Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A ototoxicidade é o efecto nocivo, de carácter reversible ou irreversible, producido sobre o oído por diversas substancias denominadas ototóxicos e que afectará á audición ou ó equilibrio. Desta definición exclúense as substancias que actúan a través da circulación sanguínea cerebral ou dos mecanismos centrais da audición, que se consideran substancias neurotóxicas e non ototóxicas[1].
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O oído divídese en tres partes: oído externo, oído medio e oído interno, sendo este último atacado polos compostos ototóxicos de forma moi específica.[1] O oído interno está constituído por dúas estruturas fundamentais: a cóclea, que contén os receptores sensitivos para a audición, e o aparato vestibular responsable do equilibrio[2].
De entre todos os fármacos que poden causar ototoxicidade, destácanse:
Os antiinflamatorios non esteroideos son fármacos que inhiben a síntese de prostaglandinas ao inhibir as isoformas da cicloosixenasa, impedindo así o desenvolvemento das reaccións inflamatorias.[3]
Dentro desta gran familia o principal fármaco ototóxico é o ácido acetilsalicílico. Entre as súas accións atópanse a analxésica, a antitérmica, a antiinflamatoria e a acción antiagregante plaquetaria. Existen referencias de perda auditiva unilateral de aparición repentina debida a hemorraxias no labirinto do oído interno en pacientes tratados con ácido acetilsalicílico polo seu efecto antiagregante plaquetario. Ademais, doses altas deste fármaco poden producir acúfenos (zunido de oídos) e outras alteracións auditivas[3][4].
Os aminoglicósidos son antibióticos bactericidas útiles no tratamento de infeccións graves producidas por bacterias gramnegativas aerobias. Para atinxir un efecto sistémico é necesaria a súa administración parenteral, coas conseguintes limitacións derivadas da súa toxicidade[3].
Os aminoglicósidos acadan elevadas concentracións na endolinfa e perilinfa do oído interno, destruíndo as células ciliadas do órgano de Corti e das canles semicirculares. A toxicidade coclear maniféstase por xordeira, en tanto que a toxicidade vestibular produce vertixe. O risco e a gravidade dos efectos tóxicos dependerán da dose e da duración do tratamento, sendo maior o risco a doses altas e tratamentos prolongados. Outros factores que poden afectar á toxicidade serán a función renal do paciente, as sinerxias con outros fármacos ototóxicos e a existencia de lesións óticas previas. A monitorización dos niveis plasmáticos do fármaco pode axudar a diminuír a incidencia da ototoxicidade[3].
O risco de ototoxicidade é maior coa neomicina que cos demais aminoglicósidos. A estreptomicina e a xentamicina afectan principalmente á función vestibular, mentres que a neomicina, a kanamicina e a amikacina son máis tóxicas na zona coclear.
O Cisplatino é un fármaco utilizado en quimioterapia para o tratamento de varios tipos de cancro. É un complexo baseado no platino que reacciona in vivo, uníndose ao DNA e provocando a apoptose (morte) celular[5]. A ototoxicidade, máis común en nenos [6], prodúcese pola lise (morte) das neuronas da cóclea[1].
Este efecto tóxico observouse nunha alta porcentaxe dos pacientes tratados con cisplatino ou análogos, manifestándose con tinnitus (acúfenos) e/ou perda unilateral ou bilateral da audición[7]. A doses baixas o tinnitus que aparece é reversible.
A perda da audición é progresiva, dose dependente e está condicionada por outros factores como a idade, a función renal e a presenza dunha lesión ótica previa. Non existe ningún tratamento efectivo para previr este efecto secundario de gran transcendencia.[7]
Os diuréticos da asa son un grupo de fármacos inhibidores do cotransportador Na+/K+/2Cl- na rama ascendente da asa de Henle, nos túbulos renais[3].
A ototoxicidade é un dos efectos adversos destes fármacos. O ácido etacrínico presenta esta toxicidade moi frecuentemente, aínda que os demais fármacos da familia, como a furosemida, tamén poden provocar ototoxicidade, en maior medida se son utilizados a doses elevadas e administrados por vía parenteral. A toxicidade a nivel do oído incrementarase coa administración concomitante doutros fármacos ototóxicos[3].
A eritromicina é un antibiótico da familia dos macrólidos. Asóciase á ototoxicidade en calquera forma farmacéutica e vía de administración; pode provocar xordeira neurosensorial de diferente grao como efecto indesexable. Xeralmente este efecto ototóxico é reversible, rematando unha vez suspendido o tratamento[8][9].
Pode aparecer tinnitus e incluso toxicidade vestibular, sempre relacionado coa dose e coas concentracións séricas. Obsérvase unha maior frecuencia de efectos tóxicos en pacientes con insuficiencia renal ou hepática, de idade avanzada e do xénero feminino, nos que aparecen a doses inferiores. Outros análogos á eritromicina son ototóxicos a doses elevadas e en tratamentos prolongados[8][9].
A quinina é un alcaloide con propiedades antipiréticas, antipalúdicas e analxésicas. Non está comercializada en España pero impórtase do estranxeiro para o tratamento da malaria[10].
O seu efecto ototóxico pode ser permanente, especialmente a dose altas e en tratamentos prolongados, aínda que pode aparecer tamén a doses terapéuticas[10]. Produce unha diminución significativa pero transitoria da audición a nivel coclear, debido a unha disfunción temporal nas células ciliadas externas. A súa administración vía parenteral pode ter como principal efecto adverso o coñecido como síndrome do cinconismo (tinnitus, perda auditiva temporal, náuseas e vómitos)[11]. Tamén se demostrou xordeira materna ou fetal en intentos abortivos.[1].
A quinina aumenta a contracción muscular polo que induce respostas móbiles nas estruturas contráctiles das células ciliadas externas da cóclea, o que podería explicar que a perda de audición sexa reversible[11].
O 4-quinolinometanol é un axente esquizonticida sanguíneo, englobado dentro dos fármacos antipalúdicos[3]. Entre os seus efectos secundarios atópanse as alteración do equilibrio derivados da toxicidade no órgano vestibular. Non se atoparon evidencias claras do efecto ototóxico aínda que se recomenda non administrar a pacientes con algunha outra patoloxía auditiva previa[12].
A vancomicina é un antibiótico glicopeptídico con efecto bactericida moi efectivo contra bacterias grampositivas e algo menos contra as gramnegativas[13].
Posúe un destacable efecto ototóxico, xa que incluso a doses terapéuticas pode aparecer xordeira que, na maior parte dos casos, desaparece coa suspensión do tratamento. Haberá que poñer especial atención ao seu uso e nunca asociar a vancomicina con outros fármacos ototóxicos[14]. Dada a súa toxicidade limitarase o seu uso clínico[13].
Unha gran variedade de substancias teñen capacidade de lesionar o oído ademais dos fármacos. Entre estas substancias atópanse:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.