From Wikipedia, the free encyclopedia
A sabedoría[1] é un carácter que se desenvolve coa aplicación da intelixencia na experiencia propia, obtendo conclusións que dan un maior entendemento, que á súa vez capacitan para reflexionar, extraendo conclusións que dan descernimento da verdade, o bo e o malo. A sabedoría e a moral interrelaciónanse dando como resultado un individuo que actúa con bo xuízo. Algunhas veces tómase a sabedoría como unha forma especialmente ben desenvolvida do sentido común.
Nas ciencias da información, a sabedoría constitúe o vértice da pirámide formada, de menor a maior complexidade, por dato, información, coñecemento e sabedoría.
Na sapiencia destácase o xuízo san baseado no coñecemento e no entendemento; a aptitude de valerse do coñecemento con éxito e o entendemento para resolver problemas, evitar ou impedir perigos, alcanzar certas metas, ou aconsellar a outros. É o oposto á parvada, a estupidez e a tolemia, e con frecuencia contrasta con estas. Tomé de Aquino define a sabedoría como "o coñecemento certo das causas máis fondas de todo".[2] Por iso, para el, a sabedoría ten como función propia ordenar e xulgar todos os coñecementos.
A sabedoría toma as súas referencias do que se denomina memoria a longo prazo. Noutras palabras, o vivido tivo que experimentarse con suficiente frecuencia ou intensidade como para que non se borre do noso recordo, se insira nos esquemas do que consideramos bo ou mao e se teña en conta como parte dos procesos de supervivencia do individuo.
Moitos psicólogos consideran a sabedoría como distinta das habilidades cognitivas medidas polos exames de intelixencia. A sabedoría é con frecuencia considerada como un trazo que pode desenvolverse pola experiencia, mais non ensinado. Cando se aplica a asuntos prácticos, a palabra "sabedoría" é sinónimo de prudencia. Algúns consideran a sapiencia como unha cualidade que mesmo un neno, doutro xeito inmaturo, pode posuír con independencia da experiencia ou o coñecemento completo.
A cultura contemporánea limita a importancia da sabedoría e da intuición.
O nivel da sabedoría ou a prudencia como unha virtude é recoñecida en fontes culturais, filosóficas e relixiosas.
Os antigos gregos consideraban a sabedoría como unha importante virtude, personificada como as deusas Metis e Atenea. Metis foi a primeira esposa de Zeus, quen, segundo a Teogonía de Hesíodo, a devorara embarazada; Zeus gañou despois o título de Mêtieta ("Sabia Conselleira"), xa que Metis era a encarnación da sabedoría, e deu a luz a Atenea, de quen se di que xurdiu da súa cabeza.[3][4] Atenea era representada como forte, xusta, misericordiosa e casta.[5] Apolo tamén era considerado un deus da sabedoría, designado como director das musas (Musagetes),[6] que eran personificaciones das ciencias e das artes inspiradas e poéticas. Segundo Platón no seu "Crátilo", o nome de Apolo tamén podía significar ballon (arqueiro) e omopoulon (unificador de polos [divino e terreal]), xa que este deus era o responsable das inspiracións divinas e verdadeiras, polo que era considerado un arqueiro que sempre acertaba na curación e os oráculos: "é un arqueiro que sempre se lanza".[7] Apolo era considerado o deus que profetizaba a través das sacerdotisas (Pythia) no Templo de Apolo (Delfos), onde estaba inscrito o aforismo "coñécete a ti mesmo" (gnōthi seauton)[8] (parte da sabedoría das máximas de Delfos).[9] Estaba contraposto a Hermes, relacionado coas ciencias e a sabedoría técnica, e, nos primeiros séculos da era cristiá, foi asocidado con Thoth nun sincretismo exipcio, baixo o nome de Hermes Trimegistus.[10] A tradición grega rexistrou ps primeiros introdutores da sabedoría nos Sete Sabios de Grecia.[11]
Para Sócrates e Platón, a filosofía era literalmente o amor á sabedoría (philo-sophia). Isto impregna os diálogos de Platón; na República os líderes da súa proposta de utopía son reis filósofos que comprenden a idea do ben e posúen o valor de actuar en consecuencia. Aristóteles, en Metafísica, definiu a sabedoría como a comprensión de por que as cousas son dun determinado xeito (causalidade), o que é máis profundo que o simple feito de saber que as cousas son dun determinado xeito.[12] Foi o primeiro en facer a distinción entre phronesis e sophia.
