O carro de combate ou tanque é un vehículo blindado cun sistema de tracción todo terreo con eirugas, destinado prioritariamente a destruír as forzas inimigas por medio do fogo directo. O tanque como arma de guerra naceu durante a primeira guerra mundial como consecuencia da guerra de trincheiras, protexidas por arames e metralladoras, que facían fracasar os asaltos convencionais da infantaría e causaban enormes perdas humanas. O exército británico introduciu esta arma en Francia en 1916, camuflándoa como depósitos (tanks en inglés) de combustible, de onde lle veu o nome.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Historia
Primeira guerra mundial
As condicións de loita na fronte occidental incitaron ó exército británico a investigar nun vehículo autopropulsado que puidera cruzar trincheiras, derrubar aramados, e que fora impenetrable ós disparos das metralladoras. Tras estudar o Rolls Royce blindado utilizado pola Royal Naval Air Service en 1914, e coñecedor dos esquemas para crear un vehículo de combate con tracción de eiruga, o Primeiro Lord do Almirantado Winston Churchill patrocinou un comité, o Landships Committee, para supervisar o desenvolvemento desta nova arma.
Baixo a dirección do Coronel Ernst Swinton, o Landships Committee creou o primeiro prototipo con éxito, alcuñado Little Willie, que foi probado polo Exército Británico o 6 de setembro de 1915. Aínda que inicialmente se lles denominaba buques de terra (landship), os primeiros vehículos foron chamados coloquialmente transportes de auga, e máis tarde como tanques, para mantelos en segredo. A verba tanque foi empregada para dar a impresión aos traballadores que estaban construíndo contedores de auga móbiles para o Exército Británico en Mesopotamia, e tomou carácter oficial o 24 de decembro de 1915.
O primeiro caso de tanque operativo aconteceu cando o Capitán H. W. Mortimore da Royal Navy levou un Mark I ó combate durante a Batalla del Somme o 15 de setembro de 1916. Os franceses desenvolveron o Schneider CA1 e se empregou por primeira vez o 16 de abril de 1917, mais dados o mal resultado conseguido, foi substituído polo Renault FT. Este último serviu de base para o que sería o formato estándar dun tanque: unha base blindada con tracción de eirugas e mais unha torreta xiratoria que leva instalada o armamento principal. A primeira vez que se empregaron tanques masivamente durante un combate foi na batalla de Cambrai o 20 de novembro de 1917.
O carro de combate deixaría finalmente a guerra de trincheiras obsoleta, e os milleiros de tanques que se utilizaron na guerra polas forzas británicas e francesas realizaron unha contribución significativa.
Os resultados iniciais cos tanques eran variados, os problemas de fiabilidade (e a impaciencia do alto mando) causaban un desgaste considerable en combate. O despregue en pequenos grupos tamén diminuíu o seu valor e impacto táctico. As forzas alemás sufriron o choque e carecían de armas contra os tanques, aínda que accidentalmente descubriron a munición antitanque e o uso de trincheiras máis anchas para limitar a mobilidade dos tanques británicos.
A evolución das condicións no campo de batalla e a falta de fiabilidade continuada forzaron ós tanques aliados a continuar desenvolvéndose durante o resto da guerra, producindo novos modelos como o Mark V, que podía abrirse paso ante obstáculos grandes, especialmente trincheiras amplas.
Alemaña presentou unha pequena cantidade de tanques, principalmente capturados, durante a primeira guerra mundial. Só chegaron a producir aproximadamente vinte tanques do seu propio deseño, o A7V.
Período de entreguerras
Co concepto do tanque xa establecido, varias nacións deseñaron e construíron carros de combate entre as dúas guerras mundiais. Os deseños británicos eran os máis avanzados, debido en gran parte ao seu interese nunha forza blindada durante os anos 20. Francia e Alemaña non acadaron tanto desenvolvemento durante os primeiros anos do período de entreguerras debido ao estado da súa economía, e ao Tratado de Versalles respectivamente.
Estados Unidos realizou pouco desenvolvemento durante este período porque a rama da Cabalaría era máis veterana que a rama de Blindados e logrou absorber a maioría do financiamento destinado ó desenvolvemento do tanque. Incluso George S. Patton, que tiña experiencia con tanques na guerra, transferiu da rama de Blindados á de Cabalaría durante este período.
Durante este tempo, varias clases de tanques foron comúns, a maioría desenvolvidos no Reino Unido. Os tanques lixeiros, que tipicamente pesaban dez toneladas ou menos, que eran empregados principalmente para exploración e levaban un canón lixeiro que era útil contra outros tanques lixeiros. Os tanques medios, ou de cruceiro (como eran coñecidos no Reino Unido), que eran algo máis pesados e pensados para percorridos de grandes distancias a altas velocidades. Finalmente, os tanques pesados ou de infantaría, que estaban moi blindados e eran xeralmente moi lentos.
A idea completa era empregar os tanques de infantaría conxuntamente coa infantaría preto deles para efectuar unha ruptura, sobrevivindo ó fogo antitanque inimigo grazas ó seu blindaxe pesado. Unha vez que esta forza combinada destruíra a liña inimiga, se enviarían grupos de tanques de cruceiro a través do burato creado, atacando moi por detrás das liñas as subministracións e unidades de mando. Esta táctica de golpe en dúas fases foi a filosofía de combate básica das formacións de tanques británicos, e foi adoptada polos alemáns como un compoñente esencial do concepto Blitzkrieg.
A doutrina de J.F.C. Fuller foi a fote para o traballo dos principais estrategos: Hobart no Reino Unido, Guderian en Alemaña, Chaffee nos Estados Unidos, de Gaulle en Francia e Tukhachevsky na Unión Soviética. Todos alcanzarían conclusións similares, a integración de Tukhachevsky dos rastreadores aerotransportados era a máis sofisticada e discutible; só Alemaña realmente poñería en práctica a teoría, e con tácticas superiores, fixeron da Blitzkrieg unha arma efectiva.
