Rebelión en Irlanda en 1916 From Wikipedia, the free encyclopedia
O Alzamento de Pascua (en gaélico: Éirí Amach na Cásca)[1] foi unha rebelión que tivo lugar en Irlanda durante a Pascua de 1916. O alzamento foi un intento de republicanos irlandeses co obxectivo de rematar co dominio británico en Irlanda e establecer unha República Irlandesa nun momento no que o Imperio Británico estaba inmerso na primeira guerra mundial. Foi a sublevación máis significativa que houbo en Irlanda tras a rebelión irlandesa de 1798.
Alzamento de Pascua | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Sackville Street (actual O'Connell Street) en Dublín, logo do Alzamento. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Irmandade Republicana Irlandesa Voluntarios Irlandeses Exército Cidadán Irlandés Liga das Mulleres Fusileiros Hibernios Soldados de Irlanda |
Exército Británico Policía Metropolitana de Dublín Policía Real Irlandesa | ||||||
Líderes | |||||||
Patrick Pearse James Connolly |
Xeneral de brigada W. H. M. Lowe Xeneral Sir John Grenfell Maxwell | ||||||
Forzas en combate | |||||||
1.250 en Dublín, c. 2-3.000 habitantes, mais tiveron pouca ou ningunha participación nos combates |
16.000 soldados e 1.000 policías armados en Dublín ata ao final da semana. | ||||||
Baixas | |||||||
64 mortos 16 executados un número indeterminado de feridos |
132 mortos 397 feridos |
Organizado polo Consello Militar da Irmandade Republicana Irlandesa,[2] o alzamento durou dende o luns santo do 24 de abril ata o 30 de abril de 1916. Membros dos Voluntarios Irlandeses, liderados polo profesor e avogado Patrick Pearse, xunto co pequeno Exército Cidadán Irlandés de James Connolly e mais 200 membros da Liga das Mulleres, tomaron lugares clave en Dublín e proclamaron unha República Irlandesa independente de Gran Bretaña. Houbo algunhas accións máis noutras partes de Irlanda aínda que foron de escasa relevancia, agás o ataque aos barracóns da Policía Real Irlandesa en Ashbourne, no condado de Meath.
O Alzamento foi sufocado tras sete días de loita, e os seus líderes foron sometidos a consellos de guerra e posteriormente executados, pero tiveron éxito en facer que os políticos irlandeses volvesen a tomar en consideración unha vía de republicanismo irlandés a través das armas.
O acontecemento acostuma interpretarse como o momento clave do proceso de independencia irlandesa, aínda que tamén marcou a división entre republicanismo e nacionalismo irlandés, que ata o momento aceptara a promesa dunha autonomía limitada baixo a coroa británica. Tal autonomía fora plasmada na terceira Home Rule en Irlanda, aprobada en 1914 e suspendida durante a primeira guerra mundial.
Dende a Acta de Unión de 1800 que uniu o Reino de Irlanda e o Reino de Gran Bretaña para formar o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, a oposición a esta unión tomou forma de dous xeitos: o constitucionalismo parlamentario e a forza física.
Daniel O’Connell, que fundou a Repeal Association en 1840, tentou conseguir a revogación da Acta na Cámara dos Comúns do Reino Unido e mediante mitins colectivos. Os membros da asociación Irlanda Nova eran tamén membros activos nese movemento, pero desligáronse de O’Connell en 1846 e estableceron o movemento da Confederación Irlandesa, e os seus líderes , William Smith O'Brien, Thomas Francis Meagher e John Blake Dillon, encabezaron a Rebelión de Irlanda Nova de 1848. Os Fenianos protagonizaron outra revolta en 1867, o Alzamento Feniano. A pesar de seren derrotados, continuaron a súa actividade coma sociedade secreta.[3] En 1873, tivo lugar unha convención Feniana en Dublín, e decidiron adoptar o nome de Bráithreachas na Poblachta, en inglés Irish Republican Brotherhood, ou IRB, e en galego Irmandade Republicana Irlandesa, e mais uns estatutos. Aprobaron dúas resolucións: que o comité central da IRB fose constituído para actuar como goberno da República Irlandesa, e que o Presidente da IRB sería o Presidente da República, ata que o pobo irlandés puidese elixir libremente o seu goberno.[4]
A Liga da Home Rule e o Partido Parlamentario Irlandés de Charles Stewart Parnell conseguiron ter un gran número de membros no Parlamento do Reino Unido onde, mediante a táctica do obstrucionismo e pola habilidade de saber manter a balanza do poder no Parlamento, tiveron éxito en introducir tres proxectos de lei na Home Rule en Irlanda. Porén, os obxectivos de Parnell ían máis aló das limitacións da Home Rule en Irlanda. Iso fíxose máis que claro cando nun discurso en xaneiro de 1885 dixo: "Ningún home ten o dereito de fixar os límites da marcha dunha nación..." [5] O primeiro deses tres proxectos de lei, o Proxecto de Lei do Goberno Irlandés de 1886 foi rexeitado na Cámara dos Comúns. O segundo Proxecto de Lei do Goberno Irlandés de 1893 foi aprobado polos Comúns, pero rexeitado pola Cámara dos Lords. O terceiro Proxecto de Lei do Goberno Irlandés de 1912 foi de novo rexeitado polos lords, mais baixo a Acta do Parlamento de 1911 (aprobada polo Primeiro Ministro británico H. H. Asquith co apoio de John Redmond que se convertera no líder do Partido Parlamentario Irlandés tras a morte de Parnell) converteuse en lei dous anos máis tarde. Redmond, ao contrario que Parnell, contemplaba a Home Rule como unha fin en si mesma.[6]
Os Unionistas do Ulster, liderados por sir Edward Carson, xunto co Partido Conservador británico e a Cámara dos Lords opoñíanse á Home Rule en Irlanda, e considerábana unha ameaza aos seus intereses. Os Unionistas formaron o grupo paramilitar Forza de Voluntarios do Ulster[7], en inglés Ulster Volunteer Force, o 13 de xaneiro de 1913, que estaba preparado para resistir violentamente a imposición da Home Rule, e tanto o líder Conservador Andrew Bonar Law coma outros membros do seu partido ameazaron co uso da forza.[8][9][10] Isto levou á formación dos Voluntarios Irlandeses, en inglés Irish Volunteers, o 25 de novembro de 1913, unha forza dedicada a defender a Home Rule.[11] A Home Rule de Irlanda recibiu a Aprobación Real o 18 de setembro de 1914, mais excluía unha área aínda sen definir na provincia do Ulster.[12] O Proxecto de Lei foi suspendido ata despois da primeira guerra mundial, que estalara un mes antes, causando unha escisión entre os Voluntarios Irlandeses, posto que moitos deles se alistaran nos Voluntarios Nacionais apoiando os Aliados e o esforzo de guerra británico.[13] Mentres tanto, a IRB, reorganizada con homes determinados coma Thomas J. Clarke[14] e Seán MacDermott, continuou facendo plans, non para unha Home Rule limitada baixo a coroa británica, mais para unha República Irlandesa independente.[15]
Os plans para o Alzamento de Pascua comezaron os días de agosto nos que tivo lugar a declaración de guerra contra Alemaña. O Consello Supremo da IRB mantivo unha reunión no número 25 de Parnell Square e, baixo o lema "A dificultade de Inglaterra é a oportunidade de Irlanda", decidiron actuar xa antes da fin da guerra. O Consello tomou tres decisións: formar un consello militar, procurar calquera axuda posible de Alemaña e asegurar o control dos voluntarios.