Segundo Platón e Xenofonte, a Pitia do Oráculo de Delfos respondeu a pregunta "quen é o home máis sabio de Grecia?" afirmando que Sócrates era o máis sabio.[13][14] Segundo a Apoloxía de Platón, Sócrates decidiu investigar as persoas que poderían considerarse máis sabias ca el, concluíndo que carecían de verdadeiro coñecemento:
[... ] οὗτος μὲν οἴεταί τι εἰδέναι οὐκ εἰδώς, ἐγὼ δέ, ὥσπερ οὖν οὐκ οἶδα, οὐδὲ οἴομαι [Son máis sabio que este home, pois ningún dos dous sabe realmente nada fino e bo, mais este home cre saber algo cando non o sabe, mentres que eu, como non sei nada, tampouco creo sabelo.] - Apoloxía a Sócrates 21d
Así, inmortalizouse popularmente na frase "só sei que non sei nada" que é sabio recoñecer a propia ignorancia[15] e valorar a humildade epistémica.[16]
Os antigos romanos tamén valoraban a sabedoría que se personificaba en Minerva, ou Atenea. Ela tamén representa o coñecemento hábil e as virtudes, especialmente a castidade. O seu símbolo era o moucho, que continúa a ser unha representación popular da sabedoría, porque pode ver na escuridade. Dise que naceu da fronte de Xúpiter.[17]
A sabedoría tamén é moi importante dentro do xudaísmo e do cristianismo. Así por exemplo o sinala claramente a Biblia en Proverbios 4:7, como un mandato divino, ao dicir:
Sabedoría ante todo; adquire sabedoría; e sobre todas as túas posesións adquire intelixencia
De acordo con isto, Xesús insistiu nela.[18][19] A prudencia, intimamente relacionada coa sabedoría, converteuse nunha das catro virtudes cardinais do catolicismo. O filósofo cristián Tomé de Aquino consideraba que a sabedoría era o "pai" (é dicir, a cbausa, a medida e a forma) de todas as virtudes.
Na biblia católica, pódese examinar o importante que é a exhortación á adquisición da sabedoría para os seres humanos, por exemplo no Libro da Sabedoría 6:1-25. Este libro tamén forma parte do canon bíblico da Igrexa ortodoxa, polo que isto tamén se aplica á Biblia usada por esa igrexa.
Na liña da concepción socrática, no século XVIII Immanuel Kant salientaba que «o hoome non está en posesión da sabedoría, só tende cara a ela». A filosofía entón sería un esforzo cara á sabedoría, que nunca se cumpre plenamente. Deste xeito, para a filosofía crítica kantiana a figura do sabio convértese en fundamental, aínda que só como norma ideal e inalcanzable á que o filósofo simplemente pode aspirar.[20]
Nas tradicións budistas, o desenvolvemento da sabedoría desempeña un papel central en que se proporciona unha guía completa sobre como desenvolver a sabedoría.[21][22] Na tradición inuit, desenvolver a sabedoría era un dos obxectivos do ensino. Un ancián inuit dicía que unha persoa se convertía en sabia cando podía ver o que había que facer e facíao con éxito sn que lle dixesen o que tiña que facer.
