Natália de Oliveira Correia, nada en Fajã de Baixo (São Miguel, Azores) o 13 de setembro de 1923 e finada en Lisboa o 16 de marzo de 1993, foi unha intelectual, poetisa e activista social portuguesa, autora dunha extensa e variada obra, predominantemente poesía e antoloxías.[1]
Traxectoria
Vida persoal
Cando tiña apenas once anos o pai emigrou para o Brasil, quedando Natália coa mai e a irmá en Lisboa, cidade onde fixo estudos de bacharelato. Iniciouse na literatura coa publicación dunha obra destinada ao público infantil-xuvenil, mais rapidamente se afirmou como poetisa.
Natália Correia casou catro veces. Tras dous primeiros curtos casamentos, casou en Lisboa o 31 de decembro de 1953 con Alfredo Luiz Machado (1904-1989), maior que ela e xa viúvo. Este casamento durou até a morte deste, o 17 de febreiro de 1989. Son notábeis as cartas de amor de Natália a Alfredo Luiz Machado. En 1990, tiña Natália 67 anos de idade, celebrou un casamento de conveniencia co seu colaborador e amigo Dórdio Guimarães.[2]
Na madrugada do 16 de marzo de 1993 morreu subitamente dun ataque cardíaco, na súa casa. Legou a maioría dos seus bens á Rexión Autónoma dos Azores, que lle dedicou unha exposición permanente na nova Biblioteca Pública de Ponta Delgada, institución que ten á súa garda parte do seu legado literario, que partilla coa Biblioteca Nacional de Lisboa. Consta este de moitos volumes editados, inéditos, documentos biográficos, iconográficos e correspondencia, incluíndo múltiples obras de arte e a biblioteca privada.[3]
Carreira política
Dotada de talento oratorio pouco corrente e grande coraxe combativa, Natália Correia tomou parte activa nos movementos de oposición ao Estado Novo, participando no MUD (Movimento de Unidade Democrática, 1945), no apoio ás candidaturas para a Presidencia da República do xeneral Norton de Matos (1949) e de Humberto Delgado (1958) e na CEUD (Comisión Electoral de Unidade Democrática, 1969). Foi condenada a tres anos de cárcere, con pena suspendida, pola publicación da Antoloxía da Poesía Portuguesa Erótica e Satírica, considerada ofensiva dos costumes, (1966) e procesada pola responsabilidade editorial das Novas Cartas Portuguesas de Maria Isabel Barreno, Maria Velho da Costa e Maria Teresa Horta.[2]
A intervención política pública de Natália Correia levouna ao parlamento coas listas do PPD (Partido Popular Democrático), pasando a independente. Foi deputada da Asemblea da República Portuguesa entre os anos 1980 e 1991.[4]
Foi autora de polémicas intervencións parlamentares, das cales foi moi coñecida, nun debate sobre o aborto, en 1982, a réplica satírica que fixo a un deputado do CDS sobre a fertilidade del. Interveu politicamente en cultura e patrimonio, na defensa dos dereitos humanos e dos dereitos das mulleres.
Carreira literaria
A obra de Natália Correia esténdese por xéneros variados, dende a poesía Á novela, teatro e ensaio.[5] Colaborou con frecuencia en diversas publicacións portuguesas e estranxeiras. Foi unha figura central das tertulias que reunían en Lisboa nomes centrais da cultura e da literatura portuguesas nas décadas de 1950 e 1960. Ficou coñecida pola súa personalidade libre de convencións sociais, vigorosa e polémica, que se reflicte na súa escrita. A súa obra está traducida a varias linguas.[6]
Notabilizada a través de diversas vertentes da escrita, xa que foi poetisa, dramaturga, novelista, ensaísta, tradutora, xornalista, guionista e editora, tornouse coñecida na prensa escrita e, sobre todo, na televisión, co programa Mátria, onde avogou unha forma especial de feminismo – afastado do concepto politicamente correcto do movemento — o matricismo —, identificador da muller como arquetipo da liberdade erótica e pasional e fonte matricial da humanidade; máis tarde, á noción de Pátria e de Mátria acrecenta a de Frátria.[7]
Foi responsábel da coordinación da Editora Arcádia, unha das grandes editoras portuguesas do seu tempo.
