A ra patilonga[1], ra de patas longas, ra ibérica, ra dos regos ou zampexa,[2] Rana iberica, é un anfibio anuro da famila dos ránidos (Ranidae) pertencente ao grupo das ras vermellas, que habita en Galicia, norte de Portugal, a parte centrooocidental de Asturias, centro da cordilleira Cantábrica, sistema Central ibérico e nos sectores occidentais e centrais dos montes de Toledo.
É unha ra de típica de montaña, cuxo hábitat natural son os regatos, pozas de auga fría sobre substrato rochoso e entre vexetación de ribeira. Captura sobre todo presas terrestres, principalmente insectos, vermes e arañas.
Características
É o máis pequeno dos ránidos galegos, de aspecto estilizado e patas posrteriores moi longas.
Os machos adultos miden entre os 29 e os 40 mm de lonxitude de cabeza e tronco, e pesan entre os 3 e os 7 g; as femias adultas son moito maiores (de entre 37 e 53 mm de lonxitiude e de 4 a 18 g de peso).[3]
O seu fociño é afiado e os seus ollos, grandes e saíntes, amarelos e coa pupila ovoide e horizontal.
A coloración do dorso varía desde a parda ou moura até a ocre ou avermellada, sendo moi típicas desta especie unhas manchas claras e irregulares espalladas polo dorso.[4]
A reprodución comeza no mes de marzo. A cópula ten lugar pola noite, nos remansos dos ríos e en pequenas represas das canles de regadío, onde logo van depositar entre 200 a 450 ovos.
Os cágados, que teñen o ventre negro con lunares brancos transparentando o paquete intestinal, rematan a súa metamorfose entre os meses de xuño e setembro, despois de aproximadamente tres meses.
A ra patilonga pode vivir entre 5 e 6 anos.
En Galicia
Esta ra, interesante endemismo do noroeste Ibérico, conserva en Galicia o maior número dos seus efectivos, sendo, quizais, a ra galega por excelencia, a que ocupa os hábitats máis característicos da nosa terra, encontrándose en todos os pequenos regatos que discorren polas fragas, prados e toxais galegos. Ocupa toda a nosa comunidade, aínda que é máis rara nas depresións ourensás de características mediterráneas, podendo verse desde o nivel do mar até os 1 450 m de altitiude, na serra de Queixa (na serra de Gredos ascende até os 2 100 m).[5]
Estado de conservación
NT: Risco baixo.[6]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.