Pobo rus'
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os rus’ (en ruso e ucraíno: Русь, [rusʲ], tamén Русичи ou Русы; sueco Ros; grego Ῥῶς), ás veces escrito tamén rus, é un nome introducido durante a Alta Idade Media para designar a poboacións da Europa Oriental que vivían en rexións que hoxe forman parte de Ucraína e de Rusia.
O territorio histórico do Rus de Kíiv forma parte hoxe do territorio de Ucraína, de Belarús, de Rusia, dunha pequena parte do nordeste de Eslovaquia e dunha faixa do leste de Polonia.
O termo rus', co que as poboacións eslavas e finesas designaban a algúns tipos de varegos ou viquingos poderían provir da raíz do antigo nórdico roðs ou roths usado no ámbito náutico e aínda existente nas linguas finesa e estoniana para designar aos suecos (ruotsi e rootsi, respectivamente).
A palabra rus' inicialmente usábase para designar só á aristocracia escandinava da Europa Oriental, pero máis tarde pasou a indicar tamén a todas as poboacións que residían nesas rexións.
Un dos primeiros documentos históricos onde aparece citado un pobo chamado rus', na forma Rhos, son os Annales Bertiniani, unha recompilación de crónicas escrita por varios autores francos que data do ano 839 e referida aos anos entre 830 e 882, que os describe como unha tribo xermánica chamada suecos.
De acordo coa primeira crónica rusa ou Crónica de Néstor da Rusia de Kíiv recompilada ao redor de 1113, os rus' eran un grupo de varegos, ou normandos ("homes do norte"), que se trasladaron primeiro de Escandinavia ao nordeste de Europa e, de aí, ao sur, onde deberon crear o estado medieval de Kíiv.[1]
O seu nome sobrevive na designación Rospigg, proveniente de Roslagen, e os cognados (emparentados morfoloxicamente) rusos,[2] rusinos, rutenos, e os que son vistos polos modernos belarusos, rusos e ucraínos como os predecesores do seu propio pobo. Na Suecia actual, os Rospiggar son homes que viven na rexión costeira da provincia de Uppland.
A orixe do nome é obxecto de controversia. En xeral, a hipótese de E. Kunic e Vilhelm Thomsen foi a máis aceptada. Segundo estes autores, esta apelación deriva das linguas finesas. O nome de Suecia en finés é Ruotsi; en estoniano, Rootsi. Este nome é comunmente aceptado como un derivado de Roslagen, as zonas costeiras da provincia de Uppland en Suecia.
O estudoso danés T. E. Karsten sinalou que o territorio que agora ocupan as zonas de Uppland, Sodermanland e o leste da illa de Gotland en tempos antigos eran coñecidos como Rođer ou Rođin. Thomsen, en consecuencia, suxeriu que Rođer deriva probabelmente de rođsmenn ou rođskarlar, que significan xente de mar ou remeiros.
Tamén se suxeriu, porén, que o nome rus ben puido ter a súa orixe no nome iraniano do río Volga (por F. Knauer, Moscova, 1901), así como o Rosh de Ezequiel. O profesor George Vernadsky suxiriu unha derivación dos roxolani ou de ronsa, termo ario ("humidade", "auga"). Hai unha repetición de nomes nos ríos, como o Ros en Europa do Leste.[3]
Outra teoría é que o nome provén de Rüstringen en Frisia,[4] unha terra gobernada polo viquingo danés Rorik de Dorestad, de quen se ten suxerido que é o mesmo que Rúrik de Nóvgorod.
Algúns tamén conxecturan que o nome rus deriva dunha forma máis antiga de "vermello", posibelmente denotando a pel avermellada ou o pelo roxo. Por exemplo, a palabra "vermello" (красный, en ruso) foi un precursor do termo actual "fermoso".
