Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Saudosismo é unha corrente cultural, literaria, política e filosófica de carácter nacionalista que se desenvolveu en Portugal a principios do século XX. As súas orixes hai que buscalas no Neorromanticismo. As figuras principais deste movemento son os poetas Teixeira de Pascoaes e João Lucio e participaron del outros como Jaime Cortesão, Álvaro Pinto e Leonardo Coimbra.
O Saudosismo tivo como órgano de expresión a revista A Águia[1], nun ambiente revolto pola recente proclamación da República Portuguesa, as posteriores tentativas de restauración monárquica e a proximidade da primeira guerra mundial.
Os seguidores do Saudosismo agrupábanse na sociedade Renascença Portuguesa, que pretendía "revelar a 'alma lusitana', integrá-la nas suas qualidades essenciais e originárias". O poeta Teixeira de Pascoaes falaba desde as páxinas d'A Águia da "alma excepcional, instintivamente naturalista e mística, que criou a saudade, promessa de uma nova civilização lusitana". Dende 1911 A Águia sería o órgano de expresión da Renascença.
O Saudosismo tivo unha derivación progresista arredor da revista Seara Nova, promovida por Raul Brandão, Aquilino Ribeiro e Teixeira Gomes; e outra reaccionaria, antiliberal e antidemocrática, o Integralismo Portugués, que se fundirá máis adiante co Salazarismo, e que estaba dirixida por Antonio Sardinha. O Saudosismo deploraba a sociedade industrial, defendía o regreso ó paraíso perdido do campo, ensalzaba o intuitivo fronte ó empírico e mesturaba o cristianismo cun misticismo panteísta de raizame pagá. Esta postura valeulle a ruptura co Modernismo literario, de recente aparición, que se agrupou arredor da nova revista Orpheu[2].
O Saudosismo foi definido por Pascoaes como celebración da saudade, na cal vía "o próprio sangue espiritual da Raça; o seu estigma divino, o seu perfil eterno". Se a saudade é un fenómeno eminentemente portugués, expresaría a alma lusitana. Nunha vaga definición, Pascoaes afirma: "Eu chamei Saudosismo ao culto da alma pátria representada pela Saudade erigida en Pessoa divina e orientadora da nossa actividade literária, artística, religiosa, filosófica e mesmo social"[3].
Na definición da alma portuguesa a partir das súas características particulares, os autores adscritos ó Saudosismo fixeron numerosas referencias a Galicia e acabaron por lograr o acercamento dalgúns literatos galegos. En 1913 Cláudio Basto publica n'A Águia un ensaio titulado A saudade Portuguesa e Galega. En Nós, á súa vez, rexístrase a intervención de Teixeira de Pascoaes, Leonardo Coimbra e outros membros do grupo Renascença, que entenden ás veces esta descuberta de Galicia como un descubrir algo que pertence a Portugal: Teófilo Braga e José Ballesteros afirman que Galicia é un anaco esgallado de Portugal, Pascoaes fala de que Galicia é "un bocado de Portugal sob as patas do leão de Castela"[4].
Esta postura tivo a súa correspondencia no Pangaleguismo de Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco e outros dende as páxinas d'A Nosa Terra, ou no Atlantismo de Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez e outros a través de Nós.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.