Société française de numismatique

From Wikipedia, the free encyclopedia

Société française de numismatiquemap

A Société française de numismatique (en galego: "Sociedade Francesa de Numismática") é unha entidade asociativa francesa centrada no ámbito da numismática, establecida en París en 1865.[1]

Datos rápidos Tipo, Campo de traballo ...
Société française de numismatique
Thumb
Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, sede da "Societé française de numismatique" Editar o valor en Wikidata
Tiposociedade científica e organización sen ánimo de lucro
Campo de traballonumismática
Data de fundación18 de decembro de 1865 e 1897
Fundador(es)Gustave de Ponton d'Amécourt
Presidente/aSylvia Nieto-Pelletier (pt) Traducir (2021-) Editar o valor en Wikidata
SedeParís
PaísFrancia
Na rede
http://www.sfnumismatique.org/
Twitter: SocieteSfn Editar o valor en Wikidata
[ editar datos en Wikidata ]
Pechar

En 2018 foi elixida presidenta da sociedade a investigadora numismática e profesora universitaria Catherine Grandjean, directora da revista Revue Numismatique desde 2014.[2]

Historia

Antecedentes

Desde os inicios do Renacemento, os príncipes e os humanistas amosaron interese pola numismática antiga e conformaron coleccións monetarias dentro dos seus gabinetes de antigüidades. No gabinete de Lois XIV, instalado inicialmente en Versalles e posteriormente en París, está a orixe do actual Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia. A partir do século XIX, ese interese esténdese ás moedas nacionais e aparece unha comunidade de afeccionados, ansiosos por poderen debater e comunicar as súas descubesrtas.[3]

Neste contexto, en 1836 créase a Revue de la numismatique française, da man dalgúns membros da Sociedade Real dos Anticuarios de Francia e doutras sociedades arqueolóxicas tanto francesas como doutros países. Esa revista, coa denominación posterior de Revue Numismatique, depende agora da Sociedade Francesa de Numismática, polo que se pode dicir que a súa aparición foi o primeiro acto da (pre)historia desta institución.[4]

Société française de numismatique et d’archéologie

Desde o primeiro número da revista xa se formulara o proxecto dunha sociedade académica cuxo único interese fose a numismática, obxectivo que se alcanzou en 1865, baixo o nome de Société française de numismatique et d’archéologie, con Gustave Ponton d'Amécourt como primeiro presidente da entidade. A sociedade funcionaba inicialmente como un club que se reunía catro veces cada mes nas súas instalacións (preto do Boulevard Saint-Germain, en París), onde os socios dispuñan dunha biblioteca e se empezaba a conformar unha pequena colección de moedas. O número de membros foi medrando axiña, chegando a 650 en 1869, antes de vivir, entre 1860 e 1880, un período de crise marcado por un descenso da afiliación e as dificultades financeiras.[5][6][7]

A partir de mediados da década de 1880, o achegamento ao Gabinete de Medallas e un aumento no número de publicacións (coa terceira serie da Revue Numismatique) puxeron fin ao período de dificultades.

Entre 1866 e 1888, a entidade editou anualmente a publicación periódica Annuaire de la Société française de numismatique et d 'archéologie.[8] Entre 1889 e 1896, o anuario seguiu publicándose como Annuaire de la Société française de numismatique, adiantándose ao novo nome que tomará a entidade na etapa posterior.[9]

Société française de numismatique

En 1897, a Sociedade aprobou uns novos estatutos e adquiriu a denominación actual de Société française de numismatique. A partir deste momento estreitou os lazos con entidades estranxeiras similares e tamén con outras como a Universidade A Sorbona e a Monnaie de Paris. En 1924 foi recoñecida como establecemento de utilidade pública.[10][11]

Malia unha interrupción das súas actividades durante a II guerra mundial, en 1941 reconstruíuse unha nova sede provisoria, ata que a Sociedade pasou a se establecer definitivamente, en 1945, nas instalacións do Departamento de Moedas, Medallas e Antigüidades (ou Gabinete de Medallas) da Biblioteca Nacional de Francia, no número 58 da rúa de Richelieu. En 1948 comezou a publicación do Bulletin de la Société française de numismatique, que dá conta do traballo realizado e de noticias diversas.[12] En 1958, a Sociedade pasou a ser titular de Revue Numismatique, e en 1982 comezou a publicación da serie Trésors antiques de la France -TAF- ("Tesouros antigos de Francia").[13][14]

No 150 aniversario da súa fundación, en 2015, a Sociedade contaba con algo máis de 500 membros, entre particulares e institucións.[15]

Xornadas Numismáticas

A partir de 1956, a Société française de numismatique organiza as súas Journées Numismatiques ("Xornadas Numismáticas") en diferentes provincias, a primeira fin de semana de xuño, dirixidas a todas as persoas e institucións, profesionais e afeccionadas, relacionadas con algún dos diversos ámbitos que xiran arredor da numismática.[16]

No seu transcurso prodúcense encontros, charlas, conferencias e debates nos que se abordan diferentes cuestións relativas a esta disciplina. Habitualmente, en paralelo a estas actividades teñen lugar exposicións das coleccións numismáticas locais, das que se publica o seu correspondente catálogo.[17]

Premios da Sociedade Francesa de Numismática

Jeton de vermeil

Artigo principal: Jeton de Vermeil.