A pesar de que o obxectivo principal da IRB era o establecemento dunha República Irlandesa independente, iso non tiña por que acadarse necesariamente mediante un único acto de rebelión. O historiador Eoin Neeson suxire que nunca se chegou a considerar que o plan concluiría cunha vitoria militar, aínda que os líderes si que consideraron que habería unha certa vitoria militar parcial.[16]
A IRB estableceu tres obxectivos para o Alzamento: primeiro, declarar unha República Irlandesa, segundo, revitalizar o espírito do pobo e espertar o fervor nacional arredista, e terceiro, reclamar un posto na conferencia de paz posterior á guerra.[17]
Para acadar este obxectivo, o tesoureiro da IRB, Tom Clarke, formou un Consello Militar para planear o Alzamento, do cal formaron parte inicialmente Patrick Pearse, Éamonn Ceannt, e Joseph Plunkett, así coma el mesmo e Seán Mac Diarmada, que se uniría pouco despois. Todos eles eran membros da IRB, e todos agás Clarke eran membros dos Voluntarios Irlandeses.[17]
O segundo dos obxectivos da IRB xa estaba ben avanzado para este tempo. A Irmandade xa se infiltrara nunha gran cantidade de organizacións sociais, incluíndo a Gaelic Athletic Association[18], a Liga Gaélica, o Sinn Féin, sindicatos, e máis tarde o Exército Cidadán Irlandés. Por medio desas organizacións querían proporcionar o empuxe preciso ao nacionalismo e ao cambio definitivo.[17]
Dende o seu inicio en 1913, os Voluntarios, cuxa formación foi instigada precisamente pola IRB co propósito de organizar un levantamento,[19] foi caendo paulatinamente baixo o control desa organización, a medida que os membros da IRB traballaban para que outros membros foran ascendendo a postos superiores sempre que fora posible; de aí foi que para 1916 unha gran parte dos líderes dos Voluntarios eran republicanos devotos. Unha excepción notable era o seu fundador e presidente Eoin MacNeill quen daquela non era consciente das intencións da IRB. MacNeill planeaba empregar os Voluntarios como baza a xogar con Gran Bretaña tras a I guerra mundial.[20][21]
Negociouse co Alto Mando Alemán, representado polo conde Bethmann-Hollweg, o conde Rudolph Nadolny e o Capitán Heydal en Alemaña. A IRB estaba representada por Joseph Plunkett (que viaxou a Berlín en 1915) e mais o seu pai, o conde Plunkett.[16] Roger Casement, que xa estaba en Alemaña dende 1914, negociou separadamente coma representante dos Voluntarios. Casement nunca foi un membro da IRB, e non estaba ao corrente de ata que punto a IRB se infiltrara nos Voluntarios.[22] Os obxectivos de Casement eran os de formar unha brigada de Prisioneiros de Guerra Irlandeses en campos alemáns que serían liberados para loitar contra Inglaterra dende o lado irlandés, así coma asegurar un envío de armas dende Alemaña para os Voluntarios, que estaban escasamente equipados. O primeiro deles foi un fracaso, e aínda que conseguiu organizar un envío de rifles, a axuda alemá resultou ser menor da esperada.
En América tamén houbo negociacións entre o embaixador alemán en Washington, D.C., o conde Johann Heinrich von Bernsdorff, e o primeiro secretario, Wolf von Igel. John Devoy, líder do Clan na Gael, tamén estivo involucrado nesas negociacións, que tiveron lugar ao longo de 1914, 1915 e 1916. Desas negociacións a IRB conseguiu o acordo do Goberno alemán de que se os irlandeses puidesen establecer o seu status como unha nación "privada legalmente de condición de Estado", entón Alemaña permitiríalles seren escoitados na conferencia de paz que tería lugar despois da guerra.[23]
O Exército Cidadán Irlandés, un grupo de sindicalistas socialistas con James Connolly á cabeza, non era consciente dos plans da IRB, e ameazou con iniciar unilateralmente unha rebelión se os outros partidos se negaban a actuar. Posto que a ICA (abreviatura en inglés do Exército Cidadán Irlandés) contaba con apenas 200 efectivos, calquera acción que puideran levar a cabo sería unha heroica mais infrutuosa misión suicida. Aínda que decidisen ir sós, posiblemente lles axudarían a IRB e os Voluntarios.[16] Por iso os líderes da IRB se reuniron con Connolly en xaneiro de 1916 e convencérono de unir as súas forzas. Accederon a actuar conxuntamente na próxima Semana Santa e nomearon a Connolly o sexto membro do Comité Militar (Thomas MacDonagh converteríase máis adiante no sétimo e derradeiro membro).
Nun esforzo para neutralizar os informadores, e os propios líderes dos Voluntarios, Pearse emitiu ordes a comezos de abril para que o domingo de Pascua os Voluntarios levasen a cabo tres días de "desfiles e manobras" (el tiña autorización para facelo, como director da Organización). A idea era que os republicanos da organización (en particular os membros da IRB) saberían exactamente o que iso significaba, mentres que homes como MacNeill e as autoridades británicas no castelo de Dublín tomaríano ao pé da letra, e non darían maior importancia ao feito. Porén, MacNeill decatouse do que se estaba tramando e ameazou con "facer todo o posible agás chamar ao castelo de Dublín" para evitar o alzamento.
