 (a Torre Norte) pasou a ser, durante un ano, o edificio máis alto no mundo, excedendo ao edificio Empire State, o cal ostentara o título durante 40 anos. A Torre Norte tiña 417 metros de altura e presentaba unha antena ou mastro de telecomunicacións con 110 metros de altura que foi engadida á azotea en 1978. Con esta antena, o punto máis alto da Torre Norte acadaba os 527 metros. O World Trade Center 2 (a Torre Sur) converteuse no segundo edificio máis alto do mundo cando foi completado en 1973. A plataforma de observación situada na azotea da Torre Sur tiña 415 metros de altura e a plataforma de observación interior da devandita torre tiña 400 metros de altura.[47] As torres do World Trade Center mantiveron o título de altura só por un breve tempo: a Torre Willis, en Chicago, culminada en maio de 1973, acadou os 440 metros até a azotea.[48] Ao longo da súa existencia, con todo, as torres do WTC contaron con máis pisos (110) ca calquera outro edificio. Este número non foi excedido senón até a construción do Burj Khalifa, en Dubai, que abriu en 2010.

Dos 110 andares, oito foron mantidos á parte para servizos técnicos nas plantas técnicas do nivel B5/B6 (andares 7/8, 41/42, 75/76 e 108/109), as cales eran catro áreas de dous andares espazados uniformemente no edificio. Todos os andares restantes estaban libres para oficinas de planta aberta. Cada andar das torres tiña 3 700 m² de espazo para ser ocupado.[49] Cada torre tiña 350 000 m² de espazo para oficinas. En conxunto, todo o complexo de sete edificios tiña 1 040 000 m² de espazo.

Thumb
As Torres Xemelgas do World Trade Center orixinal, en 1995.

Inicialmente concibido como un complexo adicado a compañías e organizacións que directamente tomaban parte no "mundo do comercio", nun principio non tivo éxito en atraer aos clientes esperados. Durante os primeiros anos, varias organizacións gobernamentais pasaron a ser inquilinos clave do World Trade Center, incluíndo ao Estado de Nova York. Non foi até a década de 1980 que o perigoso estado financeiro da cidade mellorou, após iso un crecente número de compañías privadas, principalmente firmas financeiras asociadas a Wall Street, transformáronse en inquilinos. Durante a década de 1990, aproximadamente 500 compañías tiñan oficinas no complexo, incluíndo a moitas compañías financeiras, tales como Morgan Stanley, Aon Corporation, Salomon Brothers e á propia Autoridade Portuaria. A confluencia do soto do World Trade Center incluía ao centro comercial do World Trade Center xunto cunha estación do PATH. A Torre Norte converteuse na sede corporativa de Cantor Fitzgerald, do mesmo xeito que na sede da Autoridade Portuaria de Nova York e Nova Jersey.

O servizo eléctrico das torres foi fornecido por Consolidated Edison (ConEd) a 13 000 voltios. Este servizo pasaba a través do Centro Primario de Distribución do World Trade Center (PDP, polas súas siglas en inglés) e era enviado polo centro do edificio a subestacións eléctricas situadas nas plantas técnicas. As subestacións baixaban a voltaxe primaria, de 13 800 voltios, a unha voltaxe secundaria, de 480/277 voltios, e posteriormente a 120/208 voltios, que era a voltaxe do servizo de enerxía xeral e de alumamento. O complexo tamén contaba con xeradores de emerxencia situados nos subniveis das torres e na azotea do WTC 5.

O andar 110 do World Trade Center 1 (a Torre Norte) era fogar de equipos de transmisión de radio e televisión. A azotea do WTC 1 contiña unha ampla gama de antenas de transmisión, incluíndo o mastro da antena central, que foi reconstruída en 1999 por Dielectric Inc. para poder funcionar con DTV. O mastro central contiña os sinais de televisión de case todas as emisoras da cidade de Nova York: WCBS-TV 2, WNBC-TV 4, WNYW 5, WABC-TV 7, WPIX 11, WNET 13 Newark, WPXN-TV 31 e WNJU 47 Linden. Tamén tiña catro emisoras FM de Nova York: WPAT-FM 93.1, WNYC 93.9, WKCR 89.9 e WKTU 103.5. O acceso á azotea era controlado dende o Centro de Control de Operacións do WTC (OCC, polas súas siglas en inglés), situado no nivel B1 do WTC 2 (Torre Sur).

