Odón I do Sacro Imperio Romano Xermánico

emperador Romano Xermánico From Wikipedia, the free encyclopedia

Odón I do Sacro Imperio Romano Xermánico

Odón I de Alemaña, tamén coñecido como Odón o Grande[1] (en alemán: Otto I., der Große), nado probablemente en Wallhausen, preto de Sangerhausen, o 23 de novembro de 912 e finado en Memleben o 7 de maio de 973, foi rei de Xermania de 936 a 973 e emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico[2] de 962 a 973. Foi fillo de Henrique I o Paxareiro ou o Cazador, duque de Saxonia. Dende 929 era un monarca asociado, o que tiña como fin facilitar a sucesión.

Traxectoria

Ascenso ao trono

Trala morte de Henrique I, fíxose coroar en Aquisgrán no palacio de Carlomagno[3] en 936 co título carolinxio de Rex et sacerdos ("Rei e sacerdote"). De feito, tivo a vocación de restaurar o imperio carolinxio[2] e foi o primeiro representante do Sacro Imperio Romano Xermánico.[2]

Coa axuda da alta xerarquía eclesiástica, en mans dos seus amigos e familiares, e dos duques de Franconia, Suabia, Lorena e Baviera, Odón derrotou os señores alemáns en varias batallas e substituíunos cos seus familiares.[3]

Política exterior

A súa política exterior dirixiuse inicialmente á Península Itálica, onde sostivo os dereitos de Adelaida de Italia fronte ao rei Berengario II de Ivrea.[4] Tras entrar vitorioso en Pavia, en 951, seguindo de novo a tradición carolinxia, fíxose proclamar rei dos francos e dos lombardos, para casar a continuación con Adelaida. Ante isto, Berengario cedeu e acaptou renderlle vasalaxe, polo que se fixo un oco na repartición do poder e recibiu o título de rei de Italia.

Para acudir tan rapidamente en axuda de Adelaida, Odón aproveitou o exército do seu fillo máis vello, Liudolfo, que acababa de invadir Lombardía aproveitando a inestabilidade da zona. Ao apropiarse deste exército e casar con Adelaida, Odón frustraba todaslas ambicións do seu fillo en Italia. Liudolfo sentiuse moi molesto por este motivo, e pouco despois, en 953, rebelouse contra o seu pai contando co apoio do seu cuñado, Conrado o Vermello. Non obstante, Odón esmagou a rebelión do seu fillo un ano máis tarde coa axuda de Henrique I, duque de Baviera.

No leste, Odón I tivo un importante éxito nas beiras do río Lech o 10 de agosto de 955. Ese día desenvolveuse a batalla de Lechfeld, en que derrotou unha enorme hoste de maxiares,[3] a quen os señores alemáns aos que previamente derrotara, apelaran coa fin de derrocalo.[3] Con tal fin recrutou un exército de cabaleiros de todas as partes do seu reino[3] que causaron enormes perdas aos maxiares mentres estes cruzaban en desorde o río Lech.[4]

Con esta vitoria puxo fin á ameaza maxiar, o que lle deu unha gran reputación e lle valeu o título de "o Grande".[4] Ese mesmo ano dirixiu as súas armas contra os eslavos do Elba, aos que venceu na batalla de Recknitz, acción que impulsou a expansión xermánica cara ao leste.

Emperador

En 961, ligou o seu fillo Odón II ao poder, segundo o procedemento iniciado polo seu pai Henrique, para garantir unha sucesión pouco conflitiva. Pouco despois atendeu a petición de axuda do papa Xoán XII e marchou a Italia para defender os dereitos do pontífice fronte ás intromisións de Berengario.[4]

Thumb
Diñeiro a nome de Odón I, cuñado na ceca de Pavia.

Logo marchou a Roma, onde foi coroado emperador o 2 de febreiro de 962.[2] Isto volveu resucitar o Imperio Romano de Occidente, por ese tempo o maior estado territorial de Europa. Adoptou o nome de Sacro para subliñar a súa estreita relación coa Igrexa.[2] Isto marcou tamén o comezo do Sacro Imperio Romano Xermánico.[2]

Con todo, a alianza co papa durou pouco, xa que este axiña cambiou as súas ideas políticas.[5] Odón marchou entón sobre Roma e depúxoo, mais os romanos non cederon nin aceptaron o novo papa, León VIII, imposto por Odón.[5] Á morte de Xoán XII elixiron a Bieito V. Tras unha nova campaña en 966, Odón conseguiu por fin afianzarse e que o seu fillo fose nomeado emperador.

O pontificado e o imperio

A raíz da restauración do imperio, Odón I afirmou o dereito dos emperadores a intervir na escolla dos pontífices, mais esa facultade desapareceu dende que o papa Nicolao II estableceu en 1059 que a elección pontificia sería privativa do conclave ou colexio de cardeais. O antagonismo entre os papas e os emperadores subsistiu avivado pola pretensión imperial, resistida polo pontificado, de someter Italia.

As relacións entre os emperadores e os pontífices, xefes absolutos da Igrexa de Occidente, abundaron en conflitos que debilitaron o poder imperial e papal.

A dinastía de Saxonia só durou dúas xeracións despois de Odón I. En 1024, a familia ducal de Franconia alcanzou o trono. Durante un século a elección imperial recaeu nesta familia, á que pertenceron Henrique IV, o emperador humillado en Canossa, e Henrique V, que celebrou coa Igrexa o concordato de Worms.[6]

Renacemento odoniano

Thumb
Odón I o Grande

Baixo o padroado de Odón I e os seus inmediatos sucesores produciuse o chamado renacemento odoniano, un limitado renacemento das artes e a arquitectura. O renacemento odoniano maniféstase nalgunhas escolas catedralicias revividas, como a de Bruno I, arcebispo de Colonia, e na produción de manuscritos iluminados, a principal forma artística da época, dun feixe de scriptoria de elite, como Quedlinburg, fundado por Odón en 936.

As abadías imperiais e a corte imperial convertéronse en centros da vida relixiosa e espiritual, guiados polo exemplo de mulleres da familia real. Odón quedou escandalizado polo estado da liturxia en Roma, así que encargou o primeiro Libro Pontifical, un libro litúrxico que contiña tanto oracións como instrucións sobre o rito. A compilación do Pontifical romano-xermánico foi supervisada polo arcebispo Guillerme de Mainz.

Predecesor:
Henrique I
Rei de Francia Oriental
936-973
Sucesor:
Odón II
Predecesor:
Berengario II e
Adalberto
Rei de Italia
951-973
Sucesor:
Odón III
Predecesor:
Berengario de Friuli
Emperador do Sacro Imperio
962-973
Sucesor:
Odón II
Predecesor:
Henrique I
Duque de Saxonia
936973
Sucesor:
Bernaldo I

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.