En pouco tempo MacNeill convencérase de continuar con algún tipo de acción cando Mac Diarmada lle revelou que un envío de armas alemás estaba a piques de ser desembarcar no condado de Kerry, o cal fora planeado pola IRB xunto con Roger Casement; estaba seguro de que o descubrimento por parte das autoridades de tal envío levaría á supresión dos Voluntarios, aínda que os Voluntarios puidesen emprender accións defensivas xustificadamente (incluíndo as manobras que se planearan orixinalmente).[24] Casement, defraudado polo escaso apoio ofrecido polos alemáns, volveu a Irlanda nun submarino alemán e foi capturado desembarcando na praia de Banna Strand, situada na baía de Tralee, no condado de Kerry. A Mariña británica comisou o envío de armas, que se atopaba a bordo do barco alemán Aud —que estaba camuflado como barco pesqueiro de arrastre noruegués—, cando o interceptou despois de os Voluntarios fracasaren en atoparse con el.
Ao día seguinte, cando MacNeill soubo que o barco que levaba as armas fora interceptado, mudou a súa posición orixinal de apoio ao Alzamento. Co apoio doutros líderes que eran da súa opinión, dos que destacan Bulmer Hobson e The O'Rahilly, emitiu unha contraorde a todos os Voluntarios na que cancelaba todas as accións do Domingo de Pascua. O único que conseguiu foi adiar o Alzamento un día, aínda que reduciu notablemente o número de Voluntarios que tomaron parte nel.
A Intelixencia Naval Británica soubera do envío das armas e da volta de Casement, e da data da sublevación de Pascua por medio das mensaxes entre Alemaña e a súa embaixada nos Estados Unidos, que foran interceptadas e descifradas na "Habitación 40", o departamento de criptografía do Almirantado británico.[25] A información pasouse ao subsecretario británico para Irlanda, sir Matthew Nathan, o 17 de abril, mais sen revelar a súa fonte, polo que Nathan dubidaba sobre a súa exactitude.[26] Cando chegaron a Dublín as novas da captura do Aud e do arresto de Casement, Nathan reuniuse con lord Wimborne, o lord tenente de Irlanda. Nathan propuxo asaltar Liberty Hall, o cuartel xeral do Exército Cidadán, e as propiedades dos Voluntarios en Father Matthew Park e en Kimmage, mais Wimborne insistiu en arrestar sistematicamente todos os seus líderes. Decidiron pospoñer calquera acción ata despois do luns de Pascua e mentres tanto Nathan telegrafou a Londres, ao Secretario en Xefe para Irlanda, Augustine Birrell, buscando a súa aprobación.[27] Para cando Birrell mandou por cable a súa resposta o mediodía do luns 24 de abril de 1916 autorizando a acción, o Alzamento xa comezara.
O luns de Pascua foi o primeiro día do Alzamento. Durante a mañá, os rebeldes tomaron posicións. Contra o mediodía producíronse os primeiros enfrontamentos entre os dous bandos.
Os Voluntarios de Dublín estaban organizados en catro batallóns. Como resultado da contraorde emitida por MacNeill, todos eles tiveron unha asistencia moito menor do que planearan orixinalmente. O 1º batallón, baixo o mando de Ned Daly, logrou formar en Blackhall Street un número aproximado de 250 homes encargados de ocupar os xulgados de Four Courts e as áreas do noroeste para defenderse do ataque dende o oeste, principalmente dos Cuarteis Reais e Marlborough; a excepción da Compañía D, 12 homes liderados polo Capitán Seán Heuston, que estaban encargados de ocupar o Asilo de Mendigos, seguindo o río dende os xulgados. O 2º batallón, formado por uns 200 homes baixo o mando de Thomas MacDonagh, reuniuse no parque de St. Stephen's Green coa orde de tomar a Fábrica de Galletas Jacob en Bishop Street, ao sur do centro da cidade, e un número menor de homes reuniuse en Fairview, no nordeste, que logo se dirixiu á Oficina Xeral de Correos.[28] No sueste, o comandante Éamon de Valera lideraba uns 130 homes do 3º batallón que debían tomar a panadería Boland e algúns edificios lindeiros para cubrir o posible ataque británico procedente do cuartel de Beggars Bush e da estrada principal e o ferrocarril do porto de Kingstown (o actual Dún Laoghaire). O 4º batallón do comandante Éamonn Ceannt, que contaba cuns 100 homes, formou en Emerald Square, no barrio de Dolphin's Barn. Tiñan a misión de ocupar a Workhouse (asilo onde pobres que non tiñan medios podían vivir e traballar) coñecida coma o South Dublin Union no suroeste, e defenderse contra os ataques dende a base militar de Curragh Camp.[29] Unha forza mixta duns 400 Voluntarios e homes do Exército Cidadán Irlandés reuniuse no Liberty Hall baixo o mando do comandante James Connolly. Deles, uns 100 homes e mulleres do Exército Cidadán, liderados polo comandante Michael Mallin, foron enviados a ocupar o parque de St. Stephen's Green, e un pequeno destacamento do Exército Cidadán, dirixido polo Capitán Seán Connolly, dirixiuse a tomar a área ao redor da casa do concello (preto do castelo de Dublín) así como as oficinas do xornal Daily Express.[30] Os demais homes ocuparon a Oficina Xeral de Correos, que acabou sendo o cuartel xeral do batallón, e ademais de Connolly, outros catro membros do Consello Militar atopábanse alí: Patrick Pearse (presidente e comandante en xefe), Tom Clarke, Seán Mac Diarmada e Joseph Plunkett.[31]
Ao mediodía, un pequeno grupo de voluntarios e membros fenianos atacaron o Forte Magazine no Parque Phoenix (situado a 3 quilómetros ao noroeste do centro de Dublín) e desarmaron os gardas nun intento de apropiarse de armas e de voar o edificio como sinal de que a sublevación comezara. Este pequeno grupo colocou os explosivos, mais fracasou no cometido de conseguir as armas. Porén, a explosión non foi o suficientemente potente como para que a oísen na cidade.[32] Ao mesmo tempo, as forzas dos voluntarios e do Exército Cidadán que estaban na cidade dirixíronse a ocupar e asegurar as súas posicións.
