From Wikipedia, the free encyclopedia
O píloro ou parte pilórica, e a porción do estómago que conecta co duodeno. O píloro considérase dividido en dúas partes: antro pilórico (que se abre ao corpo do estómago) e canle pilórica (que se abre ao duodeno). A canle pilórica acaba no orificio pilórico, que marca a unión entre o estómago e o duodeno. O orificio está rodeado por un esfínter, unha banda muscular, chamada esfínter pilórico.
A palabra píloro vén do grego πυλωρός, pylorós, a través do latín pylorus. En grego a palabra significa 'porteiro', relacionado con 'porta, cancela' (pyle) e está lingüisticamente relacionada coa palabra pilono.[1]
O píloro é a parte máis distal do estómago que conecta co duodeno. Está dividido en dúas partes: antro, que conecta co corpo do estómago, e canle pilórica, que conecta co duodeno.[2]
O antro pilórico é a porción inicial do píloro. Está preto da parte final do estómago, proximal ao esfinter pilórico, que separa o estómago do duodeno. Pode quedar temporalmente incomunicado de forma parcial ou total co resto do estómago durante a dixestión debido á contracción peristáltica do esfínter prepilórico; está ás veces delimitado por unha lixeira amosega que o separa da canle pilórica .
A canle pilórica é a canle que conduce á abertura entre o estómago e o duodeno.[3] O grosor das súas paredes é duns 3 milímetros en bebés de menos de 30 días,[4] e de ata 8 mm en adultos.[5]
O esfínter (ou válvula) pilórico é un forte anel de músculo liso situado ao final da canle pilórica que deixa pasar a comida do estómago ao duodeno cando está relaxado. Controla o fluxo do contido gástrico ao duodeno.[6] Recibe innervación do sistema nervioso simpático desde o ganglio celíaco.
Visto ao microscopio, o píloro contén numerosas glándulas, como os foveolas gástricas, que constitúen a metade da profundidade da mucosa pilórica. Constan de dous ou tres curtos tubos de fondo pechado que se abren nun conduto común. Os tubos son ondulados e son da metade da lonxitude do conduto. O conduto está tapizado de células columnares, que se continúan co epitelio que tapiza a superficie da membran muscosa estomacal. Os tubos son máis curtos e con máis células cúbicas, que son finamente granulares. As glándulas conteñen células mucosas e células G que segregan gastrina.[7]
O píloro tamén contén células parietais dispersas e células neuroendócrinas. Entre estas células de función endócrina están as células D, que liberan somatostatina,[8] responsable de cortar a secreción de ácidos. (Hai unha segundo poboación sensible a hormonas preto do fondo ou fundus.) No píloro localízanse células musculares lisas de contracción involuntaria.
O píloro é un compoñente do sistema gastrointestinal. Os alimentos procedentes do estómago, parcialmente dixeridos e transformados en quimo, pasan polo píloro ao duodeno. O píloro, por medio do esfínter pilórico, regula a entrada de comida no duodeno.
En condicións como o cancro de estómago, os tumores poden bloquear parcialmente a canle pilórica. Pode implantarse cirurxicamente un tubo especial para conectar o estómago co duodeno para así facilitar o paso da comida dun ao outro. A operación cirúrxica para colocar o tubo denomínase gastroduodenostomía.
Fálase de estenose pilórica cando o píloro é estreito. Isto débese a unha hipertrofia conxénita do esfínter pilórico. O lume do píloro é máis estreito e pode pasar menos comida a través del. Este problema detéctase a miúdo nas primeiras semanas de vida. Cando está presente, o neonato pode vomitar despois de comer, pero despois de vomitar segue famento. A estenose pilórica pode tratarse coa inserción dun stent, ou polo corte cirúrxico do esfínter pilórico (piloromiotomía).[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.