Tíñase pensado na loita entre tanques, pero se enfocaba máis no uso de artillaría antitanque e similares, como os cazacarros. Isto foi máis empregado nos Estados Unidos, onde se esperaba que os tanques evitaran ós blindados inimigos, e que unidades dedicadas de cazacarros se enfrontasen. Reino Unido tomou o mesmo camiño, e ambos produciron tanques lixeiros coa esperanza de que a velocidade evitase a súa destrución. Porén, na práctica, se comprobou que estes conceptos eran perigosos.
Como o número de tanques no campo de batalla aumentaba, a posibilidade de enfrontamentos medraba até o punto de que os carros de combate tiveron que ser tamén vehículos antitanque. Porén, os tanques deseñados para facer fronte só a outros blindados eran relativamente vulnerables contra outras ameazas, e non satisfacían o papel de apoio á infantaría. A vulnerabilidade do fogo de tanques e antitanques levou a un rápido proceso de aumento do blindaxe e do canón en case tódolos deseños. A forma do tanque, pensada inicialmente para traspasar obstáculos, agora converteuse nun beneficio, pois presentaba un perfil baixo para a ocultación e a estabilidade.
Antes da segunda guerra mundial, as tácticas e a estratexia de despregar forzas de tanques experimentaron unha revolución. En agosto de 1939, o xeneral soviético Georgy Zhukov empregou a forza combinada de tanques e apoio aéreo en Nomonhan contra o 6º exército xaponés.[1] Tamén Heinz Guderian, un teórico táctico que foi un dos responsables na formación da primeira forza de carros alemá independente, afirmou: "onde están os carros, alí está a fronte de combate", e este concepto fíxose realidade na Segunda guerra mundial.[2] As ideas de guerra blindada de Guderian, combinadas coas doutrinas existentes de Alemaña (Bewegunskrieg ou "guerra de manobras") e mailas tácticas de infiltración da primeira guerra mundial, convertéronse na base da Blitzkieg nas etapas iniciais da segunda guerra mundial.
Segunda guerra mundial
Durante a segunda guerra mundial véronse unha serie de avances no deseño de tanques. Os alemáns inicialmente presentaron a combate tanques pouco blindados e con armas lixeiras, como o Panzer I, que fora creado coa intención de empregarse só en adestramentos. Estes tanques lixeiros pero rápidos e outros elementos blindados foron un elemento chave para a Blitzkrieg. Durante a guerra tódalas forzas incrementaron en gran medida a potencia de fogo e o blindaxe dos seus tanques: o Panzer I só tiña dúas metralladoras, mentres que o Panzer IV levaba un canón de 75 mm e pesaba menos de 20 t. Co remate da guerra, o tanque medio alemán, o Panther tiña un canón rápido de 75 mm e pesaba 45 t.
Outro dos avances durante a guerra foi a mellora dos sistemas de suspensión. A calidade da suspensión era un determinante principal para o rendemento do tanque no campo. Os tanques con suspensión limitada proporcionaban frecuentes sacudidas á tripulación, limitando a velocidade e facendo que o disparo en movemento fora practicamente imposible. Os novos sistemas, como a barra de torsión ou a suspensión Christie melloraron o funcionamento, permitindo ó Panther cruzar terreos a velocidades que terían sido difíciles para os antigos deseños en estrada.
Nese momento, a maioría dos carros de combate estaban equipados con radios, o que melloraba a coordinación das unidades. O chasis do tanque foi adaptado a un amplo número de necesidades militares, incluíndo a limpeza de minas e tarefas de enxeñeiros. Tódalas potencias principais desenvolveron así mesmo armas autopropulsadas específicas: artillaría, cazacarros e canóns de asalto. Os canóns de asalto soviéticos e alemáns eran máis baratos e sinxelos que os tanques, mentres que os cazacarros británicos e estadounidenses apenas se diferenciaban dos carros de combate.
As torretas, que non eran unha característica universal con anterioridade, foron recoñecidas como a maneira correcta. Estimouse que se o canón do tanque cumpría que fose empregado para facer fronte a brancos blindados entón precisaba ser grande e de tanto alcance como fose posible, tendo un canón que puidera disparar a calquera punto. Os deseños de tanques con múltiples torretas, como o soviético T-35, foron abandonados durante a segunda guerra mundial. A maioría dos tanques mantiveron unha metralladora no casco.
Guerra fría e posteriores
Trala segunda guerra mundial, o desenvolvemento do carro de combate continuou coas melloras das clases medianas e pesadas. Os tanques lixeiros limitábanse a labores de recoñecemento e, nos Estados Unidos, como apoio a forzas aerotransportadas. Porén, as limitacións de peso dos transportes aéreos facían imposible construír un tanque lixeiro práctico, e esta clase foi desaparecendo co paso do tempo.
A combinación de mellores suspensións e motores permitiu ós tanques medios de finais da guerra superar ós primeiros tanques pesados. Con engadir algo máis de blindaxe e motores algo máis grandes para compensar, os carros medios quedaron protexidos contra a maioría das armas antitanque, mentres que a súa mobilidade se mantiña.
Algúns consideran ó Panther como o punto de inflexión, e como base para os deseños posteriores. Porén, o Panther non estaba demasiado blindado e non podía loitar contra os tanques pesados en igualdade de condicións. Considérase xeralmente ó tanque británico Centurion como o primeiro tanque desta nova xeración, pois podía recibir o impacto do famoso canón 88 mm alemán; estaba armado co canón Royal Ordnance L7 de 105 mm, superior a calquera outro no campo de batalla; e podía acadar os 56 km/h grazas ó seu motor Meteor de 650 cv.
O Centurion substituíu a tódolos tanques medios británicos e impulsou a desaparición do tanque de clase pesado, converténdose no que os británicos chamarían Universal Tank (tanque universal), que pronto sería coñecido como tanque de combate principal (ou Main Battle Tank, MBT).
En resposta á ameaza dos mísiles guiados antitanque, trasladouse o foco de desenvolvemento do grosor da blindaxe á tecnoloxía da blindaxe. A tecnoloxía do canón mantívose similar ás décadas anteriores, coa maioría dos carros de combate empregando un sistema de carga manual, pero con grandes avances na efectividade da munición.