Plataforma de observación Top of the World

Thumb
A plataforma de observación no WTC 2 recibía unha media de 80 000 visitantes por día.

Malia que a maior parte do espazo no complexo do World Trade Center estaba fóra do alcance do público, a Torre Sur presentaba unha área pública interior e exterior de observación, coñecida como Centro de Observatorios do World Trade Center, nos seus andares 107 e 110. Os visitantes pasaban por controis de seguridade engadidos despois do atentado con bomba ao World Trade Center de 1993,[50] logo eran trasladados ao observatorio interior no andar 107, a unha altura de 400 metros. As columnas a cada lado do edificio foron reducidas neste nivel para permitir que houbesen 71 centímetros de vidro entre elas. A Autoridade Portuaria renovou o observatorio en 1995, e logo arrendouno a Ogden Entertainment para que o operase. As atraccións engadidas á plataforma de observación incluían un voo en helicóptero simulado a través da cidade. A área de comida do andar 107 foi deseñada coa temática dun vagón do metro e presentaba a Sbarro e a Nathan's Famous Hot Dogs.[51][52] Se o clima o permitía, os visitantes podían tomar dous curtos traxectos por escaleiras dende a área de observación do andar 107 a unha plataforma de observación exterior no andar 110, a unha altura de 415 metros.[53] Nun día despexado, os visitantes podían ver a máis de 80 quilómetros de distancia.[51] Un valo para previr suicidios foi colocado no propio teito, situando a plataforma de observación cara a atrás e sobre a mesma, requirindo unicamente unha varanda e deixando a vista sen obstaculizar, ao contrario do que ocorre na plataforma de observación do edificio Empire State.[52]

Restaurante Windows on the World

A Torre Norte tiña un restaurante nos seus andares 106 e 107 coñecido como Windows on the World, que abriu en abril de 1976. O restaurante foi desenvolvido por Joe Baum cun custo de máis de 17 millóns de dólares.[54] Ademais do restaurante principal, no cume da Torre Norte situábanse dúas derivacións: Hors d'Oeuvrerie (que ofrecía un buffet danés durante o día e suxi na noite) e Cellar in the Sky (un pequeno bar de viños).[55] O Windows on the World tamén tiña un programa de escola de viños dirixido por Kevin Zraly. O Windows on the World foi pechado após o atentado con bomba ao World Trade Center de 1993.[56] Após reabrir en 1996, Hors d'Oeuvrerie e Cellar in the Sky foron substituídos polo Greatest Bar on Earth e o Wild Blue.[55] No ano 2000, o seu derradeiro ano completo en operación, o Windows on the World reportou ganancias de 37 millóns de dólares, facéndoo o restaurante de maior recadación nos Estados Unidos.[57] O Skydive Restaurant, aberto en 1976 no andar 44 da Torre Norte, tamén era operado polo restaurante Windows on the World, pero soamente servía o xantar.

Os outros edificios

Thumb
O World Trade Center 7 (á esquerda), visto dende a plataforma de observación do WTC 2, en 1992.

Ao redor do bloque de 65 000 m² situábanse cinco edificios de menor tamaño. Un era un hotel de 22 andares, o WTC 3, que abriu en 1981 como o Vista Hotel, e en 1995 transformouse no Marriott World Trade Center, no recuncho suroeste do sitio. Ao redor da praza tamén estaban tres edificios de baixa altura (WTC 4, WTC 5 e WTC 6), co mesmo deseño de tubo oco que presentaban as torres. O World Trade Center 6, no recuncho noroeste do sitio, era o fogar da Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza dos Estados Unidos e da Bolsa de Comercio dos Estados Unidos. O World Trade Center 5 estaba situado no recuncho nordés, sobre a estación do PATH, e o World Trade Center 4 estaba no recuncho sueste. En 1987 foi construído un edificio de oficinas de 47 andares, ao norte do bloque, chamado World Trade Center 7. Debaixo do complexo World Trade Center atopábase un centro comercial subterráneo, que á súa vez tiña conexións con varios servizos importantes de transporte, incluíndo o sistema do Metro de Nova York e os propios trens PATH da Autoridade Portuaria, conectando a Manhattan con Jersey City, Hoboken e Newark.