En moitas culturas, o nome dos terceiros molares, que son os derradeiros dentes en saír, está etimoloxicamente relacionado coa sabedoría, por exemplo, como en galego "moa do siso" ou en inglés wisdom tooth. O seu alcume orixinouse na tradición clásica, que nos escritos hipocráticos xa se chamaba sóphronistér (en grego, relacionado co significado de moderación ou dar unha lección), e en latín dens sapientiae, xa que aparecen na idade da madureza ao final da adolescencia e ao principio da idade adulta.[23]
Os psicólogos comezaron a reunir datos sobre as crenzas comúns ou teorías populares sobre a sabedoría.[24] As primeiras análises indican que, aínda que "existe un solapamento da teoría implícita da sabedoría coa intelixencia, a capacidade de percepción, a espiritualidade e a astucia, é evidente que a sabedoría é unha pericia para afrontar as cuestións difíciles da vida e a adaptación ás exixencias complexas".[25]
Estas teorías implícitas contrastan coas teorías explícitas e a investigación empírica sobre os procesos psicolóxicos resultantes que subxacen á sabedoría.[26][27] As opinións sobre as definicións psicolóxicas da sabedoría varían,[27] mais hai certo consenso en que son críticos para a sabedoría certos procesos de metacognición que permiten a reflexión e o xuízo sobre asuntos vitais críticos.[28][29] Estes procesos inclúen o recoñecemento dos límites do propio coñecemento, o recoñecemento da incerteza e o cambio, a atención ao contexto e ao panorama xeral, e a integración de diferentes perspectivas dunha situación. Os científicos cognitivos suxiren que a sabedoría require coordinar estes procesos de razoamento, xa que poden proporcionar solucións perspicaces para xestionar a propia vida.[30] En particular, este tipo de razoamento é teórica e empiricamente distinto da intelixencia xeral. Robert Sternberg[31] suxeriu que a sabedoría non debe confundirse coa intelixencia xeral (fluída ou cristalizada). En consonancia con esta idea, os investigadores demostraron empiricamente que o razoamento sabio é distinto do cociente intelectual (CI).[32][33]
Baltes e os seus colegas en Wisdom: Its Structure and Function in Regulating Lifespan Successful Development[34] definiu a sabedoría como "a capacidade de afrontar as contradicións dunha situación concreta e de valorar as consecuencias dunha acción para si mesmo e para os demais. Lógrase cando nunha situación concreta se pode elaborar un equilibrio entre os intereses intrapersonais, interpersonais e institucionais".[35] O equilibrio en si mesmo parece ser un criterio crítico da sabedoría. A investigación empírica comezou a dar apoio a esta idea, mostrando que o razoamento relacionado coa sabedoría está asociado co logro do equilibrio entre os intereses intrapersonais e interpersonais cando se enfrontan aos desafíos da vida persoal, e cando se establecen obxectivos para a xestión dos conflitos interpersonais.[36][37]
Os investigadores do campo da psicoloxía positiva definiron a sabedoría como a coordinación do "coñecemento e a experiencia" e "o seu uso deliberado para mellorar o benestar".[38]
A sapiencia implica amplitude de coñecemento e profundidade de entendemento, que son os que achegan a sensatez e a claridade de xuízo que a caracterizan. A persoa sabia "atesoura coñecemento" e así ten un fondo ao que recorrer.[39] Aínda que a “sabedoría é a cousa principal”, o consello é:
“Con todo o que adquires, adquire entendemento”.[40]
O entendemento (termo amplo que con frecuencia abrangue o discernimento) engade forza á sabedoría, contribuíndo en gran maneira á discreción e á previsión, cualidades que tamén son características notables da sabedoría. A discreción supón prudencia, e pódese expresar en forma de cautela, autodominio, moderación ou comedimento. A persoa “discret [unha forma de fró·ni·mos]” edifica a súa casa sobre a masa rochosa, prevendo a posibilidade dunha treboada; o insensato edifícaa sobre a area e experimenta o desastre.[41]
A expresión hebrea jokj·máh (verbo, ja·kjám) e o grego so·fí·a, así como as súas afíns, son os vocábulos básicos que comunican o concepto de «sabedoría». Tamén está a palabra hebrea tu·schi·yáh, que se pode traducir por «traballo eficaz» ou «sabedoría práctica», e as palabras gregas fró·ni·mos e fró·nē·sis (de frēn, «mente»), que se refiren á «sensatez», «discreción» ou «sabedoría práctica».
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.