Aínda que as características básicas dos tanques fixáronse case todas cara ao final da primeira guerra mundial, as melloras continuaron ata o presente en resposta ás ameazas e requisitos sempre cambiantes, especialmente contra outros tanques. As avanzadas capacidades dos tanques equilibráronse co desenvolvemento doutros carros de combate e o continuo desenvolvemento de armas antitanque.
Deseño
Os tres factores determinantes tradicionais que determinan a efectividade do carro de combate son a potencia de fogo, a mobilidade e a protección. O efecto psicolóxico sobre os soldados inimigos pola presenza do tanque no campo de batalla é denominado acción de choque.
A potencia de fogo é a capacidade dun tanque de derrocar a un branco. Para isto hai que ter en conta a distanza máxima na que o branco pode ser atacado, a capacidade de atacar a brancos móbiles, a velocidade coa que pode atacar múltiples obxectivos e a capacidade de derrocar vehículos blindados ou infantaría atrincheirada.
A mobilidade inclúe a velocidade e axilidade a campo través, os tipos de terreo que pode cubrir, as dimensións dos obstáculos, trincheiras e augas que pode cruzar, a capacidade de cruzar pontes pequenas, e a distancia que pode percorrer antes de precisar ser reaprovisionado de combustible. A mobilidade estratéxica inclúe ademais a capacidade de viaxar a altas velocidades en estradas e a posibilidade de ser transportado en trens ou camións.
A protección é a cantidade de blindaxe, o tipo ou tipos, como están colocados e en que áreas ten máis blindaxe (torreta e fronte) e en cales é máis vulnerable (parte posterior). Tamén inclúe a silueta baixa, o pouco bruído e rastro térmico, as contramedidas activas e outros medios de evitar fogo inimigo e a capacidade de continuar loitando despois de recibir danos.
O deseño do carro de combate mantén tradicionalmente un compromiso entre estes tres factores, considerando que é imposible maximizar os tres: o incremento de blindaxe fará aumentar o peso e polo tanto diminuirá a manobrabilidade; incrementar a potencia de fogo empregando un canón de maior tamaño reducirá tanto a mobilidade e a protección, debido á redución de blindaxe da parte frontal da torreta.
Para acadar un compromiso entre os factores hai que considerar diferentes aspectos, incluíndo as estratexias militares, orzamento, xeografía, vontade política, e a posibilidade de vender o tanque a outros países.
Os países con gran tradición de fabricación teñen tido as súas propias influencias:
- O Reino Unido ten optado historicamente por mellor potencia de fogo e protección a expensas de algo de mobilidade. O Reino Unido mantén un pequeno exército profesional, ben adestrado, polo que a supervivencia da tripulación é importante.
- EEUU ten un exército numeroso con armamento sofisticado e unha rede complexa de servizos de apoio móbiles. Mentres que se agarda que os seus tanques estéan afastados de unidades de apoio e reparación, se pon menos énfase na capacidade da tripulación de manter o tanque por eles mesmos ou continuar loitando unha vez que se ten recibido dano.
- A Unión Soviética tradicionalmente tivo tanques sinxelos de producir e manter, como o T-34. O desenvolvemento dos deseños, controlado polo estado, se realizaba en cambios incrementais. O mantemento extensivo facíase en depósitos especializados. Esta tradición a herdou Rusia.
- Israel é un pequeno pero relativamente rico estado, con limitado persoal, nun ambiente político hostil. A súa preocupación principal é polo tanto a supervivencia da tripulación. Con este fin ten sido a única nación en construír un tanque de combate principal co motor situado na parte dianteira, para incrementar a protección.
Armamento
A arma principal de calquera tanque moderno é un único canón de grandes dimensións. Os canóns de tanque teñen os maiores calibres destinados para uso terrestre, pois só algunhas pezas de artillaría son maiores. Aínda que o calibre non ten cambiado substancialmente dende a fin da segunda guerra mundial, os canóns modernos son tecnoloxicamente superiores. O calibre común nos tanques occidentais é de 120 mm e de 125 mm nos orientais (por herdanza de soviéticos e chineses).
Os canóns de tanque poden disparar munición dunha ampla variedade de tipos, aínda que xeralmente empregan os de penetración cinética (KE) e de alto explosivo (HE). Algúns carros de combate piden lanzar mísiles. Os canóns de ánima lisa (en lugar dos raiados) son o tipo dominante na actualidade. O Exército Británico e o Exército Indio son os únicos que empregan canóns de ánima raiada nos seus tanques de combate principal.
Os canóns modernos levan xeralmente unha camisa térmica que reduce o efecto da temperatura desigual no canón: se está a chover sobre o canón dun tanque, a parte superior estará máis fría que a inferior, ou unha brisa lateral podería arrefriar unha parte. Este enfriamiento desigual causaría que o canón se curvase case imperceptiblemente, o que, porén, afectaría á puntería a longas distancias.
Xeralmente, os carros de combate levan ademais outro armamento para a defensa a curto alcance contra infantaría ou contra obxectivos onde utilizar a arma principal é ineficaz ou un estrago. O tanque adoita estar provisto dunha metralladora de calibre pequeno (7,62 a 12,7 mm) montada en paralelo co canón. Porén, un par de carros de combate franceses como o AMX-30 e o AMX-40 levan un canón de 20 mm cunha alta cadencia e pode destruír un vehículo de blindaxe lixeiro. Adicionalmente, moitos tanques levan outra metralladora na parte superior da torreta que lles aporta unha limitada defensa aérea.
Algúns tanques teñen sido adaptados para tarefas especializadas e empregan un armamento principal infrecuente, como por exemplo lanzachamas. Na actualidade, estas armas especializadas móntanse xeralmente nos chases de transportes blindado de persoal.