Fontes eslavas
Segundo o rexistro máis antigo eslavo oriental, a Primeira Crónica Rusa ou Crónica de Néstor, os rus eran un grupo de varegos entre outros, como os suecos, que vivían ao outro lado do mar Báltico, en Escandinavia, e tan lonxe como nas terras dos ingleses e os franceses.[3] Os varegos foron primeiro expulsados, e despois convidados a mediar no conflito das tribos eslavas e finesas de Nóvgorod:
As catro tribos que foran obrigadas a render homenaxe aos varegos -chudos, eslavos, meriáns e kríviches- expulsaron aos varegos máis alá do mar, negándose a pagar máis tributos, establecendo o seu propio goberno. Pero non había lei entre eles, e a tribo levantouse contra a tribo. Así, a discordia cebouse entre eles, e empezaron as guerras, un contra o outro. Dixéronse a si mesmos: "permitámonos buscar un príncipe que mande sobre nós, e que nos xulgue segundo o costume". Así fóronse ao estranxeiro aos varegos, á rus. Estes varegos particularmente eran coñecidos como rus, así como algúns son chamados suecos, e outros normandos e anglos, e aínda outros como gotlandeses, a eles foi así como se lles nomeou. Os chudos, os eslavos, os kríviches e os vepsios entón dixeron á Rus: "A nosa terra é grande e rica, pero non hai orde nela. Veñan e reinen como príncipes, reinen sobre nós". Tres irmáns, cos seus parentes, foron seleccionados. Trouxeron con eles toda a Rus e emigraron.[5]
Máis tarde, a Crónica de Néstor conta que conquistaron Kíiv e crearon o estado da Rus de Kíiv (que, como a maioría dos historiadores coinciden, foi precedida polo Khaganato de Rus). O territorio conquistado foi nomeado despois deles, como tamén o foi, eventualmente, o pobo local.
Fontes islámicas
Ibn Haukal e outras dúas fontes islámicas, como Muhammad al-Idrisi, distinguiron tres grupos de Rus': Kuyavia, Slavia e Arcania. Na corrente principal da historiografía soviética rusa (como a representada por Borís Rybakov), estes foron identificados hipoteticamente cos "centros tribais" en Kíiv, Nóvgorod e Tmutarakán.
O diplomático e viaxeiro musulmán, Ahmad ibn Fadlan, que visitou a Bulgaria do Volga en 922, describiu a Rus (Rusiyyah) con termos moi favorábeis dos nórdicos:
Vin á Rus, cando chegaron das súas viaxes comerciais e acamparon no Itil. Nunca vira espécimes físicos máis perfectos, altos como as palmeiras datileiras, loiros e colorados; non visten túnicas nin caftáns, pero os homes visten unha peza que cobre unha parte do corpo e deixa as mans libres. Cada home ten unha machada, unha espada e un coitelo, e mantén cada un consigo en todo momento. As espadas son anchas, de tipo franco. Cada muller leva en calquera dos seos unha caixa de ferro, prata, cobre ou de ouro; o valor da caixa indica a riqueza do marido. Cada cinto ten un anel do que pende un coitelo. As mulleres levan colares de ouro e prata. Os seus adornos máis prezados son bólas de cristal verde. Eles enfíanas como colares para as súas mulleres.[6]
Á parte de Ibn Fadlan, a teoría normanda ou normandista (véxase máis abaixo) baséase en gran medida nos datos do viaxeiro persa ibn Rustah, que supostamente visitou Nóvgorod (ou Tmutarakán, segundo George Vernadsky) e describe como na Rus explotan aos eslavos:
En canto á Rus, eles viven nunha illa (...) que precisa de tres días para darlle a volta e está cuberta de mato e bosques; é do máis insalubre (....) Acosan aos eslavos, con buques para alcanzalos; lévanos como escravos e (...) véndenos. Eles non teñen campos, senón que simplemente viven do que obteñen das terras dos eslavos. (...) Cando nace un fillo, o pai irá até o bebé acabado de nacer; coa espada na man, tirando cara a abaixo, e dille: «Non che deixarei ningunha propiedade: só terás o que poidas obter con esta arma!".[7]
Fontes gregas
Cando os varegos apareceron por primeira vez en Constantinopla (a expedición da Rus en Paflagonia, Asedio de Constantinopla do 860), os bizantinos parecen ter percibido aos Rhos (en grego: Ῥώς) como un pobo diferente dos eslavos. Polo menos nunca se dixo que formaran parte da raza eslava. Caracteristicamente, pseudo-Simeón Magister refírese á Rhos como Δρομΐται (Dromîtai), unha palabra relacionada coa palabra grega que significa "unha carreira", suxerindo a súa mobilidade na circulación por vías fluviais.