Debaixo do World Trade Center atopábase un dos maiores depósitos de ouro do mundo, pertencente a un grupo de bancos comerciais. A bomba de 1993 estalou preto da bóveda que o contiña. Sete semanas despois dos ataques do 11 de setembro, retiráronse 230 millóns de dólares en metais preciosos das bóvedas do soto do WTC 4, incluíndo 3 800 barras de ouro de 100 onzas troy e 30 000 barras de prata de 1 000 onzas troy.[58]

Novo complexo World Trade Center

Artigo principal: World Trade Center (2006-presente).
Thumb
Vista do Baixo Manhattan dende Jersey City en 2013. Aprécianse o One World Trade Center (esquerda) e o Four World Trade Center (dereita).
Thumb
Vista aérea das dúas piscinas do memorial do novo World Trade Center, cun tamaño aproximado da base e situación onde no pasado se erixían as Torres Xemelgas.

Inmediatamente despois da destrución do complexo orixinal, iniciouse o debate sobre a construción dun novo complexo que o substituíse. En novembro de 2001, o gobernador Pataki creou a Lower Manhattan Development Corporation (LMDC), unha comisión oficial para supervisar o proceso de reconstrución.[59][60] Nun comunicado de prensa de agosto de 2002, a LMDC anunciou que se realizaría un concurso de deseño para o plan mestre do novo World Trade Center. O 27 de febreiro de 2003, o Studio Daniel Libeskind foi declarado gañador do concurso e converteuse así no arquitecto do novo World Trade Center.[61][62][63] Malia que Libeskind deseñou o plan mestre do complexo, os edificios serían deseñados por diferentes arquitectos.

A proposta orixinal de Libeskind, titulada Memory Foundations («Cimentos da memoria»), foi sometida a extensas revisións en colaboración con Silverstein e Skidmore, Owings & Merrill, o estudio de arquitectura contratado por Silverstein.[64][65] Aínda que non todas as ideas de Libeskind se mantiveron no deseño final, conseguiu que se respectase a súa idea de que as pegadas das Torres Xemelgas debían converterse nun memorial e non ser usadas para fins comerciais grazas ao apoio que cultivou do público. No deseño do novo World Trade Center había numerosas partes interesadas, incluídos Silverstein e a Autoridade Portuaria. Ademais, as familias das vítimas, os residentes dos barrios dos arredores e outros colectivos querían participar nas decisións. As negociacións sobre o deseño definitivo do complexo prolongáronse durante varios anos e consideráronse a operación inmobiliaria máis complexa da historia por mor da complexidade dos temas a tratar, os numerosos grupos de interese involucrados e a dificultade de chegar a un consenso.[66]

Após anos de atrasos e controversia, en marzo de 2006 empezou a reconstrución do World Trade Center.[67][68] O novo complexo inclúe o One World Trade Center, World Trade Center 3, World Trade Center 4, World Trade Center 7 e outro rañaceos de oficinas, o 2 World Trade Center e outro de usos mixtos chamado Five World Trade Center cuxas obras están paradas. O novo World Trade Center tamén inclúe un museo e memorial, e un centro de transporte de tamaño similar á Grand Central Terminal.