Control de disparo
Historicamente, se apuntaban as armas do tanque con sinxelas miras ópticas e se colocaban a man, cunha estimación do vento ou empregando unha retícula, que servía para estimar a distancia ó branco. En consecuencia, a puntería era deficiente a grandes distancias e en movemento, e realizar disparos certeiros era practicamente imposible. Co paso do tempo, as miras ópticas teñen sido substituídas primeiro por telémetros estereoscópicos, e finalmente por telémetros láser.
A maioría dos tanques actuais nos exércitos de países industrializados empregan telémetros láser, pero os telémetros ópticos e as retículas séguense a empregar en vehículos antigos ou menos sofisticados. Os carros modernos teñen unha ampla variedade de sistemas para facelos máis precisos. Os xiróscopos empréganse para estabilizar a arma principal; as computadoras para calcular a elevación apropiada e o punto de apuntamento, tomando os datos de sensores da velocidade do vento, temperatura do aire, humidade, temperatura do canón, velocidade do obxectivo e o movemento do tanque.
Tamén incorpóranse comunmente equipos de infravermellos, amplificación de luz ou visión nocturna. Os telémetros láser empréganse tamén para iluminar obxectivos para munición dirixida. Consecuentemente, os tanques modernos poden disparar cunha exactitude razoable mentres están en movemento.
Munición
Hai varios tipos de munición deseñada para destruír blindados, como o alto explosivo plástico (HEP), o alto explosivo antitanque (HEAT) e por penetración cinética (KEP o APDS). Para mellorar a puntería, as balas saen xirando a través dun canón de ánima raiada, ou se emprega munición estabilizada por aletas (APFSDS, HEAT-FS etc.).
Algúns carros de combate, incluíndo o M551 Sheridan, T-72, T-64, T-80, T-90, T-84 e PT-91 son quen de disparar mísiles guiados antitanque (ATGM) a través do seu canón ou empregando lanzadores externos. Esta funcionalidade pode prolongar o alcance de combate efectivo do tanque máis aló do acadado coa munición convencional, dependendo das capacidades do sistema ATGM. Tamén lle proporciona ó tanque unha arma útil contra brancos lentos aéreos de baixa altitude, como helicópteros.
Estados Unidos abandonou este concepto en favor de empregar helicópteros e avións para ataques antitanque a grandes distancias, pero algúns países da Comunidade de Estados Independentes continúan a empregar o sistema de canón-mísil nos seus tanques.
Protección
O tanque de combate principal é un dos vehículos máis blindados dos exércitos modernos. O seu blindaxe está deseñado para protexer o vehículo e a súa tripulación contra unha ampla variedade de ameazas. Comunmente, a protección contra os impactos con penetración cinética disparados por outros tanques é considerada a máis importante. Os carros de combate tamén son vulnerables ós mísiles antitanque, as minas antitanque, as bombas de gran tamaño, e impactos directos de artillaría, que poden inutilizalos ou destruílos.
Os tanques son especialmente vulnerables a ameazas aéreas. A maioría dos tanques de combate principal ofrecen unha protección case completa da metralla de artillaría e armas antitanque pequenas como as granadas autopropulsadas. A cantidade de blindaxe necesaria para protexer contra todo tipo de ameaza concibible dende tódolos ángulos sería demasiado pesada e impracticable, polo que o deseño dos tanques debe buscar un equilibrio correcto entre a protección e o peso.
Blindaxe
A maioría dos vehículos de combate blindados son fabricados con pranchas de aceiro endurecido, ou nalgúns casos aluminio. A efectividade relativa do blindaxe é expresada pola comparación do blindaxe laminado homoxéneo (RHA).
É habitual nos blindados que estean mellor protexidos na parte frontal, e que a súa tripulación tente mantelos apuntando cara a dirección máis probable do inimigo. O blindaxe máis groso e máis inclinado se atopa na placa frontal do chase e da torreta. Os lados teñen menos blindaxe e son o teito, a barriga e a parte traseira as menos protexidas. Na segunda guerra mundial, as tripulacións dos M4 Sherman se encontraron cos Tiger alemáns que eran practicamente invulnerables na zona frontal, e tiñan que realizar ataques polos flancos.
Na actualidade, os tanques son vulnerábeis ós ataques especializados con mísiles e o ataque aéreo. Durante a segunda guerra mundial, os foguetes da aviación gañaron unha reputación de temibles, especialmente en Francia trala Batalla de Normandía; as análises trala guerra revelaron que moitas baixas eran disparos errados. Os canóns dos avións que disparaban munición perforante como o de 40 mm dos Hurricane ou o de 37 mm dos Stuka tamén podían ser efectivos. Incluso un cóctel Molotov na zona do motor, podía inutilizar ou destruír a maioría dos carros de combate.
Antes da segunda guerra mundial, varios deseñadores de tanques tentaron inclinar o blindaxe en carros de combate experimentais. O éxito máis famoso e acertado desta idea foi o T-34 soviético. Poñer en ángulo as pranchas de blindaxe aumentaba a súa eficacia contra proxectís, xa que aumentaba o seu ancho efectivo perpendicular, e incrementaba a posibilidade de desvío.
A infantaría lixeira tamén pode inmobilizar un carro de combate danando a súa suspensión ou as eirugas con armas antitanque. Para estes ataques os tanques adoitan levar faldróns blindados nos laterais protexendo a suspensión.
As armas de alto explosivo antitanque (HEAT), como o bazuca, foron unha nova ameaza na segunda guerra mundial. Estas armas levaban unha cabeza de ataque cunha carga direccional, que enfoca a forza da explosión nunha estreita corrente penetrante. Descubriuse que estreitas pranchas de blindaxe espazadas, ou faldróns de caucho facían que o proxectil HEAT detonase a máis distancia do blindaxe principal, reducindo importantemente a súa capacidade de penetración.
Algúns proxectís antitanque (HESH ou HEP) empregan material explosivo flexible, que se esmaga co blindaxe do vehículo, e causa unha perigosa escamación do material interno cando a carga estoupa. Isto pode matar á tripulación sen necesidade de penetrar o blindaxe, aínda que neutralizando o tanque. Como defensa, algúns vehículos levan unha capa de material antiescamante no seu interior.