No seu tratado De administrando imperio, Constantino VII describe aos Rhos como os veciños dos pechenegos aos que lles compran vacas, cabalos e ovellas, "xa que ningún destes animais se poden encontrar en Rhosia". A súa descrición presenta á Rus como unha tribo belicosa do norte. Constantino tamén enumera os nomes das fervenzas do río Dniéper en Rhos e nas linguas eslavas. Os nomes do Rhos teñen unha distinta etimoloxía xermánica:
Fontes de Europa occidental
A primeira fonte de Europa Occidental na que se menciona á Rus é os Annales Bertiniani ou Anales de San Bertín, que relatan que a corte do emperador Ludovico Pío en Ingelheim, 839 (o mesmo ano da primeira aparición dos varegos en Constantinopla), foi visitado por unha delegación do emperador bizantino. Nesta delegación había dous individuos que se chamaban a si mesmos como Rhos (Rhos Vocari edicebant). Ludovico informouse acerca das súas orixes e decatouse de que eran suecos. Ante o temor de que foran espías dos seus irmáns, os dinamarqueses, mandounos encarcerar. Posteriormente, nos séculos X e IX, as fontes latinas confundiron rutineiramente á Rus, coa extinta tribo xermánica dos ruxios. Olga de Kíiv, por exemplo, aparece designada nun manuscrito como unha raíña dos ruxios.
A teoría normanda ou normandista (ru:Норманская теория) suxire que a Rus de Kíiv puido tomar o seu nome dunha elite de dirixentes escandinavos, como ocorreu no caso de Normandía.
Os partidarios desta teoría afirman que o nome de Rus, como o nome finés de Suecia (Ruotsi), deriva dun termo do nórdico antigo que significa "os hombres que reman", pois o remo foi o principal intrumento para a navegación nos ríos de Rusia, e isto está vinculado á zona costeira sueca de Roslagen ou Roden, desde onde segundo a Crónica de Néstor, os varegos viñeron.[3] O nome de Rus tería a mesma orixe que os nomes en finés e estoniano para Suecia: Ruotsi e Rootsi.
Suxeriuse que os viquingos tiveron algunha influencia perdurábel na Rus, como testemuñan as palabras préstamo, tales como iábeda "persoa que se queixa" (de aembaetti "oficina"), skot "gando" (de skattr "imposto") e látego (de knut, knutr "madeira con nós"). Ademais, tres nomes nórdicos, dos primeiros gobernantes varegos, fixéronse populares entre a tardía dinastía Rúrika e despois entre os pobos eslavos orientais en xeral: Oleg (Helgi), Olga (Helga) e Ígor (Ingvar).
A idea da teoría normanda, por primeira vez, foi suxerida polo rei Xoán III de Suecia na súa correspondencia co tsar Iván IV de Rusia.
Pero esta teoría foi desenvolvida polo historiador alemán Gerhard Friedrich Müller (1705-1783), que foi invitado a traballar na Academia Rusa de Ciencias en 1748. Ao comezo do seu famoso discurso 1749, Müller declarou que os "gloriosos escandinavos conquistaron todas as terras de Rusia coas súas armas vitoriosas". Como no resto do discurso presentou unha longa lista de derrotas de Rusia polos alemáns e os suecos, Müller viuse obrigado a abreviar o seu relatorio polos gritos da audiencia. A crítica mordaz de Lomonósov, Krashenínnikov e outros académicos, levaron a que Müller fora forzado a suspender o seu traballo sobre a cuestión até a morte de Lomonósov. A pesar de que o texto orixinal do relatorio foi destruído, Müller logrou refacelo e reimprimiuno como Origines Rossicae en 1768.
Outros partidarios notábleis da teoría normándica do Estado ruso —incluíndo Nikolái Karamzín (1766-1826) e o seu discípulo Mikhail Pogodin (1800-75)— deron crédito ás afirmacións da Crónica de Néstor: que os varegos foran invitados polos eslavos do leste para que se pronunciaran sobre eles e restableceran a orde.
