obra poética de Ramón Cabanillas From Wikipedia, the free encyclopedia
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2014.) |
Na noite estrelecida | |
---|---|
Autor/a | Ramón Cabanillas |
Orixe | Galiza |
Lingua | Galego |
Xénero(s) | Poesía |
Data de pub. | 1926 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación. Posteriormente, os poemas foron incluídos dentro das edicións da Obra Completa de Ramón Cabanillas (1959 e 1979), de xeito individualizado. Na noite estrelecida foi publicada de novo en 1976 (ed. de Ricardo Carballo Calero) e en 1988 (Xosé Ramón Pena, a única edición anotada e comentada até a data).
Na noite estrelecida estrutúrase en tres poemas, chamados sagas polo autor: A espada Escalibor, O cabaleiro do Sant Grial e O soño do Rei Artur. É un dos textos que mellor responden ao que se ten cualificado como as "necesidades estéticas" ou o "programa estético" do nacionalismo galego das Irmandades da Fala; singularmente, na liña do pensamento de Vicente Risco, daquela o principal ideólogo da organización irmandiña. Deste xeito estabelece varios paralelismos: o cáliz identifícase co escudo que representa a identidade de Galiza, os cabaleiros da Táboa Redonda coas Irmandades da Fala, e a procura do Graal, coa arela de redención e liberdade da Nosa Terra.[1]
A través dunha reasunción libre dos míticos artúricos, Cabanillas levou adiante na súa obra unha verdadeira exaltación mítico-patriótica de Galiza. Para tal labor, botou man, canto aos elementos narrativos, das tradicións artúricas que non puido coñecer desde o legado medieval galego-portugués por seren descoñecidos os textos que as conteñen naquelas datas. Ao mesmo tempo, Cabanillas reactualizou tamén os mitos célticos e asemade incorporou elementos xeográficos, literarios, históricos... procedentes dos espazos escoceses, galeses ou irlandeses. Porén, todo ese conglomerado de elementos artúricos, célticos, atlánticos... aparece nitidamente galeguizado nos versos de Na noite estrelecida. Deste xeito, Galiza aparece como a verdadeira "Terra Prometida", o lugar patrucial dos Cabaleiros da Táboa Redonda e o territorio onde se han de cumprir, actualizadas, as vellas profecías que auguran para a "raza" celta un porvir glorioso.
Sobresaen dous espazos galegos: a illa de Sálvora, onde aparece a espada mítica Excalibur, e as montañas do Cebreiro, onde se sitúa o mítico vaso do Santo Graal. Na noite estrelecida, lonxe de constituír unha pura aproximación arqueoloxizante e/ou preciosista, aparece configurada como unha obra de clara intención cívica en directa conexión con aquilo que xa procurara levar adiante Pondal nos seus versos. En realidade, os cabaleiros da mesa redonda aparecen como un verdadeiro precedente desoutros novos das Irmandades da Fala; os uns e os outros na procura do Santo Graal, isto é na procura dun ideal no que o triunfo da fe cristiá aparece unido á vitoria dos "bos e xenerosos", aos ideais de xustiza e liberdade e, desde logo, á redención do país galego.
Porén, ese aspecto cívico-patriótico non anula, senón que potencia e se ve potenciado, pola enorme preocupación estética. Cabanillas leva adiante nesta obra, xa que logo, un exercicio maxistral da linguaxe. Para tal proceder botou man, fundamentalmente, de elementos de carácter modernista que, unha vez máis, "galeguiza" no seu proceso. Mais as evidentes referencias rubenianas entran en perfecta simbiose con esoutras que aluden aos decorados de Wagner ou mesmo a Tennyson. Segundo X. R. Pena, "Na noite estrelecida está situada no ronsel do Modernismo, pero precisamente naquela dirección na que o gusto por un espazo hierático, pola melancolía e o rito (...) se achegan cara á pintura e a literatura prerrafaelistas".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.