Oza, A Coruña
parroquia civil do concello da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
parroquia civil do concello da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
Santa María de Oza é unha parroquia que se localiza na parte central leste do concello da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE) en 2018 tiña 6435 habitantes (3094 homes e 3341 mulleres), 94 máis ca en 2014. O Nomenclátor de Galicia inclúe na parroquia once entidades de poboación, se ben moitos núcleos históricos da parroquia (A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón, Monelos etc.) foron absorbidos pola localidade da Coruña para os efectos de nomenclátor, non sendo contabilizados nas estatísticas oficias da parroquia a pesar de estaren situados dentro dela.
Oza | |
---|---|
Concello | A Coruña[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°20′48″N 8°22′59″O |
Poboación | 6.435 hab. (2018) |
Entidades de poboación | 2[2][1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
O núcleo histórico de Oza atopábase na costa da parroquia, arredor da Capela de Santa María de Oza (templo parroquial ata o século XIX) e ao pé da praia de Oza[3], máis tarde coñecida como praia de Lazareto (destruída, e que non se debe confundir coa nova praia de Oza construída en 1994). Alí desembarcaron as tropas británicas durante o ataque de Francis Drake sobre A Coruña en 1589[4].
Por causa diso, no século seguinte foron construídas varias fortalezas dentro dos límites da parroquia, coma o castelo de San Diego, o forte de Oza e o castelo de Valparaíso, que xunto ao castelo de Santo Antón, o castelo de Santa Cruz, o castelo de Santo Amaro e outras baterías coma as de Pradeiras e Durmideiras, constituían o sistema defensivo da cidade[5].
Trala promulgación da Constitución española de 1812 e a creación dos concellos constitucionais, a parroquia de Santa María de Oza formou o concello de Oza xunto ás parroquias de San Cristovo das Viñas, San Pedro de Visma e San Vicenzo de Elviña. O declive do núcleo orixinal de Oza (probablemente condicionado pola construción dunha vía férrea polo seu medio) fixo que as sedes relixiosa e municipal se trasladasen a Monelos, que era o núcleo máis habitado do concello naquela altura[6].
Na etapa municipal, foi inaugurado un lazareto nos terreos costeiros situados arredor da antiga aldea de Oza, entre a punta de Oza (onde se situaba o antigo forte, que foi convertido en parte do lazareto) e a punta Filgueira[7] (logo chamada O Puntal[8][9][10]; nome que antanto tamén chegou a ser usado para se referir á propia punta de Oza[11]), comunicándose ambos os extremos mediante unha ponte sobre a praia[8]. O cemiterio parroquial tivo que ser trasladado por causa da creación do establecemento sanitario. Durante a guerra de Cuba, moitos militares procedentes da illa caribeña foron ingresados nesta instalación[8]. En 1910, o lazareto converteuse en Sanatorio Marítimo para o tratamento de nenos afectados de tuberculose[4].
O concello sufriu unha situación política inestable que provocou un gran endebedamento municipal e o levou a ter que aceptar a anexión ao concello da Coruña. Dese xeito, en 1912, o concello da Coruña anexionou o concello de Oza e a parroquia de Santa María de Oza converteuse nunha das cinco parroquias da Coruña.
Durante o século XX, coas sucesivas ampliacións do Porto da Coruña e a instalación de diversos estaleiros, a configuración da costa viuse transformada, desaparecendo a contorna natural en toda a costa da parroquia, agás nas Xubias. En consecuencia, perdéronse calas e praias, destacando o caso da praia das Canas[12] e mais o anteriormente citado da praia de Lazareto, ademais do Castelo de San Diego, que foi derrubado. No seu canto instalouse o porto petroleiro de San Diego (dende que parte o oleoduto que atravesa A Coruña ata a Refinaría) e o porto pesqueiro de Oza, ademais da Estación de San Diego, para o transporte de mercadorías. Alén diso, o río de Monelos, que desembocaba en San Diego e facía de límite entre Oza e A Coruña, foi canalizado e soterrado. Co crecemento da cidade, os núcleos históricos máis próximos á parroquia da Coruña foron urbanizados con bloques de vivendas e ficaron integrados no casco urbano da cidade, como é o caso dos Castros, Monelos, A Gaiteira, A Cubela ou O Castrillón, aínda que certos lugares illados situados nesa área, como O Corgo ou Agramonte, aínda manteñen parte da súa tipoloxía.
Entre o patrimonio histórico da parroquia atópase o conxunto de edificios na área do sanatorio de Oza: a antiga capela de Santa María de Oza (construída no século XII e reformada no século XVI), o faro (construído en 1915 sobre o Forte de Oza, que foi levantado a finais do século XVI e reformado en varias ocasións[4]), o Pavillón de Colonias do arquitecto Pedro Mariño (1926), o Pavillón Cirúrxico Fernández Latorre (1913) e o Hospital Marítimo de Oza (1995).[4][13]
No resto do territorio están a igrexa de Santa María de Oza (1863[14]), o cemiterio parroquial (1895), e os restos do Castelo de Eirís[15]. A antiga casa consistorial desapareceu, mais aínda se conserva en ruínas outra casa que albergou a sede do concello no lugar do Corgo. O Castelo de San Diego, construído entre 1630 e 1636, foi derrubado na década de 1960 durante a construción do porto petroleiro da Coruña[16].
Lugares da parroquia de Oza no concello da Coruña | |
---|---|
Agramonte | Casabranca | Casanova de Eirís | Castaño de Eirís | As Cernadas | O Corgo | Curramontes | Eirís de Abaixo | Eirís de Arriba | A Madosa | Monserrat | Monte Mero | Monte tras da Costa | As Xubias |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.