Dende os anos 1970, algúns carros de combate son protexidos con blindaxe composto, unha especie de sándwich de aliaxes e cerámicas. Un dos mellores tipos de blindaxe pasivo é o Chobham desenvolvido polos británicos, que se compón de bloques de cerámica contendo unha matriz de resina entre capas de blindaxe convencional.
Lanzagranadas, fume e defensas pasivas
A maioría dos vehículos blindados levan lanzagranadas de fume que poden despregar rapidamente unha pantalla de fume para ocultar unha retirada dunha emboscada ou dun ataque. A pantalla de fume emprégase moi raramente de forma ofensiva, xa que atacar a través dela bloquea a visión do atacante e lle dá ó inimigo unha indicación previa do ataque inminente. As granadas de fume modernas funcionan tanto coa luz infravermella como visible.
Algunhas Granada de fume están deseñadas para crear nubes moi densas capaces de bloquear os raios láser dos designadores de obxectivos ou telémetros inimigos, ademais de reducir a visión, diminuír a posibilidade de realizar un disparo efectivo, en especial con armas lentas como os mísiles antitanque que require que o operador manteña apuntando ó tanque durante un tempo relativamente longo.
Moitos carros de combate, como o francés Leclerc, empregan os lanzagranadas para granadas de gas lacrimóxeno e granadas de fragmentación antipersoal. Moitos tanques israelís levan un pequeno Morteiro que pode ser empregado dende dentro do tanque.
Antes da introdución das imaxes termais, a granada de fume máis común era a de fósforo branco que creaba unha pantalla de fume moi rapidamente e ademais era útil como arma incendiaria contra infantaría na zona da explosión.
Dende a introdución da termografía, a maioría dos carros de combate levan unha granada de fume que contén un composto de plástico ou goma que arde en pequenos fragmentos proporcionando unha ocultación mellor contra os dispositivos termais.
Algúns tanques teñen xeradores de fume que poden crear fume continuamente, en vez das granadas, instantáneas pero de curta duración. Xeralmente empréganse os xeradores de fume inxectando combustible ó extractor, que queima parcialmente o combustible, pero que deixa suficientes partículas sen queimar ou parcialmente queimadas para crear unha densa pantalla de fume.
Os carros de combate modernos están provistos doutros sistemas de defensa pasivos como dispositivos de alerta de láser, que activan unha alarma cando o tanque é marcado ou sinalado por un deseñador ou telémetro láser. Outras defensas pasivas inclúen aparatos de alerta de radio, que proporciona un aviso se se apunta ó carro de combate cun sistema de radar que adoita ser empregado en armas antitanque guiadas.
Contramedidas
As contramedidas pasivas, como o sistema ruso Shtora, tentan interferir nos sistemas de guía dos mísiles guiados hostís.
O blindaxe reactivo ou ERA (Explosive Reactive Armor), é outro tipo importante de protección contra armas de alto explosivo antitanque, na que seccións do blindaxe estoupan para disipar a forza enfocada da cabeza de carga dirixida. O blindaxe reactivo é engadido na parte externa do tanque, en forma de ladrillos.
Os sistemas de protección activos (APS) van un paso máis aló do blindaxe reactivo. Un APS emprega o radar ou outra tecnoloxía de detección para reaccionar automaticamente ó lume hostil. Cando o sistema detecta lume hostil cara ó tanque, calcula unha resolución de fogo e dirixe un proxectil explosivo para interceptar ou interromper o ataque a uns cantos metros do branco.
Tripulación exposta
Un tanque está xeralmente no seu estado máis seguro, cando o comandante está na súa posición persoal insegura, de pé na torreta, sacando o corpo polo zapón, coa única protección do seu casco e chaleco antibalas. Nesta posición alta o comandante pode ver arredor do vehículo sen restricións, e ten as maiores ocasións de ver operacións antitanque inimigas ou obstáculos naturais e artificiais que poderían inmobilizar ou frear ó tanque.
Os periscopios e outros sistemas de visión do carro de combate dan un campo de visión reducido a pesar dos constantes avances en óptica e electrónica. Deste modo, cando un carro de combate avanza por territorio hostil cos zapóns pechados, o comandante e a súa tripulación atópanse persoalmente máis seguros, pero o carro de combate na súa totalidade está exposto ó perigo debido á redución estrema da visibilidade.
Mobilidade
Hai esencialmente tres aspectos principais da mobilidade a considerar, a mobilidade básica do carro de combate como a súa velocidade a través de terreos, a capacidade de superar obstáculos e a súa mobilidade total no campo de batalla como a súa autonomía, as pontes que pode cruzar ou que vehículos de transporte pode levalo. Recibe tamén o nome de axilidade por parte da tripulación e deseñadores dos blindados.
A mobilidade dun carro de combate pode dividirse en tres categorías:
- Mobilidade no campo de batalla, que é unha función do rendemento do seu motor e sistema de marchas, e determina aspectos como a aceleración, velocidade, as dimensións de obstáculos verticais etc.
- Mobilidade táctica, que é a capacidade do carro de combate de ser transportado con facilidade dentro do mesmo teatro de operacións.
- Mobilidade estratéxica, que é a posibilidade de transportar facilmente ó tanque dun teatro de operacións a outro, dependendo da súa masa, a posibilidade de ser aerotransportado etc.
Un tanque de combate principal está deseñado para ser moi manobrable e abordar a maioría de tipos de terreos. As súas eirugas anchas dispersan o peso do vehículo nunha área grande, dando por resultado unha presión de terra específica que pode chegar a ser menor que a presión dun pé dun home. Os tipos de terreos que presentan un problema son xeralmente terreos moi moles como pantanos, ou terreo rochoso con grandes cantos rodados dispersos. Nun terreo normal, un tanque pode acadar unha velocidade de 30 a 50 km/h. A velocidade en estradas pode chegar ós 90 km/h.
A loxística de poder chegar dende un punto A até un punto B non sempre é sinxela. En teoría, ou durante unha proba de condución dalgunhas horas, un carro de combate ofrece mellor rendemento en terreos distintos da estrada que calquera outro vehículo de combate a rodas. En estrada, o tanque máis rápido non é moito máis lento que o deseño medio dun vehículo de combate a rodas.
