compañía de radiodifusión pública de Eslovenia From Wikipedia, the free encyclopedia
Radiotelevizija Slovenija (en galego, Radiotelevisión eslovena), máis coñecida polas siglas RTVSLO ou RTV, é a compañía de radiodifusión pública de Eslovenia. Fundouse en 1928 e actualmente xestiona tres cadeas de televisión (TV SLO 1, TV SLO 2 e TV SLO 3), tres cadeas nacionais de radio (Prvi program, Val 202 e ARS), unha internacional, dous estudos rexionais e un sitio web multimedia.
Radiotelevizija Slovenija | |
---|---|
Inicio das emisións | 1 de setembro de 1928 |
Propiedade de | Empresa pública |
Slogan | Gledamo naprej (Agardámoste) |
País | Eslovenia |
Lingua | esloveno |
Área de emisión | Eslovenia |
Sede central | Liubliana |
Nome(s) anterior(es) | Radiotelevizija Ljubljana |
Na rede | |
http://www.rtvslo.si/ | |
O grupo formou parte da radiotelevisión iugoslava ata 1991, cando Eslovenia se independizó. A súa sede central atópase en Liubliana e conta con centros de produción en Maribor, que elabora contidos para a minoría lingüística húngara, e en Koper, para a poboación de fala italiana. O seu programación cumpre un servizo público e ofrece contidos representativos de todo o país.
É membro da Unión Europea de Radiodifusión desde 1993.
A actual RTVSLO nace o 1 de setembro de 1928 coa primeira emisión en probas de Radio Ljubljana, que iniciou a súa actividade regular o 28 de outubro do mesmo ano.[1] Durante a segunda guerra mundial as súas repetidores foron destruídos e a emisora foi ocupada polos soldados italianos, pero a súa actividade volveu á normalidade co restablecemento de Iugoslavia e pasou a formar parte da radiotelevisión iugoslava.[1]
O 1 de abril de 1949 leváronse a cabo as primeiras emisións de televisión en probas, pero o servizo non quedou inaugurado ata o 28 de novembro de 1958, como Televizija Ljubljana.[1] O novo medio tivo un rápido desenvolvemento, en colaboración con outras cadeas da rede iugoslava. O informativo en esloveno emitiuse por primeira vez o 15 de abril de 1968.[1]
A diferenza doutras emisoras iugoslavas, a radiotelevisión de Liubliana desenvolveu cadeas específicas para as minorías lingüísticas.[1] En 1970 creouse a segunda canle de televisión esloveno e un ano despois comezaron as emisións de TV Koper Capodistria, con sede en Koper.[2] Aínda que estaba dirixida en exclusiva aos falantes italianos da rexión de Istria, o seu sinal tamén podía captarse nalgunhas rexións italianas, onde rompeu o monopolio que ata a data ostentaba a RAI.[2] As emisións comezaron en 1972 e non se consolidaron ata 1975.[1]
En 1990, a empresa de radiodifusión pública cambiou o seu nome de RTV Ljubljana ao actual Radiotelevizija Slovenija. Eslovenia foi o primeiro estado que declarou a súa independencia de Iugoslavia o 25 de xuño de 1991 e pouco tempo despois, RTVSLO se desligou da radiotelevisión iugoslava.[1] O 1 de xaneiro de 1993 ingresou na Unión Europea de Radiodifusión. Nun novo panorama audiovisual marcado pola aparición de medios de carácter comercial, RTVSLO tivo que reforzar o seu papel de servizo público e iniciou un proceso de dixitalización, consolidado coa creación en 2001 do seu servizo multimedia MMC (Multimedijski center). En 2008, comezou a emitir en alta definición a través da televisión dixital terrestre.[1]
Radiotelevizija Slovenija é unha empresa pública estatal, controlada por un Consello de Programación que está formado por 29 membros, nomeados entre a Asemblea Nacional e distintos estamentos da sociedade civil eslovena para un mandato de catro anos.[3] Este Consello elixe ao director xeral, que despois será ratificado polo Parlamento. O actual director xeral é Marko Filli. Por baixo atópase o Consello Supervisor, formado por 11 membros elixidos entre o Goberno, a Asemblea Nacional e os traballadores da entidade. RTVSLO finánciase principalmente a través dun imposto directo e tamén percibe ingresos pola venda de publicidade, cuxa emisión está limitada.[3]
Segundo o primeiro artigo da Lei de Radiotelevizija Slovenija, aprobada en novembro de 2005, o grupo é unha "institución pública de especial importancia cultural e nacional" e con vocación de servizo público, que debe cubrir as necesidades democráticas, sociais e culturais de "os cidadáns da República de Eslovenia, os eslovenos de todo o mundo, as minorías nacionais eslovenas en Italia, Austria e Hungría, e a minoría húngara en territorio esloveno".[3] Ademais, debe asegurarse a autonomía institucional e independencia editorial da radiotelevisión pública, así como dotarlle do orzamento necesario para o cumprimento do servizo.[3]
Sobre o control da radiotelevisión pública, celebráronse dous referendos. En 2005, o executivo de Janez Janša impulsou unha reforma da Lei de Radiotelevizija Slovenija para aumentar o control do Goberno sobre a elección de membros do Consello de Programación, que foi aprobada por unha estreita marxe.[4] Cinco anos despois fíxose outra consulta cun obxectivo similar, que nesta ocasión foi rexeitada polo 72% dos votantes.[5]
Os estudos centrais atópanse en Liubliana, a capital do país. Pero ademais, existen dous centros territoriais para cubrir as necesidades das minorías lingüísticas do país. Para cubrir á poboación de fala húngara, existe un centro territorial en Maribor que xestiona unha radio e unha canle de televisión. E no caso da poboación de fala italiana, hai un centro territorial en Koper co mesmo cometido. O seu traballo está recoñecido e defendido na Lei de radiodifusión pública.[3]
A imaxe corporativa de RTVSLO está baseada na escultura "Pícaro cunha frauta", obra do escultor esloveno Zdenko Kalin, que se atopa na porta dos estudos centrais.[6]
RTVSLO mantén actualmente oito emisoras de radio, das cales tres emiten a nivel nacional, unha é internacional e o resto son cadeas rexionais. Todas as canles poden escoitarse en Internet.
RTVSLO gestiona cinco cadeas na televisión dixital terrestre, dos que tres son de cobertura nacional e dúas son rexionais. A primeira e a segunda cadea teñen ademais a súa versión en alta definición. Desde 2008 ata 2012 tiñan unha canle independente tamén en alta definición (TV SLO HD).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.