A unidade de Seán Connolly asaltou o castelo de Dublín, matando un policía de garda e superando os soldados da caseta de garda, mais non tiveron éxito no ataque, posto que os disparos alertaron o subsecretario, sir Matthew Nathan, que se atopaba na súa oficina co coronel Ivor Price (oficial da Intelixencia Militar), e A.H. Norway (director da Oficina de Correos), e axudou a pechar as portas do castelo.[33] Os rebeldes ocuparon a Casa do Concello de Dublín e os edificios lindeiros. O destacamento de Mallin, ao cal se lle uniu a condesa Markiewicz, ocupou St. Stephen's Green, cavou trincheiras e requisou vehículos para formar barricadas. Tomaron moitos edificios, incluíndo a Facultade Real de Cirurxáns de Irlanda, mais deixaron sen tomar o Hotel Shelbourne, un edificio alto que tiña vistas a todo o parque.[34]
Os homes de Daly, que estaban a levantar barricadas nos xulgados de Four Courts, foron os primeiros en ver algo de acción. Unha compañía do 5º e do 12º de lanceiros, que eran parte do VI Rexemento de Reserva de Cabalaría, estaban a escoltar un convoi de munición polos peiraos do norte cando recibiron disparos dos rebeldes. Incapaces de abrirse paso, refuxiáronse nos edificios máis próximos.[35] O batallón do cuartel xeral, liderado por Connolly, marchou cara á rúa O'Connell, asaltando a Oficina Xeral de Correos e botando fóra os clientes e os empregados, e tomaron varios soldados británicos como prisioneiros; logo izaron dúas bandeiras nos mastros de cada extremo do tellado do edificio: a bandeira tricolor de Irlanda na esquina da dereita que dá á rúa Henry, e unha bandeira verde coa inscrición 'Irish Republic' (República Irlandesa, en inglés) na esquina esquerda da rúa Princess. A continuación, Pearse leu a Proclamación da República Irlandesa fóra do edificio de Correos.[36]
O comandante en xefe do Exército Británico en Irlanda, o xeneral Lovick Friend, atopábase de permiso en Inglaterra, e cando comezou a insurrección non puideron localizar o oficial que dirixía a gornición de Dublín, o coronel Kennard; o seu axudante, o coronel H.V. Cowan, chamou por teléfono ao cuartel de Marlborough e pediu que se enviase un destacamento de soldados á rúa Sackville (rúa O'Connell) para investigar como estaba a situación na Oficina Xeral de Correos. Entón chamou por teléfono aos cuarteis de Portobello, Real e Richmond e ordenoulles que enviaran tropas para liberar o castelo de Dublín. Por último, contactou coa base de Curragh e pediu que se enviasen reforzos a Dublín.[37] Un escuadrón do VI Rexemento de Cabalaría de Reserva, enviados dende o cuartel de Marlborough, comezaron a baixar pola rúa O'Connell, mais cando pasaban pola Columna de Nelson, á altura do edificio de Correos, os rebeldes abriron fogo matando tres soldados e dous cabalos[38] e ferindo de morte a un cuarto home. Os soldados retiráronse e repregáronse para o cuartel. A miúdo faise referencia —erroneamente— a esta acción como a "Carga dos Lanceiros".[39]
Unha escuadra do 3º batallón de Reserva do Rexemento Irlandés Real (RIR) que se achegaba dende o Cuartel de Richmond, atopouse cun posto avanzado das forzas de Éamonn Ceannt baixo as ordes do comandante de sección John Joyce no Monte Brown, no curruncho noroeste do asilo de South Dublin Union. Ordenóuselle a un grupo de vinte homes baixo as ordes do tenente George Malone que marchasen para o castelo de Dublín. Avanzaron ata chegar a curta distancia cos rifles calados e fixeron unha descarga de disparos xusto antes de que lles devolvesen o fogo, baixo o cal perderon tres homes na primeira descarga. Unha bala esnaquizou a mandíbula de Malone cando dirixía o ataque. O oficial en xefe, o tenente-coronel R.L. Owens, colleu o resto de homes que quedaban no cuartel de Richmond. Enviouse a unha compañía provista dunha metralladora Lewis ata o Hospital Real de Kilmainham (que daquela aínda non era un hospital, senón o cuartel xeral británico), que daba ao asilo no que estaban os sublevados. O grupo principal tomou posicións ao longo dos muros leste e sur do edificio, ocupando edificios e un bloque de apartamentos, tras o cal abriron fogo contra as posicións rebeldes, obrigando a Joyce e aos seus homes a retirarse a través de campo aberto. Un grupo liderado polo tenente Alan Ramsey abriu unha brecha por unha pequena porta ao carón da porta Rialto, mais Ramsey resultou morto dun disparo, e o ataque foi repelido. Un segundo ataque encabezado polo capitán Warmington arremeteu pola porta, mais Warmington acabou tamén morto. Os soldados que quedaban tentaron entrar ao longo de todo o muro, pero atopábanse expostos e enfilados dende as posicións rebeldes da destilería de whisky de Jameson's, na rúa Marrowbone Lane. Finalmente, a superioridade numérica e de potencia de fogo dos británicos foros decisivos; acabaron por entrar á forza dentro do recinto, e a pequena forza rebelde que estaba nas casetas da parte leste do asilo terminaron por renderse.[40]
As forzas británicas esforzáronse inicialmente en asegurar os accesos ao castelo de Dublín e en illar o cuartel xeral rebelde, que crían que se atopaba no edificio do Liberty Hall (sede do Sindicato Xeral e de Transportes Irlandés). O comandante británico, o xeneral de brigada Lowe traballaba devagar, xa que non estaba seguro do tamaño das forzas coas que se estaba a enfrontar e só contaba con 1.269 soldados na cidade cando chegou da base de Curragh nas primeiras horas do martes 25 de abril. A Casa do Concello foi tomada o martes pola mañá. A posición rebelde do parque de 'St Stephen's Green', ocupada polo Exército Cidadán baixo o mando de Michael Mallin, converteuse en insostible cando os británicos tomaron o Hotel Shelbourne e os edificios lindeiros e situaron neles francotiradores e metralladoras, aproveitando a grande altura deses edificios e as vistas ao parque que lles proporcionaron esas posicións o que dou como resultado que Mallin se retirase para o edificio da Facultade Real de Cirurxiáns de Irlanda. A alta capacidade de poder de fogo británico proviña da artillaría proporcionada pola gornición de Athlone, que situaron ao norte da cidade, no barrio de Phibsborough e no Trinity College, e tamén da patrulleira Helga, que remontou o río dende Kingstown. O lord tenente de Irlanda, declarou a Lei Marcial o martes pola tarde.
O mércores 26 de abril, os canóns do Trinity College e do Helga bombardearon o Liberty Hall e máis tarde, a artillaría do Trinity College comezou a disparar ás posicións rebeldes da rúa O'Connell. Foron enviados dende Inglaterra para Dublín, e desembarcaron en Kingston esa mesma mañá. Producíronse duras loitas nas posicións dominadas polos rebeldes ao redor do Gran Canal, mentres que as tropas avanzaban cara a Dublín. Os Sherwood Foresters foron collidos repetidamente baixo fogo cruzado tratando de cruzar a canle na rúa Mount. Dezasete voluntarios foron capaces de danar severamente o avance británico, matando ou ferindo 240 homes. A posición rebelde no South Dublin Union (no que se sitúa o Hospital de St. James), situada máis ao oeste ao longo da canle, tamén foi quen de inflixir graves perdas ás tropas británicas que tentaban avanzar cara ao castelo de Dublín. Cathal Brugha, un oficial rebelde, distinguiuse nesta acción resultando gravemente ferido.