Con todo, na práctica, o maior peso do carro de combate combinado coa relativa debilidade das partes da cadea de eiruga fai que a velocidade máxima en estradas sexa realmente momentánea antes de producir algún faio mecánico. Aínda que a velocidade máxima fóra de estrada é menor, non se pode manter continuamente, debido á variedade e imprevisión do terreo, excepto en casos como pradeiras e desertos areosos.
Xa que un tanque inmobilizado é un branco fácil para morteiros, artillaría e unidades especializadas anticarro das forzas inimigas, se mantén unha velocidade mínima, e cando é posible se traslada ós tanques en trens ou transportes en vez que autoimpulsados. Invariablemente, os carros de combate son trasladados en vagóns en calquera país cunha infraestrutura ferroviaria, xa que ningún exército ten suficientes transportes para levar tódolos seus tanques. O planeamento das cargas e descargas é un traballo crucial, e as pontes e depósitos ferroviarios son obxectivos primarios para as forzas inimigas para atrasar o avance.
O traslado en países ou rexións sen infraestrutura ferroviaria ou con poucas estradas en bo estado, ou estradas con minas ou emboscadas frecuentes, a velocidade media dunha unidade de carros de combate é comparable á dun home a cabalo ou en bicicleta. As paradas frecuentes débense planear para realizar mantemento preventivo e verificacións para evitar interrupcións durante o combate. Ademais realízanse detencións tácticas para que a infantaría ou as unidades aéreas poidan explorar en busca de presenza de grupos inimigos antitanque.
Outra cuestión sobre a mobilidade é a de conseguir levar o carro de combate ó teatro de operacións. Os carros de combate, especialmente os tanques de combate principal, son extremadamente pesados, o que dificulta que poidan ser transportados por aire. Empregando medios de transporte por terra e mar lentos fai que os tanques sexan un problema para ser empregados en forzas de reacción rápida.
Algúns vehículos blindados empregan rodas no canto de cadeas para aumentar a velocidade e reducir as necesidades de mantemento. Estes vehículos carecen da superioridade móbil dos vehículos a tracción de eirugas en terreos difíciles, pero son máis apropiados para forzas de reacción rápida xa que incrementan a velocidade estratéxica.
Operacións acuáticas
Para a maioría dos carros de combate, as operacións acuáticas redúcense ó vadeo. A profundidade de vadeo está limitada xeralmente á altura da toma de aire do motor, e nun grao inferior, á posición do condutor. A profundidade de vadeo típica para tanques de combate principal é de entre 900 e 1200 milímetros.
Vadeos profundos
Con preparación algúns tanques poden vadear augas considerablemente máis profundas. Os tanques Leopard I e Leopard II poden vadear unha profundidade de varios metros, cando son equipados apropiadamente con equipo de respiración ou esnorquel. Este tubo, formado por aneis, conéctase ao zapón do comandante e proporciona aire e a posibilidade dunha ruta de saída de escape. A altura deste tubo pode alcanzar os tres metros.
Algúns tanques rusos tamén poden realizar este tipo de operacións. A diferenza do Leopard, o esnorquel ruso só ten un diámetro dalgúns centímetros polo que non pode funcionar como vía de escape. A lonxitude do esnorquel ruso adoita ser duns dous metros.
Este tipo de vadeos require unha preparación coidadosa do tanque pechando as entradas e saídas do vehículo. A tripulación adoita ter unha reacción negativa cara ós vadeos profundos. Con todo, se esta planeado e executado correctamente, este tipo de accións engade unha considerable oportunidade para a sorpresa e a flexibilidade en operacións de travesías por augas.
Tanques anfibios
Algúns tanques lixeiros como o PT-76 son anfibios, impulsados na auga xeralmente polas súas cadeas ou hidrojets.
Na segunda guerra mundial, o tanque M4 Sherman foi convertido a anfibio engadíndolle unha cuberta de goma para proporcionar certa flotabilidade. Foi denominado Sherman DD e empregado durante o Día D para proporcionar apoio de fogo nas praias dos desembarcos iniciais. Os Sherman DD non podían disparar cando estaban flotando, pois a cuberta de goma estaba por enriba do canón. Unha cantidade destes tanques afundíronse debido ó mal tempo, aínda que aqueles que chegaron á praia serviron de apoio durante as primeiras horas críticas.
Plantas motrices
A planta motriz do carro de combate proporciona a enerxía para o movemento do vehículo e doutros sistemas, como a rotación da torreta ou enerxía eléctrica para un radio. Os tanques da primeira guerra mundial empregaban xeralmente motores de gasolina, aínda que algúns modelos empregaban un sistema mixto de motor eléctrico e de gasolina.
Durante a segunda guerra mundial había diferentes tipos de motores, moitos eran adaptacións de motores de avións. Na guerra fría, os tanques cambiaron a un motor diésel, e a comezos dos anos 1970 comezou a chegada das turbinas de gas.
O peso e tipo da planta motriz, influenciados pola súa transmisión e tren de potencia, determina esencialmente como de rápido e manobrable será o carro de combate, pero o terreo limita efectivamente a velocidade máxima dos tanques debido ó desgaste e tensión da suspensión e a tripulación.
Motores diésel
Os tanques modernos, que non empregan turbinas, usan un motor diésel xa que o combustible diésel é menos inflamable e económico que a gasolina. Algúns tanques soviéticos usaban o fume negro da combustión diésel para crear unha pantalla. Os depósitos de combustible adóitanse localizar na parte posterior do tanque.
En ocasións, o combustible gárdase en depósitos externos, ou nalgúns casos nun pequeno trailer unido na parte posterior, que pode ser separado durante o combate. Os motores modernos adoitan ser policarburantes e funcionar con diésel, gasolina e outros combustibles similares.
Turbinas de gas
Os motores de turbina de gas teñen sido utilizados como unidade motriz auxiliar nalgúns tanques, e como a planta motriz principal do T-80 e o M1 Abrams. Estes motores son comparativamente máis lixeiros e pequenos que os motores diésel, á mesma capacidade de potencia.