O One World Trade Center, que ten 541 m de altura e é o edificio principal do complexo, completouse o 30 de agosto de 2012 e o derradeiro compoñente da súa agulla instalouse o 10 de maio de 2013.[69] O 4 World Trade Center abriu as súas portas en novembro de 2014, e o 7 World Trade Center, primeiro edificio construído do complexo, inaugurouse o 23 de maio de 2006. O National September 11 Memorial & Museum está terminado: o museo abriu as súas portas o 21 de maio de 2014, e o memorial o 11 de setembro de 2011. O World Trade Center Transportation Hub abriu ao público o 4 de marzo de 2016. O 3 World Trade Center foi inaugurado o 11 de xuño de 2018.[70][71] A construción do 2 World Trade Center paralizouse en 2009, e en 2015 anunciouse un novo deseño.

Bandeiras estadounidenses do WTC

Thumb
A bandeira estadounidense do World Trade Center durante a cerimonia de abertura dos Xogos Olímpicos de inverno de 2002 en Salt Lake City.

Durante os traballos de limpeza, recuperáronse un pequeno número de bandeiras estadounidenses que, durante os ataques, ondeaban preto do World Trade Center. Unha foi atopada por Gerald Kane, sarxento do Departamento de Policía da Cidade de Nova York, e o detective Peter Friscia, ás 5:30 do 12 de setembro de 2001. Namentres colaboraban cos equipos de rescate na zona cero, notaron que a gran bandeira estadounidense que unha vez ondeara fronte ao WTC, na rúa Church, fora separada da hasta durante o derrube dos edificios e colgaba ao revés dun poste do alumado público, a varios centenares de metros de distancia. Os dous homes recrutaron a varios soldados e bombeiros na área, quen alzaron unha escaleira até o alto do poste. O detective Friscia subiu os chanzos da escaleira até o cume, recuperou a bandeira, descolgouna e baixouna á rúa. Logo, Kerik deu a bandeira a oficiais da NASA, e a mesma foi transportada no transbordador espacial Endeavour (STS-108), como parte da súa misión do 5-17 de decembro de 2001 á Estación Espacial Internacional. O 14 de xaneiro de 2002, no Día da Bandeira, a bandeira estadounidense foi devolta aos habitantes da cidade de Nova York por Sean O'Keefe, da NASA, e polo comandante Dom Gorie e os membros da tripulación do Endeavour, nunha cerimonia no Rose Center do Museo Americano de Historia Natural. A bandeira é asegurada e mantida polo Comisionado de Rexistros da cidade de Nova York e é parte da cerimonia anual cada aniversario do 11 de setembro, na zona cero.[72]

Outra bandeira, que orixinalmente ondeaba no alto dunha das torres, foi recuperada tres días despois dos ataques e, por mor do seu mal estado, foi entregada á Garda Nacional para a súa destrución cerimonial. Logo, a Garda Nacional descubriu, grazas a unha etiqueta, que a bandeira pertencía á Autoridade Portuaria, e en lugar de retirala, devolveuna.[73] A mesma foi logo usada durante a cerimonia de homenaxe a varios dos socorristas, e foi ondeada durante as Series Mundiais de 2001 e a Super Bowl XXXVI.[74][75] A bandeira foi tamén utilizada, con polémica, na cerimonia de abertura dos Xogos Olímpicos de inverno de 2002, levados a cabo en Salt Lake City. Nun principio, o Comité Olímpico Internacional negouse a permitir que a bandeira fose utilizada na cerimonia, temendo que se vira como demasiado proestadounidense, extremadamente patriótico, e que creara complicacións durante as futuras cerimonias.[76] Mais finalmente chegouse a un acordo entre os organizadores do evento e o IOC, o cal permitiu que a bandeira fose levada ao Estadio Olímpico Rice-Eccles tanto por atletas estadounidenses como por socorristas do 11 de setembro. A bandeira foi levada ao estadio en silencio, tras o cal os portadores da bandeira se detiveron fronte ao Coro do Tabernáculo Mormón, permitíndolles cantar The Star-Spangled Banner, namentres outra bandeira estadounidense era izada.[77]