Fundou en 1971, con Isabel Meireles, Júlia Marenha e Helena Roseta, o bar Botequim, onde cantou moitos anos e durante as décadas de 1970 e 1980 se reuniu gran parte da intelectualidade portuguesa.[8] Foi amiga de António Sérgio (esteve asociada ao Movemento da Filosofía Portuguesa), David Mourão-Ferreira (que a chamaba "a irmán que nunca tiven"), José-Augusto França (que a alcumaba "a mais linda muller de Lisboa"), Luiz Pacheco (que a chamaba "esta hierofântide do século XX"), Almada Negreiros, Mário Cesariny (que dicía que "era moito mais linda que a mais bela estatua feminina do Miguel Ângelo"),[9] Ary dos Santos ("beleza sen costura")[10], Amália Rodrigues, Fernando Dacosta, entre moitos outros. Foi unha entusiasmada e grande impulsora da aparición do espectáculo de café-concerto en Portugal, na figura do polémico travestí Guida Scarllaty, o actor Carlos Ferreira, na época un novo arquitecto de quen era grande amiga. Na súa casa, foi anfitrión de escritores famosos como Henry Miller, Graham Greene ou Ionesco.[11]
Foi autora da letra do Himno dos Azores. Xuntamente con José Saramago, Armindo Magalhães, Manuel da Fonseca e Urbano Tavares Rodrigues foi, en 1992, un dos fundadores da Frente Nacional para a Defesa da Cultura (FNDC).[11]
Foi unha das voces máis prominentes da literatura e da cultura portuguesas na segunda metade do século XX, tendo resistido enerxicamente ao Estado Novo e aos radicalismos posteriores ao 25 de abril.[12] Pola súa ousadía verbal e temática Natália Correia foi impedida de publicar algunhas das súas obras durante o réxime salazarista, como é o caso das pezas A Pécora e O Encoberto, violentas desmistificacións dalgúns dos mitos nacionais, onde o lirismo e a sátira se funden no poder exorcizante da palabra.[13]
Obra literaria
Poesía
- Rio de Nuvens (1947).
- Poemas (1955).
- Dimensão Encontrada (1957).
- Passaporte (1958).
- Comunicação (1959). Poema dramático.
- Cântico do País Emerso (1961).
- O Vinho e a Lira (1969).
- Mátria (1967).
- As Maçãs de Orestes (1970).
- Trovas de D. Dinis, [Trobas d'el Rey D. Denis] (1970).
- A Mosca Iluminada (1972).
- O Anjo do Ocidente à Entrada do Ferro (1973).
- Poemas a Rebate (1975). Poemas censurados de libros anteriores.
- Epístola aos Iamitas (1976).
- O Dilúvio e a Pomba (1979).
- O Armistício (1985).
- Sonetos Românticos (1990).
- O Sol nas Noites e o Luar nos Dias (1993). Poesía completa
- Memória da Sombra (1993). Versos para esculturas de António Matos.
- Poesia Completa (1923-1993) (1999). Dom Quixote.
- Antologia Poética (2002). Dom Quixote.
Novela
- Grandes Aventuras de um Pequeno Herói (1945). Infantil. En 2017, A Bela e o Monstro.
- Anoiteceu no Bairro (1946). En 2003, Ed. Notícias.
- A Madona (1968). En 2000, Ed. Notícias.
- A Ilha de Circe (1983). En 2001, Ed. Notícias.
- As Núpcias (1992). En 2006, Casa das Letras.
Contos
Onde está o Menino Jesus? (1987). Rolim.
Literatura de viaxes
- Descobri Que Era Europeia: impressões duma viagem à América (1951). En 2002, Ed. Notícias.
Diario
- Não Percas a Rosa. Diário e algo mais (1978). (25 de abril de 1974 - 20 de decembro de 1975). En 2002, Ed. Notícias.
Teatro
- Sucubina ou a Teoria do Chapéu (1952). Con Manuel de Lima.
- O Progresso de Édipo (1957). Poema dramático.
- D. João e Julieta (1999). Escrita en 1959.
- O Homúnculo (1965). Traxedua xocosa.
- O Encoberto (1969). En 2017, A Bela e o Monstro.
- Erros Meus, Má Fortuna, Amor Ardente (1981).
- A Pécora (1983). Escrita en 1967.
Ensaio
- Poesia de Arte e Realismo Poético (1959).
- A Questão Académica de 1907 (1962).
- Uma Estátua para Herodes (1974).
- Notas para uma Introdução às Cantigas de Escárnio e de Mal-Dizer Galego-Portuguesas (1982).
- Somos Todos Hispanos (1988). En 2003, Ed. Notícias. Libro no que aborda a problemática do iberismo e da relación entre Portugal e España na historia e no seu tempo.[14]
- Entre a Raiz e a Utopia. Escritos sobre António Sérgio e o Cooperativismo (2018). Ponto de Fuga.
Antoloxías
- Antologia de Poesia Portuguesa Erótica e Satírica: dos cancioneiros medievais à actualidade (1965). En 2008, Antígona.
- Cantares dos Trovadores Galego-Portugueses (1970). Estampa.
- O Surrealismo na Poesia Portuguesa (1973).
- A Mulher, antologia poética (1973). En 2005, Arte Mágica.
- Antologia de Poesia do Período Barroco (1982).
- A Ilha de Sam Nunca: atlantismo e insularidade na poesia de António de Sousa (1982).
- A Ibericidade na Dramaturgia Portuguesa (2000).
- Breve História da Mulher e outros escritos (2003). Parceria A. M. Pereira. Antoloxía de textos de prensa.
- A Estrela de Cada Um (2004). Parceria A. M. Pereira. Antoloxía de textos de prensa.
Outros
- Natália Correia pela Própria (CD-Áudio) (2011). CNM - Companhia Nacional de Música
- Contos Inéditos e Crónicas de Viagem (2005). Parceria.
- Não Percas a Rosa / Ó Liberdade, Brancura do Relâmpago (2017). Ponto de Fuga.
Premios
- 1977ː Prémio La Fleur de Laure
- 1990ː Grande Prémio de Poesia APE, por libro Sonetos Românticos
Condecoracións
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.