From Wikipedia, the free encyclopedia
Coñécese como proceso de El Escorial un xuízo levado a cabo no Mosteiro-Palacio de El Escorial, España, en 1807, como resultado dunha conspiración, intento de golpe de Estado, dirixida por Fernando, príncipe de Asturias, contra seu pai o rei Carlos IV e o seu goberno, dirixido por Manuel Godoy.
A trama, coñecida como conspiración de El Escorial, foi pronto descuberta, dando así lugar ao proceso.
A comezos do século XIX, España encontrábase acantoada pola Francia revolucionaria, que comenzaba, no Consulado, a súa ambiciosa expansión.
Nun ambiente caldeado e cambiante de relacións diplomáticas, o rei Carlos IV nomeou en 1801, por segunda vez, a Manuel Godoy como primeiro secretario de Despacho, cargo no que substituíu a Pedro Cevallos, primo irmán seu e que fora nomeado o 13 de decembro de 1800.[1]
Napoleón Bonaparte, primeiro cónsul de Francia, ameazaba constantemente a España cunha guerra de persistir nas políticas levadas a cabo por Godoy, presuntamente pro-inglés. Así, en 1805, España deu un xiro á súa política asinando un tratado de axuda mutua con Napoleón, o que acababa de autoproclamarse emperador de Francia.
Este tratado levou pronto a España e Francia a implicarse na guerra da Terceira Coalición contra Inglaterra e Portugal, que culminou coa vitoria naval inglesa na batalla de Trafalgar (1805). Esta derrota fixo que Godoy gañase moitos inimigos na Corte. Entre eles o propio fillo do rei Carlos IV, Fernando, o príncipe de Asturias. Godoy éralle abertamente hostil, e non desexaba o seu ascenso prematuro ao trono (que sabía que Fernando ambicionaba), e isto fixo que fose o príncipe quen encabezase unha conspiración con varios membros da nobreza para expulsalo do poder,[2] un delito considerado como de lesa Maxestade. Esta levouse a cabo en outubro de 1807, pero foi rapidamente descuberta e deu lugar ao proceso de El Escorial.
A finais de maio de 1807, a mala saúde de Carlos IV resultaba preocupante, e para evitar a acumulación de poder en mans de Godoy, Fernando asinou un decreto, que só sería válido en caso da morte do rei, e que había recibir o duque do Infantado no que lle outorgaba o poder militar para deter ao favorito.[1] Porén, non se lle puido entregar e, o 27 de outubro,[3] o mesmo día que se asinaba o Tratado de Fontainebleau (polo que se permitía o paso dos exércitos franceses a través de España cara a Portugal) Godoy denunciou ao rei da existencia dunha conxura para conseguir a súa abdicación e, quizais, a súa morte.[4]
Godoy tamén identificou a Fernando como quen estaba á fronte da conspiración e presentou como probas uns papeis gardados por Fernando (unha carta a Napoleón, o decreto do duque do Infantado e unha declaración para obrigar a Carlos IV a expulsar a Godoy).[4] Inmediatamente, o rei mandou o arresto de seu fillo, que foi confinado no Escorial onde permaneceu sete días.[5] Igualmente, o día 30, o monarca publicaría na Gazeta de Madrid un real decreto no que informaba aos españois da existencia dunha conspiración para derrocalo e que o príncipe de Asturias, Fernando, estaba á fronte dela.[3][6]
Fernando, consciente de que actuara en contra da autoridade de seu pai, para conseguir o seu perdón, cando levaba apenas un día detido, delatou os seus cómplices (entre eles, o duque do Infantado, Escoiquiz, o marqués de Ayerbe, o conde de Orgaz e algúns militares);[7] e o día 5 de novembro, publicouse a declaración de culpabilidade de Fernando ("estoi moi arrepentido do gravísimo delito que cometín contra meus pais e os Reis")[8] e como o rei o perdoa e ordena que continúe o proceso contra o resto dos implicados.[3]
Godoy intentou que o príncipe fora procesado pero o Consello de Castela negárase aducindo que só podía ser procesado polas Cortes. Finalmente, o 25 de xaneiro de 1808, tódolos conspiradores foron declarados inocentes polo Consello de Castela, fronte á petición da pena de morte por parte do fiscal, colocado por Godoy. Algunhas fontes falan, da influencia de Godoy[9] no veredicto que quería solucionar o caso e se vía como vencedor, mais outros refírense, pola contra, á escas influencia de Godoy entre a alta nobreza que forma o Consello[10] e que limitan o castigo aos conspiradores: só se conseguiu que foran desterrados a 40 leguas da Corte.
Como consecuencia, o indulto e as absolucións de 1807 foron concedidos porque había un significativo apoio público para os conspiradores contra Godoy,[10] como se demostrou, uns poucos meses máis tarde, no posterior motín de Aranjuez (17 a 19 de marzo de 1808), no que foi atacado o Palacio de Godoy, deposto o rei e proclamado Fernando VII polo Consello Real.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.