A gornición do cuartel xeral, logo de días de intensos bombardeos, viuse obrigada a abandonalo cando o lume causado polas bombas se espallou cara á Oficina Xeral de Correos. Abríronse paso facendo buracos nos muros dos edificios contiguos para evacuar a Oficina de Correos sen exporse ao fogo inimigo, e tomaron unha nova posición no 16 de Moore Street.
O sábado 29 de abril, desde este novo cuartel xeral, e despois de darse conta de que non podían saír desa posición sen expor a vida de civís, Pearse deu a orde de renderse a tódalas compañías. Pearse rendeuse incondicionalmente perante o xeneral de brigada Lowe. O documento da rendición dicía o seguinte:
Para evitar unha maior matanza de cidadáns dublineses, e coa esperanza de salvar a vida dos nosos seguidores que se atopan arrodeados e nunha desesperada situación de inferioridade, os membros do Goberno Provisional presentes no cuartel xeral acordaron renderse incondicionalmente, e os comandantes dos varios distritos da cidade e do condado ordenarán os seus comandos que depoñan as armas.[41]
Unidades de Voluntarios Irlandeses uníronse ao Alzamento en moitos sitios fóra de Dublín, pero debido á contraorde de Eoin MacNeill, moitos deles volveron para as súas casas sen loitar sequera. Ademais, debido á incautación das armas alemás a bordo do Aud, os Voluntarios da provincia estaban moi mal provistos de armas. As principais accións fóra de Dublín tiveron lugar en Ashbourne e Ennescorthy.
En Ashbourne, no condado de Meath, os Voluntarios do Norte do condado de Dublín (tamén coñecidos coma os Voluntarios de Fingal), liderados por Thomas Ashe e o seu lugartenente Richard Mulcahy, atacaron o cuartel da Policía Real Irlandesa, RIC, abreviatura en inglés de Royal Irish Constabulary. Chegaron reforzos dende Slane e tras un combate que durou cinco horas, os Voluntarios deron capturado sobre uns 90 prisioneiros. Houbo entre 8 e 10 mortos por parte da RIC e dous por parte dos Voluntarios, John Crennigan e Thomas Rafferty. A acción foi un adianto das tácticas de guerrilla que o Exército Republicano Irlandés seguiría a empregar na guerra de Independencia irlandesa dende 1919 ata 1921.
Nalgunha parte do leste, Seán MacEntee e os Voluntarios do condado de Louth mataron a un policía e a un garda de prisión. No condado de Wexford, os Voluntarios tomaron a vila de Enniscorthy (famosa por ser a vila na que tivo lugar a batalla de Vinegar Hill durante a Rebelión Irlandesa de 1798) dende o martes ata o venres. Os Voluntarios tomaron o control da liña de ferrocarril para evitar que chegasen reforzos británicos a Dublín. Ao redor duns 600 Voluntarios tomaron a vila, liderados por Robert Brennan, Seamus Doyle e J R Etchingham. Sitiaron a comisaría de policía, aínda que non intentaron tomala. Tan só un inspector e cinco axentes gardaban o cuartel da RIC, mentres que por outra banda, un sarxento da RIC e un axente vixiaban no banco da vila para evitar que os rebeldes o tomasen. Estableceron o seu cuartel xeral no Ateneo, e mantiveron o control ata que Patrick Pearse deu a orde de rendición das tropas.
Os Voluntarios tamén estableceron unha forte posición defensiva no outeiro de Vinegar Hill, xa que tiña vistas a toda a vila. Cortaron a liña do ferrocarril e mandaron homes para Gorey e para Ferns. O Goberno respondeu enviando unha forza de máis de 1000 homes para retomar Enniscorthy, e os rebeldes retiráronse para as súas posicións en Vinegar Hill. Antes de que se produciran as primeiras hostilidades, chegaron as novas da rendición de Dublín por parte rebelde, mais os Voluntarios rexeitaron crer esas novas. O comandante do exército británico, o coronel F.A. French, era un home nado nese mesmo condado, e para evitar o derramamento de sangue ofreceu un salvoconduto aos líderes de Wexford para que puidesen ir ata Dublín e escoitar a rendición directamente da boca de Pearse. Non houbo vítimas mortais.
No oeste, Liam Mellows liderou entre 600 e 700 Voluntarios en varios ataques frustrados ás comisarías de policía en Oranmore e Clarinbridge, no condado de Galway. Tamén houbo unha escaramuza en Carnmore na que morreron dous policías da RIC. Os Voluntarios estaban pobremente armados, con só 25 rifles e 300 escopetas, e moitos deles estaban tan só equipados con lanzas. No final da semana, aos seguidores de Mellows estábase a acabar a escasa comida da que dispuñan, e escoitaban que se estaban a enviar moitos reforzos británicos para o oeste, ademais o buque de guerra británico HMS Gloucester chegara ata a baía de Galway e bombardeara os campos ao redor de Athenry, onde os rebeldes tiñan a súa base. O 29 de abril, os Voluntarios, vendo que a situación era desesperada, abandonaron a vila de Athenry e dispersáronse. Moitos deses Voluntarios foron arrestados no período seguinte ao Alzamento, mentres outros, incluíndo Mellows, tiveron que fuxir para non ser apresados. Para cando os reforzos británicos chegaran ao oeste, o Alzamento xa desaparecera.
No norte, moitas compañías de Voluntarios foron mobilizadas no condado de Tyrone, e 132 homes fixérono en Falls Road, en Belfast. No sur, ao redor de 1000 voluntarios subleváronse na cidade de Cork baixo o mando de Tomás Mac Curtain o Domingo de Pascua, mais deron en dispersarse tras recibir varias ordes contraditorias dende o alto mando dos Voluntarios en Dublín.