Porén, estes motores son menos eficientes co combustible, especialmente a baixas revolucións, e requiren depósitos de combustible maiores para acadar a mesma autonomía. Os modelos novos do M1 Abrams teñen unha pequena turbina de gas como unidade motriz auxiliar para os sistemas do tanque cando este se atopa inmóbil, aforrando combustible.
Debido á súa baixa eficiencia, a marca termal dunha turbina de gas é maior que a dun motor diésel. Porén, o bruído producido por unha turbina de gas amortecida é moito menor que o motor de pistóns.
A turbina é teoricamente máis fiable e máis doada de manter que un motor de pistóns, xa que ten unha construción máis sinxela con poucas pezas móbiles. Na práctica, porén, estas pezas experimentan un desgaste maior por mor de que as súas velocidades de traballo son moi altas.
Ademais, a turbina é moi sensible ó po e á area fina, polo que en operacións en desertos deben empregar filtros especiais e cambialos varias veces ó día. Se o filtro erra ó ser colocado mal, ou unha bala ou metralla se introduce pode deixar ó motor danado. Aínda que os motores de pistóns tamén precisan filtros, estes son máis resistentes cando o filtro erra.
Trazas sónicas, sísmicas e térmicas
Os carros de combate inmóviles poden ser ben camuflados en zonas de arboladas ou bosques onde hai unha cobertura natural, facendo máis difícil a detección e ataque dende o aire. Polo contrario, en zonas abertas é moi difícil ocultar un tanque. En ambos casos, cando o tanque pon en funcionamento o seu motor ou comeza a moverse pode ser descuberto con maior facilidade debido ó bruído e calor que xera o seu motor. As pistas das orugas que deixa o carro de combate no terreo poden ser observadas dende o ceo, e o movemento en desertos crea nubes de po doadas de localizar.
Un tanque detido que acaba de apagar o seu motor ten unha marca de calor considerable. Incluso se o tanque está oculto tras un outeiro, é posible que sexa detectado por un operador experto que descubra a columna de aire quente enriba do tanque. Este risco pode ser reducido empregando materiais térmicos que reducen a radiación de calor. Algunhas redes de camuflaxe son fabricadas con materiais que distribúe a calor de xeito irregular, o que reduce a regularidade da traza térmica do tanque.
O motor de diésel ou a turbina de gas que impulsa ó carro de combate ten unha potencia comparable á dunha locomotora diésel. O bruído xerado por un único tanque pódese oír a grandes distancias. Cando un tanque pon en funcionamento o seu motor estando detido a terra do seu arredor comeza a tremer. En movemento, estas vibracións aumentan. As trazas acústicas e sísmicas entre os motores diésel son similares; nas turbinas de gas, a marca acústica é maior debido ó seu son de alta frecuencia xerado que lle fai máis distinguible dos outros bruídos.
A potencia de saída dos motores dos tanques modernos, xeralmente máis de 750 kW ou 1.000 CV asegura que produzan unha traza térmica distintiva. A masa compacta de metal do casco do tanque disipa a calor deixando unha marca precisa. Un tanque en movemento é un obxectivo fácil de detectar con escáneres infravermellos.
Facer que un tanque se poña en movemento demostrou ser importante durante a Guerra de Kosovo en 1999. Durante as primeiras semanas do conflito, as saídas aéreas da OTAN eran ineficaces para destruír tanques serbios. Isto cambiou cando o Exército de Liberación de Kosovo se enfrontou ós tanques. Aínda que o ELK tiña poucas posibilidades de destruír estes tanques, o seu propósito era facer que os blindados se puxeran en movemento para que fosen máis fáciles de identificar e destruír polas forzas aéreas da OTAN.
Mando, control e comunicacións
O mando e coordinación dunha organización de blindados no campo de batalla estivo sempre exposto a problemas particulares. Debido ao illamento das unidades pequenas, vehículos individuais, e incluso a tripulación do tanque se teñen tomado acordos especiais. Os cascos blindados, o bruído do motor, o terreo, o po e o fume, e a necesidade de operar co zapón pechado son os principais problemas das comunicacións.
O comandante debe ordenar cada acción da tripulación, movemento e fogo. Nos primeiros tanques, a tarefa do comandante estaba obstaculizada pola necesidade de ter que cargar ou disparar o canón principal. En moitos vehículos blindados de combate, incluso actuais, o comandante trasmite as ordes de movemento ó condutor dándolle co pé nos ombros e nas costas. Os vehículos modernos adoitan levar un intercomunicador, permitindo que tódolos tripulantes poidan falar entre si, e empregar o equipo de radio. Algúns tanques teñen un intercomunicador externo na parte posterior, para que a infantaría poida falar coa tripulación.
Nas primeiras operacións con tanques, as comunicacións entre os membros dunha compañía de blindados se realizaban empregando sinais manuais ou bandeirolas, e nalgunhas situacións, os tripulantes debían deixar o seu tanque e achegarse ó outro. Na primeira guerra mundial, os informes de situación eran enviados ós centros de mando lanzando pombas mensaxeiras. Os sinais con bengalas, fume, movemento e o disparo das armas eran empregados polas tripulacións veteranas para coordinar as súas tácticas.
Entre 1930 e 1950, a maioría das nacións equiparon ás súas forzas blindadas con radios, pero os sinais visuais se seguían a empregar. Un tanque moderno é equipado xeralmente cun equipo de radio que lle permite comunicarse cunha rede de radios dunha compañía ou batallón, e posiblemente cunha rede de maior escala, para coordinarse cos outros exércitos. Os tanques dos comandantes da compañía ou batallón adoitan levar unha radio adicional.
A maioría das forzas blindadas funcionan co comandante da tripulación, e posiblemente outros membros, co zapón aberto, durante o mellor estado de alerta. Cando hai lume inemigo, ou condicións de ABQ potenciais, a tripulación pecha os zapóns e só poden ver o campo de batalla a través de rañuras de visión e periscopios, reducindo seriamente a súa capacidade de atopar brancos e percibir perigos.
