Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
As células parietais ou células oxínticas son células situadas no epitelio interno da parede do estómago, encargadas de segregar os ácidos gástricos (ácido clorhídrico) necesarios para a dixestión, e o factor intrínseco necesario para a absorción de vitamina B12.
Localízanse na parte superior das glándulas oxínticas da parede do estómago. Atópanse maiormente no corpo gástrico e son máis escasas no antro gástrico. Cando as glándulas oxínticas se atrofian (gastrite crónica atrófica) prodúcese unha diminución do ácido gástrico e do factor intrínseco.
As células parietais teñen na súa membrana basolateral receptores de tres estimulantes: un receptor da histamina (H2), un receptor colinérxico de tipo muscarínico (M-3) para a acetilcolina liberada polas neuronas preganglionares, e un receptor tipo colecistoquinina (CCK-8) para a gastrina liberada polas células G pilóricas e duodenais. As células parietais tamén teñen receptores na súa membrana basolateral para os inhibidores da súa función: somatostatina e prostaglandinas.[1]
Son células grandes piramidais de larga base e uns 25 microns de diámetro. A súa característica máis evidente é a presenza dunha profunda invaxinación na zona apical da célula chea de canalículos retortos, que pode chegar a rodear o núcleo e chegar case ata a base da célula. A membrana apical e a da invaxinación ten procesos finos similares a microvilli. Todo isto incrementa enormemente a superficie celular, facilitando a secreción. O citoplasma é eosinófilo, sen gránulos, pouco aparato de Golgi e moitísimas mitocondrias. No citoplasma atopamos tamén un sistema de túbulos membranosos, chamado sistema tubulovesicular, que parece que durante a produción de ácido se fusionan coa membrana plasmática [2].
A membrana das células parietais é dinámica, polo que o número e extensión dos canalículos crece e decrece de acordo coas necesidades secretoras. Crese que isto ten lugar pola fusión dos precursores dos canalículos, ou "tubulovesículas", coa membrana para incrementar así a área superficial, ou pola endocitose de canalículos (volvendo a formar as tubulovesículas) para diminuíla.
As células parietais teñen receptores para a acetilcolina (receptores M3[3]) , gastrina (receptores CCK2) e para a histamina. Os receptores da histamina actúan incrementando o AMPc intracelular, entanto que os receptores muscarínicos e da gastrina incrementan o Ca2+ intracelular. Tanto o AMPc coma o Ca2+ actúan por medio de proteína quinases incrementando o transporte de ácido cara ao interior do estómago. A gastrina é máis importante pero dun modo indirecto ao incrementar a síntese de histamina nas células ECL (EnteroChromaffin-Like cells, células similares ás enterocromafíns),[4] xa que a gastrina non ten efecto sobre a secreción ácida gástrica máxima estimulada pola histamina.[5]
As células parietais conteñen unha extensa rede de estruturas secretoras (chamadas canalículos) a partir da cal se segrega o ácido clorhídrico (HCl) ao estómago por transporte activo. Por segregar este ácido as células parietais reciben o nome de oxínticas. O encima hidróxeno potasio ATPase (H+/K+ ATPase) é exclusivo das células parietais e transporta o H+ en contra dun gradiente de concentración de aproximadamente 3 millóns a 1, o cal é o maior gradiente iónico xerado no corpo humano.
O ácido clorhídrico producido fórmase segregando Cl- e H+ do seguinte xeito:
Como resultado orixínase un medio moi ácido, que causa que as proteínas dos alimentos se desdobren (desnaturalización), expoñendo os enlaces peptídicos que unían os seus aminoácidos. A acidez do HCl tamén activa o pepsinóxeno, unha endopeptidase, facendo que este poida intervir na dixestión rompendo enlaces peptídicos específicos, proceso chamado proteólise. Ademais, o incremento súpeto da secreción ácida estomacal que se produce despois dunha comida pode causar un fenómeno fisiolóxico chamado onda alcalina no sangue, que se debe á produción e exportación de bicarbonato polas células parietais. A onda alcalina é neutralizada polas secreción do conduto pancreático, o cal produce unha secreción de bicarbonato que se deposita na luz do conduto, entanto que o subproduto H+ é bombeado desde a membrana basal á corrente sanguínea portal, neutralizando así o bicarbonato procedente do estómago.
As células parietais segregan ácido en resposta a tres tipos de estímulos:
Cando están estimuladas, actívase a adenilato ciclase nas células parietais. Isto incrementa o AMPc intracelular, o que orixina a activación da proteína quinase A. A proteína quinase A fosforila proteínas implicadas no transporte da H+/K+ ATPase desde o citoplasma á membrana plasmática. Isto causa a reabsorción de K+ e a secreción de H+. O pH do fluído segregado pode baixar (acidificarse) ata 0,8.
As células parietais producen tamén factor intrínseco. Este factor requírese para a absorción da vitamina B12 da dieta. Unha deficiencia a longo prazo de vitamina B12 pode orixinar anemia megaloblástica, caracterizada por formarse eritrocitos grandes e fráxiles. Na anemia perniciosa o factor intrínseco non se produce e a anemia orixinada é tamén do mesmo tipo. A gastrite atrófica, particularmente nos anciáns, causa a incapacidade de absorber vitamina B12 e pode orixinar deficiencias como descenso da síntese de ADN e do metabolismo dos nucleótidos na medula ósea.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.