O Exército Británico informou que as súas baixas ascenderan a 116 mortos, 368 feridos e 9 desaparecidos. Houbo 16 policías mortos e 29 feridos. As baixas irlandesas foron de 318 mortos e 2.217 feridos. Os Voluntarios e o Exército Cidadán Irlandés rexistraron 64 mortos en acción, aínda que as baixas irlandesas non foron divididas entre rebeldes e civís.[42]
O xeneral Maxwell expresou dende o primeiro momento a súa intención de "arrestar todos os membros perigosos do Sinn Féin", incluídos "aqueles que formaran parte activa do movemento aínda que non o fixeran nesa rebelión en particular,”[43] amosando así a crenza popular de que o Sinn Féin, unha organización separatista que non era nin militante nin republicana, estaba tras o Alzamento.
As execucións marcaron o inicio dun troco na opinión pública irlandesa, que ata aquela vira os rebeldes como aventureiros irresponsables cuxas accións podían danar a causa nacionalista. Á medida que os prisioneiros ían sendo liberados e reorganizaban as forzas republicanas, o sentimento nacionalista comezou a decantarse cara ao pequeno partido monárquico que era daquela o Sinn Féin, que ironicamente no estivera implicado, mais que era erroneamente acusado polo goberno británico e os medios de comunicación irlandeses de estar tralo Alzamento.
Os líderes superviventes, baixo as ordes de Éamon de Valera, infiltráronse no Sinn Féin e depuxeron a súa anterior cúpula monárquica encabezada por Arthur Griffith, que fundara o partido en 1905 para influír a favor da monarquía dual Angloirlandesa. Unha reunión convocada por George Noble Plunkett o 19 de abril de 1917 conducía á formación dun movemento político amplo baixo a pancarta do Sinn Féin que foi formalizada no Sinn Féin Ard Fheis o 25 de outubro de 1917. O Sinn Féin e o Partido Parlamentario Irlandés enfrontáronse nunha serie de batallas de indefinido resultado, xa que cada un gañou varias eleccións menores, ata que durante a crise de recrutamento de 1918 (cando os británicos tentaron impoñer levas en Irlanda) inclinou a balanza da opinión pública do lado do Sinn Féin antes das eleccións xerais ao Parlamento Británico o 14 de decembro de 1918, que daba lugar a unha vitoria para o Sinn Féin, cuxos deputados se reuniron en Dublín o 21 de xaneiro de 1919 para formar o Dáil Éireann e adoptar a Declaración de Independencia.
Foron arrestados un total de 3.430 homes e 79 mulleres[44], aínda que a meirande parte foron liberados posteriormente. No intento de arrestar os membros da familia Kent no condado de Cork o 2 de maio, un xefe de policía morreu dun disparo durante un tiroteo. Richard Kent tamén resultou morto, e Thomas e William Kent foron arrestados.
Foron internados uns 1.841 homes en Inglaterra e Gales baixo o Regulamento 14B da Acta de Defensa do Reino de 1914, moitos dos cales tiveron moi pouco que ver coa sublevación, e ás veces mesmo nada que ver en absoluto, coma Arthur Griffith. Os campos coma o Campo de Internamento de Frongoch convertéronse en "Universidades da Revolución", onde futuros líderes coma Michael Collins, Terence McSwiney e J.J. O’Connell comezaron a planificar a futura loita pola independencia.[45]
Tras unha serie de consellos de guerra que comezaron o 2 de maio, noventa persoas foron sentenciadas a morte.[44] Maxwell confirmou a sentenza de quince deles (incluídos os sete que asinaron a Proclamación da República Irlandesa) e foron executados por un pelotón de fusilamento entre os días 3 e o 12 de maio (incluído Connolly, que estaba seriamente ferido e tivo que ser atado a unha cadeira debido a que tiña un xeonllo esnaquizado). Non todos os executados eran líderes: Willie Pearse describiuse a si mesmo coma "un asistente persoal do meu irmán, Patrick Pearse"; John MacBride non estivera ao tanto do Alzamento ata que comezou, mais loitara contra os británicos na segunda guerra dos Boers quince anos atrás; Thomas Kent non tomou parte en absoluto na revolta, mais foi executado por matar un axente de policía durante unha redada na súa casa unha semana antes do Alzamento. O líder máis prominente que se librou de ser executado foi Éamon de Valera, comandante do 3º batallón. Os condenados a morte foron executados nas seguintes datas:
Ademais Roger Casement foi xulgado en Londres por alta traizón e foi aforcado na Prisión de Pentonville o 3 de agosto de 1916.
Creouse unha Comisión Real para pescudar cales foran as causas do Alzamento. As exposicións comezaron o 18 de maio baixo a presidencia do lord Hardinge of Penshurst. A Comisión escoitou as probas de sir Matthew Nathan, Augustine Birrell, lord Wimborne, sir Neville Chamberlain (inspector xeral da Policía Real Irlandesa), o xeneral Lovick Friend, o Maior Ivor Price da Intelixencia Militar, entre outros.[46] O informe, publicado o 26 de xuño, foi moi crítico coa administración de Dublín, e dicía que "durante moitos anos Irlanda fora administrada baixo o principio de que era máis seguro e conveniente deixar a lei suspendida se con iso se puidera evitar calquera enfrontamento con calquera facción do pobo irlandés."[47] Birrell e Nathan presentaron a súa dimisión inmediatamente despois do Alzamento. Wimborne tamén dimitira de mala gana, mais foi nomeado de novo, e Chamberlain dimitiu pouco despois.
