From Wikipedia, the free encyclopedia
O Northrop T-38 Talon é un reactor de adestramento supersónico bimotor. Foi o primeiro adestrador supersónico do mundo e tamén o máis producido. O T-38 permanece en servizo no ano 2022 en varias forzas aéreas.
Northrop T-38 Talon | |
---|---|
Tipo | adestrador avanzado |
Fabricante | Northrop Corporation |
Primeiro voo | 10 de abril de 1959 |
Introducido | 17 de marzo de 1961 |
Estado | en servizo |
Principais usuarios | USAF Armada dos Estados Unidos NASA Forza Aérea de Turquía |
Produción | 1961 - 1972 |
Unidades construídas | 1 146 |
Variantes | Northrop F-5 |
A Forza Aérea dos Estados Unidos (USAF) opera a meirande parte dos T-38. Ademais de adestrar a pilotos da USAF, o T-38 é usado pola NASA. A Escola de Pilotos de Probas Navais en Patuxent River, Maryland é o principal operador da Armada dos Estados Unidos (outros T-38 foron anteriormente usados para adestramento en combate aéreo disimilar ata ser substituído polo semellante Northrop F-5 Tiger II). Pilotos doutras nación da OTAN voan o T-38 en programas de adestramento conxuntos con pilotos da USAF.
En setembro de 2018 a USAF anunciou a substitución do Talon polo Boeing-Saab T-7 Red Hawk e o avión será retirado en 2023.
En 1952 Northrop comezou a traballar nun proxecto de caza, o N-102 Fang, con ás-ombro en delta e un único motor.[1] O proposto General Electric J79, que pesaba case dúas toneladas, facía que o avión resultase demasiado grande e pesado.[2] Entón en 1953, representantes do Small Aircraft Engine Department de General Electric Aviation amosaron a Northrop un motor relativamente pequeno (duns 180 kg) capaz de 2 500 lb de pulo, e o vicepresidente de enxeñería de Northrop, Edgar Schmued, viu a posibilidade de reverter a tendencia cara aos grandes cazas. Schmued e o enxeñeiro xefe Welko Gasich decidíronse por un pequeno caza bimotor, o N-156. Northrop iniciou o seu proxecto N-156 en 1954, apuntando a un pequeno avión de combate supersónico capaz de operar nos portaavións de escolta da Armada. Porén, cando a Armada optou por non seguir equipando as súas frotas dese xeito, Northrop continuou o deseño do N-156 usando financiamento propio, reformulándoo como un caza lixeiro (bautizado N-156F) e dirixido ao mercado de exportación.
A mediados dos 50 a USAF publicou un requirimento para un adestrador supersónico planeando retirar os seus Lockheed T-33 dos anos 40. Northrop decidiu adaptar o N-156 para esta competición. O único outro candidato foi a versión bipraza do North American F-100 Super Sabre. Aínda que o F-100 non era considerado o candidato ideal para un adestrador (non era capaz de recuperarse dun xiro), North American seguía considerándose a favorita na competición debido a que a compañía tiña un bo status como contratista da Forza Aérea. Porén, os representantes de Northrop presentaron de xeito convincente comparacións de custos do ciclo de vida que non podían ser ignoradas, e finalmente a Northrop foi premiada co contrato, recibindo un pedido por tres prototipos. O primeiro, designado YT-38, voou o 10 de abril de 1959.[3] O tipo foi adoptado rapidamente e os primeiros exemplares de produción entregáronse en 1961, entrando en servizo oficialmente o 17 de marzo dese ano, complementando ao adestrador primario a reacción T-37. Cando a produción rematou en 1972, foran construídos 1 187 T-38 (ademais de dous prototipos N-156T). Dende a súa introdución, estímase que uns 50 000 pilotos militares adestraron neste avión. A USAF segue sendo unha das poucas forzas que usa adestradores finais supersónicos, xa que a meirande parte utiliza adestradores subsónicos.[4]
O T-38 ten unha configuración convencional, cunha pequena á baixa de corda longa, un único estabilizador vertical, e un tren de aterraxe en triciclo. O avión sentaba a un estudante e a un instrutor en tándem, e tiña entradas para os seus dous motores turborreactor nas raíces das ás. O seu áxil desempeño fixo que gañase o alcume white rocket (foguete branco). En 1962 o T-38 estableceu recórds absolutos de tempo de ascenso para 3 000, 6,000, 9 000 e 12 000 metros, batendo os récords establecidos polo F-104 en decembro de 1958. O F-4 Phantom bateu os récords do T-38 menos dun mes despois.
Os F-5B e F (que tamén derivan do N-156) poden distinguirse do T-38 polas ás; as ás do T-38 únense á fuselaxe de forma recta e ten as puntas cadradas, mentres que o F-5 ten extensión do bordo de ataque preto das raíces alares e lanzadores de mísiles aire-aire nas puntas. As ás dos dous modelos usan un recubrimento convencional sobre estrutura de costelas.[5]
A meirande parte dos T-38 construídos eran da variante T-38A, pero a USAF tamén ten un pequeno número de avións convertidos para adestramento de armas (designado AT-38B), equipados cunha mira de disparo e podían levar un canón, foguetes, ou bombas nun pío central. O 30 de setembro de 2017 aínda había 503 T-38 operativos coa USAF,[6] e moitos máis operaban noutros países. A maioría dos avións da USAF (T-38A e AT-38B) foron convertidos ao T-38C a través dun programa de mellora da aviónica. Entre as melloras atopábase a adición dun HUD, GPS, INS (Sistema de Navegación Inercial), e TCAS. A meirande deles tamén recibiron unha modificación na propulsión para mellorar o pulo do motor a baixa altitude. Ao redor dun terzo da frota, os avións con máis uso, actualmente están experimentando substitucións estruturais e actualizacións, ademais de recibir novas ás para aumentar a súa vida de servizo ata 2029.
A versión de caza do N-156 foi finalmente escollida polo Programa de asistencia militar dos Estados Unidos e producido como o F-5 Freedom Fighter. Moitos deles revertéronse dende entón ao rol de adestramento de armasa medida que as forzas aéreas introducían novos modelos. O F-5G era unha variante avanzada cun só motor bautizada posteriormente F-20 Tigershark. En 2018 a Forza Aérea de Irán anunciou que un avión exteriormente semellante, chamado Kowsar, fora construído no país.[7][8][9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.