Outra bandeira, que orixinalmente estaba nun iate, foi izada nunha hasta por 3 bombeiros na tarde do 11 de setembro, sobre os cascallos do World Trade Center sendo captados nunha icónica foto. Posteriormente a bandeira desapareceu e 15 anos despois reapareceu sendo devolta a Nova York.[78]

Tamén se recuperaron varias bandeiras doutros países do sitio do World Trade Center. Presentouse unha bandeira de Nova Zelandia á entón primeira ministra do país, Helen Clark, por representantes do Departamento de Bombeiros da Cidade de Nova York. Dúas das vítimas eran neozelandesas. Conservadores montaron e enmarcaron a bandeira, a cal arestora colga na escaleira principal da Casa do Parlamento, o edificio principal do complexo do Parlamento de Nova Zelandia. Unha bandeira da Unión, do Reino Unido, tamén foi recuperada, e actualmente atópase no Imperial War Museum North de Manchester, Inglaterra.[79] O Reino Unido sufriu o maior número de vítimas despois dos Estados Unidos, con entre 60 e 70 británicos asasinados durante os ataques.[80]

Thumb
As Torres Xemelgas do World Trade Center orixinal, no outono de 1993.

O World Trade Center orixinal foi unha construción simbólica que apareceu en numerosas películas, así como en moitos programas de televisión, debuxos animados, cómics,[81] videoxogos e vídeos musicais. Quizais as películas máis destacábeis nas que aparece sexan Godspell (1973), King Kong (1976), Raise the Titanic! (1980), Trading Places (1983), Cat's Eye (1985), Working Girl (1988), Home Alone 2: Lost in New York (1992), Super Mario Bros. (1993), Daylight (1996), Men in Black (1997), Godzilla (1998), Stuart Little (1999) e The Walk (2015).

Os acontecementos sobre os atentados do 11 de setembro foron retratados en varios documentais e películas, incluídas dúas importantes películas realizadas en 2006, World Trade Center, de Oliver Stone, United 93, de Paul Greengrass[82][83] e Flight 93 de Peter Markle. En varias películas estreadas após o 11 de setembro de 2001 decidíronse eliminar as torres dixitalmente. Tras os atentados, a maioría dos programas reemitidos pola televisión optaron por non exhibir as torres, cortando as partes onde as mesmas aparecían, como sucedeu con algúns episodios de Friends e The Simpsons. As tomas do World Trade Center foron retiradas das secuencias de abertura das series de HBO Sex and the City e The Sopranos, en episodios realizados despois da destrución dos edificios, como un sinal de respecto polas vítimas do 11 de setembro. No final de tempada da serie da Fox Fringe, o World Trade Center vese intacto nun universo paralelo da cidade de Nova York.[84]

A trama do episodio piloto de The Lone Gunmen (un spin-off de The X-Files), que saíu ao aire en marzo de 2001 (seis meses iñantes dos ataques), céntrase nun complot dirixido por servizos secretos do goberno para facer estrelar un avión de pasaxeiros contra unha das Torres Xemelgas, utilizando o piloto automático. A idea era facer recaer a responsabilidade do feito nun país estranxeiro para lograr aumentar o orzamento de defensa militar. No capítulo, o obxectivo é frustrado polos protagonistas, quen soben no condenado avión e desactivan o malicioso sistema de pilotaxe automática segundos iñantes de que o avión se estrele contra o World Trade Center.[85]

Pensaran incluír ás Torres Xemelgas na película Spiderman, estreada nos Estados Unidos en maio de 2002. De feito, no primeiro avance un grupo de ladróns escapan nun helicóptero dun roubo a un banco, pero logo son atrapados por unha gran arañeira tendida entre as torres do World Trade Center orixinal. Após os ataques, este avance saíu de circulación, e toda referencia ás torres na película desapareceu.[86] Tamén cabe destacar unha breve aparición das Torres Xemelgas no OVA 1 de Shin Getter Robo vs Neo Getter Robo, publicado en 2001.

A película de 2018 Ralph Breaks the Internet, de Walt Disney Animation Studios, ten a mesma característica da Torre Sur, que se ve como a Torre Google co nome e as cores do programa.

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.