Segundo Peter Berresford Ellis, inculcouse firmemente nas mentes das persoas que a xente apupou os prisioneiros cando eran levados ás prisións, e que esa descrición de como Dublín viu a insurrección converteuse nun feito verídico e irrefutable. Suxire que certamente foi unha visión que a propaganda imperialista británica daquel tempo quería inculcar en todo o mundo,[48] e que os xornais eran remisos a publicar calquera cousa en sentido contrario.[49]
Berresford citou exemplos,[48] incluíndo Dorothy Macardle, que escribiu na súa obra The Irish Republic (A República Irlandesa), "O pobo non se sublevou. Algúns maldiciron os insurxentes."[50] Thomas M. Coffey na obra Agonía na Pascua: O Alzamento Irlandés de 1916 escribe, "Os vencidos insurxentes aprenderon rapidamente o que a maioría dos dublineses pensaban sobre a súa rebelión cando unha multitude apareceu dende as beirarrúas tentando abordalos... A choiva de insultos era tan fera e virulenta que alcanzou os prisioneiros que marchaban cun impacto case físico."[51]
Segundo Berresford Ellis esta perspectiva converteuse en menos defendible cando en 1991 rexurdiu un testemuño que permanecera escondido todo ese tempo. O xornalista e escritor canadense, Frederick Arthur McKenzie[52], foi un dos correspondentes de guerra máis coñecidos e de maior reputación neses días segundo Berresford Ellis. Foi un dos dous xornalistas canadenses que chegaron a Dublín cos reforzos británicos que foran enviados para sufocar a rebelión. McKenzie non tiña simpatía polos ‘rebeldes’ irlandeses e os simpatizantes alemáns, como el os vía, e non era antiimperialista.[53] McKenzie publicou A Rebelión Irlandesa: Que Pasou e Por Que, con C. Arthur Pearson en Londres en 1916, e alí escribiu: "Lin moitos informes sobre o que pensaba a opinión pública en Dublín naqueles días. Todos concordaban en que había un apoio aberto e forte das masas populares ás tropas británicas. Isto era así nas mellores partes da cidade, non teño dúbida, mais abofé que o que vin nos barrios máis pobres non confirmaba tal cousa. Mais ben indicaba que había unha gran cantidade de apoio aos rebeldes, sobre todo despois de que foran derrotados." Berresford Ellis entón cita unha pasaxe de McKenzie onde describe unha ocasión na que viu como a xente saudaba e vitoreaba un rexemento mentres se aproximaba, e que comentou ao seu compañeiro que estaban a aplaudir aos soldados. Deuse de conta entón de que estaban a escoltar a prisioneiros irlandeses, e inmediatamente se decatou de que de feito estaban a aclamar aos rebeldes. Os rebeldes que viu estaban desfilando en formación militar e estaban a cantar unha canción rebelde en voz alta e triunfante. McKenzie informa a continuación das conversas que tivo cun grupo de homes e mulleres que estaban nos cruces das rúas. "Claro, vitoreámolos —dixo unha muller—, por que non deberiamos facelo? Acaso non son a nosa mesma carne e sangue?" Como ía vestido de cor caqui, a McKenzie tomárono por un soldado británico cando ía polas rúas de Dublín e a xente insultouno abertamente, e fixérono tal e como "insultaban a todos os estranxeiros que estaban na súa cidade coma min." J.W Rowath, un oficial británico tivo unha experiencia similar á de McKenzie, e observou como "multitudes de homes e mulleres nos recibían cos puños levantados e insultos."[53]
Brian Barton e Micheal Foy citan a Frank Robbins, do Exército Cidadán Irlandés, que describe como viu un grupo de dublineses reunidos para aplaudir aos prisioneiros cando os metían no Cuartel de Richmond.[54] Tamén informan de cando de Valera rendeu o muíño de Boland, e de que multitudes estaban aliñadas a ambos os lados da rúas Grand Canal e Hogan Place e suplicaban aos insurxentes que se atrincheirasen nas súas casas antes que renderse. Foy e Barton concluíron que "nunha area que a policía chegara a considerar como cada vez máis militante nos meses antes do Alzamento, as actitudes públicas na zona non eran uniformemente hostís. Algúns dos soldados británicos que loitaron alí notaron unha forte xenreira contra deles." No asilo da South Dublin Union, o Maior de Courcy Wheeler notou que non había hostilidade da xente contra os insurxentes: "Estaba perfectamente claro que toda a súa admiración era para os heroes que se renderan." [55]
Este informe contradí rotundamente a maioría dos informes contemporáneos, afirma Berresford Ellis.[56] Michael Foy e Brian Barton tamén comparten esta opinión[57] que tamén destacaban as expresións de afecto da xente que estaba a ollar para os prisioneiros mentres os levaban. Citando o diario de John Clarke, un tendeiro que escribiu "Así remata o derradeiro intento da pobre vella Irlanda. Que tipos máis nobres. O melloriño da terra. Nada de delincuentes xuvenís de pouca monta." [58]
Foy e Barton pensaron que as contradicións puideron ser modificadas por outros factores. Examinaron as rutas polas que os soldados británicos levaron aos prisioneiros. A columna de prisioneiros de Michael Mallin que viron foi levada durante algo máis de 3 quilómetros para o Cuartel de Richmond a través dun "barrio de clase media de artesáns protestantes e fortemente partidarios do goberno británico." Neste barrio era onde os Royal Dublin Fusiliers e outros rexementos irlandeses do exército británico captaban os seus recrutas. Aseguran que ao redor do Cuartel de Richmond vivía xente que dependía economicamente dos militares. Outro aspecto que aumentou foi o grao de hostilidade das mulleres de Dublín que tiñan fillos servindo no exército en Francia. Tamén informan de que algúns curas de Church Street reprendían aos prisioneiros insurxentes e aos feridos. Porén, a crenza aceptada de xeito xeral de que a poboación de Dublín era totalmente hostil cos insurxentes que se renderan, é un deses mitos que por ser repetido tan a miúdo, acaba converténdose en 'historia'.[59]
Berresford Ellis conclúe que se deixou claro que a insurrección de 1916 precisa dunha investigación e unha análise máis exhaustiva antes de poder asegurar que foi "avaliada no seu apropiado contexto histórico." A afirmación de que foi un alzamento impopular dunha pequena banda, que foi apoupada e insultada tras a súa derrota cando eran levados prisioneiros é un dos "mitos que se propagaron." [60]
Unha reunión organizada polo conde Plunkett o 19 de abril de 1917 levou á formación dun amplo movemento político baixo a bandeira do Sinn Féin[61], que foi formalizado na convención (Ard Fheis en gaélico) do Sinn Féin o 25 de outubro de 1917. A Crise do Recrutamento de 1918 intensificaría máis adiante o apoio popular ao Sinn Féin antes das eleccións xerais ao parlamento británico do 14 de decembro de 1918, que resultou nunha vitoria esmagadora para o Sinn Féin. Os seus parlamentarios reuníronse en Dublín o 21 de xaneiro de 1919 para formar o Dáil Éireann e aprobar a Declaración de Independencia Irlandesa.[62]