A teoría non estaba exenta de implicacións políticas. Segundo Karamzín, a teoría normanda constituía a base e a xustificación da autocracia rusa (en contraposición á anarquía do período pre-Rúrik), e Pogodin apoiándose na teoría, opinou que Rusia era inmune aos trastornos sociais e ás revolucións, porque o Estado ruso orixinárase nun tratado voluntario entre o pobo de Nóvgorod e os gobernantes varegos.
Recentes estudos xenéticos, realizados por investigadores afeccionado, no "proxecto do ADN da árbore xenealóxica da dinastía Rúrika", coinciden coa teoría, localizando a orixe da rama dos Monomáiovich (ru:Мономаховичи) (Monómaco) do ADN de descendentes Rúrik (consecuente co tipo fino-ugrio) nunha zona de Uppland, ao norte de Estocolmo, en Suecia.[8][9] A pesar do feito de que o estudo non é cientificamente exacto, é coherente con outros estudos que encontran aos fino-ugrios como a orixe dos Monomáiovich. Ironicamente, as outras ramas dos Rúrik, como os Olégovich, son evidentemente de raíces eslavas.[10]
Críticos da teoría normándica
A partir de Mikhail Lomonósov (1711-1765), os eruditos da Europa do Leste criticaron a teoría normándica. Durante o período imperial, os puntos de vista oficiais de Karamzín e Pogodin foron cuestionados polos sectores máis liberais da sociedade rusa e por algúns historiadores polacos. A principios do século XX, a doutrina dos disidentes tradicionais (como Dmitri Ilovaiski) parecía que perdera a partida. Porén, Goebbels abusou da retórica normanista durante a guerra soviético-alemá e, aos ollos das autoridades soviéticas, a teoría quedou desacreditada para sempre. Terminada a guerra, os argumentos dos disidentes foron revividos e adoptados na historiografía oficial soviética. Mikhail Artamónov encóntrase entre aqueles que intentaron conciliar ambas as teorías, argumentando que o estado de Kíiv uniu a sur de Rus (de reserva de eslavos) e o norte de Rus (de estirpe xermánica) nunha soa nación.
O máis firme defensor da loita contra os puntos de vista da teoría normanda no período posterior á segunda guerra mundial foi Borís Ribákov, que argumentou que o nivel cultural dos varegos non podería permitir unha invitación dos culturalmente avanzados eslavos. Esta conclusión leva aos eslavistas a negar ou reinterpretar a Crónica de Néstor, que afirma que a Rus varega foi "invitada". Ribákov asume que Néstor, suposto autor da Crónica, estaba predisposto contra o partido a favor dos gregos de Vladímir II Monómaco e apoio ao partido a favor dos escandinavos do príncipe reinante Sviatopolk. Cita inexactitudes factuais de Néstor como manipulacións a favor dos escandinavos e compara a súa explicación da invitación de Rúrik con numerosas historias similares que se encontran no folclore de todo o mundo.
Algunhas alternativas, fóra da teoría normandista, que tamén buscan orixes para a palabra Rus, foron postuladas por Sigismund von Herberstein, Ilovaisky, Ribákov e outros, aínda que ningunha foi aprobada pola corrente académica:
Segundo F. Donald Logan ("Os viquingos na historia", cit. Montgomery, p. 24), en 839, os Rus' eran suecos. En 1043, os Rus' eran eslavos." Os escandinavos foron completamente asi8milados e, a diferenza dos seus irmáns en Inglaterra e en Normandía, deixaron pouca herdanza cultural na Europa do leste. Esta ausencia case total de trazos culturais (ademais de varios nomes, como se indicou anteriormente, e posibelmente o sistema Veche de Nóvgorod, comparábel ao de Escandinavia), é notábel e, por isoo, os eslavistas chaman aos viquingos "camaleóns culturais", que viñeron, dictaminaron e logo desapareceron deixando poucas pegadas culturais na Europa Oriental. Isto parece suxerir que estes Rus eran un pequeno grupo, menos que un "pobo" en termos dunna nación; menos que unha etnia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.