Dende os anos 1960, o comandante dun tanque ten tido equipo cada vez máis sofisticado para a adquisición de branco. Nun tanque de combate principal, o comandante ten visores panorámicos, con equipo de visión nocturna, que lle permite asignar un ou máis brancos, mentres que o artilleiro se enfronta a outro. Os sistemas máis avanzados permiten ó comandante tomar o control da torreta e disparar o canón principal en caso de emerxencia.
Os avances recentes en equipamento teñen mellorado o control de fogo, co telémetro láser, os datos por GPS e as comunicacións dixitais.
Vulnerabilidade
Mentres que o carro de combate é unha arma poderosa no campo de batalla, non é invulnerable. De feito, esta superioridade do tanque ten sido a razón para centrarse na mellora de armas antitanque. Coa chegada dos helicópteros anticarro e a súa posibilidade de impactar nas zonas altas menos protexidas dos blindados, se ten dito que o tanque estaba obsoleto.[quen?] Isto semella unha afirmación prematura pois non teñen habido combates entre tanques e helicópteros con forzas similares.
Infantaría
O tanque é aínda vulnerable á infantaría, especialmente en terreo pechado e áreas urbanas. O blindaxe e a mobilidade dos tanques son vantaxes notables, pero tamén os fan pesados e bruidosos. Isto pode darlle a iniciativa á infantaría inemiga, permitindolles detectar, rastrear e evitar os tanques até que poidan realizar un contraataque. As tácticas con blindados teñen insistido en empregar apoio de infantaría dende as derrotas dos tanques pesados na segunda guerra mundial.
Para as tropas veteranas, é relativamente fácil que un soldado se acerque ó tanque, especialmente cando estes teñen os zapóns pechados, debido á limitada visión da tripulación do carro. Se o zapón está aberto e un membro da tripulación asoma a súa cabeza e parte do corpo pode recibir un disparo.
Unha vez que un soldado está preto do tanque, non pode ser apuntado polo canón principal ou a metralladora coaxial. Cando os tanques están en grupos este é un problema menor, xa que poden comunicarse cos tanques veciños para defendelos empregando as súas metralladoras e armas lixeiras contra o soldado sen danar ó tanque.
Tamén están as armas de infantaría antitanque como cohetes, mísiles e granadas, que poden penetrar nas zonas menos blindadas e realizar danos na transmisión para inmobilizar ó tanque. Os tanques tamén son vulnerables ás minas antitanque colocadas a man.
Ademais, en áreas urbanizadas, o carro de combate é moi vulnerable a ser atacado dende zonas altas e, ás veces, zonas baixas, recibindo impactos nas partes menos protexidas.
Artillaría
Os proxectís convencionais da artillaría non son efectivos contra tanques, pois o blindaxe pode soportar estes impactos excepto o impacto directo dun proxectil suficientemente poderoso. Incluso se o proxectil non penetra o blindaxe, pode aínda inhabilitar ó tanque debido ó golpe.
Porén, nos derradeiros trinta anos, se teñen desenvolvido unha ampla variedade de proxectís antitanque, como os guiados por láser (CLGP) que garanten virtualmente un impacto na zona alta do blindaxe.
Existen formas para tentar neutralizar ou destruír un tanque como lanzando unha gran cantidade de granadas do tipo HEAT o HEDP coa posibilidade de alcanzar ó carro de combate, que recibirá dano xa que impactarán na parte superior do chasis. Outra forma é dispersar unha cantidade de pequenas minas antitanque, que probablemente non penetrará o blindaxe, pero poden danar as eirugas e deixar o tanque inmóbil.
Estes tipos de munición adoitan ser disparados por artillaría de calibres medianos, de 152 o 155 mm. Tamén se teñen desenvolvido morteiros de calibres grandes (81 mm e maiores) con munición guiada interna e externamente.
Helicópteros
A maior ameaza para o tanque actualmente é o helicóptero anticarro con armas guiadas antitanque (ATGW) ou un canón antitanque.
O helicóptero pode colocarse nunha posición onde non sexa fácil de ver dende un tanque, e despois atacar dende calquera punto. A limitada visión cara a abaixo do tanque lle impide avistar con facilidade un helicóptero.
A maioría das armas ATGW teñen suficiente alcance para que poidan ser disparadas sen que o tanque poida contraatacar coas súas armas. Isto, porén, pode cambiar xa que algúns países están a desenvolver armas anti-helicóptero que poden ser disparadas dende o canón principal, e algúns sistemas de artillaría do tanque poden impactar a un helicóptero que voe o suficientemente baixo ou a unha velocidade lenta.
Un canón antitanque tamén pode ser efectivo, xa que ó disparar dende unha posición alta, realizará impactos nas partes superiores menos blindadas.
Minas
Os carros de combate seguen a ser vulnerables ás minas. As minas teñen o vantaxe de atacar a zona menos blindada do tanque e que se poden agochar ben. As minas tamén están dispoñibles para opoñentes con menos equipamento.
Avións
Moitos avións, como o A-10 Thunderbolt II e o Sukhoi Su-25, teñen sido especificamente construídos para o apoio aéreo achegado, que inclúe a destrución de tanques. Os avións poden empregar armas similares aos helicópteros, ademais de bombas non dirixidas e guiadas por láser.
Investigación e desenvolvemento
Existe moita especulación sobre como os carros de combate evolucionarán nos conflitos actuais. As investigacións apuntan a facer o tanque invisible ó radar adaptando as tecnoloxías furtivas creadas orixinariamente para a aviación. Tamén se investigan novos sistemas de propulsión e blindaxes.
Se os deseños de tanques cambian a motores eléctricos como os empregados en equipos pesados de construción, en lugar da transmisión directa, ou empregan armas do tipo railgun, como se está estudando en barcos, seguirá a haber a necesidade dunha mellor planta motriz. A turbina de gas e o motor diésel serven para as necesidades actuais, pero é posible que outros tipos de motor experimentais sirveran.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.