Algúns dos superviventes do Alzamento acabarían por se converter en líderes do estado irlandés independente, e os que morreran foron venerados como mártires. As súas tumbas na prisión militar de Arbour Hill en Dublín convertéronse en monumento nacional, e o texto da Proclamación da República Irlandesa ensinouse nas escolas. Cada Domingo de Pascua celebrábase unha conmemoración anual en forma de desfile militar. En 1966 tivo lugar unha enorme festa nacional co gallo do 50 aniversario.[63]
Co estalido do conflito norteirlandés a partir da década dos 60 —coñecido como the Troubles, (os Problemas)—, o goberno, os intelectuais e os medios de comunicación comezaron a revisar o pasado militar do país, e particularmente o Alzamento de Pascua. A coalición de goberno que dirixiu Irlanda entre os anos 1973-1977, en particular o Ministro de Correos e Telégrafos, Conor Cruise O'Brien, comezou a promocionar a opinión de que a violencia de 1916 non era moi diferente da violencia que tiña lugar naqueles días nas rúas de Belfast e Derry. Cruise O'Brien e outros aseguraban que o Alzamento estaba condenado dende o principio a unha derrota militar, e que fracasou en explicar a determinación dos Unionistas do Ulster de permanecer no Reino Unido.[64] Historiadores "revisionistas" [65] comezaron a escribir sobre aqueles tempos como se dun "sacrificio de sangue" se tratara.[66] O Alzamento e os seus líderes seguiron a ser venerados polos republicanos irlandeses —incluíndo os membros e os simpatizantes do IRA e do Sinn Féin— con murais nas zonas republicanas de Belfast e doutras vilas de Irlanda do Norte, festexando as accións de Pearse e os seus camaradas, e facendo desfiles anualmente conmemorando o Alzamento. Porén, o goberno irlandés suspendeu as celebracións deses desfiles a comezos dos anos 70, e en 1976 nunha acción sen precedente prohibiu unha cerimonia de conmemoración na Oficina Xeral de Correos organizada polo Sinn Féin e o Comité de Conmemoración Republicano, baixo a Acta de Ofensas contra o Estado.[67] Un deputado do Dáil (Teachta Dála, en gaélico) do Partido Laborista, David Thornley, avergonzou ao goberno (do cal os Laboristas eran parte) cando apareceu no palco da cerimonia xunto con Máire Comerford, unha sobrevivente do Alzamento, e con Fiona Plunkett, irmá de Joseph Plunkett.[68] Iso fixo que o Estado ignorase por completo o 75º aniversario do Alzamento en 1991. Coa chegada dunha tregua por parte do IRA Provisional e o comezo do que se chegou a coñecer coma o Proceso de Paz de Irlanda do Norte durante os anos 90, a visión oficial sobre o Alzamento trocouse máis positiva, e en 1996 o Taoiseach e líder do Fine Gael, John Bruton presidiu a conmemoración do 80º aniversario no Xardín da Lembranza en Dublín.[69] No 2005 o Taoiseach, Bertie Ahern, anunciou a intención do goberno de que o desfile militar volvese pasar pola Oficina Xeral de Correos a partir da Pascua do 2006, e de formar un comité para que se organicen as celebracións do centenario do Alzamento que terá lugar no ano 2016.[70]
O 90º aniversario do Alzamento de Pascua de 1916 celebrouse cun desfile militar no domingo de Pascua, o 16 de abril do 2006. O Presidente de Irlanda (Mary McAleese), a lord Mayor de Dublín (Catherine Byrne), o Taoiseach (Bertie Ahern), membros do Goberno irlandés e outros convidados observaron o desfile mentres pasaba pola Oficina Xeral de Correos de Dublín, cuartel xeral dos sublevados no Alzamento. O desfile estaba composto por 2.500 membros das Forzas de Defensa Irlandesa (representando o Exército, as Forzas Aéreas, a Mariña, e as Reservas do Exército e da Mariña), a Garda Síochána (a policía irlandesa), a Asociación de Veteranos das Nacións Unidas Irlandesas e os membros da Organización Nacional de Veteranos (Organisation of National Ex-Servicemen and Women). O desfile comezou no castelo de Dublín e continuou polas rúas Dame Street e College Green cara á Oficina Xeral de Correos, onde o Presidente depositou unha coroa de flores. Con anterioridade Ahern depositara outra coroa de flores no cárcere de Kilmainham, onde foran executados os líderes da sublevación. O Taoiseach dixo que as cerimonias estaban a 'descargar a débeda de honor dunha xeración noutra.' A colocación da coroa foi presenciada polo Padre Joseph Mallin (fillo do líder do Exército Cidadán Irlandés Michael Mallin) , de 92 anos, único fillo dos rebeldes executados que seguía vivo, e que fora levado a Dublín polo Goberno irlandés en avión dende Hong Kong para o evento.[71] Esta foi a primeira conmemoración oficial que tivo lugar en Dublín dende comezos dos anos 70.
Un tratamento literario temperán e importante do Alzamento é o poema de William Butler Yeats Easter 1916[72], que caracteriza á rebelión como "unha terrible beleza".
O drama The Plough and the Stars de Sean O'Casey, estreado en 1926 no Abbey Theatre de Dublín, ten o Alzamento de Pascua como marco, mais mostra dende a perspectiva da xente sinxela, a xente pobre de Dublín, o impacto tráxico dos acontecementos nas súas vidas.
En 1947 publicouse en París El est toujours avec trop bon les femmes, na que Raymond Queneau describe a batalla pola Oficina Xeral de Correos como un erótico grotesco. A novela A Star Called Henry de Roddy Doyle (1999) manexa a rebelión no segundo terzo do libro dun xeito interesante: o protagonista de Henry, un neno da rúa intelixente de 14 anos, é un protexido de James Connolly na GPO e narra os acontecementos dende a súa perspectiva.
Hai multitude de cancións que teñen como temática o Alzamento de Pascua ou os seus protagonistas. Non só na música tradicional irlandesa con cancións como The Foggy Dew de Charles O'Neill, James Connolly e Padriac Pearse de The Wolfe Tones, senón que moitos grupos de música moderna tomaron os acontecementos da Semana Santa de 1916 como referencia nalgunhas das súas cancións. A canción Zombie do grupo The Cranberries trata os efectos duradeiros do Alzamento. Unha interpretación controvertida da canción de U2 Sunday Bloody Sunday ten tamén referencias ao Alzamento.[73]
A primeira película que se rodou en relación ao Alzamento de Pascua foi The Plough and the Stars, dirixida por John Ford en 1936 e baseada no libro homónimo de Seán O'Casey. En 1969, a ZDF produciu Der irische Freiheitskampf, realizada por Wolfgang Schleif e con Karl-Michael Vogler no papel de Éamon de Valera. En 1996, Neil Jordan dirixiu a película Michael Collins, gañadora dun León de Ouro no Festival Internacional de Cine de Venecia en 1996. Posteriormente, no 2001, a BBC produciu a miniserie en catro partes titulada Rebel Heart, que foi motivo dunha gran controversia, xa que algúns sectores consideraron que era propaganda para o IRA durante o delicado proceso de paz en Irlanda do Norte, a miniserie foi especialmente criticada polo líder do Partido Unionista do Ulster David Trimble, quen atacou a corporación dicindo que realizaban películas que podían ser empregadas como propaganda polo Provisional Irish Republican Army (PRIRA).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.