Coñecido nos seus inicios (entre 1934 e 1939) como "medalla da SFN", con el recoñécese anualmente o labor dun investigador numsimático estranxeiro. Así mesmo, con carácter trianual, outórgaselle tamén ao presidente saínte da Sociedade cando conclúe o seu período de tres anos á fronte da entidade. Entre os seus receptores están varios dos máis eminentes numismáticos europeos do século XX, como os británicos H. Mattingly (1939), R. A. G. Carson (1971), e entre eles están figuran os españois Leandre Villaronga (1977) e Pere Pau Ripollés (1998).[18]

O deseño da medalla elaborouno en 1932 Lucien Bazor, naquel momento gravador xeral das moedas francesas na Monnaie de Paris.

A creación deste premio foi posible grazas á importante doazón efectuada en 1926 por Pierre Babut, que fora o seu presidente en dúas ocasións.[19]

Premio Babut

Concédese anualmente, desde 1936, para recoñecer un membro da Sociedade que publicara un traballo sobre numismática francesa, desde a antigüidade ao mundo contemporáneo, durante os dous anos anteriores. A súa concepción remóntase a tres anos antes, en 1933, cando a viúva de Pierre Babut decidiu honrar a memoria deste a través da súa fundación, que doou unha importante cantidade de diñeiro para o sufragar.[20]

Tras varios anos de interrupción, a Sociedade Francesa de Numismática retomou este premio en 2016.[21]

Publicacións da SFN

Revue Numismatique

Artigo principal: Revue Numismatique.

Cada ano, a Sociedade publica un novo número da revista Revue Numismatique, e cada dez anos uns índices temáticos dos seus artigos, escritos polos máis prestixiosos investigadores tanto franceses como estranxeiros. As linguas admitidas nas colaboracións son, ademais do francés, o alemán, o inglés, o castelán e o italiano. Na súa publicación, a Société française de numismatique conta coa colaboración do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS).[22]

A aparición da revista foi previa á da propia Sociedade, xa que o seu nacemento se remonta a 1836, e, logo de máis dun século de existencia paralela, con maiores ou menores conexións, non foi ata 1958 cando a revista pasou a depender organicamente da SFN, en condición de editora.[23][24]

Monografías das Xornadas Numismáticas

Coincidindo coa celebración das Xornadas Numismáticas anuais organizadas pola Sociedade, é habitual a publication de catálogos que recollen a clasificación das pezas das coleccións numismáticas da contorna da vila sede de cada Xornada e sobre as exposicións de moedas que se celebran na localidade no seu transcurso:[25]

  • (1973) Nantes: Musée Thomas Dobrée, Monnaies nantaises et monnaies d’or.
  • (1974) Montpellier: Société archéologique de Montpellier, Monnaies d’or, monnaies d’argent.
  • (1976) Grenoble: Bibliothèque municipale de Grenoble, Monnaies d’or…, monnaies d’argent…, monnaies frappées en Dauphiné.
  • (1979) Perpiñán: Monnaies de Catalogne et du Roussillon.
  • (1982) Angers: Monnaies & jetons, Musées d’Angers.
  • (1986) Châteaudun: Monnaies et trésors en pays Dunois.
  • (1987) Bordeos: Catalogue abrégé des monnaies d’or du médaillier municipal de Bordeaux.
  • (1988) Troyes: Musées de Troyes, Catalogue des monnaies d’or.
  • (1991) Chantilly: Le Musée Condé.
  • (1992) Reims: Musée Saint-Remi, journées numismatiques 1992.
  • (1997) Tours: Tours. Etudes numismatiques.
  • (2002) Blois: Monnaies d’or et jetons blésois du Musée des Beaux-Arts et d’Archéologie, Château de Blois
  • (2004) Arles: Le monnayage d’Arles à travers les siècles
  • (2005) Arras: Arras ville antique par Alain JACQUES (Service archéologique d’Arras).
  • (2006) Nantes: La nouvelle monnaie de Nantes (numéro hors série de la Revue numismatique armoricaine).
  • (2007) Marsella: Cinquante ans de Journées Numismatiques.
  • (2008) St. Germain-en-Laye. Leroy, B. Les monnayages mérovingiens armoricains.

Escolma doutras monografías

  • (1871): Mémoire sur les monnaies datées des Seleucides. De Saulcy, F. París. [Texto en liña]
  • (1965): Centenaire de la Société française de numismatique, 1865-1965. París.
  • (1976): Monnaies de nécessité. Emissions locales Françaises, 1870-1872, 1914-1918, 1924, 1940. Habrekorn, R. París.
  • (1980): Mélanges de numismatique, d'archéologie et d'histoire : offerts à Jean Lafaurie. Lafaurie, J.; Bastien, P. París. ISBN 9782903280017
  • (1982-1994): Corpus des trésors monétaires antiques de la France. Diversos autores. Nove volumes: Vol. I: 1982. Vol. II: 1983. Vol. III: 1984. Vol. IV: 1985. Vol. V-1: 1987. Vol. V-2: 1988. Vol. VI: 1990. Vol. VII: 1991. Vol. VIII-1: 1993. Vol. VIII-2: 1997. Vol. IX: 1994. París.
  • (1998): Les billets de confiance et les billets de caisse patriotique émis à Laon en 1791 et 1792. Popoff, M. París.
  • (2007): Les monnaies gauloises et romaines du site de Bibracte, Glux-en-Glenne. Gruel, K.; Popovitch, L. Glux-en-Glenne.

Listaxe de presidentes da Sociedade

Preséntase unha relación cronolóxica dos presidentes da Sociedade desde a súa fundación.[26][27][28]

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.